Planificar a desplanificación

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza, o 15 de novembro de 2018.

Este mes de honra aos nosos defuntos lémbranos que a paz dos cemiterios repousa na realidade sociolingüística galega, nomeadamente na planificación oficial de responsabilidade inescusábel.

A situación do galego canto a competencia individual e uso social é tamén herdeira dun tempo próximo, con mudanzas involutivas aceleradas aos nosos ollos, pois hoxe o tempo corre e voa máis aló da metáfora.

Quen lles escribe, sen vocación de chorona conformista nin apocalíptica da desolación, inimiga de habitar o mundo mirando cara a outro lado ou facendo ouvidos xordos, non acredita no infortunio inevitábel da normalización do galego, senón que teima en reparar e pór en valor actitudes positivas que participan do respecto polas linguas, conscientes de representaren unha senlleira armazón cultural histórica gravada na tona das palabras e na pel das emocións.

Respectar un idioma significa respectar o artífice da súa construción, isto é, o pobo. Ben o sabe o pianista británico James Rhodes ou o toledano xogador do Celta, Fran Beltrán.

Pola contra, agredilo ou negalo, procura o seu exterminio, extirpando as raiceiras, cegando o sol que o alumea e quenta e invalidando o vento que o esparexe en sementeira.

A escola semella ser, cando menos a golpe de titular mediático, ese espazo-tempo desde o que inocular os coñecementos, corrixir os desniveis socioeconómicos e culturais, previr as desigualdades e capacitar para a construción dunha sociedade culta e libre.

No entanto, desde 2010, coa aprobación do Decreto de plurilingüismo, hai unha área de coñecemento curricular no ensino infantil que está ficando escurecida, cando non arrombada ao cuarto dos trastos inútiles, no canto de facer parte das interaccións verbais e lúdicas do ensino-aprendizaxe: o galego.

A radiografía actual do escasísimo coñecemento e uso social do galego na infancia é coñecida, mais as actuacións de intervención en positivo seguen en paciente sala de espera.

A primeira das decisións unilaterais contra a normalización lingüística do goberno galego do PP chegou naquel decreto disfrazado de pluralidade que espía do abrigo da lingua propia. E unha das súas dianas, para alén da prohibición inédita de impartir a maioría das materias do ámbito científico-tecnolóxico en galego (podéndoo facer en inglés!), foi a drástica aminoración da oferta educativa en galego para a educación infantil.

Planificar a desplanificación lingüística que, de xeito lento e morno, viña aplicándose no ensino desde a aprobación da Lei de normalización lingüística (1983) e mais do Plan xeral de normalización da lingua galega (2002).

Malia o tempo transcorrido, non esquecemos a anulación dunha medida educativa publicada en 2007 pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa; unha convocatoria de accións para potenciar o ensino en lingua galega no segundo ciclo de infantil en contextos castelanfalantes en centros educativos públicos, primeiro, e posteriormente en centros privados.

A raíz e os obxectivos deste proxecto pioneiro nacían dunha base rigorosa: comprender que o futuro do galego residía, de xeito principal, aínda que non único, na capacidade de colocar o idioma galego na contorna de comunicación e aprendizaxe dos nenos e nenas escolarizados na etapa infantil.

Un proxecto innovador que só podían ofrecer aqueles centros que contaban con máis dunha liña en infantil e sempre e cando as familias manifestasen o seu consentimento por escrito.

Un proxecto que axiña comezou a dar os seus froitos, como testemuñaron diferentes comunidades educativas en xornadas de formación e avaliación. Unha avaliación que, dez anos despois, aínda non chegou para o Decreto de plurilingüismo.

Un proxecto que ían converter en núcleo da intolerancia as ordes estritas do goberno do PP, prohibindo aos centros continuaren organizando as chamadas “liñas de galego” no curso 2010-2011, anulando de raíz uns proxectos excepcionais que atendían á lexislación e ás necesidades de normalización do idioma galego nunha etapa prioritaria como é a da educación infantil.

E mentres tanto, aínda hai algún médium en transo que segue a pinchar no disco raiado do discurso da imposición do galego no ensino ou da desaparición do castelán en Galiza, demostrando que o único perdido é el na súa propia falacia.

Advertisement

Vídeo da “Xornada sobre políticas culturais en Galicia”

O pasado 13 de novembro participei, tras convite da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, na Cidade da Cultura nunha Xornada sobre políticas culturais en Galicia. Un debate necesario.
Para quen non puido estar alí, ou se se quere escoitar de novo algunha intervención, aquí pode verse a xornada vídeo a vídeo.
A seguir, o vídeo onde se recolle a miña participación (aproveito para agradecer enormemente o convite):

Entrevista no CEIP Raquel Camacho (A Coruña)

O 30 de outubro deste 2018 estiven co lectorado de Xandra, a landra que quería voar de 2º de primaria do CEIP Raquel Camacho. Aquí podedes ver o vídeo da entrevista-conversa con Zoe e Antón, das aulas de 2ºA e 2ºB. Foi todo un honor para min!

