Artigo publicado no semanario en papel Sermos Galiza o 20 de setembro de 2018.
Entre 1817 e 1834 sucedéronse as diferentes fases dun soño que non chegaría a ver a luz até 1845.
No acordar dese soño laborioso do ilustrado galego, Domingo Fontán, nun pioneiro pulso científico e matemático procurado a pé e a cabalo, a imaxe que naceu foi o retrato físico de Galiza, unha visión espacial xeográfica nunca antes tanxíbel.
Unha cartografía histórica que deu conta do que somos, que espazo propio ocupamos, como nos distribuímos, nun espello que representa o noso corpo xeográfico con toda a súa musculatura social e ambiental. Unha carta de Galiza que segue a ser emisora de nós a través da súa recompilacion toponímica.
Mais, fixada na exactitude milimétrica da escala do plano a Galiza imaxinaria, aínda hoxe andamos a soñar o país como un dereito e unha obriga. Tamén a trazar camiños liberados de dependencias paralizantes e subordinacións inmobilizadoras a través da palabra.
Levamos canda nós unha mochila herdada de experiencias, feitos, accións e palabras asinadas en milleiros de páxinas que, como espellos, nos devolven unha imaxe do noso tránsito. Palabras perpetuas que valen máis do que as imaxes efémeras.
Moitas desas palabras ficaron tatuadas na pel do tempo común como testamentos vitais, da man dos nosos escritores e escritoras, a construíren, co seu pensamento, unha cartografía única, mais non individual, que nos proxecta no espello do mundo.
Unha boa parte deste imaxinario de creación literaria recente, contemporánea, desta planimetría de voces e retratos próximos, vén de ser presentada baixo o título “O imaxinario do país. Letras de magnesio”, que, baixo o patrocinio da Deputación de Pontevedra, está a ser exposta en varias localidades da provincia.
Unha cincuentena de retratos, vinte e cinco de escritoras e outros tantos de escritores, que nacen, no pensamento e na acción do fotógrafo Anxo Cabada, como un proxecto de fixación visual do territorio da palabra de noso, desde a intervención coral, para a iconografía colectiva.
Un proxecto fotográfico de país que cómpre achegar á totalidade do país, pois todas e todos eles son presente literario que nos mira aos ollos para partillaren connosco cadanseu autorretrato literario, mesmo no caso dos tres recentemente falecidos –Xosé Neira Vilas, Mª do Carme Kruckenberg e Agustín Fernández Paz.
O territorio literario-fotográfico constrúe a radiografía do imaxinario, todas as imaxes poden prender o lume das palabras, e ninguén mellor que os escritores e escritoras que en toda a xeografía alimentan os soños e a imaxinación da terra.
Eis a determinación declarativa desta aposta fotográfica de Anxo Cabada, que foca toda a súa intensidade na comunicación entre os dous planos do negativo, alicerzada nunha parte substancial da nosa República das Letras, esa que realmente é a que alimenta os nosos soños e as nosas vidas, en palabras de presentación do catálogo do profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás.
Pousarmos a ollada en cada retrato demanda de nós o inicio dunha conversa. Cada ollada, cada expresión, cada aceno corporal explícito ou intuído, convida á confusión entre emisora e destinataria.
O retrato nace ao corpo do diálogo entre as olladas cruzadas dunha definitiva foto fixa que agarda detida e unha mirada porosa que a esculca a contraluz.
Determos o tempo na lectura de cada autorretrato literario implica descubrir o porqué de cada escrita, a afronta dos discursos, viaxar na conxunción entre a imaxe e a palabra de cada retrato en branco e negro, que permanece para trascender o propio suxeito autorial.
Autorretratos declarativos, metafóricos; poéticos, narrativos, dialogados; monólogos, inquéritos, interrogantes para verificar certezas e incertezas en primeira persoa de singular que traspasan o marco para nos avolver en plural.
Autoras e autores de todos os xéneros literarios, pioneiras da escrita na posguerra, innovadoras do devir, nomes que espallan a creación literaria en lingua galega nun mundo que non coñece valados nin fronteiras, voces que nos aprenden a ser nós en continua mudanza, versos para contaxiar liberdade, trazos para provocar preguntas, espazos en branco para nos interferir, puntos suspensivos para nunca colocar a fin do capítulo…
Cincuenta (auto)retratos como cincuenta arterias dun corpo multiorgánico que seguen a legar o pulso do imaxinario do noso país.