Comeuche a lingua (inicial) o gato?

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza o 27 de xullo de 2014. A versión orixinal pode ser consultada aquí.

Abrímoslle a porta a este mes de xullo participándomos no X Curso de Verán sobre dinamización lingüística organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da UDC en colaboración coa CTNL, o Concello de Carballo e mais a SXPL.

Nesta nova edición, a transmisión interxeracional do galego era o eixo nucleador das tres xornadas en que estivemos #traballandoenlingua. Analizar o estadio actual desta ponte transmisora comunicativa, emocional e vivencialmente, do idioma para as novas xeracións converteuse no obxectivo global, así como a avaliación de experiencias contrastadas e a proposta de novas medidas de intervención que faciliten o encontro con novos camiños que nos axuden a mellorar a transmisión interxeracional do galego.

As razóns desta centralidade temática poden ser ben doadas de confirmar desde unha perspectiva teórica analítica e mais da observación diaria da que calquera de nós pode exercer como testemuña.

Lembremos, apenas, os datos que nos ofrecía o Mapa sociolingüístico de Galicia de 2004, da autoría da Real Academia Galega, en correspondencia cos ofrecidos no estudo precedente de 1992.

Neste sentido, mentres que en 1992 o galego era a lingua inicial (primeira lingua de aprendizaxe na casa) do 60,3% da sociedade galega, unicamente o era xa do 20,6% en 2004. O galego pasou de ser en 12 anos a opción maioritaria á minoritaria como primeira lingua de relación interxeracional.

Consecuentemente, o monolingüismo en castelán nas novas xeracións avanzou substancialmente en prexuízo do galego.

Semella difícil xustificar esta tendencia regresiva nos datos da transmisión interxeracional do galego desde un punto de vista abstracto, alleo ás dinámicas de funcionamento da propia sociedade e desvinculado da propia historia interna do pobo que lle deu vida como lingua propia. Asemade, non parece razoábel, nunha comunidade cívica formada e respectuosa para consigo mesma, ignorar esta realidade anuladora da principal marca de identidade para se instalar na aceptación do espellismo da diglosia como irmán da normalidade lingüística ou na irremediábel morte natural da lingua.

Máis ben todo apunta á programada simbiose efectiva de procedementos expeditivos –prohibición explícita de usos- e indirectos –creación de imaxinarios que condicionan ou estigmatizan o seu uso social. Unha perfecta combinación que, andando o tempo, embafa o espello en que nos mirar até converter en irrecoñecíbel a expresividade lingüística de noso, apenas perceptíbel nas cada vez máis cativas marxes (persoas de maior idade, ámbitos rurais, nivel socioeconómico medio-baixo).

A familia é a encargada de reproducir as e os falantes dunha lingua e a observación diaria á que apelabamos antes confirma que deixou de o ser nos ámbitos urbanos e periurbanos, espazos cada vez maiormente urbanizados e vertebradores da socialización actual.

Nais e pais son quen deciden que lingua vai ser na que se recoñeceren e intimaren desde o primeiro minuto de vida –mesmo antes incluso! coas súas crianzas. Nada impedirá que a opción poida ser a lingua hexemónica, mais, no entanto, os cuestionadores interrogantes e as respostas xustificativas asaltarán no caso de optar pola non hexemónica. Nada impedirá que na comunicación familiar a lingua inicial sexa o castelán, mais, pola contra, todo dificultará que aconteza o mesmo no caso do galego, como ficou ben explícito no debate- entrevista mantido con tres nais e un pai, coordinados pola xornalista Belén Regueira.

A escola e os círculos de socialización múltiple aos que está exposta a infancia obrarán o milagre da aparición da diglosia como primeiro paso para avanzar no demorado proceso de substitución no que a realidade sociolingüística galega está inmersa desde hai máis de cincocentos anos.

