Coidar de Nós

Artigo publicado en Nós Diario o 6 de agosto de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Neste 2020 celebramos de forma obrigadamente disimulada o centenario da Revista Nós que o tempo demostrou ser unha enciclopedia do pensamento e das aspiracións dunha época: análise e creación dunha Galiza con dimensión europea desde o uso normalizado dunha lingua plena.

Obxectivos irrenunciábeis que sostiveron outros proxectos editoriais da historia contemporánea que tamén celebran efemérides. A editorial Galaxia cumpre setenta anos, mentres que Laiovento estrea os seus primeiros trinta.

Dúas casas editoras que acollen nos seus catálogos o legado da escrita de ficción e de investigación da cultura galega. Ambas as dúas, en plenos procesos vivos de madurez, seguen a abrir camiños propios como pontes entre a creación das autoras e autores galegos e o lector destinatario, porque con cada novo libro chega ese pequeno milagre humano.

Milagre literario e cultural que vivimos nesta pospandemia con consecuencias analizadas no Barómetro da cultura galega I, recentemente dado a coñecer polo Consello da Cultura Galega.

A vulnerabilidade previa do sector cultural galego, do que o libro galego fai parte ben representativa, redobrou nela o grave impacto do coronavirus.

Entre as cifras desta radiografía imprescindíbel para trazar a liña continua do futuro estarían o feito de que só o 43,9% das empresas culturais mantiveron a actividade durante o confinamento; o 38,6% solicitaron un ERTE, sobre todo nas artes escénicas e no sector do libro; o 60,7% sufriu a raíz da Covid-19 unha redución de máis do 50% da facturación.

Os indicadores de despedimentos de traballadores, xunto ás dificultades para pagar impostos e seguros sociais e a queda na facturación de máis dun 50% son indicadores da grave situación que cómpre afrontarmos con afouteza desde as administracións públicas.

Coidar da cultura é coidar da calidade democrática da vida das persoas, xa que, en palabras da filósofa María Zambrano, “La cultura es el despertar del hombre”.

Sálvese quen poida

Artigo publicado en Nós Diario o 30 de xullo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

As vacacións escolares de verán é necesario tempo de descanso para alumnado e profesorado. Con todo, tamén é ese preámbulo imprescindíbel para soñar co que nos agarda nun novo curso: reencontro nas redes de compañeirismo, vertixe ante o descoñecido ou retos persoais e profesionais. Máis do que nunca teriamos imaxinado, precisamos comezar o curso 2020-2021 coa sensación dun curso equilibrado, organizado e seguro. Porque o verán, para profesorado e equipos directivos, son meses de planificación pedagóxica das diversas variábeis que modelan un curso. Asemade, para as familias que deben prever como se moveren na inestábel liña vital da conciliación.

O novo curso oficial anuncia outro capítulo na serie negra vivida na última década co goberno do PP de Feijóo: supresión de prazas de profesorado, redución de aulas e negativa a reducir o número de alumnado por aula. Confirmación do protocolo de actuación dun goberno centrado en baleirar de fortalezas o ensino público galego.

Unha situación moi complexa que agora se agrava coa falta de seguridade sanitaria na escola á que encamiña un protocolo unilateral da consellería que se autolimita a ser un sálvese quen poida, conducente ao desamparo da comunidade escolar, importante núcleo de redes socializadoras dentro e fóra de cada centro.

Ao tempo, a propia Xunta de Galiza emenda a Consellería de Educación ao limitar as reunións a 25 persoas. Este curso eu non tiña ningún grupo de ESO nin de Bacharelato con menos de 25 alumnas e alumnos. Entre eles persoas con factores de risco, igual que entre o profesorado. E, como non, persoas que precisan ler os labios.

Día a día, unha nova alerta sanitaria reconfirma que non vivimos con normalidade, por iso a volta á escola dentro dun mes precisa dun protocolo responsábel en cada decisión e tamén en recursos materiais e humanos. Non se trata de alarmismo innecesario senón de prevención imprescindíbel.

