Agradecida por esta entrevista no programa Zig-zag da Televisión de Galicia arredor de Partituras, partilla poética con Xoán Carlos Domínguez Alberte. Podedes vela aquí.
Arquivo da categoría: Entrevistas
Entrevista no Diario Cultural arredor de Partituras
Obrigada a Xiana Arias pola demorada entrevista para o Diario Cultural sobre as nosas Partituras, recentemente editadas por Laiovento.
Un pracer partillar publicamente algunhas claves que camiñan no entreliñado e nas marxes destes 100 poemas de Xoán Carlos Domínguez Alberte e eu propia.
Pode escoitarse aquí, emitida o 31 de xullo de 2019.
Entrevista de Sergio Álvarez
Agradecida a Sergio Álvarez por esta entrevista publicada no seu blog o 29 de xullo de 2019. Pode consultarse tamén aquí.
P: Que ramas da cultura tocas ti?
R: O meu traballo cultural céntrase na palabra literaria, ora como autora ora como Secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
P: Intentache outras actividades culturais?
R: Interésanme todas as manifestacións e expresións culturais como espectadora, como interlocutora, como destinataria, mais non cheguei a exercer ningunha.
P: Como te decribirías?
R: Unha traballadora da palabra de noso que acredita en que o ensino e a cultura son radicalmente transformadoras para o necesaro avance da sociedade.
P: Que supón para ti Galicia?
R: Un xeito propio e irrenunciábel de ser e estar no mundo.
P: Como surxiu o teu interese polo que fas?
R: A curiosidade ten un papel moi importante en todo o que facemos. O encontro con persoas referentes tamén. A miña vocación como docente naceu xa no instituto precisamente grazas a profesorado referente para min. Á literatura e á escrita tamén cheguei por convite de persoas referentes que sempre me animaron a superar as miñas inseguridades.
P: Algún novo proxecto en mente?
R: Nesta altura comeza a campaña de presentacións do último libro que asino en coautoría co poeta Xoán Carlos Domínguez Alberte, publicado por Edicións Laiovento, un poemario que naceu, sen prevelo inicialmente, ao longo dunha conversa de varios anos que fomos mantendo os dous a través do correo electrónico e que quere ser lembranza do joc partit das nosas cantigas medievais.
En mente e en gabetas e arquivos sempre hai proxectos, mais dos que, por pudor, nunca gusto de falar até que están ben concretos e avanzados.
P: Cal foi teu proxecto mais destacado?
R: O máis destacado para min a nivel persoal e creativo foron dous. O primeiro, a biografía da poeta viguesa María do Carme Kruckenberg Sanjurjo, Vivir, unha aventura irrepetíbel, que escribín a partir de múltiples conversas con ela propia e viu a luz na editorial Galaxia. O segundo, o relato infantil Xandra, a landra que quería voar, editado en Urco, que me permitiu partillar ilusións e soños de novo co público infantil.
Entrevista en Tempos Novos: Que nos xogamos o 28-A? Que se xoga Galiza o 28-A?
Entrevista publicada no número 263 da revista Tempos Novos, de abril de 2019.
1. Que nos xogamos neste 28A?
Vivimos tempos limitadores de dereitos fundamentais como o de expresión, negacionistas do marco plurinacional e plurilingüe do Estado, de profunda involución dun Estado que non acaba de recoñecer as identidades que o conforman historicamente, unha deriva recentralizadora dun Partido Popular que se retroalimenta ante o avance da extrema dereita española.
Vivimos tempos de políticas neoliberais depredadoras que están dispostas a envelenar as terras e anular a capacidade produtiva dun país a cambio dun negocio económico privado limitado no tempo.
Vivimos tempos que prevén unha nova reformulación de Europa que pode afectar severamente os intereses galegos que derivan dos nosos sectores produtivos (a terra, o mar, a gandeiría…).