O exercicio de observación para a confirmación da quebra interxeracional no caso do galego vai máis aló. Resúltanos ben difícil acreditar nos comportamentos sociolingüísticos aos que se ven sometidos avoas e avós. Elas e eles, voces transmisoras de pouso fecundo, vense inducidos ao abandono e silenciamento das palabras que os acompañaron para construíren toda unha vida. Roubámoslles o seu tempo para que coiden das nosas fillas e fillos; roubámoslles a súa liberdade para que cubran cos afectos a nosa ausencia en horario laboral e de relación social; roubámoslles os antropónimos de seu para obrigalos a ímprobos exercicios de memorización de nomes propios alleos, de difícil pronuncia e imposíbel escrita.

Roubámoslles as palabras para que perdan toda naturalidade comunicativa nesa estima única que crean os lazos entre cativos e maiores e obrigámolos a tatexar castrapos inventados convertidos en triste obxecto de mofa nos parques públicos.

De verdade imos permitir que nos siga a comer a lingua (inicial) o gato?

Advertisement

Entrevista en Noticieiro Galego

Entrevista de Úrsula Lorenzo Ruibal en Noticieiro Galego. A versión no medio de orixe pode ser consultada aquí.

Pode que fora a maneira na que algúns dos seus profesores influíron nela, a que rematou levándoa á docencia. E de seguro que foi a paixón pola lingua e a palabra a que fixo que a materia escollida fora a Lingua e a Literatura Galegas. Con esta premisa, e despois de exercer como coordinadora en Laiovento e vivir en primeira persoa todo o proceso editorial, a escrita era case un destino obrigado. Sobre todo para quen a ve coma un refuxio, como un recuncho protector, coma un xeito de evadirse do mundo exterior. Ela é Mercedes Queixas, e ademais de todo isto é a secretaria xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Mercedes Queixas

Nome: Mercedes Queixas Zas
(A Coruña, 1968)

Un lugar: a praia das Salseiras (Caión- A Laracha- A Coruña)

Un hobby: ler con tempo (misión case imposíbel)

Un soño: a igualdade das mulleres

Unha comida: calquera que pase polas mans de miña nai

Unha virtude: a capacidade de traballo

Un defecto: a autoesixencia

Un soño: a igualdade das mulleres

Por que estudar Filoloxía? Que significa a palabra, a lingua para vostede e para a súa vida Mercedes?

Decidín estudar Filoloxía galega cando cursaba COU, estudei no Instituto de Monelos na Coruña e claramente foi influenza do labor de varios profesores, nomeadamente da profesora de lingua e literatura galega daquel ano. Eu entendo a palabra como esa chave que abre a nosa capacidade de intercomunicación, como a raíz do proceso de socialización, unha porta aberta ao coñecemento. Vivo rodeada de palabras, como todas as persoas, e gústame escoitalas, lelas, tocalas. Gústame observalas con atención para facelas miñas, deconstruílas para reconstruílas… Coido que reparo cada vez máis nas palabras para poder desatender os ruídos. Nos últimos anos a palabra actuou para min como refuxio protector e reparador de tanta agresividade exterior.

A palabra en xeral, e a palabra en galego en particular…

Si, gusto especialmente de darlles luz ás palabras de noso, partillándoas co meu alumnado, contribuíndo a amplificar o legado patrimonial oral e literario que tanto tempo estivo invisibilizado e estigmatizado. Gusto tamén de aceptar o pulso que ás veces as propias palabras me botan para trascender o seu significante e modelar novos significados a través da escrita.

Foi vostede coordinadora da Editorial Laiovento, cal foi o seu labor neste tempo? Como recorda aquela etapa?

Traballar no equipo de Laiovento aprendeume a coñecer, a querer e a valorar todo o que ten a ver co proceso de edición. Desde a recepción dun orixinal até o momento da entrada recendente do primeiro volume impreso. Un proceso que, para min, aínda hoxe non perdeu boa parte da maxia que encerra.

Ademais desenvolveu este labor ó pouco de rematar os seus estudos, non si? Foi o seu primeiro traballo? Que lle supuxo aquel contacto directo cos libros?

Os meus primeiros traballos remunerados foron como profesora nunha academia e como asesora lingüística nun estudo de dobraxe da Coruña. Mais, deseguido chegou a proposta de Francisco Pillado para me sumar como coordinadora a este proxecto. O seu catálogo de publicacións, visto máis de vinte anos despois, demostra que era e aínda é, un proxecto imprescindíbel para contribuír a enriquecer a oferta lectora e a normalización lingüística e cultural aínda en proceso.

