Con Rosalía á escola pola porta grande

Artigo publicado no número 65 de Sermos Galiza (en papel), o 19 de setembro de 2013.

Ao longo deste ano de celebración do sesquicentenario da publicación de Cantares gallegos andei a exercitar a memoria até chegar a rexistrar a fotografía do momento ou da circunstancia concreta en que puido ter lugar esa sempre inquietante primeira vez, ese primeiro encontro coa obra de Rosalía de Castro.

Non foi doada esa viaxe introspectiva, non, e cómpre xustificar a razón.

Esa primeira impresión non resultou desacougante nin sorprendente nin moito menos emotiva, simplemente pasou desapercibida e diluída na lectura na escola dun par de poemas en galego do ramo tradicionalmente alcumado como paisaxístico ruralizante ou de espírito chorón, que pouco ou nada podían dicirnos á xeración nada a finais dos sesenta, e enmarcados biograficamente nunha personalidade feminina enfermiza, tristemente angustiada e decadente, aos que engadir apenas a lectura dalgún outro disimulado verso de contido folclorista, entre a minguada contextualización do libro de lingua castelá, debidamente formateada Rosalía a partir do seu auténtico espello literario coetáneo no que se mirar e poder comprender: Gustavo Adolfo Bécquer.

Aínda hoxe mesmo, no momento de redacción destas palabras, lemos e recollemos en diferentes sitios virtuais sentenzas do tipo: Bécquer y Rosalía, dos de las figuras literarias más importantes de la literatura española ou Bécquer y Rosalía, dos nihilistas románticos. Ou aínda máis, localizamos moi en activo nas aulas de secundaria algún libro de texto da materia de lingua e literatura castelá que presenta parcamente a nosa autora ao alumnado, e só desde o tratamento do poemario En las orillas del Sar, como representante do Romanticismo tardío, hija de madre soltera, casada con el erudito galleguista Manuel Murguía, refugiada en su soledad.

Cómpre recoñecermos, xa que logo, que Rosalía non entrou na nosa vida escolar pola porta grande, senón pola porta de servizo onde as presentacións foron simples de máis, pouco formais, pseudoacordes cunha personalidade indefinida, pasaxeira e murcha do que senlleira e única, construída a si propia desde o sistema literario galego cara ao universal.

Custou inverter lecturas e pautas interpretativas canonizadas ao redor dunha obra poética e ensaística cuxa clarividencia fala por si propia dun tempo histórico que ela, intencionada e vocacionalmente, quixo deixar retratado para a necesaria reconstrución da historia sempre pendente.

A imposibilidade de acceder a Rosalía de Castro, coa formalidade que lle correspondía, na escola decimonónica non impediu que o pobo chegase á súa obra para aprendela e aprehendela porque a poeta nos seus verseos falaba de, por e para o pobo que tan ben coñecía e os poemas van ser expresión da voz colectiva dos galegos.

A poesía rosaliana naceu para dicir, escoitar, cantar, ler e comprender un tempo e un espazo real, marcado no eixo da cronoloxía do renacemeto lingüístico, literario e cultural galego do XIX, mais non debemos os profesionais do ensino acreditar no afastamento da obra rosaliana desta contemporaneidade que nos abafa con problemáticas ben semellantes e reprodutoras de tempos que ben deberan ter sido superados xa.

As dramáticas consecuencias da sangría migratoria, a marxinación e opresión da muller, a dignificación do idioma galego e o firme compromiso para co seu uso, a defensa da clase traballadora fronte ás programadas e intereseiras desigualdades sociais por parte da minoría sempre poderosa son, entre outros, temas que conviven canda nós nesta Galiza-Penélope á que o noso alumnado non é alleo nas súas vidas persoais nin debe selo no tratamento didáctico pedagóxico das aulas de hoxe.

A lectura da obra rosaliana, nomeadamente os Cantares gallegos, é, ao noso ver, un obxectivo irrenunciábel de abordaxe escolar. Cómpre procurarmos os medios, as ferramentas didácticas máis atraentes e acaídas, os recursos dixitais de uso extendido e normalizado en calquera outra disciplina escolar para que o noso alumnado se forme e socialice sen caer na tentación de se sentir lexitimado para prescindir dos autores e autoras clásicos.

A actualidade da escrita de Rosalía e do pensamento consciente e crítico que a sustenta foi explícito ao longo deste 2013 a través de reedicións da súa obra, ampliación do abano interpretativo musical, creacións videográficas, actividades en rede… Educar nesta conciencia e implicar o noso alumnado, progresivamente ao longo das diferentes etapas educativas, é responsabilidade nosa como docentes.