Ante este marco Galiza precisa volver ter peso e voz propia no Parlamento español a partir do 28 A, de xeito que a mensaxe naza de nós directamente sen outra intermediación máis que a realidade do pobo galego, sen ser apéndice de intereses internos doutras forzas políticas nin sometidos á vontade de consellos de administración empresariais.
2. Que se xoga Galicia neste 28A?
A experiencia da última lexislatura reflíctese no espello do tempo por contraste coas anteriores.
Precisamos que a palabra e o voto dun parlamentario ou parlamentaria galega valla para facer avanzar o país, non para equilibrar forzas internas con intereses noutros territorios.
Galiza como nación precisa máis do que nunca, nestes tempos convulsos e ameazadores do retorno do pasado máis negro e anulador de liberdades e dereitos para o pobo, nomeadamente para as mulleres, ter presenza parlamentar como cordón umbilical coa realidade galega.
A falta dun goberno autonómico á altura das necesidades reais galegas, incapaz de continuar co mapa de transferencia de competencias, e ante a demostración destes catro últimos anos de que a presenza de deputadas e deputados galegos non foi proporcional a un resultado que favorecese a nosa posición como país, fica claro que para falar de Galiza, como ten acontecido noutras lexislaturas precedentes, precisamos representantes nacionalistas que traduzan en Madrid o noso potencial e tamén as carencias históricas que queremos superar.
Nun tempo de políticas de escaparate e espectáculo, de falacias convertidas en pseudonoticias hiperrepetidas, de ruído orquestrado desde e para Madrid como única centralidade posíbel, onde queda a realidade galega?
O esmorecemento da industria galega que condena Galiza a un país de servizos, a grave crise demográfica que atrofia calquera planificación de futuro de modernidade, a estafa incomunicadora da principal arteria de comunicación que representa a AP-9, o abandono do medio rural, o desaproveitamento das enerxías alternativas, a negación da nosa identidade lingüística e cultural, a expulsión da mocidade galega máis preparada, a usurpación de bens públicos, etc.
Xogámonolo todo porque nos xogamos o futuro e ninguén vai mirar por nós máis do que nós propias.
¿Quen pode, pois, salvar a Galiza? Galiza mesma. Escribiu Castelao no ensaio Sempre en Galiza. E nesa escola continuamos a prender e sementar, tamén en votos con representación propia nas eleccións do vindeiro 28 A.
Entrevista para Ideas.gal: “Na forza popular reside, máis unha vez, a esperanza da sementeira futura”
Entrevista publicada na sección Pensar Galiza de Ideas.gal, o 15 de febreiro de 2019. A versión orixinal pode verse aquí.
“Que é para ti Galiza, hoxe?
Unha ponte no camiño coas raíces da historia en clave de presente vivo e coparticipativo e unha ilusión de futuro dun fogar en construción colectiva.
Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?
Traballo para que sexa un país en esperanzadora reconstrución, após o deterioro provocado e incentivado desde a inacción ou involución do propio goberno galego nos últimos 10 anos, traballando desde a base fortalecida dos seus sectores produtivos, poñendo en valor a súa personalidade identitaria dentro da diversidade lingüística e cultural universal e retroalimentándose coas novas potencialidades que ofrece o presente con perspectiva de futuro renovado.
Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?
Partindo dun ideal como meta, isto é, absolutamente real, e non dunha idealización, polo tanto, abstracta e etérea, insubstancial, imaxínoa, desde as diferentes vertentes e camiños en que traballo e aprendo, orgullosa de si desde o (re)coñecemento e a aprendizaxe, soberana nas súas decisións colectivas, defensora da xustiza social, feminista, coeducadora, inclusiva, respectuosa coas outras e, en fin, herdeira da nosa referencial célula de universalidade desde unha lingua propia individualmente viva e socialmente útil.
O traxecto cara ao punto de chegada –ou de retorno, logo do necesario Arredor de si que ás veces precisamos facer nos contextos sociolingüísticos e culturais non normalizados coma o noso– reside en cada unha, en cada un de nós. Por iso son sempre actuais os versos do noso poeta nacional, Manuel María: Galicia somos nós / a xente e máis a fala / se buscas a Galicia / en ti tes que atopala!
