Sálvese quen poida

Artigo publicado en Nós Diario o 30 de xullo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

As vacacións escolares de verán é necesario tempo de descanso para alumnado e profesorado. Con todo, tamén é ese preámbulo imprescindíbel para soñar co que nos agarda nun novo curso: reencontro nas redes de compañeirismo, vertixe ante o descoñecido ou retos persoais e profesionais. Máis do que nunca teriamos imaxinado, precisamos comezar o curso 2020-2021 coa sensación dun curso equilibrado, organizado e seguro. Porque o verán, para profesorado e equipos directivos, son meses de planificación pedagóxica das diversas variábeis que modelan un curso. Asemade, para as familias que deben prever como se moveren na inestábel liña vital da conciliación.

O novo curso oficial anuncia outro capítulo na serie negra vivida na última década co goberno do PP de Feijóo: supresión de prazas de profesorado, redución de aulas e negativa a reducir o número de alumnado por aula. Confirmación do protocolo de actuación dun goberno centrado en baleirar de fortalezas o ensino público galego.

Unha situación moi complexa que agora se agrava coa falta de seguridade sanitaria na escola á que encamiña un protocolo unilateral da consellería que se autolimita a ser un sálvese quen poida, conducente ao desamparo da comunidade escolar, importante núcleo de redes socializadoras dentro e fóra de cada centro.

Ao tempo, a propia Xunta de Galiza emenda a Consellería de Educación ao limitar as reunións a 25 persoas. Este curso eu non tiña ningún grupo de ESO nin de Bacharelato con menos de 25 alumnas e alumnos. Entre eles persoas con factores de risco, igual que entre o profesorado. E, como non, persoas que precisan ler os labios.

Día a día, unha nova alerta sanitaria reconfirma que non vivimos con normalidade, por iso a volta á escola dentro dun mes precisa dun protocolo responsábel en cada decisión e tamén en recursos materiais e humanos. Non se trata de alarmismo innecesario senón de prevención imprescindíbel.

Advertisement

Unha nova Galiza

Artigo publicado en Nós Diario o 2 de xullo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

A principal sensación que nos deixou o debate é o nada afeitas que estamos a recibir nas nosas pantallas un encontro dialéctico de contraste entre aquelas que queren asumir a alta responsabilidade de guiar o presente e o futuro do pobo galego.

Se este diálogo é pedra basilar en democracia, vólvese determinante nese intre en que a cidadanía debe comprometerse co seu voto.

E neste proceso de reaprender a desconfinar o pensamento, comprobamos quen domina a capacidade de dialogar e quen só sabe pontificar en monólogos ben adobiados por equipos de asesoramento e comunicación.

Fronte a un Feijóo nervioso, ancorado na defensa dun pasado de once anos onde as palabras non ditan feitos e sen propostas ilusionantes de futuro, a audiencia comprobou como a candidata do BNG, Ana Pontón, con empatía e convicción, compartía un proxecto integral, inclusivo e solvente de país, nado da raíz do pobo, coa expectativa de facer renacer unha nova Galiza.

As mentiras de Feijóo teñen as patas moi curtas e o nariz moi longo. Comprobámolo reiteradamente nese mal hábito seu de enumerar cifras que nunca teñen correlación na realidade. Un discurso ficticio que volve o seu lema “Galicia, Galicia, Galicia” nun “Fume, Fume, Fume” ou “Leria, Leria, Leria”.

Mais, para alén das súas cifras que xa ninguén cre, esquecéronlle algunhas ben realistas para as que si cumpría explicación.

Refírome, por exemplo, ás que acaba de ofrecer Intermón Oxfam que falan de que máis de 530.000 persoas no noso país, o 19% da sociedade galega, está no limiar da pobreza.

Ou tamén ás do recente inquérito electoral do CIS que fixan a posición da Galiza actual nun estado peor que hai catro anos para o 30,8% da poboación galega e igual para o 44,7%. Velaquí o relato dunha Galiza parada e dun Presidente da Xunta que dimitiu da defensa dos intereses galegos.

Porque sen presente non hai futuro, este 12 de xullo reiniciamos a marcha cara a unha nova Galiza.

#12dexullo

Artigo publicado en Nós Diario o 25 de xuño de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Hai catro anos unha preadolescente díxome, sorprendida, que cando escoitaba falar a Ana Pontón comprendía o que dicía e ademais tiña razón.

