De noite e de día

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza o 24 de febreiro de 2015, Día de Rosalía. O orixinal pode consultarse aquí.

Podería suxerir este título unha reflexión sobre o paso do tempo ou sobre o rutinario movemento de rotación terrestre que regula os nosos hábitos diúrnos e nocturnos.

Podería, se cadra, incitar a procura dunha opinión ao redor de certo investimento público galego de máis de 300.000 euros en aproximadamente 50 segundos de promoción turística (6.000 euros por segundo) enlatados, sen ningún tipo de identificación xeográfica, en abstracto e onde se aterra en helicóptero, no comezo e final do videoclip dun cantante de orixe española e asentado en Miami, neto de galego mais sen vínculo coñecido con esta terra, que renova os usos tradicionais dun mosteiro para achegalos a unha xuventude rendida ao culto ao corpo so pretexto de moito dance de calores e baías. A versión oficial do goberno é que este impresionante clip terá un impacto mundial, pois representa a imaxe de Galiza como un pobo moderno e alegre cunha mocidade preparada para todo (!).

Preparémonos, logo, para o que ha de vir se non o estabamos aínda após todo o que xa nos leva acompañado neste últimos anos.

A realidade do noso título é ben máis simple ou próxima.

Febreiro é sempre boa ocasión para retornar a esas lecturas das que non conseguimos desprendernos nunca. Calquera momento é óptimo, mais o 24 de febreiro anuncia a celebración do Día de Rosalía e miren por onde que descubrimos, nunha nova viaxe polas páxinas das Follas Novas e dos Cantares Gallegos, que a nosa mundial escritora, coñecida e valorada pola súa altura literaria sen límite de fronteiras nin valados xeográficos ou intelectuais, xa nos tiña dado versos precedentes de tan custosísimo título musical: Qu´eu día e noite sin cesar choraba / Coido d´ela noite e día.

Mentres as imaxes á moda sobrevoan os ceos de paraxes que, moi probabelmente, continuarán a ser apenas recoñecíbeis por quen xa sabemos delas, do seu valor cultural e potencial económico, afincamos os pés na terra ao pé do sentir rosaliano individual e colectivo.

Mostras abundantes desa cita anual que trascende o ámbito da lectura individual e privada para se converter en homenaxe de romaría colectiva, fomos vendo ao longo destes días en que centos de Rosalías inundaron espazos presenciais e virtuais para reconfirmar que segue aquí, connosco, presente nos nosos acentos e melodías.

#EuSonRosalía quere ser a voz de identificación individual desde cada ángulo persoal, desde cada aresta que cadaquén guste de tomar para si, desde as múltiples caras poliédricas en que eu ou ti nos podemos ver reflectidas, desde calquera das súas voces que precisamos nosas para fender os silencios submisos, desde as negras sombras que respiran vida en nós, desde os versos poderosos que nos impelen a reclamar a dignidade e a xustiza dun hoxe en proceso de expropiación, desde a inmensidade de razóns que a cerna dunha obra magna nos ofrece para nunca deixar de Sermos.

#EuSonRosalía porque co seu eco persistente consigo non perder de vista as estrelas para vivir na escuridade.

#EuSonRosalía porque os seus versos ratifícanme na necesidade de aprender a distinguir un Xan dun Pedro.

#EuSonRosalía porque o seu exemplo firme dáme azos para continuar no grave atrevemento de escribir na lingua que eu falo.

#EuSonRosalía porque cada vez que a leo recupero a forza precisa para lle dicir ao moucho que non lle teño medo!

Todas somos Rosalía! Ponlle a túa voz!

Advertisement

Declaración non institucional

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza o 2 de febreiro de 2015. A versión orixinal pódese consultar aquí.

O pasado 30 de xaneiro foi unha data para a multiconmemoración.

Por unha banda, a xornada lectiva vivía o Día Escolar da Paz e Non Violencia nunha data que quere ser homenaxe renovada a Mahatma Ghandi, defensor dun ideario de paz, tolerancia, solidariedade, respecto polos dereitos humanos e xustiza social que aínda hoxe, 67 anos após o seu asasinato, precisamos para nos protexer da agresión do actual poder depredador:

En canto alguén comprende que obedecer leis inxustas é contrario á súa dignidade de home, ningunha tiranía pode dominalo.