A súa primeira demostración de compromiso vivímola o pasado 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, cando conseguimos un trending topic ou tendencia nada habitual nas redes sociais en que a nosa mocidade navega lixeiro: #DiaDeRosalia

Leamos e rechiemos Rosalía, sempre!

Advertisement

Día Europeo das Linguas

Artigo publicado na versión dixital do Sermos Galiza, o 26 de setembro de 2013. O orixinal pódese consultar aquí.

Saúda o outono coas primeiras pingas que arrefriarán a pel e o corazón da terra queimada e cinsenta, testemuño inerte da connivencia entre as conciencias suicidas e a planificación política confiada ou desleixada.

Saúda o outono baixo un descenso de temperaturas xeneralizado e ceos anubrados que agocharán a raiola solar estival para dar entrada, neste veranciño prorrogado de San Miguel, a un novo curso de resistencia ás treboadas e marexadas que se albiscan, entre a certificación presidencial dos chistes apoloxéticos do franquismo e as condenas proféticas dos defensores do dereito a ser, existir e transmitir con normalidade a lingua galega de antidemócratas e terroristas.

Desde o ano 2001, o 26 de setembro celébrase o Día Europeo das Linguas, efeméride organizada polo Consello de Europa e a Unión Europea coa finalidade de festexar a diversidade lingüística e cultural europea e promover a aprendizaxe das linguas.

Diversidade lingüística que a literatura investigadora confirma ser cada vez menos diversa e menos plural. Linguas mortas que xa nada darán que falar e linguas ameazadas, minorizadas, polas que aínda deberemos falar.

Neste sentido, o pasado 11 de setembro coñecemos o contido da Resolución do Parlamento europeo sobre as linguas europeas ameazadas de desaparición e a diversidade lingüística na Unión Europea, un ilustrativo documento que pode lerse traducido para o galego na web de ProLingua.

Neste longo informe o Parlamento europeo pídelle á Unión Europea, aos Estados membros e ás autoridades rexionais dos Estados membros que presten maior atención ás linguas ameazadas; que apliquen políticas proactivas ambiciosas de revitalización das linguas afectadas, que incorporen o respecto efectivo á diversidade lingüística e especialmente a protección das linguas non hexemónicas europeas ou que apliquen, entre outras moitas propostas, unha política lingüística que permita a adquisición desde a máis tenra infancia como lingua materna da lingua ameazada de desaparición.

Asemade, esta Resolución considera que unha política de revitalización lingüística é un esforzo de longo alento que debe apoiarse na planificación coordinada e variada de actividades en diversos ámbitos, en particular a educación, coa educación preescolar e primaria como principal activo, xunto coa formación dos pais na propia lingua (…).

Políticas proactivas ambiciosas de revitalización da lingua minorizada de aplicación para o caso galego no ensino son, nesta altura, vocacionalmente inexistentes, pois os marcos reguladores actuais non só non permiten avanzar na consecución de obxectivos no ámbito da normalización lingüística, senón que amparan e promoven a involución a respecto da lexislación democrática de referencia, a Lei de normalización lingüística, da que este 2013 se cumpre o seu 30º aniversario, unha madura maioría de idade que, sen embargo, aínda non permitiu ver cumprido o seu macro obxectivo: plena adquisición da competencia lingüística nas dúas linguas oficiais ao remate do ensino obrigatorio.

A lingua propia desta nacionalidade histórica, segundo a terminoloxía constitucional á que tanto se interpela, o galego, semella ser unha lingua tan simple que é aprendida por ciencia infusa ou en efemérides puntuais, no memorial anecdotario de actividades máxico-lúdicas e acuático-festeiras, mais non na cotiá normalidade do día a día d@s falantes. Lingua de aparecid@s semella ser esta cuxo uso implica sancionar a quen ousa empregala con normalidade no seu labor administrativo, como recentemente foi noticia na Deputación da Coruña, ou invisibilizala na súa transcrición impresa nos medios de comunicación ao traducila ao castelán cando o entrevistado responde en galego, como adoita acontecer coas declaracións do actual entrenador do Deportivo.

Con todo, mentres tanto, adornamos o escenario escolar cun groso pano de veludo chamado plurilingüismo para que a obra que nel se vai representar non pareza o que é.

No actual modelo educativo galego conflúen tres ou catro linguas nos currículos escolares das diferentes etapas: o galego, lingua propia e oficial; o castelán, lingua oficial, e mais unha ou dúas linguas estranxeiras. Unha confluencia lingüística que, lonxe de ser anecdótica, está ben presente nos modelos educativos europeos dos que sempre temos noticia positiva canto ás súas ricas potencialidades en competencia plurilingüe, como é o caso de Finlandia, Suecia ou Canadá.