Aínda reafirmaba. Ana era unha muller que falaba dos problemas da xente recoñecíbel na vida común e sempre propuña alternativas. Non falaba por falar. E se niso consistía a política, entón gustáballe a política e mais Ana.

Disimulei a miña sorpresa de madurez e asentín con ilusión adolescente compartida. Naquela altura souben que o bo estaba por vir para este Nós colectivo que leva tanto tempo a sementar na construción do Pobo.

A Terra precisa mans novas e agora é a mocidade, motor dos cambios no presente para trazar un novo futuro, quen maioritariamente quere ser voz e apoio social do BNG que representa Ana Pontón como candidata á presidencia da Xunta de Galiza o 12 de xullo.

Rosalía de Castro xa alentaba a boa ventura:

¡Arriba
todas, rapaciñas do lugar,
que o sol
i a aurora xa vos vén a dispertar!
¡Arriba!
¡Arriba, toleirona mocidad,
que atruxaremos—cantaremos o ala… lá…!!!

Canda a mocidade, tamén as mulleres camiñamos á fronte para arroupar un soño cada vez máis real, conscientes da necesidade de avanzarmos nesa igualdade que beneficia o plural desde a responsabilidade da acción política.

As mulleres que en conciencia lle dixemos a Feijóo Nunca Máis ao peche do paritorio de Verín. As mulleres que non toleramos a impertinencia bandoleira daquel ex abrupto machista no Parlamento: “A señora Pontón está moi necesitada”. Nin tampouco esquecemos a campaña de cousificación das mulleres como xigantes entre monumentos patrimoniais.

Porque as mulleres non esquecemos que, se for preciso, o PP de Feijóo e mais o Feijóo do PP (non hai campaña posíbel que os confunda), pactaría cun partido fascista e misóxino, apelo a nos sumar a facer historia acompañando o paso firme, valente e comprometido de Ana Pontón cun voto de ilusión e esperanza, de reto e confianza cara a un #EuTaménConAnaNavegar!

É o momento

Artigo publicado en Nós Diario o 11 de xuño de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Neste tempo posCOVID-19 seica non é o momento

De cuestionar despidos de empresas que presentan ano tras anos enormes beneficios.

De cuestionar onde está a Igrexa solidaria coas necesidades sociais como institución exenta de contribuír ao erario público co pagamento do IBI.

De cuestionar por que na televisión e na radio públicas se escoita unha única voz cando son varios os proxectos de país.

De cuestionar o baleiramento de recursos humanos e materiais cos que afrontan a realidade pandémica os profesionais da sanidade pública.

De cuestionar o abafo que producen discursos políticos inzados de intolerancia e promotores de odio.

De cuestionar quen confunde solidariedade e xustiza social con caridade ou esmola.

De cuestionar o desleixo na protección sanitaria dos nosos maiores nas residencias dos NON coidados.

De cuestionar que Feijóo afirme ignorar o informe do Consello de Contas crítico coa xestión das residencias privadas de atención aos maiores.

De cuestionar que nos permitisen ir ao supermercado mais non á horta.

De cuestionar que o presidente galego non se dirixa ao pobo galego en galego.

De cuestionar a importancia das librarías como espazos de acougo saudábel.

De cuestionar a cultura galega como fonte de (trans)formación e transmisión do coñecemento da identidade propia.

De cuestionar a educación como vínculo formativo e emocional e a escola como ágora de encontros en igualdade.

De cuestionar a ineptitude dun presidente da Xunta de Galiza que ignorou as súas funcións, competencias e responsabilidades na protección do seu pobo.

É chegado o momento de sermos o punto e á parte que coloque o punto e final á inercia do rumbo político dun PP esgotado, para mirarmos aos ollos da nosa xente e dicirlles coa voz renovada dos versos da “Letanía de Galicia” do poeta Uxío Novoneyra:

“sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa”

Loito da verdade

Artigo publicado en Nós Diario o 7 de maio de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Houbo un tempo de crise en que nos engaiolaron coa posverdade como sinónimo dunha nova mentira.

Hai agora un tempo de crise maior en que nos hipnotizan coa nova normalidade. Está por ver o sinónimo que o dicionario da realidade lle concede.

Este distancia do que verdadeiramente precisamos, as persoas, a socialización coa nosa xente, as apertas e os bicos, está a esclarecer fendas dunha vida sentenciada polas políticas neoliberais do Partido Popular.

