(Re)habitar a casa da infancia

Artigo publicado na edición local de La Voz de Galicia o 29 de marzo de 2015. A versión orixinal pode consultarse aquí.

Iniciamos esa viaxe íntima en que alguén chama por nós nun fluído casulo amniótico protector uterino que non lembramos e continuámola nunha outra estrutura arquitectónica e emocional que tamén nos constrúe humanamente entre a sucesión de experiencias iniciáticas vividas nos seus cuartos na compaña da familia.

O alto de Cillobre ou o mesto paseo dos plátanos da estrada de Coiro eran o compás nas mans da nena que anunciaban a chegada ao territorio da infancia ceiba das gaiolas urbanas, aquel onde o tempo camiñaba sen que as agullas do reloxo o pautasen ritmicamente.

As rutinas do traballo da casa-panal eran as verdadeiras donas do tempo.

Na Laracha, na parroquia de Torás, a morada da infancia e mocidade, no Empalme, daba nome propio e identidade familiar naquelas primeiras encomendas da avoa, compañeira eterna e sen descanso dun mostrador de mármore branco presidido por un cepo de carballo que incluso na hora do xantar a reclamaba.

– Dille que es da carnicería, neta de Mercedes da carnicería.

Non había mellor carta de presentación.

Desde o descanso da escaleira que fai transitar a casa entre o día e a noite, entre as horas de labor e as de descanso, é preciso voltar ás escasas fotografías en branco e negro para comprender a chegada da cor.

Descubrir unha película tolerada na pantalla lúgubre do cine Avenida, procurar a compaña brincadora da amizade na Miñoteira, recoller o leite fresco con tona en Leborís, mercar o pan arrecendente na de Paxín, o subministro da cociña no Forno e as pipas na de Negreira coas que acompañar tardes con proxectos de futuro ilusionante na praza principal cuxo nome prefiro non transcribir.

O sabor das filloas triscantes para saudar o entroido ou as natillas con nubes de neve gratinadas das tardes dos domingos.

O arrecendo das orellas no cestón de vimbio sempre descuberto polos netos larpeiros na véspera do día principal ou a cita semanal coa inmensa pota dos rixóns a coceren lentamente na incombustíbel cociña de ferro.

A vista inquieta ante os paquetes envoltos en papeis de cores ordenados na mesa da galería cada seis de xaneiro ou ante a chegada primaveral das andoriñas ao niño do patio que agardaba como símbolo protector do lar. A ollada transformada coa experiencia da vida que aprende a conciliar para sempre a visión do alegre e conversador cuarto da festa, presidido polos mobles de castiñeiro centenario, e do silente e lutuoso primeiro velorio do fogar.

A escoita do primeiro bruar da pólvora festeira e dos gaiteiros do pasarrúas anunciador da chegada do 15 de agosto. O ritmo do traballo pulsado, desde todas as mañanciñas, nos golpes da macheta? A pegada táctil da morte no corpo chamuscado do porco, nas mans amasadoras da zorza para encher os centos de chourizos que logo descansarían no afumadoiro, as mesmas que apreixaban con forza, ás agachadas, o pasamáns das escaleiras para baixar á canchaperna desafiando a advertencia do avó.

O paso do tempo pervive insculpido nas lembranzas que nunca pediron permiso para ficar, mais continúan vivas como precisos bisturís para non nos extraviar no que non somos, para non andarmos os días de incógnito. Os fotogramas de onte e antonte sucédense, como capas sedimentarias, nunha prórroga infinita nos sentidos corporais que se resisten a prescindir da memoria das pegadas enraizadas, mais que tanto axudan a entender na madurez da pel.

É preciso deter o paso ante tanto bulir alleo e ollar de fronte o retrovisor para te reencontrar co teu territorio físico referencial e poder mirar cara adiante.

No xogo da vida quen manda é o tempo mais o que conta é a porosidade das lembranzas.

Advertisement

Darlle á lingua en cantidade e con calidade

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza o 26 de marzo de 2015. A fonte orixinal pode consultarse aquí.