No abrente

Artigo publicado en Nós Diario o 23 de xullo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Un novo Día da Patria convoca para o encontro. Distancias fixadas e protocolos sanitarios mediante, percorreremos máis unha vez un camiño conxunto, colectivo e atemporal, como unha metonimia expansiva dos nosos persoais camiños vitais.

O camiño é memoria do pasado, sabedoría do presente, vontade de futuro, mais tamén é unha nostalxia, en definición do poeta Manuel María.

Os camiños do pobo galego sempre abriron fronteiras, derrubaron cancelas e valados, promoveron o encontro intercultural retroalimentador, mais tamén expulsaron e aínda expulsan emigrantes e exiliados en baleiro colectivo oficialmente programado.

E chegamos á volta do noso camiño como círculo de seixo, ara solar, adro de conversa dun relato recorrentemente preciso: o abrente da Alba de Groria.

Nas vésperas dun novo Día da Patria, os nosos pasos e os nosos ecos recuperan o discurso lido por Castelao aquel 25 de xullo de 1948 no exilio bonaerense, a Alba de Groria que segue a ser o noso camiño.

Unhas derradeiras palabras do escritor que amplificamos en cada lectura persoal e nesta cita puntual colectiva, como elos que somos dunha cadea de afectos inmorredoiros que representa a Santa Compaña da Alba de Groria.

Como unha medrada “moitedume de luciñas e vagalumes alentaremos este próximo 25 de xullo a memoria das que crearon o idioma que en que eu vos estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes, i en fín, o feito diferencial de Galiza”.

Porque neste presente de autoafirmación nacional acreditamos, con Castelao, en que

“Afortunadamente, Galiza conta, para a súa eternidade, con algo máis que unha Hestoria fanada, conta c-unha Tradición de valor imponderábel, que eso é o que importa para gañar o futuro”.

E aquí continuamos, Castelao, no camiño, traballando de palabra e obra, nunca de omisión, para gañar o futuro.

Contra o silencio

Artigo publicado en Nós Diario o 16 de xullo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

E, ós que s’asombren da nósa confianza, da nósa firme ledicia ó principiar un traballo rudo, hémoslle dicir que temol-a evidencia de sermol-os o millores, os mais doados, os mais fortes; de que todal-as forzas do esprito están conosco, de que imos trunfar por sermos nós, por sermos galegos, e por seren o Tempo e o Mundo os que o piden

Con estas palabras, a Revista Nós facía historia hai cen anos. Daquela, Lois Peña Novo tomaba posesión da acta como primeiro concelleiro nacionalista na casa do concello de María Pita e con el chegaba o galego ao salón de plenos.

O nacionalismo […] é pois sempre un amor, expansivo e creador como todos os amores. O nacionalismo sempre é un apostolado fecundo e nunca un sectarismo intransixente.

A mesma praza que en 1923 acollía as Escolas do Insiño Galego, experiencia pedagóxica das Irmandades da Fala que pretendía reparar a discriminación do galego no sistema educativo.

Hoxe, un BNG reforzado electoralmente abre unha nova lexislatura coa vocación de traballar máis para facer valer mellores condicións de vida para o pobo galego como garantir o dereito a unha educación pública de calidade, ao acceso á cultura galega como ferramenta de cohesión social e construción do pensamento ou a vivir en galego, recuperando a aprendizaxe da nosa lingua na escola e promovendo espazos de uso normalizado.

Reparar a dignidade, como catro séculos antes fixeran María Pita e Inés de Ben, xunto a outras mulleres que teceron redes de anonimato femenino.

Cigarreiras, misteiras, lavandeiras, leiteiras, tendeiras, costureiras, redeiras e mariscadoras, as mestras da República, as Irmandiñas, as poetas que nos escriben, de Rosalía de Castro (“Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino”) a Luísa Villalta (“Só nos queda loitar contra o cansazo / porque durmir non é soñar”). Mulleres a faceren Historia. Contra o silencio.

É posíbel?