A pandemia sanitaria e a desolación colectiva provocada polo coronavirus é o espello que delata un sistema que nega os dereitos das persoas, da clase traballadora, das vulnerábeis, do medio natural, da capacidade de decisión dos pobos, da cultura da participación, da vontade dialogante e da sostibilidade fronte ao criterio produtivo e economicista.

E as nosas incertezas medran cara á nova normalidade, para uns descoñecida e para outros réplica da que nos troxuxo até aquí.

O presidente Feijóo chama pola urxencia desa nova normalidade fóra do estado de alarma. Mais preguntámonos cal é a súa e para que.

Porque foi falar da necesidade de pór data ás eleccións e escurecer a transparencia da información oficial do impacto en doentes e mortes por coronavirus.

Mentres tanto, escoitamos a atención primaria demandar medios para avanzar no desconfinamento e prepararse para calquera novo andazo. Lemos que o Sergas gastará este ano máis de 700.000 euros en capeláns na sanidade pública ao tempo que rescinde contratos de persoal sanitario. Ou impón o loito aos presentadores da TVG cando antes lles prohibiu vestir de negro como símbolo dos máis de 100 venres negros que levan reclamando veracidade informativa.

As présas nunca foron boas compañeiras. E a urxencia de Feijóo non parece responder aos criterios de profesionais sanitarios e científicos e, polo tanto, ao beneficio colectivo.

Non quero pensar que se trate dun novo loito da verdade.

Distanciamento social

Artigo publicado en Nós Diario o 19 de marzo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Certo sentimento de orfandade produce esa unión de palabras que renegan da nosa principal condición como persoas e dos valores centrais para o convivio desde o humanismo: a socialización e a empatía.

Orfandade ante unha situación de risco severo na saúde pública que foi medrando no desconcerto, día a día, acompañando cifras medradas de persoas infectadas polo coronavirus, ingresadas na UCI e, finalmente, mortas.

Orfandade ante unha corentena que simula no Estado español unha deliberada intervención suprasanitaria, ao pretender atender a pandemia cos gobernos autonómicos detrás do central e non ao seu carón para unha mellor coordinación segundo a alerta de cada realidade territorial.

Orfandade ante a presenza nas rúas dun despregue policial e militar que amedrenta o pobo e non as grandes empresas que impiden ou dificultan a seguridade sanitaria do seu persoal.

Orfandade ante as rúas desertas e improdutivas dos nosos barrios, consciente das graves consecuencias económicas que se aveciñan para un sector tan importante como son as pemes e o comercio local.

Orfandade ao verificar a treboada de cancelacións e adiamentos de eventos culturais, unha creación, produción e distribución que, tantas veces, semella invisíbel na sociedade e nos medios de comunicación e que alimenta e sostén como zume elaborado a sociedade. Vivimos nunha emerxencia tamén cultural.

Orfandade ante un presidente da Xunta de Galiza que gardou un vertixinoso distanciamento de seguridade co pobo galego ao renunciar a se comunicar con el en galego, nun momento de extrema gravidade e en intervencións oficiais, arrombando a sonoridade da lingua propia e oficial da nación a un irrelevante segundo plano dun país subtitulado en emerxencia.

Non sabemos a quen se dirixe, que quere demostrar nin a quen o Sr. Presidente da Xunta. Mais o que si sentimos é o seu desprezo pola nosa lingua e a irrelevancia á que a somete en cada oportunidade.

Fóra de cobertura

Artigo publicado na versión en papel do Sermos Galiza do 31 de outubro.

Cúmprense agora 10 anos da primeira gran mobilización convocada pola plataforma Queremos Galego. A primeira dunha xeira de accións continuadas no tempo e reforzadas no pulso comprometido da sociedade galega que non se resigna a acatar a asunción por imperativo legal do descoñecemento académico do seu idioma nin do seu afastamento emocional promovido pola corte oficial de renegados.

As consecuencias da política lingüística desactivadora e restritiva practicada polo goberno do PP de Galicia, baixo a batuta consciente de quen desertou dos principios básicos da sociolingüística, viñémolas coñecendo a través de diferentes canles, desde as que verificamos no noso día a día até as que certifican a realidade cun carimbo de oficialidade. Unha política lingüística que camiña cara a unha situación de fóra de cobertura para o galego, cualificada como éxito por parte dos seus promotores políticos.

