Arquivo da categoría: Narrativa
Contan que contan: Mercedes Queixas Zas le Nova Crónica de Ulises de Antón Avilés de Taramancos
Fragmento de Xandra, a landra que quería voar en Aulas Galegas
Deixo aquí este vídeo publicado en Aulas Galegas o 31 de marzo de 2020, onde leo un fragmento de Xandra, a landra que quería voar. O artigo orixinal pode lerse aquí.
Compostela: contacontos de Xandra, a landra que quería voar
Imaxe
Entrevista no CEIP Raquel Camacho (A Coruña)
O 30 de outubro deste 2018 estiven co lectorado de Xandra, a landra que quería voar de 2º de primaria do CEIP Raquel Camacho. Aquí podedes ver o vídeo da entrevista-conversa con Zoe e Antón, das aulas de 2ºA e 2ºB. Foi todo un honor para min!
Vídeo da presentación de O morto asasinado e outros contos, de María do Carme Kruckenberg, na Coruña
A Coruña: presentación de O morto asasinado e outros contos, de María do Carme Kruckenberg, o 20 de xuño ás 19 h.
Imaxe
“Xandra naceu dun reto persoal”
Entrevista de Paula Vázquez para La Voz de Galicia, publicada o 4 de abril de 2018. A versión orixinal pode verse aquí.
“De raíces larachesas e docente en Coristanco, Mercedes Queixas (A Coruña, 1968) vén de publicar o seu primeiro libro infantil: Xandra, a landra que quería voar, unha chamada de atención a cativos e maiores para manterse no ar e non caer no inconformismo. «Mesmo sendo adultos, non debemos renunciar á capacidade de soñar», lembra a escritora.
– La Voz de Galicia (LVG): Esta é a primeira vez que publica para nenos. ¿Como xurdiu a idea?
– Mercedes Queixas (MQ): Xurdiu hai moito tempo, a partir dunha petición da miña filla máis nova. Díxome por que non escribía cousas importantes e interesantes para nenos e nenas, no canto deses textos serios e aburridos que eu facía. Entón tomeino coma un reto persoal. Partindo deses relatos que ás veces lle lía a elas cando eran cativas, pregunteille que conto lle gustaría que escribise. Pediume que contase a historia dunha landra que quería voar. E así foi.
– LVG: O libro fala dos soños e da posibilidade que, como seres humanos, temos de conseguilos. Para lelo non hai un límite de idade…
– MQ: Creo que cando o escribín realmente pensei en min, ou en calquera persoa adulta. De feito, nunha das presentacións máis recentes, cando lle preguntei aos cativos por que lles parecía que eu escribira este libro, un díxome directamente «porque ti tamén querías voar». Sentinme absolutamente espida, tiña razón! Eu compúxeno porque preciso soñar. Mesmo sendo adultos, creo que nunca debemos renunciar á capacidade de aspirar a algo.
– LVG: Unha historia para crer e soñar, ter esperanza e nunca perderse. ¿Uns valores que se perden cada vez máis nesta sociedade?
– MQ: Si, estou segura de que me enriqueceron moito todas as lecturas de libros infantís que eu compartía coas nenas. Non nos podemos conformar con que as cousas teñen que ser así porque veñen dadas, porque todo o mundo as fai ou porque é o que se leva. Podemos ter diferentes desexos e traballar para acadar outros obxectivos. Con esta obra, quero compartir un convite que moitas veces me fago a min mesma, a voar e a non caer no inmobilismo e inconformismo. Debemos ter a nosa maneira de ver o futuro e o noso propio dereito a traballar por el. Este libro é algo así como unha chamada de atención, e paréceme fundamental transmitirllo ás crianzas.
– LVG: Xandra conta coas ilustracións de Paula Pereira. ¿Vostede tamén participou no proceso creativo?
– MQ: Eu entregueille o texto, e cando ela mo devolveu coas súas ilustracións foi cando me convencín a min mesma de que podía haber un libro. Antes non, para min só era un texto gardado nun arquivo. Ela tiña moitas ganas de experimentar co ámbito da ilustración infantil. A obra é un reto das dúas. Meu, á hora de construír un texto, e dela, á hora de artellar o plástico, de facer que esas palabras tivesen unha iconografía.
– LVG: O luns celebrouse o Día do Libro Infantil. ¿Cal cre que é a importancia do fomento á lectura desde a infancia?
– MQ: É fundamental. Cando nace unha criatura, ao igual que existe a prioridade da alimentación física, eu creo que temos que ter á par unha manutención formativa, espiritual, mental…Un neno ou unha nena que desde o principio está en contacto cos libros, será moito mellor para si mesmo e para o mundo. O libro ten que estar sempre presente e ao alcance de todos. E logo, cadaquén, xa escollerá.
– LVG: ¿Ten algún texto ou autor de referencia á hora de poñerse a escribir neste ámbito?
– MQ: Teño moitos, pero quen me merece o respecto maiúsculo son aquelas autoras e autores que pensan nunha escrita para axudar a formar e transformar a sociedade, aqueles que traballan dunha maneira vocacional na literatura infantil e xuvenil. Son piares fundamentais na construción da nosa sociedade, construír un texto para os máis pequenos é moi difícil.
– LVG: ¿Que tal a experiencia cos cativos?
– MQ: A experiencia xenial, e creo que é por iso polo que cada vez me poño máis nerviosa [ri]. Os cativos palpitan doutro xeito. Non teñen que ser politicamente correctos nin enganan a ninguén. Sabes que aquelas caras de sorpresa ou colaboración na contada son así. E eu sinto esa empatía.”
Entrevista no programa Chamando á Terra
No programa Chamando á Terra da Radio Galega fixéronme esta entrevista o sábado 3 de marzo de 2018. Agradecida!!
“Mercedes Queixas conversa con María Solar sobre o seu traballo de edición dos relatos inéditos de María do Carme Kruckenberg, compilados en O morto asasinado e outros contos, e do seu último traballo como autora, Xandra, a landra que quería voar. A entrevista pode escoitarse aquí.”
“Os relatos de María do Carme Kruckenberg”, entrevista no Diario Cultural da Radio Galega
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Esta foi a entrevista que me fixeron sobre o volume O morto asasinado e outros contos, onde se recollen narracións breves inéditas de María do Carme Krukenberg. A entrevista pode escoitarse aquí.