Benvida a esta XXXVI edición da Festa da Pataca!
Resulta para min inviábel comezar este pregón sen facer pé na memoria da miña vida entre vós ao longo dos últimos anos, pois é este, e non outro, o argumento principal que explica a honra que me concededes con este convite a participar deste voso novo día grande do ano.
Nacía o 1 de setembro de 1999 unha relación entre o pobo coristanqués e eu propia que está a piques de cumprir a maioría de idade e que anticipa a madurez da nosa convivencia, un tempo en que non houbo outro topónimo tan presente na miña vida persoal e profesional nin na nosa casa como o de Coristanco.
Quixo o destino profesional que a miña vinculación bergantiñá avanzase o seu ciclo en espiral até aquí, á vosa casa, que sempre sentín acolledoramente próxima, logo de se ter iniciado coa miña ascendencia materna larachesa. Quixo tamén o destino reencontrarme co medio rural, en que me recoñezo naquela primeira infancia e adolescencia a cabalo quilométrico de fin de semana entre A Laracha e Meirama.
Lembro un medio rural vivo, útil e, por tanto, necesario para as persoas que o traballaban, que iniciaban e remataban nel o ciclo vital. Un medio rural onde as persoas vivían cara á terra, nunca de costas á terra. E así o reivindico para hoxe e para mañá, para o futuro de quen decida optar por este camiño tan digno, que nace e medra labrado nas mans do traballo, individual e colectivo.
Confésovos que ano tras ano observo atenta, desde a ventá do departamento de lingua e literatura galega e desde os corredores do instituto que comunican as aulas, a evolución do puntual ciclo da terra nas vosas leiras, coa súa natural mudanza de cores anunciada polo trafego humano e a imprescindíbel maquinaria colaboradora. O millo e, sobre todo, a pataca son o meu almanaque visual ao longo do ano.
Estas imaxes en proceso activo, dinámico e cíclico fixéronme concluír que o meu traballo é moi parecido ao voso.
Cada curso é un reto en que volcarmos esforzo e entrega ao coidado do mellor resultado posíbel para a delicada materia prima coa que traballamos. Fresamos e aramos os nosos territorios, con ferramentas diferentes, á procura de semellantes obxectivos de produción positiva nos nosos terreos de plantación; abrimos sucos que permitan renacer a materia viva; regamos, aboamos periodicamente co principal alimento da vida e sachamos para desterrar torpes e inorportunas malas herbas que freen ou anulen o noso proceso sementador. Porque se a colleita final é ben lograda, gañamos todos. E se non o é, tamén perdemos todos. Seguir lendo