Xorden entón as preguntas: como lle procurarmos un lugar na escola a cada lingua? Como asegurarmos o éxito da competencia plurilingüe do alumnado actual cando nós, docentes, pais e nais fomos maioritariamente aínda educados e formados nun modelo pedagóxico monolingüe? Como iniciarmos un novo camiño educativo se carecemos da necesaria (in)formación previa? Como contrarrestarmos os discursos pexorativos e reaccionarios de certos colectivos que asentan na sociedade leis non escritas que prexulgan e estigmatizan a lingua galega? Como convencermos das bondades e dos beneficios, individuais e colectivos, do multiculturalismo e do seu consecuente plurilingüismo, desde o propio e máis próximo? Como convencermos, en definitiva, non para vencer, senón para equilibrar e acrecentar a competencia lingüística das novas xeracións?

O plurilingüismo non debería ser entendido como unha porta acoirazada, senón máis ben como unha porta circulatoria, sempre en movemento e onde é doada a interrelación de linguas e persoas. O plurilingüismo é, de seu, inclusivo, mais tamén pode ser convertido nunha práctica excluínte.

O actual Decreto do plurilingüismo galego reforza a presenza e aprendizaxe do castelán, inclúe o inglés como lingua desde a que aprender materias non lingüísticas e diminúe, ao tempo que limita, o contacto co galego na escola. Sabémolo como docentes, como pais e nais e como cidadanía que vive cos pés na terra e o oído atento, nomeadamente en contornos castelanófonos, onde semella permanentemente activada a tecla OFF para a comunicación en galego. A nosa realidade vital, o noso marco socializador, convértese en proba empírica ratificadora dos resultados coñecidos por investigacións diferentes. E nada permite concluír que as autoridades educativas tamén non o soubesen no momento de redacción e aprobación unilateral dese controvertido, social e profesionalmente, documento legal. E nada semella ter trazas de mudar para mellor pola súa parte nin sequera atendendo aos mandatos das sentenzas xudiciais nin, moito menos, á obxectividade do sentido común.

A resistencia cidadá persiste porque a moven as expectativas de futuro. Porque sabemos que unha verdadeira aprendizaxe plurilingüe, isto é, non excluínte, atenta ao contorno sociolingüístico e sensíbel coa necesaria oferta escolar positiva para a lingua galega que contribúa como freo ao progresivo proceso de substitución lingüística, non crea conflitos entre as persoas nin tampouco confrontos entre o profesorado; non anula liberdades individuais ou familiares nin mingua capacidades comunicativas.

No idioma está a árbore xenealóxica dunha nación, din que sentenciou Samuel Johnson.

Porque no Outono é sazón de sementar, sementemos neste Día Europeo das Linguas o noso contributo colectivo a esa diversidade lingüística e cultural, ben prendidos na nosa raíz principal de identidade nacional e con horizonte de progreso,

Pois nós somos semente verdadeira,
altísima razón, claro destino
que erguemos a Galiza por bandeira.

Poemas ao Outono, Manuel María.

Fin de verán

Artigo publicado na edición dixital de Sermos Galiza o 10 de setembro de 2013. O orixinal pode ser consultado aquí.

Había unha vez un meteorólogo francés que prognosticou que o verán de 2013 non se detería na puntual estación no paseo anual polo noso país. Xa levamos tempo comprobando, que non afacendo, como todo é recortábel, prescindíbel, renunciábel. Mais o verán non, de ningunha maneira!, sentenciou a cadea de voces, mensaxes de correo, chíos tuiteiros e estados facebookianos, que non nos toquen ese espazo democrático e gratuíto que é a praia, o río e o monte. Prometemos non tomar o sol por enriba das nosas posibilidades!

Felizmente, o meteorólogo convertido en prestidixitador enganouse. Menos mal que esta miudeza, ao igual que outros asuntos ben máis condicionantes para o presente e futuro de todo un Estado, se resolven solidamente cun presidencial, mais simple, me equivoqué, precedente, iso si, do glorioso fin de la cita que foi quen de anular o contido da propia cita previa. El será que o señor presidente do goberno de España non depende moito de citas previas, cando menos públicas?

