Son horas. Son dereitos

Artigo publicado na versión en papel do Sermos Galiza do 28 de novembro.

Son moitos os puntos febles do noso presente. Son moitas as costuras que se precisan para (p)reparar unha sociedade que semella resistirse a camiñar cara adiante, conformándose co inmobilismo anulador que respira entre cada toque índice de pantalla. Como se camiñar a vida fose posíbel cos pés quietos.

Fe na escola como desiderátum que centrifuga as conciencias e clarea os discursos. Detectado un problema na sociedade, o programa teledirixido cara á maquinaria escolar actívase en titulares reclamo xornalístico, na literatura legal, na cota de pantalla, na rexouba do café e, finalmente, na sala do profesorado.

A escola é ese pequeno espazo do que case ningúen sabe, mais do que cadaquén opina libremente. Calquera pode sentenciar que todo ten arranxo na escola. A educación viaria? O respecto co medio ambiente? O consumo responsábel? Na escola. A homofobia? A convivencia? A paz e a non violencia? Na escola. A ciencia en galego? O respecto pola propiedade intelectual? As TIC? Na escola. O acoso? O machismo asasino? Na escola.

Os deberes que se lle apoñen á escola como espazo de formación e construción crítica medran de forma directamente proporcional ao cuestionamento das profesionais que nela traballamos.

Mais, canda os deberes, cómpre falar tamén de dereitos profesionais roubados desde o 2009 por unha administración galega que acolleu o pretexto da crise económica para asinar unha estafa maiúscula socioeducativa.

A escola non é un iglú, senón un espazo habitado por unha microsociedade viva. Na última década, as docentes do ensino público asumimos múltiples retos profesionais, facendo fronte a un nivel de esixencia maior ante un proceso de ensino-aprendizaxe máis complexo.

Na escola pública galega convivimos entre a desigualdade e acompañamos deficiencias socioeconómicas severas, apertamos desamparos emocionais, cubrimos necesidades básicas de fogares en quebra, verificamos realidades humanas diversas provocadas pola complexidade dun tempo que nos sacrificou, mentres quen nos acusaba de vivir por enriba das nosas posibilidades ocupaba a súa irreponsabilidade en desbaldir recursos públicos en caixas B partidistas, en operacións de corruptela desalmada en paraísos fiscais ou en pagamento de favores (des)informativos na prensa.

Unha década en que o profesorado perdemos capacidade adquisitiva, ao tempo que empeoramos as nosas condicións laborais, por mor dun goberno galego que impuxo unilateralmente medidas restritivas que coutaron gravemente as nosas capacidades ao aumentar o horario lectivo do profesorado, desprezando o acordo colectivo de 2007 (18 períodos lectivos en secundaria e 21 en primaria).

As consecuencias desta ampliación horaria lectiva (que nunca pode identificarse como horario laboral, pois a docencia implica máis aló do tempo escolar e fóra do espazo aula) foron, entre outras, a imposibilidade de facer apoios, reforzos e desdobres; a dificultade de participación en proxectos de renovación pedagóxica; o aumento da impartición de afíns, das ratios de alumnado por aula e das itinerancias; a imposibilidade de garantir a coordinación pedagóxica intra e interdepartamental; a debida acción titorial e o atendemento a cuestións fundamentais como a coeducación, a normalización lingüística, a educación para a paz e a sensibilización ambiental…, isto é, todo aquilo que se nos demanda desde fóra da escola.

Un sobreesforzo acusado co que tentamos neutralizar a afectación negativa sobre a calidade do ensino público que de vez cómpre deter.

Na actualidade, xa son sete as comunidades autónomas que aprobaron a devolución do horario lectivo (Navarra, Euskadi, Cantabria, Canarias, Andalucía, Asturias e Estremadura), mais o goberno galego négase a negociar.

Non demandamos traballar menos, senón que esiximos poder traballar mellor recuperando acordos previamente asinados. É por iso que chegou o momento de reiniciar un tempo de mobilización que xa está a ser público a través de concentracións por todo o país e que terá o seu epicentro na convocatoria de folga para o vindeiro 12 de decembro convocada de xeito unitario por todas as organizacións sindicais.

Son dereitos. Son horas!