Artigo publicado en Nós Diario o 9 de xullo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Dóeme a impotencia do pobo. Dóeme porque sei que é o rego sanguíneo para aniñar a inacción e a renuncia.

Son moitas as esperanzas gardadas nesta campaña electoral que mañá remata. Moitos os sorrisos presos nos ollos que as máscaras obrigan a tapar. Moitos metros e medio de separación que cumpriron normas sanitarias.

Escribo de retorno á casa dun concorrido mitin no barrio da Agra do Orzán, tan populoso como diverso. Así é a vida. Máis un día, as mulleres toman a palabra coa coraxe que dá a curiosidade, o encanto da interrogación.

Antes de comezar, chega unha pregunta directa ao corazón en forma de palabra de muller: Que propoñedes para a dependencia e o coidado dos maiores? Está desesperada, ninguén responde desde esa Administración que non administra para todos, nin sequera para quen máis o precisa. Todo é perderse nun rosmar de papeis. Sempre falta algún. Isto é un… Non se atreve a rematar a oración. Fágoo eu, porque hai un tempo que me atrevín a pronuncialo a viva voz. Isto é un maltrato! E dóenos ás dúas na mirada.

Sei que este é o tempo das mulleres, das que gardan preguntas e das que sementan respostas, das que dormen con medos e das que acordan libres, das que coidan e das que coidan de quen coida.

Calaron as voces altas, recollemos as notas do caderno que acompaña o rexistro dos días e a banda sonora da rúa Barcelona soa a despedida agradecida.

Achégase unha nova voz de muller que, malia a camuflaxe pospandemia, logo se me fai recoñecíbel.

Como facer que sexa posíbel?

Respectándonos como pobo, téndomos confianza nas nosas forzas, sentíndomos a paixón por Galiza e procurando unha alternativa con vontade política de autogoberno, sen complexos nin submisións a intereses alleos.

Tomando partido polo traballo das mulleres que nos trouxeron até aquí. Xa o describiu o verso do noso Paco Souto:

“Era Galiza un país en paxes na cabeza das mulleres”

É posíbel!

Unha nova Galiza

Artigo publicado en Nós Diario o 2 de xullo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

A principal sensación que nos deixou o debate é o nada afeitas que estamos a recibir nas nosas pantallas un encontro dialéctico de contraste entre aquelas que queren asumir a alta responsabilidade de guiar o presente e o futuro do pobo galego.

Se este diálogo é pedra basilar en democracia, vólvese determinante nese intre en que a cidadanía debe comprometerse co seu voto.

E neste proceso de reaprender a desconfinar o pensamento, comprobamos quen domina a capacidade de dialogar e quen só sabe pontificar en monólogos ben adobiados por equipos de asesoramento e comunicación.

Fronte a un Feijóo nervioso, ancorado na defensa dun pasado de once anos onde as palabras non ditan feitos e sen propostas ilusionantes de futuro, a audiencia comprobou como a candidata do BNG, Ana Pontón, con empatía e convicción, compartía un proxecto integral, inclusivo e solvente de país, nado da raíz do pobo, coa expectativa de facer renacer unha nova Galiza.

As mentiras de Feijóo teñen as patas moi curtas e o nariz moi longo. Comprobámolo reiteradamente nese mal hábito seu de enumerar cifras que nunca teñen correlación na realidade. Un discurso ficticio que volve o seu lema “Galicia, Galicia, Galicia” nun “Fume, Fume, Fume” ou “Leria, Leria, Leria”.

Mais, para alén das súas cifras que xa ninguén cre, esquecéronlle algunhas ben realistas para as que si cumpría explicación.

Refírome, por exemplo, ás que acaba de ofrecer Intermón Oxfam que falan de que máis de 530.000 persoas no noso país, o 19% da sociedade galega, está no limiar da pobreza.

Ou tamén ás do recente inquérito electoral do CIS que fixan a posición da Galiza actual nun estado peor que hai catro anos para o 30,8% da poboación galega e igual para o 44,7%. Velaquí o relato dunha Galiza parada e dun Presidente da Xunta que dimitiu da defensa dos intereses galegos.