Mercedes QueixasTivo que ser unha gran aprendizaxe. Por unha banda no que respecta ó funcionamento da industria editorial, e pola outra no que se refire a coñecer xente…

Efectivamente, así foi. Para calquera persoa allea ao mundo editorial, é difícil intuír ese proceso de conversión da escrita persoal, íntima e solitaria nun auténtico convivio de voces colectivas e intercambio de opinións a nivel público. Aquí é onde as palabras adquiren o gran protagonismo. Ese carácter de ágora converxente, de adro das palabras que unha editorial posúe, ten para min un alto valor humanista, cohesionador e económico para a sociedade.

E ademais, supón ter formado parte dun referente da edición galega como Laiovento, que supoño que é para sentirse orgullosa…

Orgullo e agradecemento para Laiovento sempre. Traballar en Laiovento significou aprender dos compañeiros do consello editorial, do persoal traballador da imprenta Sementeira, do proceso de distribución, do labor visibilizador (ou non) do libro galego de moitas librarías, das autoras e autores, das súas escritas creativas ou de investigación… Foi un traballo sempre enriquecedor na medida en que permitía estar ao día do pensamento narrativo, dramático e ensaístico case sen querer. Un luxo impagábel! Asemade, rematada esa etapa, síntome moi honrada tamén de formar parte do catálogo editorial de Laiovento, con varias das miñas achegas ao ensaio, xunto a autoras e autores referentes tanto desde unha óptica contemporánea galega como internacional. Laiovento é, para min, esa casa amiga a onde gustas de volver porque sabes que a benvida é sempre afectuosa e reconfortante.

Despois chegou a docencia. Cal é o seu obxectivo no que respecta ós seus alumnos? Ata que punto pode influír un mestre na formación dos alumnos?

O profesorado ten influído en min, especialmente na etapa do bacharelato, e posteriormente na Facultade de Filoloxía da UDC. Inconscientemente, ten contribuído para formarme, para ir construíndo un pensamento, asumir uns valores e non outros, concibir un determinado proxecto de país, etc. No meu caso, no meu labor docente, teño presente a procura de comunicación, diálogo e proximidade na relación co alumnado. Prácticas que vin levar a cabo a unha parte do meu profesorado; asemade, teimo en evitar aquilo que penso que non funcionou cando eu era estudante. Procuro que o meu alumnado consiga as competencias na materia que a lexislación impón, mais preocúpame cumprir outros obxectivos para min moi importantes como escoitar as súas preguntas, medos e incertezas. É fundamental, ao meu ver, axudarlles a analizar a realidade desde ópticas diferentes ás que reciben, dialogar con elas e eles, facelos partícipes das ensinanzas, porque sempre saben moito máis do que lles parece. Así é como eu tamén aprendo día a día e me contaxio da súa forza e enerxía.

Mercedes QueixasE no medio de toda esta relación directa coa Literatura, dende o aspecto editorial e dende o aspecto docente, o de escribir era case irremediable… Tiña que acabar chegando o momento…

Visto agora coa perspectiva que permite o tempo, a verdade é que parece que as curvas do camiño ían conducindo sen remedio cara á escrita como destino final. Escribir foi para min, desde a adolescencia, un acto moi persoal. Comecei a publicar xa adulta, dun xeito bastante fortuíto, non intencionado pola miña parte, grazas á petición do que logo foi o volume Os trobadores do Reino de Galiza, editado por A Nosa Terra. Escribir o meu primeiro libro e parir a miña primeira filla foron experiencias moi próximas no tempo para min. O tempo axudou a medralas. A partir de aí o tempo tamén se encargou de ir visibilizando a escrita dentro do campo do ensaio e con ela tamén ampliei os coñecementos ao redor da lingua e da literatura galegas. Con todo, entendo que a escrita é unha evolución, como a vida mesma, o que explica a distancia das publicacións anteriores co meu último traballo, Vivir, aventura irrepetíbel, unha biografía da poeta viguesa Mª do Carme Kruckenberg, que puiden reconstruír a partir das múltiples conversas mantidas con ela durante aproximadamente dous anos. Un luxo de experiencia vital e creativa para min, que nunca agradecerei abondo á poeta, e que puido ver a luz grazas á atención da editorial Galaxia.