Con todo, na defensa da nosa lingua o pobo non cansou, do mesmo xeito que, malia todo, tampouco o goberno mudou en ningún momento a súa estratexia negacionista, o que acrecenta a gravidade da súa inacción tan irresponsábel e contraria á vontade do pobo.

Os datos do IGE certifican o agardado fracaso da política lingüística: a presenza do galego entre a xente moza segue caendo por debaixo do 40% e case un 25% da rapazada entre 5 e 14 anos non sabe expresarse no idioma, o que invalida a tan reiterada afirmación dos políticos a respecto de que “nunca tanto e tan ben se falou”.

Da irresponsabilidade á mentira en política lingüística o camiño é curto e non hai máis que se aproximar á vida das aulas para que a certeza da verdade se impoña.

Neste primeiro curso como docente de lingua e literatura galega nun instituto urbano coruñés puiden adiantarme aos resultados do IGE.

O alumnado de 1º ESO, isto é, a xeración á que se lle aplicou o actual Decreto de plurilingüismo, presenta carencias maiúsculas na competencia lingüística en galego, tanta que apenas eran capaces de se presentaren oralmente o primeiro día a partir da construción dun enunciado que achegase o seu nome propio, o seu centro de orixe e a nota conseguida na materia de lingua na avaliación final de 6º de primaria.

A sorpresa inicial ficou adulterada pola tristeza e a impotencia perante aquelas crianzas ás que a escola, desde os 9 cursos anteriores, non foi quen de dotalas de ferramentas comunicativas no idioma propio e oficial do país, xa convertido en lingua estranxeira.

Retumbaba de novo a memoria da dobre función desgaleguizadora da escola doutrora: por unha banda, extirpadora do galego aprendido na estirpe da casa e, pola outra, barreira para o acceso á cultura lingüística galega no ensino naqueles casos en que a quebra interxeracional impide a transmisión do idioma na familia.

E perante esta fotografía, metonimia dun todo de negativa afectación colectiva, quen asume responsabilidades?

Todas as medidas tomadas nestes últimos 10 anos polo goberno de Núñez Feixoo tiveron como diana a erradicación da función normalizadora, isto é, reequilibradora do uso do galego como lingua minorizada desde o reforzo positivo.

A xustificación dos exiguos capítulos orzamentarios dirixidos á política lingüística convértense en gastos puntuais, eventistas, descoordinados entre si e sen avaliación coñecida publicamente que confirmen a vontade eficaz do investimento.

É por iso que cobran importancia proxectos, a priori modestos, mais de vocación comprometida coa normalización, nados do esforzo persoal ou e exentos das necesarias fontes de financiamento.

Traemos para aquí a consolidada e expansiva experiencia dos 21 días co galego, o proxecto Youtubeir@s ou o programa Apego, o recente Desafío 48 horas, o Modelo Burela, as escolas Semente, o portal GCiencia ou o proxecto de divulgación científica Moléculas en galego, como exemplos de forte impacto social.

A nosa indignación medrou nestes anos, mais lonxe de se esgotar nun anceio resistente, fomos quen de nos reactivar en positivo, porque, en palabras de Agustín Fernández Paz: “somos da estirpe dos indignados (…) que amamos e defendemos a pluralidade lingüística, pero nunca a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado”.

(Man)teñamos o plan

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza, o 8 de agosto de 2019.

Recentemente o goberno da Xunta de Galiza, a través da SXPL, deu a coñecer ao público un Plan de dinamización da lingua galega 2019-2022, entendemos que lexítimo herdeiro doutro anterior, presentado e difundido nas súas redes co mesmo nome, mais con mudanza na cronoloxía de actuación (2018-2022). Ano arriba, ano abaixo, o caso é ter un plan ou, cando menos, falar del!

A razón de ser deste plan xustifícase na necesidade de deter o proceso de desgaleguización nesta altura en que, como ben sabemos, está a se conducir o noso idioma propio á irrelevancia social no presente e á quebra definitiva da transmisión xeracional no futuro.

Recóllese a necesidade de coordinación interna e implicación de todo o goberno galego para coa execución deste plan, así (en plan…) como de participación de organismos referentes como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e outras (innomeadas) organizacións especificas da mocidade, a cultura e o voluntariado.

