Mercaron corpos
para venderen saldos
de almas espidas
Arquivo por meses: Maio 2017
Agradecemento polo Premio de Ensaio a Labrego con algo de poeta na II Gala do Libro Galego
Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María foi premiada na Gala do Libro Galego 2017 na modalidade de ensaio o pasado 20 de maio, prolongando aínda máis as secuencias de tantas horas de alegrías vividas co lectorado de tantos lugares diferentes durante 2016.
Partillo convosco desde estoutro cuarto a miña intervención de profundo agradecemento, con certeza nunca suficiente.
_________________________________
Reciban o meu agradecemento todas e cada unha das persoas que me trouxeron hoxe até aquí, desde aquel primeiro día en que Vítor Freixanes, en nome da Editorial Galaxia, me lanzou a proposta de escribir unha biografía de Manuel María para que o Día das Letras Galegas contribuíse a coñecer o legado humano e literario do noso autor máis prolífico, até todo ese acompañamento anónimo que converteu este meu traballo en finalista e o xurado externo á organización que hoxe resolveu honralo con este premio.
Sempre defendín esta obra como unha escrita colectiva, tecida cos fíos de varias mans, necesariamente coral como practicou e nos aprendeu Manuel María. O seu valor reside no préstamo das palabras de vida compartida por tantas persoas próximas aos perfís complementares do noso autor admirado e estimado. De entre todas, é preciso destacar a voz que prendeu nel en labarada estremecida, Saleta Goy, presidenta da Fundación Manuel María, sempre afectuosa e pronta para responder os meus interrogantes e exclamacións, para esclarecer e verificar, como fonte limpa, unha vida intensa habitada en común.
É honra maior ser premiada nesta II Gala do Libro Galego, que naceu para pór en valor e facer forte a industria do libro, unha arteria básica da nosa sociedade que nos negamos a deixar atoar sen remedio, porque sen a forza das palabras de noso o futuro só pode ser moito máis pobre e fraudulento.
Hoxe estamos a celebrar a palabra, esa que precisamos para sumar e multiplicar, para elevar á máxima potencia, para programar un escornabot na biblioteca escolar, para rechiar esencias de 140 caracteres que conxuguen a lingua en futuro… para escribir que o idioma é a chave con que abrimos o mundo e que renunciar ao idioma é ser mudo e morrer.
É moito hora de volvermos a lingua de noso á súa centralidade, aquela que da fe de vida ao noso traballo e a encontros coma este, aquela que sementa no camiño da vida o emocionario das nosas palabras.
Cómpre concienciármonos de que ningún futuro agarda para a literatura galega sen a lingua galega, o substrato que a sostén, na escrita e na lectura, para a expresión e intercomunicación dun xeito propio e complementar de comprender o mundo.
Precisámonos para romper as inercias do conformismo e da intolerancia en que se pretende instalar o proceso de normalización lingüística. Velaí o capítulo da historia que, en conciencia, debemos construír e o papel co que traspasaremos as páxinas do futuro. Colectivicemos o verso da poeta María do Carme Kruckenberg Sanjurjo: “Que non te invalide a indiferenza”. Que non nos invalide nunca a indiferenza perante a defensa e o traballo en galego.
Grazas polas palabras, bisavoas Daniela, Jesusa e Carmela; bisavós José e Pedro; avoas Mercedes e Preciosa; avós Pepe e Ricardo; Carmiña e Pepe, meus pais; Ramón, Andrea e Mariña, maiúsculas e minúsculas que me sostedes.
Porque nada máis que sombra sería sen as vosas palabras!
Viva a Gala do Libro Galego!
Poemaxes XIX
A Coruña: presentación de Na casa da avoa, de Marta Dacosta, o mércores 31 de maio
Imaxe
Hai lugares onde non existe a primavera
Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza o 14 de maio de 2017. Pode consultarse o orixinal aquí.
Hai lugares onde non existe a primavera, onde non se fai realidade o equinoccio do entretempo, a agardada transición estacional entre o inverno e o verán.
Inverno e primavera van da man como un paseo preciso e natural cara á próxima eclosión de prolongadas horas de luz e calor estival.
A primavera é ese treito irregular, de liñas continuas e discontinuas, en que a terra se abre en sucos de intimidade para se espir e entregar xenerosa á ventura da sementeira co fin de renovar o ciclo da terra, que é o mesmo que o ciclo da vida.
O relevo que apaña a primavera na renovadora carreira cíclica do tempo sobreponse á escuridade encollida do inverno, ás friaxes murchas das sombras nas longas noites bretemeiras, das cativas horas de luz espelladas nos tellos da xiada.
A primavera trae consigo o renacemento, a renovación, o rexuvenecemento dun tempo caducifolio. Abre a porta a unha inmensa paleta de cores e aromas no noso medio natural desde a que saúdan os amarelos das chorimas e das mimosas e os lilas dos bilitroques; inaugura o tempo da sementeira da pataca e mais do millo e é benvida a hora de botar o liño. Celebra a chegada da primavera o canto do cuco en albízaras musicais para recibir as migrantes andoriñas, ouriolos, bubelas e cegoñas, acompañadas do balbordo sinfónico das ras como parella de baile.
Mais nada fica da experiencia dos sentidos sen a primavera.
Na véspera do pasado equinoccio de primavera o ecuador celeste fixo por se encontraren Xoana e Xosé.