De nós depende o camiño de presente e futuro.
Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?
A mellora da sociedade non é un logro inmediato e ademais está condicionada por múltiples factores interdependentes. Este obxectivo vai requirir dun proxecto de intervención múltiple e dunha planificación a curto, medio e longo prazo. É imposíbel atinguilo desde unha mentalidade curtopracista e unidireccional. Por iso son tan necesarios compromisos colectivos de mínimos que garantan os pasos principais dese proxecto, para min sempre asentados no ensino e na cultura como columna vertebral da formación e da cohesión social.
Hai moitos xeitos de entender o que é mellor para unha sociedade; todo depende do horizonte ideolóxico que enmarque esa idea. Hai quen entende que a mellora da sociedade se alcanza minguando até a extenuación os servizos públicos para convertelos en negocio particular do sector privado; mais tamén hai quen pensamos que os alicerces dunha sociedade de futuro residen, entre outros factores, nunha boa calidade de vida desde o atendemento a eses servizos públicos, nos que sempre se inviste e nunca se gasta, porque as persoas son o primeiro e habitan o centro.
Para min o ultraneoliberalismo contemporáneo non é a fórmula que blinde o benestar da sociedade desde unha perspectiva igualitaria e equitativa, porque prescinde da cohesión social como garantía de xustiza social. Iso si, é un experto para inocular complicidades sociais desde unha linguaxe enganosa, equívoca e manipuladora, deformando ou prostituíndo o verdadeiro significado de palabras estandarte para unha auténtica democracia como “liberdade”. Por iso cómpre estarmos sempre espertas e atentas ás neolinguaxes, agora denominadas posverdades, que non son máis que mentiras gastas.
É certo que o custe económico nunha sociedade coidada é alto, mais tamén o é calquera outra aposta política que só atinxe medios materiais: pagamentos inxentes para promocionar o abandono da flota pesqueira ou da terra produtiva; para blindar intereses partidistas en medios de comunicación; para afogar o monte autóctono; subvencións á compra de coches; campañas publicitarias baleiras de contido profundo e sen contraste avaliador posterior etc.
Os servizos públicos garántense desde a implicación colectiva e corresponsábel, co compromiso honesto de toda a cidadanía contribuíndo cos seus impostos, de xeito progresivo e conforme ao seu nivel de ingresos, e coa supervisión e xusto reparto por parte da Administración.
A ética será a liña continua ou discontinua que marcará unha ou outra alternativa.
Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?
Cando estou fóra do país teño presentido certa contradición nas mensaxes que recibo sobre nós e o noso papel no mundo, que tamén me lembran as nosas propias contradicións.
Por unha banda, recibo un nivel de aceptación e empatía moi importante e, pola outra, comprobo a asunción de prexuízos e/ou tópicos illados que coidabas xa superados: a gastronomía, a paisaxe, a morriña, a aldea, a gaita… mais non hai, en xeral, unha idea de conxunto como pobo con historia propia nin un achegamento ás nosas potencialidades económicas. Consciente ou inconscientemente segue a funcionar a dicotomía estrutural metrópole/colonia.
No fondo, sempre conclúo que hai un profundo descoñecemento do que somos hoxe con perspectiva histórica. E como non o vai haber se nin sequera se pode coñecer o noso idioma e cultura propias por exemplo nas Escolas Oficiais de Idiomas do Estado español?
Unha aposta irrenunciábel, á vista de tantos puntos comúns compartidos, debe ser afrontar unha relación de proximidade no conxunto da área lusófona reforzando a chamada galeguía.
Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?
A soberanía permite tomar decisións e iso implica un exercicio de (re)coñecemento, de madurez e tamén de responsabilidade. Aspiramos individualmente a ter criterios propios, a actuar con autonomía partindo da nosa realidade, que ninguén coñecerá mellor ca nós propios. Entendo que colectivamente tamén debe ser así. Debemos decidir cara onde queremos ir e a través de que camiños facer a viaxe. Resolver se queremos ser sempre dependentes das decisións que outras tomen para nós e por nós.
Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?
Como docente de secundaria adoito reparar moito e decote no meu alumnado de quen sempre aprendo a pór os pés na realidade. A constatación, malia ser parcial, é que os seus referentes sempre están a centos ou milleiros de quilómetros de nós e da nosa realidade. E, asemade, representan mundos de escaparate e ficción enganosa que coido que pouco lles poden achegar como membros dunha sociedade que valore o saber, o coñecemento, o rigor, o esforzo persoal, a orde e a ética.
Isto preocúpame porque están a se educaren con formas de ser que non son propias de nós nin da nosa tradición e que, consecuentemente, tampouco poden deseñar os camiños do futuro facendo pé no piso da nosa casa común.
As razóns son múltiples, e a (ausencia de) corresponsabilidade social é evidente, mais nesta altura a deixadez de funcións por parte do goberno á hora de reproducir o campo de visión de referentes galegos de prestixio en todos os ámbitos paréceme notoriamente grave.
No presente, as xeracións máis maduras temos referentes porque existiron e porque os canalizaron e amplificaron outros deica nós desde soportes mediadores diferentes. As miñas preguntas son: estamos a adecuar a transmisión de referentes galegos históricos aos novos soportes de comunicación, información e ocio? Estamos a crear novos referentes propiamente galegos? Temos interese en que a infancia e a mocidade se críe e eduque con referentes propios?
Como ves a situación da cultura galega (desde unha perspectiva ampla)?
Do punto de vista da creación véxoa resistente e proactiva, desde a convicción e o compromiso, fortalezas imprescindíbeis que a axudan a non abandonar un proceso creativo persoal que avanza en continua renovación e ensanchamento de discursos.
Do punto de vista da mediación observo un comportamento máis desigual. Desde os colectivos de base, o movemento asociativo, o compromiso sociocultural segue activo, partindo do voluntariado e o altruísmo, aínda que sometido a dificultades propias dunha asfixia económica e de valores como a que estamos a vivir. Desde as administracións o pulso e o compromiso coa cultura galega é moi diferente e desigual, mesmo non podendo falar practicamente nin de mínimos nalgúns casos. Infelizmente, os orzamentos en investimento cultural público minguaron de forma temeraria desde hai unha década e nesta altura dependen, en moitas ocasións, de proxectos políticos e ideolóxicos que fan de menos a cultura galega. Con todo, hai excepcións que sobrancean por actuaren con outra sensibilidade moito máis respectuosa e cómplice na súa función de mediación e enlace entre a creación e a formación de públicos consumidores de cultura propia.
Que papel debería xogar a literatura (nas súas diferentes manifestacións) na sociedade galega, e que modelos estimas interesantes para seren implementados?
A literatura é, de todas as manifestacións culturais, probabelmente a que máis avanzou nas últimas décadas no camiño da normalización. Con todo, os últimos datos sobre hábitos de lectura son bastante preocupantes, pois apenas un 4% do lectorado escolle libremente para o seu tempo de lecer un libro en galego.
Mais como imos pedirlle á literatura o valor social que non se lle permite á súa principal ferramenta de traballo, o idioma?
Eis o grave problema que temos: unha sociedade cada vez máis muda e xorda ante a lingua propia e oficial, uns corpos familiares que renuncian prexuizosamente a transmitir interxeracionalmente o galego e un goberno que lexisla en contra da súa aprendizaxe e agocha a súa presenza nunha falsa etiqueta plurilingüe que só inviste na aprendizaxe do inglés e en inglés de coñecementos e materias que, ao tempo, prohibe en galego.
Neste terreo de xogo a literatura desenvolve todas as súas funcións: a estética, a simbólica, a evasiva, a afectiva, a cultural, a social e, como non, a de compromiso.