Será por mostras de ausencia de credibilidade? Máis unha vez, insisto, levamos tempo comprobando, que non afacendo, á sucesiva restra de esquecementos propios do río Lethes, excesos de confianza pseudoinocente, perdas de papeis e xogos de confusión pública que, deitando fóra eufemismos varios, a moral católica apostólica e romana cualifica como quebrantamento do oitavo mandamento e que a xente do común definimos como mentiras. Algunha grave penitencia andará a argallar a alta curia eclesiástica, sempre tan comprometida cos asuntos de Estado, ou é que só o castigo e a pena é para o pobo?

Tivemos verán, iso é o importante! E deberon ser as elevadas temperaturas dalgunhas xornadas estivais ou o nordés compañeiro que se apuntou a gozar tamén canda nós deste verán do que a perda de horas de luz solar xa vai anunciando a sintonía final, que semella termos vivido ensoñacións varias como asistir á muda do tradicional refrán “Non ter para pan e comer pipas” polo ultramoderno “Non ter para comer e ter tuitter”, acuñado pola alcaldesa de Cádiz ou ao reclamo do presidente da CEOE da necesidade de eliminar privilexios dos contratos indefinidos. U-los privilexios, os contratos e os indefinidos?

Aínda ben que o termómetro foi refrescando porque mesmo chegamos a entresoñar que as economías caseiras tocaban fondo de vez e sen opción de remontada ao ler que mesmo a filla do rei tiña que arrumbar as maletas camiño de Suíza.

Con certeza, foi por causa das mareas vivas recentes que chegamos a visionar bateas mexilloeiras convertidas en colorista pasarela de camisolas ciclistas nunha exhibición friqui do traballo digno da xente do mar. Iso si, só se trataba de dar una vuelta porque calquera mostra iconográfica, bandeira galega incluída, que remitise a que a etapa era galega, podía ter consecuencias polas que habería que responder antes as forzas da orde pública.

Bandeiras galegas que cómpre ocultar á par de bandeiras españolas que é obrigado amosar con orgullo, xunto a palabras do alcalde de Baralla novamente desgarradoras de feridas aínda abertas que fan temer o desexo interno de retorno dun mundo en branco ou negro, sen matices grisentos, de quen non só di o que pensa, senón que di o que outros pensan, senten e calan. Apoloxía, se cadra non tan gratuíta, onde a igrexa amosa, máis unha vez, a súa face máis clásica rojigualda cando, días despois, premia tamén en Baralla, no contexto das festas patronais, como unha das mellores merendas a bautizada como Cara al sol.

E, finalmente, debeu ser a memoria musical persoal que nos levou a procurar os hits do verán que chegamos a aquel estribillo d´Os Resentidos. Cantaruxen comigo: Arde Galicia, co lume forestal, con lume ou sen lume, ti tamén podes arder. E a cartografía toponímica galega, tintada de loito, quéimanos nesta fin de verán como no seu inicio nos derrotou a alma Angrois e A Grandeira.

O home das neves, habitante amnésico en El Dorado, xustifica agora o lume no que ardemos un pouco todos e cada un/unha de nós como actos de neglixencias ou ben intencionalidade cando non hai tanto tempo, sen responsabilidade de goberno, azoutaba, mangueira en man, acusando aquela consellaría por primeira vez denominada do Medio Rural de ineficaz. Semellan non ter valor nesta fin de verán aquela palabras súas ante a mesma asfixia e devastación do monte e da terra toda: en situacións coma esta é onde se mide a eficacia dos Gobernos. E entón o que antes era incompetencia da Xunta cede o paso de pleno dereito ao dedo acusador índice para contraatacar aos incendiarios que seica todos os veciños lle din á Conselleira que ben se sabe quen son (?) e demándase a colaboración da cidadanía.

Menos mal que Xibraltar permitiu erguer unha outra metafórica cortina de fume para podermos esquecer algo certos papeis embarullados que falan de suposta financiación irregular do partido político que ten a responsabilidade de gobernar a nivel estatal e nacional galego.

Menos mal que as portadas dos medios poden ocuparse agora do intento de montaxe dun ataque ou intervención puntual, é dicir, unha nova guerra imperialista, por parte dun presidente Premio Nobel da Paz, que permita dar saída ao stock armamentístico dos países denominados potencias mundiais. Porque a experiencia bélica recente semella non ter sido lección aprendida para evitar a tempo aqueles denominados en Iraq danos colaterais desde a vía pacífica e a negociación como procedementos básicos para a resolución dos conflitos.

Despedimos o verán mentres os cartaces das festas patronais seguen a rifaren polas orquestras co escenario máis grande, custe o que custar, cuxa calidade se mide en potencia acústica insá, chiscaelas machistas e petición de aplauso e berro.