Como antecedentes este novo (?) Plan (e veña plan…) enumera o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, o Plan Estratéxico 2010-2013, ou o Plan Estratéxico de Xuventude 2014-2016, nos que resulta facilmente comprobábel a data de caducidade próxima ou xa superada –non só de consumo preferente-, mais de cuxas avaliacións nada soubemos para faceren pé e achantar os piares seguintes. Mais xa sabemos que o importante é colocarmos no foco mediático un plan, ou dous ou tres…

Ben é certo que tamén nesta proposta se apela de xeito recorrente ao Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, mais certificada a súa defunción en 2009 coa chegada ao goberno (e ao poder do desgoberno) do señor Feijoo e o seu equipo ideolóxico desgaleguizador.

Neste sentido, sorprende que a operación de maquillaxe habitual practicada no último decenio para as cuestións de política lingüística se convirta, nesta reviravolta mediática, noutra intervención de cirurxía estética ao pretender asentar os principios deste novo (por reiterado intento) plan no diagnóstico de puntos fortes e febles detallado no PXNLG para a situación do galego na mocidade daquela altura, isto é, hai exactamente tres lustros.

Precisamente nestes tempos en que todo é tan volátil, corre e muda de xeito imparábel, o punto de partida sociolingüístico resulta reseso ou mesmo xa anacrónico (se cadra como a propia vontade lexisladora). Acreditar en que o diagnóstico do coñecemento lingüístico, usos e actitudes que representaba a mocidade en 2004 é un retrato sociolingüístico actual, resulta cando menos cuestionábel.

A xustificación do plan nace “pola necesidade de fomentar e propiciar o seu uso entre a xente nova que xa ten competencias lingüísticas en galego” e a estratexia estará focada a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos.

Descoñecemos de onde proceden os datos empíricos do goberno galego que permitan confiar, como punto forte de partida, nesa categórica competencia lingüística consolidada en galego, que non obsevamos na realidade das aulas nin na realidade social que nos acompaña, pois este goberno leva incumprindo desde o 2010 o propio mandato do seu Decreto 79/2010, que se autoobrigaba a, “con periodicidade anual, despois de finalizar o curso escolar”, avaliar os resultados derivados da aplicación deste decreto.

Unha avaliación dun “decreto de plurilingüismo” da que nunca soubemos, curso tras curso, cando por primeira vez en democracia se prohibiu o galego como lingua de aprendizaxe e coñecemento en materias do ámbito científico, tecnolóxico e matemático, ademais de facilitar que as poucas que eran de impartición obrigada en galego, no ámbito humanístico e social, puidesen ser impartidas en lingua estranxeira (inglés). Este si que foi un medido e certeiro plan contra o galego!

Ese foi o plan en que se escolarizou desde a educación infantil quen agora suma os 14 anos. E agora o plan é elaborar un plan de galeguización para a mocidade que se comezou a desgaleguizar cun plan escolar hai 10 anos. Vaia plan!

Razóns polas que (non) parar a roda das mulleres

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza o 7 de marzo de 2018. A versión orixinal pode consultarse aquí.

Están a ser moitas as tentativas mediáticas para o despiste ao redor da convocatoria da folga de mulleres convocada para este próximo 8 de marzo, unha data que, con certeza, xa ten marcado un punto de inflexión a respecto de certo mimetismo festivo de anos precedentes que tan urxente era revisar.

É por iso máis preciso do que nunca focar o tema de por que chegamos até aquí. Unha convocatoria de folga nunca é unha medida lixeira, simple, casual, anecdótica nin gratuíta, senón unha opción límite, excepcional e que obedece a poderosas razóns. É por iso de afectación colectiva, malia estar promovida ou centrada nun sector social concreto.

A folga de mulleres convocada para este próximo 8 de marzo ten carácter internacional, mais o presidente Feijoo non comprende, desde o seu outeiro gulliveriano, que pode levar as liliputianas locais a tomar a palabra e tirar o mandil sumándose a un paro laboral, de coidados e de consumo. Sen consulta nin cita previa, por conta propia e alterando a orde correcta.

Esta folga está a se converter no espello dunha realidade discriminadora e inxusta onde é preciso mirarnos para mudar a imaxe conformista e distorsionada, politicamente correcta, ortodoxa coas rutinas preestabelecidas de minutos de silencio e titulares ermos, convertidos en sinais inmobilizadores no canto de direccións prohibidas que acaben por cederen o paso á igualdade real das mulleres traballadoras.