Como escolle os temas sobre os que escribir? Que a levou a escribir sobre persoeiros da cultura galega? Por que eles?

Aínda que poida resultar estraño, na maioría dos casos foron propostas de traballo colectivo ou encargos editoriais, como os volumes sobre Frei Martín Sarmiento, Ramón Piñeiro ou Lois Pereiro, coincidindo coa dedicación do Día das Letras Galegas. Pola contra, a biografía sobre María do Carme Kruckenberg responde a unha curiosidade persoal sobre a súa vida e o longo proceso creativo da autora, que intuía ben interesante e de necesario coñecemento. E por suposto tamén á miña admiración pola súa obra. Outros traballos relacionados co ámbito da sociolingüística, da didáctica da lingua e coa normalización lingüística no sector do ensino, responden á converxencia entre o interese e a preocupación persoal e profesional.

Algún co que se sinta identificada? Algunha das súas obras da que estea especialmente orgullosa?

Sentinme satisfeita co resultado de todos os traballos porque, unha vez rematados, era consciente do avance na mellora das miñas aprendizaxes, das descubertas inesperadas, da posibilidade de partillalas con aquelas persoas que se achegasen a ler. Escribir axudoume sempre a entender moito mellor o presente, a desanobelar confusións históricas que explican que este país con tantas fortalezas non poida ser dono de seu. Ora ben, non podo deixar de recoñecer un afecto moi especial polo último libro, por esta biografía da que falabamos, xa que o procedemento de escrita foi moi diferente. O tempo de conversas con Carme, recibir a súa vida tan xenerosamente, que aceptase que eu a contara, compartir cada palabra, cada experiencia, cada fotografía, cada poema… Todo isto foi unha experiencia que nunca esquecerei, e que sei que nunca lle agradecerei bastante.

E cando se escribe sobre persoeiros doutras épocas e doutros momentos, inflúe o momento actual? Explícome. Inflúen no seu caso as súas circunstancias e a súa situación á hora de escribir?

Son da idea de que non é posíbel extrapolar realidades vividas noutro tempo á ollada actual. Isto é o que explica que nos custe tanto entender o alcance de pensamentos e actuacións doutro tempo, especialmente se non o vivimos. Se ás miñas fillas lles custa tanto entender como me podía comunicar coas amigas na miña adolescencia sen whatsapp, como vou ser eu capaz de comprender plenamente a Idade Media, por exemplo, coa distancia tan grande que existe e non só no plano temporal? Cada persoa debe ser inserida nun contexto xeográfico, temporal, económico e sociolóxico determinado, que axude a explicar a súa biografía. Nestes casos, ademais, o fundamental é analizar a obra propia e as vinculacións con autores e autoras coetáneas, que contribúan a definir o máis obxectivamente posíbel o que corre o risco de ficar unicamente en imaxinario colectivo.

Mercedes QueixasDi vostede que lembra da súa infancia un medio rural vivo, útil e necesario. Mantén esta descrición?

Manteño, si, e reafírmome nela. A miña infancia ofreceume un choque impactante: a cidade versus a aldea. Esta última era símbolo de lecer, de ausencia de normas estritas, de contacto co medio natural. A terra era fonte de alimento. Na Picota apañaba as cereixas e a Pinta e a Canela bambeábanme no carro cheo de herba fresca. En Leborís recollía o leite recén muxido por encargo da avoa. A Estación do tren era motor de vida en Meirama. Na aldea aprendín a lingua que meus pais gardaban para si convencidos de que o mellor era educarme na lingua dos poderosos e da cidade. Hoxe percorro os espazos da infancia e non os atopo porque foron engulidos polo que se dá en chamar modernidade e progreso. Urbanización ou cementación? E non é metáfora, topónimos da miña memoria de infancia só restan aí, na memoria; desapareceron tanto do mapa dos ollos como do topográfico, asolagados pola mina de lignito de Meirama. Non llelos podo amosar ás miñas fillas porque non existen fisicamente os espazos que lles daban nome.

