Coidar de Nós

Artigo publicado en Nós Diario o 6 de agosto de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Neste 2020 celebramos de forma obrigadamente disimulada o centenario da Revista Nós que o tempo demostrou ser unha enciclopedia do pensamento e das aspiracións dunha época: análise e creación dunha Galiza con dimensión europea desde o uso normalizado dunha lingua plena.

Obxectivos irrenunciábeis que sostiveron outros proxectos editoriais da historia contemporánea que tamén celebran efemérides. A editorial Galaxia cumpre setenta anos, mentres que Laiovento estrea os seus primeiros trinta.

Dúas casas editoras que acollen nos seus catálogos o legado da escrita de ficción e de investigación da cultura galega. Ambas as dúas, en plenos procesos vivos de madurez, seguen a abrir camiños propios como pontes entre a creación das autoras e autores galegos e o lector destinatario, porque con cada novo libro chega ese pequeno milagre humano.

Milagre literario e cultural que vivimos nesta pospandemia con consecuencias analizadas no Barómetro da cultura galega I, recentemente dado a coñecer polo Consello da Cultura Galega.

A vulnerabilidade previa do sector cultural galego, do que o libro galego fai parte ben representativa, redobrou nela o grave impacto do coronavirus.

Entre as cifras desta radiografía imprescindíbel para trazar a liña continua do futuro estarían o feito de que só o 43,9% das empresas culturais mantiveron a actividade durante o confinamento; o 38,6% solicitaron un ERTE, sobre todo nas artes escénicas e no sector do libro; o 60,7% sufriu a raíz da Covid-19 unha redución de máis do 50% da facturación.

Os indicadores de despedimentos de traballadores, xunto ás dificultades para pagar impostos e seguros sociais e a queda na facturación de máis dun 50% son indicadores da grave situación que cómpre afrontarmos con afouteza desde as administracións públicas.

Coidar da cultura é coidar da calidade democrática da vida das persoas, xa que, en palabras da filósofa María Zambrano, “La cultura es el despertar del hombre”.

Advertisement

Contra o silencio

Artigo publicado en Nós Diario o 16 de xullo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

E, ós que s’asombren da nósa confianza, da nósa firme ledicia ó principiar un traballo rudo, hémoslle dicir que temol-a evidencia de sermol-os o millores, os mais doados, os mais fortes; de que todal-as forzas do esprito están conosco, de que imos trunfar por sermos nós, por sermos galegos, e por seren o Tempo e o Mundo os que o piden

Con estas palabras, a Revista Nós facía historia hai cen anos. Daquela, Lois Peña Novo tomaba posesión da acta como primeiro concelleiro nacionalista na casa do concello de María Pita e con el chegaba o galego ao salón de plenos.

O nacionalismo […] é pois sempre un amor, expansivo e creador como todos os amores. O nacionalismo sempre é un apostolado fecundo e nunca un sectarismo intransixente.

A mesma praza que en 1923 acollía as Escolas do Insiño Galego, experiencia pedagóxica das Irmandades da Fala que pretendía reparar a discriminación do galego no sistema educativo.

Hoxe, un BNG reforzado electoralmente abre unha nova lexislatura coa vocación de traballar máis para facer valer mellores condicións de vida para o pobo galego como garantir o dereito a unha educación pública de calidade, ao acceso á cultura galega como ferramenta de cohesión social e construción do pensamento ou a vivir en galego, recuperando a aprendizaxe da nosa lingua na escola e promovendo espazos de uso normalizado.

Reparar a dignidade, como catro séculos antes fixeran María Pita e Inés de Ben, xunto a outras mulleres que teceron redes de anonimato femenino.

Cigarreiras, misteiras, lavandeiras, leiteiras, tendeiras, costureiras, redeiras e mariscadoras, as mestras da República, as Irmandiñas, as poetas que nos escriben, de Rosalía de Castro (“Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino”) a Luísa Villalta (“Só nos queda loitar contra o cansazo / porque durmir non é soñar”). Mulleres a faceren Historia. Contra o silencio.

Vente vinte, vente vindo

Artigo publicado en Nós Diario o 2 de xaneiro de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Chegamos ao segundo día grande deste aninovo, data marcada para sempre no noso imaxinario colectivo, entre estas páxinas impresas que trazan un antes e un despois.

Celebramos este punto de encontro lector na textura das mans e nas olladas cómplices, porque conseguimos un froito maduro grazas ao inxente e xeneroso esforzo dun equipo de traballo que o veu xestando, con rigor, nos últimos anos e á empatía colectiva que acreditou responsabelmente na necesidade de volvermos ter un medio de comunicación propio, de noso, que fale de e desde Nós.

Desde Nós saudamos expectantes o inicio dunha nova década deste século que se resiste a avanzar nos valores da pluralidade e diversidade, mais este espazo de visibilidade tirado ás tebras é boa mostra das nosas posibilidades cando acreditamos en Nós, en abranguente plural colectivo e integrador.

Sentimos en Nós o acompañamento da chiscadela do tempo herdado, daqueles días, xa centenarios, en que o abrente chamaba na porta dos nosos felices anos 20.

Hai cen anos o latexo da Revista Nós pulaba pola galeguidade toda nas súas múltiples expresións culturais e presentábase ao público como a representación no mundo da personalidade galega na sua ansia de s’afirmare coma valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fora da Terra.

Mudaron os tempos mais as vontades aínda demandan de Nós implicación activa no que sentimos como primeiro gran proxecto colectivo galego nado nesta década de brétemas inmobilizadoras e gañado ao silencio negacionista.

E tamén, como hai cen anos, desde a confianza de que todal-as forzas do esprito están conosco, de que imos trunfar por sermos nós, por sermos galegos, e por seren o Tempo e o Mundo os que o piden.

Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai oxe Nós, verbalizamos de novo nun coro a viva voz. E sentímonos máis felices e confortados para este aninovo que como alborada rosaliana agarda por Nós desde estas páxinas de Nós Diario.

Vente vinte! Vente vindo! Benvido!