Xoana agardaba a fin das horas no seu inverno frío, inmóbil nunha cadeira de rodas inerte, sedente e inexpresiva, sen resposta a estímulos exteriores. Xoana habitaba as cores do loito da mudez nun niño de silencios involuntarios.
Xosé deixábase fascinar con todas as descubertas iniciáticas que achaba ao seu redor, pois acordaba á primeira curiosidade dos sentidos contrastados en palabras vivas, fugaces, que verbalizaban todo o que os seus ollos de mel abranguían con desacougo interrogador. Era preciso colocar un nome a todos os obxectos e emocións que absorbían os seus cinco sentidos.
De súpeto, Xosé reparou en Xoana. Observouna estática, inerte e non comprendeu. Preguntoulle que pasaba, por que estaba seria, por que durmía, por que non viña brincar con el, por que non falaba…
Mais nin a insistencia nin a crecente proxección da súa voz miúda eran quen de facer nacer as palabras naquela boca inexpresiva.
Entón foi cando Xosé, fitando máis de perto aos ollos adormecidos de Xoana, comezou a cantar baixiño, besbesullando e acenando como lle aprenderan na casa.
E no relanzo entre unha e outra copla, Xoana abriuse paso ao día de luz de primavera infantil, pintou un delicado sorriso na cara e continuou a dúo o fío da musicalidade de Xosé:
Este olliño pimpilín.
Este olliño pimpilán.
Este nariz narizán.
Esta boca pide pan.
Este queixo non llo dá.
Arríncate, cabalán!
Sorriron un cara ao outro, coa luzada compañeira da complicidade, para fixar a certeza da transición do inverno á primavera verificada no legado do apego ás palabras, sempre vasos comunicantes de dicires e sentires individuais e colectivos.
Máis unha vez triunfou a primavera no lugar.
Porque a primavera lúcida das palabras sempre releva o opresor inverno dos silencios.
Poemaxes XVIII
“O cuarto de Mercedes Queixas”, na Plataforma de Crítica Literaria A Sega
Artigo publicado orixinalmente na Plataforma de Crítica Literaria A Sega, o 11 de maio de 2017. Pode verse aquí.
Eu non nacín cun cuarto propio. Tiven que o inventar na primeira casa. Ás veces era a cama, antes de durmir, algo ás agachadas semiescuras; outras, era a mesa do comedor entre cadernos de deberes escolares e libros de texto. Aínda outras tiña que ser a mesa da cociña, fuxindo doutros labores e responsabilidades da casa, como filla primoxénita, propios do xénero, e acompañando coas mans a escrita e a lectura entre texturas e aromas dunha pota que puntualmente douraba rixóns para a economía familar.
O meu cuarto propio naceu canda todos os demais metros cadrados da casa de meu. Tiven que o pintar na segunda casa na que continuei a medrar até o de agora coas tres voces compañeiras que me amplifican todos os mundos. Puiden soñalo nos marcos do papel para a vida. Expoñer necesidades e reparto do espazo para o traballo profesional, para a escrita e a lectura. Valorar a entrada de luz natural para aproveitar a súa oportunidade. Ollar directamente a porta para vixiar idas e vindas das crianzas. E calcular a mesa curva para aproveitar ben o espazo de traballo.
Nos últimos vinte anos fóronme acompañando continuos saúdos e recepcións a novas lecturas que me rodean neste espazo compartido entre lembranzas fotográficas persoais, familiares e profesionais. Rosalía de Castro, Alexandre Bóveda, Manuel María, Lois Pereiro, Agustín Fernández Paz, Mª do Carme Kruckenberg, Begoña Caamaño van compoñendo, cara a cara, o mural iconográfico de pousos literarios. E, ás veces, no reparto equilibrado da mesa de cerdeira, retello columnas de folios e cadernos do meu alumnado xunto ás partituras da miña violínista preferida que me acompaña en ensaios descuberta.
A vista do traballo diario coas palabras, de tempos irregulares e condicionados, bate de fronte cun pequeno andel que, onda a chave da luz do cuarto, recolle os volumes propios que naceron, ao longo dos últimos vinte anos, para a lectura de ollos alleos e tactos prestados xenerosamente.
Porque, aos poucos, eu nacín ao meu cuarto propio.
Presentación de Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira, o luns 15 de maio
Imaxe
Poemaxes XVII
Roteiro literario: En feminino, o 5 de maio
Desde o Concello da Coruña:
“Tipo de actividade: Visitas guiadas.
Tipo de público: Adultos, Xuvenil
Destinatarios: persoas maiores de 14 anos.
Cando: 05/05/2017
Inscricións: Dende o 28/04/2017 ata o 05/05/2017
Require inscrición
Horario: De 18:30 a 20:00 horas.
Contacto: binfantil@coruna.es. 981184388
Roteiro literario En feminino coa escritora Mercedes Queixas.
Se queres gozar dun paseo literario pola cidade de man da escritora Mercedes Queixas, esta é a túa oportunidade!
Faremos un percorrido por diferentes rúas da Coruña que levan nome de muller, co obxectivo de visibilizar o peso delas na historia da Coruña e dar a coñecer o seu traballo.
O roteiro constará dunha serie de paradas e iniciarase na rúa María J. Wonenburguer, na zona do parque do Vioño, e remataremos na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil. No percorrido, teremos ocasión de achegarnos a diversas mulleres coma Mariana Pineda, Sofía Casanova, Emilia Pardo Bazán ou Modesta Goicouría, entre outras.”