O compromiso coa palabra das escritoras e escritores en lingua galega é o compromiso con cada un, con cada unha e mais coa sociedade e a cultura que historicamente creou o pobo.
Que opinión tes sobre o sistema educativo galego, e para onde debería camiñar?
O ensino público galego é insuficientemente valorado pola Administración, cando non percibido como un sector hostil, ao igual que o cultural. O seu nivel de insensibilidade para cun dos alicerces fundamentais na construción do ser humano foi e segue a ser máximo. Desde a chegada do PP ao goberno galego –e español– vivimos a aplicación dunha política de escaparate, descarnada, regresiva estruturalmente, baldeira de contidos substanciais e con representación distorsionada da realidade, pois os titulares mediáticos non reflicten a realidade interna dos centros educativos.
A aplicación da LOMCE supuxo un retroceso en todos os niveis na procura dun sistema equitativo no acceso á formación e respectuoso coa diversidade.
Por outra banda, nestes anos o ensino galego está a ser novamente, como xa o foi en tempos, un importante axente desgaleguizador, pois non é quen de reforzar o alumnado galegofalante que accede á escola nin de incorporar ao seu dominio e uso social ao castelanfalante, co que se está a incumprir o mandato legal da consecución dun dominio bilingüe nos dous idiomas oficiais no remate da escolaridade obrigatoria.
A lexislación en materia lingüística foi moi prexudicial desde o 2010 para a normalización ou equiparación do galego, pois, para alén de limitar os seus contextos de aprendizaxe, prohibindo os propios do ámbito mátemático e científico-tecnolóxico, reforzou o discurso prexuizoso dunha minoría social que defende a ignorancia no idioma propio.
Con todo, fronte á grave involución planificada cara á recentralización de competencias, a uniformización do pensamento ou o elitismo xerarquizador, a sociedade ergueu persistentemente a voz e conseguiu deter en parte o proceso inicial, como por exemplo no pulso social que fixo fronte ás reválidas.
Na forza popular reside, máis unha vez, a esperanza da sementeira futura.”
Entrevista en Hoy por Hoy A Coruña, da cadea SER
O 31 de decembro de 2018 fun entrevistada por Teba Chacón no seu programa Hoy por Hoy A Coruña, na cadea SER. Velaquí a conversa.
Entrevista no CEIP Raquel Camacho (A Coruña)
O 30 de outubro deste 2018 estiven co lectorado de Xandra, a landra que quería voar de 2º de primaria do CEIP Raquel Camacho. Aquí podedes ver o vídeo da entrevista-conversa con Zoe e Antón, das aulas de 2ºA e 2ºB. Foi todo un honor para min!
“Xandra naceu dun reto persoal”
Entrevista de Paula Vázquez para La Voz de Galicia, publicada o 4 de abril de 2018. A versión orixinal pode verse aquí.
“De raíces larachesas e docente en Coristanco, Mercedes Queixas (A Coruña, 1968) vén de publicar o seu primeiro libro infantil: Xandra, a landra que quería voar, unha chamada de atención a cativos e maiores para manterse no ar e non caer no inconformismo. «Mesmo sendo adultos, non debemos renunciar á capacidade de soñar», lembra a escritora.
– La Voz de Galicia (LVG): Esta é a primeira vez que publica para nenos. ¿Como xurdiu a idea?
– Mercedes Queixas (MQ): Xurdiu hai moito tempo, a partir dunha petición da miña filla máis nova. Díxome por que non escribía cousas importantes e interesantes para nenos e nenas, no canto deses textos serios e aburridos que eu facía. Entón tomeino coma un reto persoal. Partindo deses relatos que ás veces lle lía a elas cando eran cativas, pregunteille que conto lle gustaría que escribise. Pediume que contase a historia dunha landra que quería voar. E así foi.