Afirmar que a boa saúde dun idioma é diagnosticada a través da natural transmisión interxeracional e da fidelización intraxeracional do seu uso social pleno e, consecuentemente, ilimitado, é redundar na evidencia do acontecer lingüístico-cultural de cada comunidade.

Adoitan ser estas dúas fortalezas ou debilidades quen nutren ou mirran o estado clínico dunha lingua viva, nomeadamente no caso dunha lingua sometida á incesante minorización por parte doutra lingua teito que couta a súa expansión normalizada.

Soubemos dos efectos nocivos de certa liberdade condicionada, embora resistente, en que sobrevive a nosa lingua propia, con datos contrastados empiricamente a raíz de diferentes estudos académicos e oficiais publicados nos últimos anos canto ao seu grao de competencia lingüística e niveis de uso por parte dos falantes.

Mais é precisamente no ámbito académico onde xa se nos está a advertir dun outro pé irrenunciábel na planificación dunha política lingüística que de verdade camiñe vocacionalmente cara á normalización lingüística, entendendo que este non debe participar dun proceso que permaneza alleo á preocupación polo emprego dun modelo lingüístico tendente á autenticidade, isto é, consolidado desde unha referencia de calidade, sen interferencias innecesarias da lingua de prestixio –o español- que erosionen a súa cerna indebidamente, pois, en caso contrario, a tendencia será a empobrecelo até o baleirar de singularidade para certificar o seu esvaecemento definitivo.

A desequilibrada realidade sociolingüística actual, en que cada vez custa máis recoñecer niveis de lingua de calidade nos falantes en contextos informais, nomeadamente orais, mais sobre todo estándar e de forte influencia como modelos para a sociedade, ameaza o asentamento dun bilingüismo con dominio cada vez maior do español, lingua expansiva, que invisibilice a lingua recesiva, o galego.

Ben clarificador a este respecto resulta o recente volume colectivo intitulado Modelos de lingua e compromiso* en que se analizan as consecuencias de non pór en práctica unha política lingüística sen complexos que atenda, desde unha perspectiva retroalimentadora, as causas da perda de falantes e a deturpación das estruturas internas da nosa lingua, a erosión nos piares basilares, desde a evidencia máis notoria como é a substitución léxica directa con voces españolas, até a anulación das capas máis íntimas e delatadoras como son a entoación, a fonética e a morfosintaxe.

E traio para aquí a lembranza daquela atentísima veciña que, en me vendo apurada e sobrecargada de mans, amabelmente se dirixiu á súa compañeira para a advertir da miña necesidade de axuda cun tenle cuenta de la puerta del ascensor ou aqueloutra que, camiñando despistada, cando se decatou do meu saúdo, me respondeu cun no me daba de cuenta tuya.

A preocupación pola calidade da lingua ten sido xa obxecto de atención por parte da intelectualidade galega dos dous séculos precedentes, aquela que comprendeu que o compromiso co país érao tamén co seu idioma.

Desde o final do século XIX e até o comezo da Guerra Civil, o discurso da intelectualidade ao redor da recuperación e valorización do galego soergueuse na dignificación desde a erradicación dos castelanismos que contribúen ameazadoramente para a corrosión do idioma. Un proceso de contacto desnaturalizador que, efectivamente, non é exclusivo do galego, mais que si presenta un alto nivel de afectación debido á proximidade homofamiliar entre os dous idiomas.

Resulta indiscutíbel a confirmación do acelerado proceso de substitución lingüística no último tránsito intersecular, así como da permanente erosión do galego coa penetración masiva de castelanismos que coloca nunha situación de perigo evidente a súa vitalidade como lingua autónoma de prestixio.

Ignorar ou infravalorar a afectación do discurso hibridista, isto é, aquel que interiorice como normalidade a aceptación da españolización do galego, semella cando menos desatender a diversidade lingüística no seu conxunto e a futura vitalidade lingüística autóctona galega en particular.

Entender a constante procura da corrección e calidade lingüística como un proceso normal só para as linguas normalizadas e ficar impasíbel ou comprender a degradación imposta no caso das minorizadas, aprofundándoas na maior precariedade, non semella acomodar nun camiño honesto cara ao pleno compromiso lingüístico.