O conxunto da sociedade moderna debería sentirse copartícipe e os responsábeis políticos son imprescindíbeis como modelos, mais difícil comezo no camiño da igualdade e da xustiza prognostican as actuacións e acusacións irresponsábeis de colectivos políticos como PP e Ciudadanos ao nos identificaren como insolidarias, elitistas, provocadoras de confrontacións cos homes, machistas, anticapitalistas, ideoloxizadas…

Ben é certo que non nos é léxico alleo nin tampouco estraña un vocabulario que precisamente é a base e xustificación dun modelo patriarcal opresivo herdado, social, económica e educativamente, por moitos homes mais tamén aínda por moitas mulleres.

E precisamente porque sabemos da súa responsabilidade na realidade actual das mulleres a nivel internacional, e por iso tamén galegas, cómpre quebrar de vez cos individualismos que ollan de esguello e que só alimentan a fame do machismo, revolvéndonos colectivamente as mulleres, solidarizándonos coas nosas mans que sosteñen a metade do ceo, como nos aprendeu a poeta Xohana Torres, para termarmos da roda do mundo.

Porque a desigualdade das outras toca a miña pel tamén.

E ben sabemos que o camiño é longo, demorado, mais é preciso andar a pé firme, paso a paso, a pegada dunha atrás das pegadas das outras.

Precisamos medidas políticas que impidan que o presidente Rajoy, ao ser entrevistado sobre a fenda salarial que impide ás mulleres cobrar o mesmo salario polo mesmo traballo, responda publicamente cun “no nos metamos en eso”.

Precisamos medidas xudiciais que impidan o peche do xulgado de violencia da muller na Coruña durante un mes por “falta de substituto”.

Precisamos medidas económicas e laborais que non obriguen a renunciar a unha parte de nós penalizando a maternidade ou o desenvolvemento profesional.

Precisamos medidas de control ético publicitario que impidan a reprodución de roles secundarios para as mulleres, empregadas como simples corpos obxecto hipersexualizados.

Precisamos medidas educativas que axuden a formar unha mocidade crítica coa realidade discriminatoria por razón de xénero.

Con todo, a pirámide da desigualdade feminina non sempre se manifesta á luz do día, con testemuñas directas nin nos afecta a todas por igual. É por iso que podemos sentir que nós estamos exentas, libres e que nada podemos facer para mudar a vidas das outras, vítimas alleas que terán que mirar por si e analizar as súas razón para aguantar, soportar, tolerar…

Eis as non razóns para non ollar de fronte ese espello que nos está a volver en tempo real unha imaxe insolidaria e mesmo tráxica que preferimos evitar mirando para outro lado.

Como docente do ensino público galego, non cobro menos que os meus compañeiros por facer o mesmo traballo e asístenme os mesmos dereitos laborais. No entanto, somos as mulleres as que solicitamos máis permisos e excedencias por coidado de fillas, fillos e maiores e autolimitamos as opcións de promoción porque continuamos a asumir outras xornadas laborais dentro e fóra da casa relativas aos coidados, o que implica asumir renuncias na progresión da nosa vida formativa e profesional.

Como pode entenderse, se non, a importante representación masculina na composición dos equipos directivos, nomeadamente nas direccións dos centros educativos, nun colectivo tan altamente feminizado?

Por outra banda, como escritora percibo a ben visíbel progresiva incorporación –e con que forza renovadora!- da escrita asinada con nome de muller, o que puidera facernos concluír que o equilibrio da balanza literaria xa chegou.

Mais o certo é que a análise dalgúns catálogos editoriais desmenten tal espellismo hipnotizador, así como as direccións editoriais ou o ronsel de nomes premiados en determinados certames como o senlleiro Premio Otero Pedrayo que estes días se entrega por primeira vez –en 40 anos!!!!- a unha muller de currículo dificilmente inigualábel: Margarita Ledo Andión.

E xa para lle pór o ramo a estas breves mencións persoais aínda cabería preguntarnos se responde ao tempo azaroso ou a algún andazo incompetente feminino que sexa tan maioritaria a representación masculina de cargos políticos dentro da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria?

Sigo procurando algunha razón para non me sumar á folga de mulleres este #8M e non consigo ningunha. Todas as razóns existen para irmos á folga. Todas as mulleres que podemos parar, debemos ser a alternativa ao medo das que aínda non poden.