Porque sen presente non hai futuro, este 12 de xullo reiniciamos a marcha cara a unha nova Galiza.

#12dexullo

Artigo publicado en Nós Diario o 25 de xuño de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Hai catro anos unha preadolescente díxome, sorprendida, que cando escoitaba falar a Ana Pontón comprendía o que dicía e ademais tiña razón.

Aínda reafirmaba. Ana era unha muller que falaba dos problemas da xente recoñecíbel na vida común e sempre propuña alternativas. Non falaba por falar. E se niso consistía a política, entón gustáballe a política e mais Ana.

Disimulei a miña sorpresa de madurez e asentín con ilusión adolescente compartida. Naquela altura souben que o bo estaba por vir para este Nós colectivo que leva tanto tempo a sementar na construción do Pobo.

A Terra precisa mans novas e agora é a mocidade, motor dos cambios no presente para trazar un novo futuro, quen maioritariamente quere ser voz e apoio social do BNG que representa Ana Pontón como candidata á presidencia da Xunta de Galiza o 12 de xullo.

Rosalía de Castro xa alentaba a boa ventura:

¡Arriba
todas, rapaciñas do lugar,
que o sol
i a aurora xa vos vén a dispertar!
¡Arriba!
¡Arriba, toleirona mocidad,
que atruxaremos—cantaremos o ala… lá…!!!

Canda a mocidade, tamén as mulleres camiñamos á fronte para arroupar un soño cada vez máis real, conscientes da necesidade de avanzarmos nesa igualdade que beneficia o plural desde a responsabilidade da acción política.

As mulleres que en conciencia lle dixemos a Feijóo Nunca Máis ao peche do paritorio de Verín. As mulleres que non toleramos a impertinencia bandoleira daquel ex abrupto machista no Parlamento: “A señora Pontón está moi necesitada”. Nin tampouco esquecemos a campaña de cousificación das mulleres como xigantes entre monumentos patrimoniais.

Porque as mulleres non esquecemos que, se for preciso, o PP de Feijóo e mais o Feijóo do PP (non hai campaña posíbel que os confunda), pactaría cun partido fascista e misóxino, apelo a nos sumar a facer historia acompañando o paso firme, valente e comprometido de Ana Pontón cun voto de ilusión e esperanza, de reto e confianza cara a un #EuTaménConAnaNavegar!

Virus selectivo

Artigo publicado en Nós Diario o 18 de xuño de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

O 15 de xuño lembramos a aprobación hai 37 anos dun marco legal fundamental para a reparación da lingua galega: a Lei de normalización lingüística.

Unha lei que de acordo co establecido no artigo 3 da Constitución e no 5 do Estatuto de Autonomía […] asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo e que no artigo 22 determina que o Goberno Galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega.

Parécenos inverosímil que exista outro marco regulador dun proceso vivo e social coma este inmutábel tantas décadas despois, como se aquela sociedade e a actual fosen as mesmas. Mais se cadra iso ten moito a ver coa falta de dirección técnica e política á que obriga a lei.

Agora que estamos a piques de ratificar nas urnas a necesidade dun cambio político en clave galega que xa é perceptíbel na sociedade, non esquecemos a nula atención ao proceso de normalización do goberno galego do PP na última década.

Non foi posíbel esquecer a presenza dalgúns dos seus membros en manifestacións explicitamente antigalegas e defensoras da separación das crianzas por razón de lingua na escola, asegurando Feijóo en plena campaña de 2009 que estas teses estaban dentro do seu partido.

Mais o ramo chegou agora cando, a piques de rematar un curso inédito, se anula a convocatoria de axudas a proxectos escolares de fomento do uso do galego por causa dun virus (ben selectivo) que, no entanto, nas mesmas circunstancias, semella non ter atacado outros proxectos educativos.