E para concluír, a profesora Goretti Sanmartín Rei ofrécenos un punto de inicio para avanzarmos na procura dun modelo de lingua de calidade, un modelo que posúa raíces populares e se asente na lingua oral, mais nunha lingua oral en continua interacción coa literatura, a estética e a creación, con quen fomos, coa lingua histórica e literaria e con quen queremos ser.

Poderanse conciliar outras propostas, mais a única que non deberamos atender é a inacción.

* SÁNCHEZ REI, X. M. (ed.) (2014): Modelos de lingua e compromiso (A Coruña: Baía Edicións)

Lingua e Cultura, intervención nas xornadas Fagamos contas. 35 anos de autonomía, como nos foi?

Esta foi a intervención, co título LINGUA E CULTURA, nas xornadas “Fagamos contas. 35 anos de autonomía, como nos foi?”, que tiveron lugar o 13 de decembro de 2014 en Lugo. Publicada en Ideas.gal o 10 de febreiro de 2015. Pódese ver o vídeo da intervención aquí.

Facer contas dos círculos concéntricos que, como pobo, fomos quen de nacer e medrar no nobelo destes trinta e cinco anos.

Botar contas desa suma e multiplicación de Tis, Elas e Vosoutras que fixeron parte dunha historia en branco e negro á que cómpre tirarlle as cores.

Caer na conta de que é hora de ollármonos Nós para cuantificar a sucesión de ondas gañadas ás sombras do silencio, mais tamén de analizar quen é quen á hora de deitar pedras contra o círculo vertebral protector de noso, a Lingua e as súas expresións e representacións culturais, neste río de múltiples afluentes comunicantes que historicamente se negou a ser lagoa de voces asolagadas.

Lingua e Cultura é o título do bloque de traballo desta xornada «Fagamos contas. 35 anos de autonomía: como nos foi?». Os nosos parabéns por integrar no mesmo espazo reflexivo e avaliador estas dúas realidades non paralelas, senón interdependentes. Porque non resistimos a nos preguntar se é posíbel falarmos de unha sen a outra, quer nunha perspectiva diacrónica quer sincrónica. Sería a Cultura galega o mesmo sen Lingua galega? E a Lingua propia, sería a mesma sen a Cultura de noso?

A defensa do idioma debería partir, e non sempre se interpretou ou executou así, da idea basilar de que é un vehículo de produción cultural e non só un código de signos regulado en abstracto que serve para transferir comunicación.

A defensa do idioma debería partir, e non sempre se interpretou ou executou así, da idea basilar de que é un vehículo de produción cultural e non só un código de signos regulado en abstracto que serve para transferir comunicación. A Lingua píntanos, modélanos, musícanos, cántanos, báilanos, vístenos, cálzanos, saboréanos, pénsanos e cóntanos nunha Cultura diferenciada e identificadora na súa singularidade. E tamén por iso sensitiva, de pel a pel, fibrosa, como pegadas dactilares que se expresan nunha persoal biografía lingüística. Xa sabemos o que din os estudos, as análises, as enquisas… mais, cando falan as emocións? Que sabemos delas?

Contundentemente o expresou a escritora Rosa Aneiros na súa declaración de orgullo recollida na campaña «Orgullosos do noso. Orgullosos do galego», promovida pola Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. A Lingua está en todo o que os nosos sentidos alcanzan, presente nas súas diversas manifestacións e expresións culturais e en permanente evolución, segundo as liñas continuas e discontinuas que o noso GPS espazo-temporal veu determinando.

Pídesenos unha ollada retrospectiva a respecto do camiño andado no ámbito da Lingua e da Cultura após trinta e cinco anos de Estatuto de Autonomía.

Imposíbel comezarmos este exercicio de recreación histórica sen acudirmos á vivencia persoal inmediata de quen daquela apenas tiña once anos e aínda permanecía allea ao que non foren obrigas escolares e familiares básicas.

Así que miramos de esguello polo retrovisor e cotexamos o antes e o despois a respecto do estado da Lingua e da Cultura galega nestas tres décadas e media comezando pola biografía persoal.