Que importancia tivo na súa vida esta dicotomía cidade – aldea? E na súa obra? Na literatura galega en xeral?

Nacín e medrei na cidade mais a aldea sempre estaba presente, puntual cada cinco días e nos períodos vacacionais. Tiña dúas aldeas, o que non deixaba de abraiar a algúns compañeiros e compañeiras de escola, nomeadamente aqueles que xa perderan a aldea como referente das xeracións familiares. Non é unha variábel que teña influído na miña obra ensaística, mais o certo é que noutras experiencias creativas inéditas si que está permeabilizando as palabras, visionando persoas e escenarios que xa non me acompañan e evocando espazos e tempos que os obxectos conservados me axudan a fixar na memoria. Na literatura galega podemos tamén observar a evolución do mundo rural e urbano, o abandono do primeiro a favor do segundo. É a literatura o grande espello do tempo e das transformacións sociais e no caso galego non ía ser diferente.

Ademais de filóloga, docente e escritora, é vostede tamén a Secretaria Xeral da Asociación de Escritoras e Escritores e Lingua Galega. Fálenos desta asociación, da súa función e do seu obxectivo. En que consiste o labor da AELG?

A AELG foi fundada en 1980 e reúne nesta altura máis de 430 socias e socios. Traballa para a dignificación do oficio de escritor e escritora, así como da súa promoción e das súas obras, do fomento da interconexión entre eles e da interrelación con outros profesionais, quer sexa doutras literaturas quer doutras artes en xeral. Por outra banda, preocúpase tamén pola transmisión da cadea da escrita, por ofrecer un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces. Por iso a Escola de Escritoras e Escritores da AELG organiza periodicamente, en diferentes concellos do País, obradoiros de escrita creativa, guiados polas propias escritoras e escritores, para transmitir á sociedade, e moi especialmente á mocidade, a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. Visibilización e formación serían dous eixos vertebradores do traballo da AELG que nestes anos conseguiu unha implementación social importante e necesaria como demostra o elevado volume de consulta diaria do seu web.

Mercedes QueixasXa para rematar Mercedes, aínda que sexa unha pregunta demasiado ampla e difícil de sintetizar, seino, como valora vostede a situación da literatura galega na actualidade? Coa visión de quen a escribe, a le, a ensina, e trata ademais de defendela a través do asociacionismo…

Eu vívoa con paixón e con moito orgullo, porque observo unha literatura que sempre foi quen de dar pasos adiante, de se superar no fondo e na forma, de construír referentes éticos para a cidadanía, de dar respostas e suscitar interrogantes ao lectorado, de gañar progresivamente lectoras e lectores cada vez máis novos e mellor formados, de contribuír a crear unha importante industria cultural galega sustentadora dun nada despreciábel capital económico e de postos de traballo para o noso País.

Parece que isto vai a ir seguido dun pero…

Si, así é, porque tamén a observo con preocupación, con moita preocupación. O índice de vendas diminúe a un ritmo moi significativo, a subministración de novidades ás bibliotecas públicas decreceu alarmantemente nestes últimos anos, non se percibe aínda por parte da Administración o desenvolvemento da Lei do libro nin de planificacións proactivas, ilusionantes que promovan o libro e a lectura como ben de consumo necesario ao alcance da maioría social, mais, no entanto, si se aplica un gravame impositivo inexplicábel a través do IVE que impide o acceso aos produtos culturais de moitas familias. Por outra banda, os espazos de visibilización do libro galego practicamente desapareceron por mor da crise dos medios de comunicación e da falta de convocatoria de premios literarios como os que se xestionaban desde concellos ou colectivos do asociacionismo cultural. Se a todo isto sumamos as escasísimas posibilidades que unha autora ou autor en galego ten de poder concibir o traballo da escrita desde unha óptica profesional e de internacionalizar a súa obra, é doado intuír un panorama de preocupación e desasosego. Nomeadamente ao pensar no cativo horizonte que enxergan as novas xeracións de escritoras e escritores, as mellores preparadas no idioma de noso por certo, que deberán tomar o imprescindíbel e irrenunciábel relevo xeracional.