Pola outra, celebrabamos o 129 aniversario do nacemento de Castelao, rememorado no sitio web da RAG como todo un símbolo do nacionalismo galego, un loitador no exilio, que reflectiu na súa obra literaria e pictórica o fondo compromiso que o unía á súa terra, Galicia, ao tempo que aproveita a ocasión esta institución para nos ofrecer un dosier de prensa da repercusión mediática do Día das Letras Galegas de 1964, dedicado precisamente a Castelao.

Cadrando con esta efemérede, dentro do calendario do libro e da lectura instituído anualmente pola Consellaría de Cultura e Educación, enxalzouse o Día da Ilustración en Galicia.

Mais tamén foi xornada para lle darnos a benvida ás palabras para unha realidade que non quixeramos de urxencia.

Referímonos á declaración institucional da Real Academia Galega presentada ao pobo galego co simbólico titular: O galego dá vida, pola vida do Galego e escenificada nas voces da maioría da directiva desta institución e académicas de moi relevante prestixio dentro do ámbito investigador lingüístico e da creación literaria, con recoñecemento internacional.

Unha declaración institucional que di nacer do respecto por un idioma con historia propia, da confianza no amor e na lei que a inmensa maioría das xentes do país lle teñen e da alarma creada en amplos sectores sociais ante os últimos datos do IGE, que viñan ratificar en cifras a experiencia contrastada sobre o retroceso no uso do galego, nomeadamente nas novas xeracións, que fan perigar o seu futuro, mesmo para quen sexa de seu optimista.

E aínda que é ben certo que todas somos corresponsábeis activas e protagonistas principais desta páxina da historia da normalización lingüística que estamos a escribir para as que han vir, correspóndelle á Xunta de Galicia tomar a iniciativa e liderar o esforzo social para seguirmos avanzando.

Reincide o decálogo da RAG, como os comunicados e declaracións que nestes últimos tempos se fixeron públicos, no epicentro orixinario do desconcerto, na cerna xeradora da fenda lingüística programada desde complexos e prexuízos ultrapasados de moda: o goberno galego, quen, na lectura á inversa deste pronunciamento, resulta ser irresponsábel, descohesionador, descoidado coa infancia e mocidade, ignorante a respecto dos seus principios e deberes e irrespectuoso cos marcos lingüísticos superiores europeos.

O galego dá vida, pola vida do Galego é xa un chamado social para todas as persoas que queiran amosar o seu amor por este ben público e por todas as xeracións que nolo legaron para o seu continuo crecemento san e próspero.

Polas fillas dos nosos fillos. Queremos Galego! resoa como un eco de alianza cívica desde hai semanas cara o próximo punto de encontro no amor pola lingua, o domingo 8 de febreiro, para o fecundar nas crianzas que queremos lonxe da ignorancia do que é de seu.

A inmediata resposta gobernativa de quen se sabe principal destinatario desta declaración institucional, a Xunta de Galiza, a través do seu portal educativo-cultural virtual, que, segundo definición do dicionario da RAG, é en potencia pero non na realidade, xa recorda á sociedade que está a facer todo o posíbel e ademais ben, polo que non hai lugar para a autocrítica, mais si para o tirón de orellas a quen teimamos en non ver os datos positivos nin as melloras no coñecemento, na actitude e na percepción do uso do galego na sociedade.

E xa que a contrarresposta require de sentido común e de todos os sentidos corporais que nos identifican como ser humano intelixente, imos botar man da sempre sabia tradición popular, que demostra que a lingua é moito máis que un código de signos ou unha combinación de regras morfolóxicas e sintácticas, para traer ao presente deste inminente febreiro rosaliano algún refrán clarificador: Non hai peor xordo que o que non quere oír; A palabras tolas, orellas xordas; Ollos que non ven, corazón que non padece; O que escoita e asexa, oe e ve cousas que despois lle pesan; Quen di o que non debe, oe o que non quere; A dúbida é o comezo da sabedoría.

E xa que Castelao e Ghandi nos introduciron neste novo encontro lector, despidámonos coas palabras do seu pensamento exemplar:

Que diríamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateo. Creouna o xenio inviolable do noso pobo e labrouna o amor, a dor e a ledicia de moitísimas xeracións.

Un covarde non é capaz de amosar amor; facelo está reservado para os máis valentes.

Sexamos valentes na nosa resposta de amor polo galego!