Podemos concluír, entón, que evidentemente os avances na columna do Haber están á vista, pois o punto de partida presentaba un Deber sobresaliente, como poden deducir dalgunhas mostras de contraste: ter sido eu educada en castelán como lingua inicial, por decisión de pai e nai galegofalantes, fronte á recuperación do galego como lingua de transmisión interxeracional para coas miñas fillas ou resultar incomparábel a exposición á cultura galega, desde a infancia, entre estas dúas xeracións a prol, moi substancialmente, da máis nova. Sen esquecer o medo da avoa materna ante a miña decisión de estudar Filoloxía galega sen o mínimo convencemento de me estar a procurar un futuro digno e con mantenza asegurada.

Con todo, a realidade non é única nin simétrica. Máis ben, se tivermos que procurar unha metáfora visual colectiva, retratariámola ao xeito dos círculos concéntricos expansivos, mais non uniformes, que debuxan a superficie da auga en canto deitamos nela con forza un obxecto, ou neses petróglifos circulares abranxentes que adobían a pel das nosas pedras milenarias.

O reflexo do tempo fainos albiscar que o avance producido nos diferentes planos non callou de xeito estrutural, non consolidou chanzos de actuación que afincasen o impulso de novas medidas para a consolidación e o avance normalizador.

Por iso, a realidade contrastada lévanos a unha outra metáfora visual, a deses cirros no ceo luminoso que, como as medidas tímidas, etéreas, superficiais, aparentes, incumpridas e descohesionadas entre si, anulan o indicio do bo tempo para rematar por se converteren nunha borrasca tormentosa.

E de bravo temporal lingüístico e cultural podemos falar ao longo destes últimos cinco anos, onde o imposíbel é non describir os fotogramas da involución promovida desde a actuación oficial dun goberno insensíbel.

Entendemos a Lingua como matriz nutricia, radical substrato e vehículo de produción e construción cultural nacional, capaz de mudar para superar os lindes da cronoloxía e se readaptar.

Os fíos do tempo son quen de coseren o pouso dunha cantiga de amor medieval do trobador Airas Nunes e un poema recente da Raíz de fenda, de Berta Dávila. Un retrouso ou cantiga popular pode danzar ao son das novas melodías de cantores como Xabier Díaz ou Sés. A danza tradicional pode revisitarse nunha contemporánea conxunción expresiva corporal para recrear unha Nova Galega de Danza. A forza poética rosaliana recobra vida nas melodías da galego-palestiniana Najla Shami. Podemos aínda, após máis de cinco décadas, abafar perante a pantalla grande coa recoñecíbel presión ambiental e humana dunha Esmorga tráxica.

Porque o tempo é, para a construción lingüística e cultural colectiva, valor engadido, nunca balor decrépito.

E agora Nós, actantes deste tempo, facemos parte do reto da construción dunha Lingua e dunha Cultura en proceso permanente que admiramos canto máis (re)coñecemos. Nós somos quen de decidir!

E agora Nós, actantes deste tempo, facemos parte do reto da construción dunha Lingua e dunha Cultura en proceso permanente que admiramos canto máis (re)coñecemos. Nós somos quen de decidir!

Mais debemos tomar partido. Admiramos timidamente e desde abaixo a inmensa virtuosidade da triple escaleira helicoidal de Andrade ou decidímonos a subila, chanzo a chanzo, de mans abertas, convidando novas compañeiras de viaxe converxentes no interese común de futuro para a Lingua e a Cultura e tomando conta dos descansos necesarios para o diálogo e intercambio de opinión? Ou miramos o presente desde un esguello desconfiado e reservado para quen só forme parte do noso grupo máis próximo?

Temos un pasado referencial no que facer pé para pensarmos o futuro. E xa Castelao nos aprendeu que na obra hai sitio para todas as persoas dispostas a superar as chatas.

