Entrevista no Zig-zag da Televisión de Galicia sobre De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal

EntrevistaMercedes Queixas De pergamiños... realizada para o programa Zig-zag da Televisión de Galicia, publicada o 13 de xuño na web da TVG:

De pergamiños, follas voandeiras e libros ao.gal. Este é o título que Mercedes Queixas escolleu para o seu novo ensaio, que subtitula “Breve historia da literatura galega”. Esta obra tenta explicar o proceso literario en relación co tempo no que se produce e recoñecer as voces silenciadas por prexuízos históricos.”

A entrevista pode verse aquí.

Advertisement

“Eu son Manuel María, labrego con algo de poeta”

Texto publicado na versión en papel do semanario Sermos Galiza que saiu á rúa o 9 de xuño de 2016. Foi recollido tamén na Editorial Galaxia:

A multicelebración da festa da palabra que espellou o Día das Letras Galegas de 2016, asemade efeméride anual de lembranza común das Irmandades da Fala e de Castelao, antecedentes referenciais simbólicos na construción de Manuel María, veu ratificar e renovar a actualidade do círculo de afectos entre o Home-Poeta e o pobo galego.

O epicentro do 17 de maio recolleu a sucesión de ondas expansivas que a sociedade promoveu para convocar a memoria literaria e vital de Manuel María, amplificado na boca do pobo que tanto amou.

O impecábel labor da Fundación Manuel María de Estudos Galegos mantivo vivo o legado do autor na Casa de Hortas natal desde a perda física e continuará a ser a xanela que nos abra a un novo día de descuberta primeiriza ou de reencontro procurado co universo de Manuel María, co autor dunha das obras de maior entidade da segunda metade do século XX; co erudito, home de letras e artes, que procura a adaptación do seu discurso a todos os públicos, facendo transitar, para concluír no horizonte da lectura, a madurez e a infancia, a función referencial e didáctica, a ética e a estética.

O tempo creativo de Manuel María prolóngase ao longo de cincuenta e catro anos, entre 1950 e 2004. Neste medio século cumprido asina máis dun centro de obras, máis da metade de corte poético, completando o catálogo autorial con obras narrativas, dramatúrxicas, ensaísticas e de prosa xornalística, o que o converte no autor máis prolífico da historia da literatura galega.

OManuel María Mercedes Queixas completo portada conxunto desta monumental obra, así como a implicación social e política nos seus diferentes ciclos vitais, converten a Manuel María nun referente intelectual galego da segunda metade do século XX.

Este novo capítulo biográfico de oportunidade para o reencontro con Manuel María, coa perspectiva do tempo transcorrido e a responsabilidade de dalo a coñecer ás novas xeracións, actualiza a necesidade da súa lectura, análise e interpretación, máis aló de preconceptos extraliterarios que tentaron velalo en opcións literarias simplificadoras.

A polivalencia de temas, rexistros, estéticas e destinatarios debuxan neste incomparábel corpus literario unha fraga autóctona onde sedimentaron as palabras como petróglifos, pois nel o autor radiografía o pulso da escrita contra a morte do individuo, mais tamén do colectivo, en tempo e espazo que o autor presentía en retroceso, a esmorecer na cartografía da biodiversidade global, desde a Casa de Hortas até a Galiza toda.

A autenticidade da obra do poeta, do escritor, reside na aproximación á rede temática de interese universal como o amor, a morte, a nostalxia, a paisaxe, o intimismo, a metafísica, a relixiosidade, o ecoloxismo, a emigración, o humor, mais tamén no recoñecemento da súa entrega comprometida na defensa incondicional dos valores individuais e colectivos da súa xente, como voz dos silentes e das expatriadas, na dignificación da lingua galega para a súa imprescindíbel normalización e da cultura que nos constrúe con personalidade propia.

O país habita a súa obra, é imposíbel comprender unha sen o outro. Home e poeta ao redor do mesmo centro de gravidade: a Terra. O Ser.

Unha obra literaria que medra en harmónica simbiose cunha actitude vital consecuente e firme nos seus principios nacionalistas galegos, constrúe o relato deste libro, Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, que quere ser, de principio a fin, homenaxe agradecida a quen partillou tanto amor á casa, á tribo, ao país, á historia, á cultura, á literatura e á lingua galega.