– LVG: O libro fala dos soños e da posibilidade que, como seres humanos, temos de conseguilos. Para lelo non hai un límite de idade…
– MQ: Creo que cando o escribín realmente pensei en min, ou en calquera persoa adulta. De feito, nunha das presentacións máis recentes, cando lle preguntei aos cativos por que lles parecía que eu escribira este libro, un díxome directamente «porque ti tamén querías voar». Sentinme absolutamente espida, tiña razón! Eu compúxeno porque preciso soñar. Mesmo sendo adultos, creo que nunca debemos renunciar á capacidade de aspirar a algo.
– LVG: Unha historia para crer e soñar, ter esperanza e nunca perderse. ¿Uns valores que se perden cada vez máis nesta sociedade?
– MQ: Si, estou segura de que me enriqueceron moito todas as lecturas de libros infantís que eu compartía coas nenas. Non nos podemos conformar con que as cousas teñen que ser así porque veñen dadas, porque todo o mundo as fai ou porque é o que se leva. Podemos ter diferentes desexos e traballar para acadar outros obxectivos. Con esta obra, quero compartir un convite que moitas veces me fago a min mesma, a voar e a non caer no inmobilismo e inconformismo. Debemos ter a nosa maneira de ver o futuro e o noso propio dereito a traballar por el. Este libro é algo así como unha chamada de atención, e paréceme fundamental transmitirllo ás crianzas.
– LVG: Xandra conta coas ilustracións de Paula Pereira. ¿Vostede tamén participou no proceso creativo?
– MQ: Eu entregueille o texto, e cando ela mo devolveu coas súas ilustracións foi cando me convencín a min mesma de que podía haber un libro. Antes non, para min só era un texto gardado nun arquivo. Ela tiña moitas ganas de experimentar co ámbito da ilustración infantil. A obra é un reto das dúas. Meu, á hora de construír un texto, e dela, á hora de artellar o plástico, de facer que esas palabras tivesen unha iconografía.
– LVG: O luns celebrouse o Día do Libro Infantil. ¿Cal cre que é a importancia do fomento á lectura desde a infancia?
– MQ: É fundamental. Cando nace unha criatura, ao igual que existe a prioridade da alimentación física, eu creo que temos que ter á par unha manutención formativa, espiritual, mental…Un neno ou unha nena que desde o principio está en contacto cos libros, será moito mellor para si mesmo e para o mundo. O libro ten que estar sempre presente e ao alcance de todos. E logo, cadaquén, xa escollerá.
– LVG: ¿Ten algún texto ou autor de referencia á hora de poñerse a escribir neste ámbito?
– MQ: Teño moitos, pero quen me merece o respecto maiúsculo son aquelas autoras e autores que pensan nunha escrita para axudar a formar e transformar a sociedade, aqueles que traballan dunha maneira vocacional na literatura infantil e xuvenil. Son piares fundamentais na construción da nosa sociedade, construír un texto para os máis pequenos é moi difícil.
– LVG: ¿Que tal a experiencia cos cativos?
– MQ: A experiencia xenial, e creo que é por iso polo que cada vez me poño máis nerviosa [ri]. Os cativos palpitan doutro xeito. Non teñen que ser politicamente correctos nin enganan a ninguén. Sabes que aquelas caras de sorpresa ou colaboración na contada son así. E eu sinto esa empatía.”
Entrevista no programa Chamando á Terra
No programa Chamando á Terra da Radio Galega fixéronme esta entrevista o sábado 3 de marzo de 2018. Agradecida!!
“Mercedes Queixas conversa con María Solar sobre o seu traballo de edición dos relatos inéditos de María do Carme Kruckenberg, compilados en O morto asasinado e outros contos, e do seu último traballo como autora, Xandra, a landra que quería voar. A entrevista pode escoitarse aquí.”
“Os relatos de María do Carme Kruckenberg”, entrevista no Diario Cultural da Radio Galega
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Esta foi a entrevista que me fixeron sobre o volume O morto asasinado e outros contos, onde se recollen narracións breves inéditas de María do Carme Krukenberg. A entrevista pode escoitarse aquí.