Unha avaliación realista

Artigo publicado no semanario en papel Sermos Galiza o 18 de outubro de 2018.

Unha das primeiras tarefas académicas de cada novo curso educativo consiste en valorar o nivel de coñecementos do alumnado, isto é, unha avaliación inicial que orientará as pautas da aplicación ou posíbel adaptación, en caso de necesidades educativas específicas, da programación didáctica que o currículo oficial determina.

Cumprida a rutina escolar no comezo do presente curso, a sorpresa chegou en boca dun alumno de 4º ESO cando, logo de entregar a totalidade do alumnado a proba escrita, exclamou a viva voz: “Por fin, unha avaliación realista”.

Apenas uns segundos tentando albiscar a orixe dese exercicio, tamén pola súa parte, avaliador, preguntei o porqué da afirmación. A resposta foi contundente: “Porque se parte da nosa realidade”.

E cal é esa “nosa realidade” estarán a se preguntar?

O alumnado debía responder algunhas cuestións, propias dos contidos da materia de lingua e literatura galega xa superados no curso anterior, a partir da lectura en pantalla dunha nova do medio dixital Disquecool (www.disquecool.com), que informaba dunha iniciativa de concienciación social sobre a importancia da limpeza das praias que o Concello de Carballo desenvolvera no verán, dun xeito sorprendente e ben visíbel, a partir da instalación na Praia de Razo e tamén no centro da vila, a grande escala, deses restos que non deberiamos afacernos nunca a ver entre as nosas pegadas como normais (cabichas, restos de envases plásticos, cascas de pipas…).

Adoita acontecer que cando alguén se atreve a dar un paso valente, que moitas veces consiste en expresar en alto o que a gran maioría pensa e sente, todo o grupo se suma á valoración positiva, pois, para alén do valor aproximativo, as cuestións gramaticais requiridas non demandaban ese esforzado exercicio de memorización previa.

O que non imaxinaba o alumnado é que eu ía de novo sentirme invocada pola lembranza do discurso dese grande ilustrado e pedagogo, Frei Martín Sarmiento, cando nos seus escritos critica a excesiva memorización de contidos inintelixíbes para as discentes e chama para un exercicio docente que poña “especial atención en estudar de sentido”.

O modelo educativo excesivamente teórico, nemotécnico, e pouco práctico para dar resposta ás situación reais en que unha boa competencia lingüística é fundamental, aínda se segue a frecuentar na escola galega de hoxe nun evidente retrato desa fotografía humanística do pensamento de Sarmiento:

“Así son os nenos que, como papagaios, estudan de memoria e á letra contextos que non entenden”.

Con todo, non había ser este primeiro baño de didáctica realista o último do curso aínda recén nado.

A primeira tarefa académica deseñada, fóra do libro de texto convencional e dentro da pantalla dixital que enmarca o noso blog de aula, propuña un sinxelo exercicio de achegamento ao outono, á vida dunha estación rica para o ciclo da terra e da vida das mans que tradicionalmente a traballaron. Por iso tamén, unha estación moi presente no noso refraneiro popular e no corpus da literatura oral galega.

A actividade partía da observación e comentario crítico dunha viñeta outoniza de Luís Davila e mais dun poema de Manuel María tomado de Poemas ao outono. Deseguido, o alumnado, a partir do traballo de campo, debía achegar refráns e expresións populares que aprendesen directamente de informantes orais próximos, familiares e veciñanza.

Esta ferramenta pedagóxica dixital é de acceso público e aberto, partillada por calquera profesional docente que a considere útil no seu acompañemento escolar.

Mais a sorpresa bateu de novo en nós, invadindo este noso cuarto de traballo, sen chamar á porta nin pedir permiso para entrar, anotando, baixo o pseudónimo Elver Galarga, o seguinte comentario, tamén público e accesíbel á lectura de calquera persoa:

“Con Franco este Blog non estaba aberto, e moito menos escrito por una muller”.

E entón fun eu quen exclamou: “Unha avaliación realista”.

Palabras en tempo real de quen está a promover unha realidade en clave de pasado sometedor e asoballante.

E con esta realidade explícita, moi lonxe da que regula o deseño curricular base aprobado pola consellaría e do que traza o libro de texto, foi obrigado comezar as aulas seguintes.