Esperamos que así sexa, moitas grazas polo teu tempo, Mercedes.

O meu agradecemento, sempre, para vós, pola vosa atención e preocupación ao programar este espazo visibilizador na rede para as persoas creadoras de cultura en lingua galega.

Hora de ler. Non perdamos a perspectiva

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza, o 13 de xullo de 2014. O artigo orixinal pode consultarse aquí.

Rematar un curso escolar é como concluír un proxecto de vida. A curto prazo, si, mais proxecto. De vida, tamén, porque ao cabo de algo máis de nove meses agardamos o resultado do camiño andado.

Mais a esixente profesión da docencia non permite pechar a porta das aulas sen mirar antes atrás. Informes, avaliacións e memorias deben pór o ramo a un traballo case sempre agochado no claustro escolar e para o que os titulares da prensa, a rexouba das tabernas, as tertulias mediáticas e os discursos das autoridades non adoitan achar nunca tempo xusto e medido.

Resulta máis doado computar a mocidade galega en cuantificación de novos paquetes teutóns que conseguimos deitar lonxe que reseñar a súa hipercualificación, capital humano e profesional desbaldido ao tempo que empobrecedor do presente e decapitador do futuro económico de todo un país.

Exercicio de anacronía reaccionaria é teimar no postulado de que a mocidade non le. A mocidade non é única e as formas de ler tampouco o son. Nin sequera os tempos nin moito menos os espazos de lectura o son.

A miña experiencia como coordinadora dun club de lectura escolar, máis un curso, reafírmame na convición de que un alto número do noso alumnado gusta de ler ou, máis importante aínda, está disposto a probar en que consiste iso de ler porque si, sen obrigas didácticas nin deberes na casa nin ameazas de exames de lectura. Ler en común e dedicar tempo non lectivo, extraescolar polo tanto e roubado a outras tarefas e responsabilidades, para descubrir novas experiencias de vida que nin a televisión nin a radio nin a videoconsola nin a internet nin o ximnasio nin o pub nin a Superpop nin o partido de fútbol na praza da vila ofrecen. Porque ningún espazo de formación, entretemento, comunicación, diversión e/ou socialización é incompatíbel coa literatura de creación impresa ou dixital.

Unha parte moi importante da nosa mocidade, digo, déixase seducir polo encanto, a sorpresa ou a curiosidade dunha lapela ou dunha contracapa –e tamén, por que non o dicir!, pola imaxe que transmite a fotografía da autora ou o autor. Non ía deixar de se aplicar no papel ou una pantalla do lector dixital aquilo de que unha imaxe vale máis do que mil palabras…

Infelizmente, non recibirán elas e eles, individuos en formación, estimulantes ondas sonoras promotoras da lectura nos seus habituais espazos de encontro coa información –ramificada en múltiples cuñas publicitarias- onde todo adoita reducirse ao culto ao corpo e, a poder ser, un único modelo corporal clonado en vestiarios hipercomúns de non sempre lexítima procedencia.

E así, mentres parece que nada mudou a respecto do avance da lectura na infancia e mocidade, porque os sentenciadores desta lei non escrita si son os que neste sentido nada ou apenas mudaron, o corpo lector máis novo medra acrecentando tamén a formación do seu espírito lector e, polo tanto, analista, cuestionador e crítico.

Acato o seu pensamento buligueiro, lector, lectora! Até aquí todo responde en alto grao á miña subxectividade.

Mais, lonxe de ser esta unha alucinación persoal, a recente celebración da VII Xornada dos Clubs de Lectura actuou, máis un ano, como termómetro medidor da caloriña coa que abriga a lectura nos centros escolares, quer nas diferentes experiencias presentadas quer nas conversas de corredor dos descansos con compañeiras e compañeiros mediadores de lectura.

