Entrevista arredor de Labrego con algo de poeta no Zig-zag da Televisión de Galicia

DesdeManuel María Mercedes Queixas completo portada a web da Televisión de Galicia:
Mercedes Queixas é a autora dunha nova biografía de Manuel María, Labrego con algo de poeta, publicado pola Editorial Galaxia.”

A entrevista pode verse completa nesta ligazón.

Entrevista en La Voz de Galicia arredor de Labrego con algo de poeta

Entrevista publicada en La Voz de Galicia o 26 de abril de 2016, realizada por Begoña R. Sotelino. A versión orixinal pode verse aquí.

– La Voz de Galicia: ¿Como nace a proposta de facer un libro sobre Manuel María?

– Mercedes Queixas: Nace a partir do convite que me fai Víctor Freixanes, o director da editorial, unha vez que se fixo público por parte da Real Academia Galega o nome do autor homenaxeado nas Letras Galegas do 2016. A proposta era preparar unha biografía que fose breve e divulgativa, que puidese achegar a figura, a personalidade e a obra de Manuel María a todo tipo de público. Freixanes non o sabía entón, pero eu xa estaba a traballar sobre Manuel María para un estudo que estaba preparando.

– La Voz de Galicia: Entón foi un encargo acertado.

– Mercedes Queixas: Totalmente. Eu nunca acepto encargos sobre autores que non me interesan, pero resulta que el é un dos que máis adoro, sobre todo como poeta, e é unha das persoas que máis admiro polo seu compromiso ético coa vida e os seus tempos vitais. Eu tíñao moi lido. É unha das miñas lecturas de cabeceira, pero nunca chegara a poñer nada por escrito. Así que este traballo foi a oportunidade para sistematizar lectura e investigación. Foi unha inmensa alegría cando escoitei o seu nome en boca do presidente da RAG porque intuín que ía ser un ano de festa das Letras Galegas. Manuel María deu moito, humana e literariamente.

– La Voz de Galicia: ¿Con que plan afrontou o proxecto?

– Mercedes Queixas: A primeira sensación foi a de sorpresa. Logo, a de alegría. Despois veu unha primeira vertixe, porque eu sabía a dificultade de escribir unha biografía sobre Manuel María. Primeiro porque era un home que tivo unha vida moi densa e activa. Non a contemplou como espectador senón que asumiu moitos papeis e todo iso, nunha biografía breve, é difícil de condensar se queres facer algo xusto e equitativo. Ademais, a iso había que sumar sintetizar unha obra de máis de cen títulos, máis de cincuenta poemarios, e libros de relatos, novelas, obras de teatro, ensaios, prosa xornalística..

– La Voz de Galicia: ¿Cal é a segunda vertixe que sentiu?

– Mercedes Queixas: A que me daba porque eu o coñecín e tiven certo trato persoal con el, sobre todo desde que foi a vivir coa súa muller, Saleta, para A Coruña. A min facíaseme difícil buscar o punto medio en que a subxectividade ou a admiración non solapase a obxectividade necesaria. Aínda así aceptei o reto e púxenme mans á obra e estou moi agradecida a Galaxia por poder mostrar a un Manuel María tan profundo e auténtico.

– La Voz de Galicia: ¿Se tivese que trasladarlle a alguén de fóra a importancia de Manuel María, que destacaría?

– Mercedes Queixas: Valoro moito nel algo que creo que é moi difícil de encontrar en ningún outro autor, que é a capacidade de traballo e creación escrita polo número de obras que deixou. Tampouco hai outro capaz de tratar tal diversidade temática. Na súa obra está todo. En 54 anos de escrita pódese atopar un Manuel María existencialista, intimista, paisaxístico, poeta social comprometido, irónico, retranqueiro, ou o intelectual que é capaz de levarte pola sabedoría da cultura popular, do patrimonio artístico, da historia… Un erudito de altísima competencia que sabe de todo. Tampouco descubrín noutros escritores a capacidade para levar en paralelo a vida e a obra. Lendo o que escribiu pódese seguir a evolución do home. A traxectoria de Manuel María lévanos pola evolución colectiva de Galicia durante a segunda metade do século XX.

– La Voz de Galicia: Hai moitos autores galegos que seguen ocultos ou son pouco coñecidos excepto para especialistas en literatura galega ¿O Día das Letras Galegas é insuficiente para descubrir xoias ao gran público?

– Mercedes Queixas: Se entendemos o Día das Letras Galegas como un acto solemne de día festivo no que se lembra a un autor, é insuficiente. Ten que ser algo intenso e está pasando este ano. Vexo como se está traballando nas escolas e en movementos asociativos por recuperar a este autor. Non hai unha mellor forma de divulgar a súa traxectoria que lendo a súa obra, non falando e facendo grandes loanzas.

– La Voz de Galicia: O Día do Libro as librerías están a tope. O Día das Letras Galegas, ao ser festivo, están pechadas.

– Mercedes Queixas: Para min, que teño memoria de cando non era festivo, a repercusión social, que creo que ten que ser o gran obxectivo da xornada, é incomparable. O Día das Letras Galegas era máis viable e eficaz cando non era festivo. A min, se me desen a escoller, escollería un día laborable e lectivo que se vivise na rúa con intensidade. Temos que axudar a este país a que se coñeza a si mesmo e profundice na súa cultura que para moitos é invisible.

– La Voz de Galicia: E máis invisibles son as mulleres nas letras galegas, ¿non?

– Mercedes Queixas: Si. Segue sendo un reto pendente porque a partir da metade do século XIX a muller foise incorporando a escrita e á vida social. Esa escusa xa non serve. A Real Academia Galega, como moitas outras institucións, seguen tendo unha débeda coas mulleres.

– La Voz de Galicia: ¿Un nome que se lle veña á cabeza sen darlle moitas voltas?

– Mercedes Queixas: O de Pura Vázquez, por exemplo. Pero son moitos. O problema non é de nomes propios senón de actitude.