A linguaxe e a iconografía da mensaxe nacionalista debe, neste sentido, reforzar o afecto, pór en valor a transcendencia da Lingua versus discursos confusos, negativos e negacionistas; debe achegar unha visión actual que supere a resistencia férrea aos ataques para promover o uso do idioma como transgresión e superación de complexos e prexuízos que ameacen a fidelidade lingüística dos galegofalantes e como convite de firmeza para a incorporación dos non galegofalantes.

Sen abandonarmos a firmeza do discurso contra as políticas lesivas para os principais sectores cohesionadores da sociedade, Lingua e Cultura, cómpre estabelecermos unha relación aberta e en mancomún cos axentes creadores desde a aproximación e o coñecemento do seu traballo, procurando que o obxectivo no curto prazo non nos impida artellar proxectos con obxectivos para o medio e longo prazo; apoiar as estruturas creadas polos propios sectores culturais, participar delas para estabelecer redes e pontes de comunicación, pois obxectivo de atención preferente, tamén en Lingua e Cultura, é traballar para o país en galego; procurar a autoxestión colectiva, nada desde a forza da base asociativa, para formar públicos desde a calidade e atracción do produto cultural galego e en galego, en todas as súas expresións e formatos postos en valor.

Quen dixo que o galego é unha lingua minoritaria? Quen imaxinou a que sabe a nosa lingua? Quen imaxina como se disfruta a vida Galegando? Acaso aínda hai quen pense que non presumimos de tatoo en galego advertindo que “A liberdade non é negociábel”? Ou aínda podemos acreditar en que o galego é limitado, pecha fronteiras e non fai parte da riqueza do plurilingüismo?

Creamos, producimos, xestionamos microespazos de cultura, mais é preciso distinguir as obrigas de estruturas gobernamentais das asociativas populares. Unha deputación, un Concello ou unha Consellaría terán dupla responsabilidade e maior capacidade para cumprir as súas obrigas en materia lingüístico-cultural; por unha banda, deben desenvolver as función legais que lle son propias como entidade de goberno e, pola outra, atender as propostas do asociacionismo de base que pula por un sector concreto da cultura: teatro, música, literatura, audiovisual, editorial, artesanal, tradición oral…

Cada quen ten o seu territorio: desde a cultura popular até os intereses máis especializados. Así pois, o obxectivo vertebrador será visibilizar o que a xente crea, deitar muros cegadores e procurar espellos que non deturpen nin distorsionen a imaxe de marca propia que nos corresponde herdar para actualizar con discurso e propostas atractivas, mesmo revulsivas.

Así pois, o obxectivo vertebrador será visibilizar o que a xente crea, deitar muros cegadores e procurar espellos que non deturpen nin distorsionen a imaxe de marca propia que nos corresponde herdar para actualizar con discurso e propostas atractivas, mesmo revulsivas.

Como queremos que se reflicta o noso tempo no espello do futuro? Que podemos facer a pesar dos gobernos? Eis a chave da resposta que daremos para a historia. Só contradiscursos autodefensivos e recontadores de ofensas e agravios que reforcen o vitimismo da marxinalidade ou dinámicas proactivas, ilusionantes e de reforzo positivo que evidencien a falacia do discurso oficial?

Non se pode agardar por unha Administración que cumpra o seu papel nin aspirar a que sexa sempre esta quen xestione a produción do noso tecido creativo cultural. Permanecer ancorados na tea de araña inmobilista oficial que prende con facilidade as actuacións individuais ou individualistas sería un xeito de claudicarmos das nosas responsabilidades. As nosas xentes seguen a crear por necesidade vital e como forma de expresión e comunicación, mesmo desde a resistencia que tamén é re-existencia. E nós debemos atendelas e ensanchar a súa expresión desde as palestras, foros, pantallas e focos de que dispomos, porque se non o facemos nós, desde unha concepción nacionalista, ninguén o fará por nós.

Facer de conta, en definitiva, de que somos merecedoras dun outro capítulo na historia en clave de futuro ben diferente do que pretenden agoirar neste presente bretemoso en que ben certo sabemos que, parafraseando dous títulos literarios de Ramón de Valenzuela, non é tempo de apandar, mais tampouco de agardar por ninguén.

O futuro é renovábel!
Pódese