E aínda máis! Cumpría unha outra avaliación desas case corenta persoas que, no meu caso, foron conformando as diferentes sección do club de lectura, entre profesorado e alumnado. Os inquéritos, de resposta anónima, ofreceron datos significativos para a análise do presente e o enfoque do futuro inmediato que se reiniciará, por aclamación popular!, o vindeiro mes de setembro.

Apenas vou sintetizar aquí o resultado de dúas das quince preguntas formuladas.

A pregunta referida á valoración d@s participantes en relación a aquilo en que percibiran unha importante melloría persoal, a resposta maioritaria resultou ser a comprensión lectora, seguida da capacidade para compartir opinión, gozar da lectura, expresarse oralmente en público e coñecer un maior número de autores/as e obras literarias.

A consulta realizada sobre que foi aquilo do que gozaron máis, con gran distancia a resposta maioritaria foi a de compartir lecturas, seguida da participación en actividades paralelas á propia lectura (viaxes literarias, encontros con autoras/es, visita a grandes bibliotecas, lecturas interetapas na biblioteca, intercambio con lectorado doutros centros…). Ler por pracer e formar parte do grupo, ademais de reforzar as relación interpersoais, foron as seguintes respostas máis puntuadas.

Fagan comigo unha regresión a esa xornada formativa que máis arriba mencionei. A intervención dunha profesora mediadora do IES de Melide deu unha clave que, non por coñecida e ben contrastada, agás para quen quere vivir con ouvidos xordos, ollos vendados e tacto nulo, nunca deixa de nos preocupar: o 85% d@s participantes no club rexeitan a lectura en galego. A falta de competencia nesta lingua resta seguridade e condiciona a escolla das lecturas segundo a lingua de escrita. Preguntábase en voz alta a profesora se non estará pasando algo en relación á dobre competencia lingüística do noso alumnado –xa non digamos ao seu suposto trilingüismo e plurilingüismo. Preguntábase, asemade, se non estará a fallar algo na política lingüística deste goberno. Porque, non esquezamos, estamos a falar dun contexto sociolingüístico aínda moi maioritariamente galegofalante. Se cadra, conclúo eu agora, esta política lingüística si está a funcionar.

E non só pola preferencia do alumnado que favorece a escolla daquilo que lle resulta máis doado, porque están claramente favorecidas as vías de acceso intercomunicacional en castelán, senón por opinións dunha parte do profesorado mediador, que tamén é transmisor de valores e prexuízos na aula e no propio club de lectura, ao referir que o importante é que o alumnado ame a lectura e non en que lingua lea ou asociar esta información-reflexión lingüística coa vontade de politizar o encontro.

O club de lectura no que participo naceu hai cinco anos con varios obxectivos, como corresponde a todo proxecto de traballo didáctico que se precie. Un deles era precisamente achegar o coñecemento de autoras e autores galegos contemporáneos para así reforzar a lectura en galego, nomedamente daquelas novidades máis recentes. Un obxectivo que sempre se atendeu desde a máis absoluta das normalidades e coherentemente cun contorno galegofalante pleno que, en absoluto, asegura coñecemento e valoración da/na lingua propia.

Mais era preciso pulsar agora, no remate do curso, a opinión tamén neste sentido, polo que se incorporaron dúas novas preguntas ao cuestionario de avaliación do funcionamento do club de lectura: En que lingua che custa máis ler? e En que lingua che gusta máis ler?

Nos dous casos, aínda que en porcentaxe algo menor á ofrecida pola compañeira de Melide, o galego sae prexudicado. A confirmación deste dato, ao noso ver claramente negativo desde a perspectiva formadora e actitudinal, chega da man do equipo da biblioteca ao nos confirmar que o primeiro libro escrito en galego que o alumnado ten escollido, ao longo de todo o curso, motu propio, está no posto 49 e cun nivel de consulta do 2%!!!

Da mesma maneira que non se comprendería que no comedor escolar do centro o menú se elaborase a partir de produtos únicos e repetidos polo mero feito de os demandar o alumnado, entendemos que o alimento das palabras tamén debe responder a unha dieta sa, diversa e equilibrada. Eis a razón pola que consideramos que debe continuar a ser o club de lectura quen amose aquela realidade lingüística da escrita que fóra xa se encargan de distorsionar ou invisibilizar.