O futuro que cada vez máis queremos converter en pasado concretou unha estratexia desgaleguizadora, nomeadamente na escola, que fixo caso omiso da Lei de normalización lingüística e mais do Plan xeral de normalización lingüística de 2004, esnaquizando os pactos e consensos políticos e sociais conseguidos como mostra da cohesión e acordo que sempre é quen de acompañar a lingua dun pobo.

É o momento

Artigo publicado en Nós Diario o 11 de xuño de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Neste tempo posCOVID-19 seica non é o momento

De cuestionar despidos de empresas que presentan ano tras anos enormes beneficios.

De cuestionar onde está a Igrexa solidaria coas necesidades sociais como institución exenta de contribuír ao erario público co pagamento do IBI.

De cuestionar por que na televisión e na radio públicas se escoita unha única voz cando son varios os proxectos de país.

De cuestionar o baleiramento de recursos humanos e materiais cos que afrontan a realidade pandémica os profesionais da sanidade pública.

De cuestionar o abafo que producen discursos políticos inzados de intolerancia e promotores de odio.

De cuestionar quen confunde solidariedade e xustiza social con caridade ou esmola.

De cuestionar o desleixo na protección sanitaria dos nosos maiores nas residencias dos NON coidados.

De cuestionar que Feijóo afirme ignorar o informe do Consello de Contas crítico coa xestión das residencias privadas de atención aos maiores.

De cuestionar que nos permitisen ir ao supermercado mais non á horta.

De cuestionar que o presidente galego non se dirixa ao pobo galego en galego.

De cuestionar a importancia das librarías como espazos de acougo saudábel.

De cuestionar a cultura galega como fonte de (trans)formación e transmisión do coñecemento da identidade propia.

De cuestionar a educación como vínculo formativo e emocional e a escola como ágora de encontros en igualdade.

De cuestionar a ineptitude dun presidente da Xunta de Galiza que ignorou as súas funcións, competencias e responsabilidades na protección do seu pobo.

É chegado o momento de sermos o punto e á parte que coloque o punto e final á inercia do rumbo político dun PP esgotado, para mirarmos aos ollos da nosa xente e dicirlles coa voz renovada dos versos da “Letanía de Galicia” do poeta Uxío Novoneyra:

“sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa”

Para setembro

Artigo publicado en Nós Diario o 4 de xuño de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Voltei ao instituto por primeira vez desde o comezo do confinamento. Recoñezo que non había pés que me levasen. Sabía que non ía estar todo igual, porque xa nada pode ser igual despois de case tres meses de abrupto distanciamento educativo ademais de social.

Os corredores longos e fríos semellaban termar dun cadaleito de sombras en silencio, ocultando a cadencia de voces adolescentes embarulladas ao ritmo dun timbre marcial.

As aulas como arterias gardaban ermas as rexoubas das materias como interrogantes en espera.

Un corpo sen alma. Un continente sen contido. Unha construción oca e presa de toda comunicación.

O proxecto “Donas de si” apenas se sostiña en pé na entrada que recibe a comunidade educativa entre aséptico aroma desinfectante.

Avolveume a lembranza queda no piso daquelas alumnas curiosas que me pediran unha entrevista interesadas polo meu traballo e visión do mundo como muller.

Revivín aquel encontro apurado nos vinte escasos minutos dun recreo como unha confesión e reafirmeime na necesidade irrenunciábel de rehab(li)itar a escola de palabras, encontros e afectos.

Precisamente agora no momento en que máis desasistida estivo para familias, alumnado, profesorado, equipos directivos, departamentos de orientación, titoras…

Marcha o curso do desacougo, da incerteza, da improvisación, da caótica resolución profesional, do desamparo político oficial, mais sobre todo da descuberta da auténtica radiografía social, aquela que nunca rexistramos cando cruzamos a porta do instituto, a mesma que cada alba abre de par en par e en igualdade para todas.

Deberiamos estar a pensar e falar do vindeiro curso, mais isto non merece tempo nin titulares. O importante son os turistas deslocados irresponsabelmente a faceren caixa que o verán son dous días e a educación aínda pode agardar pola convocatoria extraordinaria de setembro!