Porque nada acontece porque si, por casual e infortunado azar; porque nada é inmutábel, fago miñas e partillo convosco, paciente lectorado, as palabras de Virginia Woolf nas que me inclúo para lembrar que moitas cousas dependen de vós e da influencia que podedes exercer sobre o porvir.

O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández

Recensión da obra de Miguel Anxo Fernández, O espido de Gina, publicada na web da Editorial Galaxia no mes de xullo de 2014.

Pasen e lean. Pasen e vexan. O espido de Gina.
Miguel Anxo Fernández, autor de consolidada traxectoria como contador de historias, así como de vasta formación e experiencia cinematográfica, proponnos nesta nova entrega narrativa, O espido de Gina, unha ollada retrospectiva á década dos 60, coincidindo cos tan programáticos “25 anos de Paz”, que ben podería reconstruír calquera dos escaparates daquel grisallo NODO.
Un triángulo capital constituirá a cerna da arquitectura narrativa nesta vila de Valdesantos que ben podería ser calquera vila galega que teñamos presente no noso imaxinario persoal ou familiar: o Central, o cine onde a imaxinación clarea as sombras e o desexo se converte en realidade; o Café Moderno, espazo para as rexoubas duns e doutros, onde cadaquén se amosa como é e, por iso, as verdades e as tramas inter pares acaban por se desenmascararen por un retórico taberneiro con mañas. E, finalmente, a Igrexa, o lugar onde, onte coma hoxe, pervive o medo, a sombra, a intolerancia, a negación dos corpos e a submisión da muller.
Un narrador de ollada pícara e man guieira convértese en cómplice desta lectura cinematográfica, cunha linguaxe próxima, áxil, en que o humor espontáneo rebaixa, como a necesaria pílula sosegante da dor, a tensión que evidencia as miserias dun tempo real.
Unha galería de personaxes circulan polos escenarios das secuencias, algún case imperceptíbel nas súas pasadas fugaces, mais provocadoramente alborotadoras coa moto pola praza central. Outros, con todo, amosan un perfil máis definido, como é o caso das mulleres da altura, consideradas propiedade do home e dependentes dos mandatos eclesiásticos, coa casa ou a Igrexa como espazo único de habitabilidade e relación social e onde esvarar polas normas impostas conduce á identificación negativa e despreciativa da comunidade.
Personaxes que, en definitiva, perfilan a liña de contraste social dun tempo que, en clave metonímica, fotografaríase entre os representantes e clientes habituais do cine fronte aos mandatarios e fieis da Igrexa, dous espazos condenados a non lles permitir entenderse. Mais, se cadra, incluso as fronteiras divinas poden chegar a derrubarse coa emisión do filme A Nosa Señora de Fátima e conseguir a necesaria reconciliación. Con todo, se a fenda aínda pervivise, podería renovarse o intento coa proxección dun novo filme, Espida fronte ao mundo, con Gina Lollobrigida como protagonista principal.
E se aínda así, finalmente, o milagro non obrase, entón con certeza será a veneradísima imaxe da Virxe Branca quen teña a última palabra para o asombro da cidadanía.
Pasen e lean. Pasen e vexan.

Conducireivos até o confín da miña lingua

Este texto foi publicado na revista das festas de Carballo, San Xoán 2014.

Conducireivos até o confín da miña lingua
abeirada de palabras barrocas
inzadas de fórmulas aletargadas
de emprazadas fiindas cortesás
de teoremas pitagóricos que elevarán
ao cadrado
o valor das vosas hipotenusas.

Entregareivos, fillas, alentos e voces herdadas
arrequecidas de mundo sereno
para debullardes o espazo que
por dereito
vos cómpre en parella proporción
nesa eterna multiplicación
entre a velocidade e o tempo.

Legareivos noites de alquimia
albas calidoscópicas
xeometrías inversas
soños poliédricos nun cómputo racional.

Amenceu un día
en que o máximo común divisor
ordenou que vós e mais eu debiamos claudicar.

Abandonarmos a espiral de antano.

Houbo un día que non chegou. Porque estabamos aí.