Mudanzas na planificación lingüística nos centros de ensino. O Decreto do plurilingüismo, nas Actas das II Xornadas Educación e linguas en Galiza

Esta é a miña aportación ás Actas das II Xornadas Educación e linguas en Galiza, que tiveron o lema A planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios, e que foron publicadas no 2011. Pódense descargar completas aquí (das páxinas 29 á 40). Deixo a continuación o inicio desta colaboración, que pode ser vista na ligazón indicada.

Para educar un individuo fai falta unha tribo (Proverbio africano)
A lingua é a chave que abre o mundo (Manuel María)
Deixamos de temer aquilo que se aprendeu a entender (Marie Curie)

Esta escolma de citas converteuse, para nós, en guías orientadoras do noso traballo e reflexión a respecto do eido «educación e linguas». Partillamos a idea de que o futuro educativo-lingüístico das novas xeracións non depende de alguén –persoa, institución ou goberno– aillada e individualmente, senón da suma de toda unha sociedade multiplicadora referencial, asumindo cadaquén as responsabilidades que lle cómpren como axente educador que actúe, consciente ou inconscientemente, de espello retrovisor que permita mimetizar hábitos e actitudes positivas para o dominio lingüístico da infancia e da mocidade. Porque existe algo, acaso, máis socializador e interactivo, e polo tanto menos individualista, que a lingua?
Concordamos, asemade, co fermoso verso do cualificado como poeta nacional galego, Manuel María, ao nos lembrar o aire fresco que supoñen as linguas, ferramentas osixenadoras para traspasarmos os muros da ignorancia, da pechazón, do individualismo errático e da muda intolerancia. E aproveitamos, asemade, para non deixarmos pasar por alto as importantes leccións de marcada interculturalidade con que nos precederon as xeracións máis antergas, na Idade Media ou nos anos 20 do pasado século, exemplificada nos vangardistas e mais na Xeración Nós, por citarmos algún exemplo de coñecemento dunha Mitteleuropa aínda hoxe ben descoñecida nos falares providentes de moitos aspirantes a líderes de pensamento.
E, finalmente, acreditamos na sabedoría da Premio Nóbel de Física, Marie Curie, apta tamén para o campo que aquí nos ocupa e convoca, a educación e as linguas, pois, á vista dos acontecementos recentes, organizada e premeditadamente convulsivos desde propósitos intereseiros políticos reaccionarios –no sentido pexorativo da expresión, como gustaría de dicir unha parlamentaria española cuxo discurso aparenta sustentarse nunha máxima dialéctica próxima ao cum laude libertario para os dereitos individuais, nomeadamente os lingüísticos, e que recentemente acuñou a definición, propia doutrora, de identidade galega cun matiz de natureza pexorativa– que adobiaron o galego, lingua propia
e oficial segundo o noso Estatuto de Autonomía (1981), ademais de minorizada socialmente, segundo a múltiple e diversa bibliografía sociolingüística que se consultar, dunha pesada carga de prexuízos alarmantemente negacionistas para a propia lingua galega, e as súas manifestación culturais –música, literatura, teatro, audiovisual…, mais tamén de marcadores de estigmatización negativa para os seus falantes, que provocaron a quebra de certa pax lingüística social, instalada no respecto de acordos de mínimos que permitiron pequenos avances na aprendizaxe do idioma de noso na escola e mais a recuperación de uso en ámbitos até non hai moitos anos totalmente vedados pola supremacía do castelán ou mesmo por imperativo legal.
Así pois, algún enredo confusionista provocou quen, xogando a baza do descoñecemento dunha parte importante da sociedade galega, que aínda segue a ser maioritariamente analfabeta na súa propia lingua –e tamén na súa literatura, cultura, historia política…– porque non tivo o dereito a ser escolarizada nela, acrecentou medos separatistas –ou neoimperialistas?– xulgando a lexislación lingüístico-educativa aprobada polo goberno anterior, popularmente coñecido como «o bipartito» (2005-2009), desde a óptica dunha imposición demodé nunha realidade-matrix cegadora que só nos podía conducir cara ao noso propio embigo –e por humildes corredoiras, claro está!–, renunciándomos nun exercicio de egolatría pailaroca á modernidade das autoestradas do coñecemento. Porque, a onde pretendemos chegar cun idioma pequeniño, cativo, limitado a unha xeografía quilométrica raquítica e desaparecido como lingua dos poderosos, mentres desperdiciamos a lingua grande do Estado español, a lingua do poder visíbel, a irmá maior independente que aprendeu a andar polo mundo?
E chegados a esta altura, rememoramos a clarividencia da nosa admirada Mafalda: «A medio mundo le gustan los perros, y hasta el día de hoy nadie sabe qué quiere decir guau».
Apliquemos un simple exercicio de substitución: guau por normalización, plurilingüismo ou inmersión lingüística, e perros por linguas, e valoremos o resultado. A lingua galega ofértanos unha fértil lexicografía e fraseoloxía para o resultado: laretar, laricar, latricar, baduar, falar por falar, falar ás toas, darlle á lingua, botar a lingua ao clareo, etc.
A respecto das linguas, quen isto agora escribe observa un discurso reiteradamente presente nos altofalantes-medios de comunicación e na sociedade receptora, a súa destinataria, a respecto da máxima consideración cara á diversidade lingüística mundial, cara á importancia e necesidade de adquisición dunha competencia lingüística plurilingüe, cara á inmersión lingüística como principal procedemento garantista de aprendizaxe doutras linguas, cara á consideración de que para conseguir un bo dominio dunha lingua é preciso dispor de contextos conversacionais e de aprendizaxe que vaian moito máis aló dunhas contadiñas sesións lectivas ou mesmo da vital importancia, aseguradora do éxito final, da exposición temperá dos nenos e das nenas á aprendizaxe de linguas.
Ora ben, todo este discurso politicamente correcto e modernísimo muda cando nos referirmos ao contexto sociolingüístico e educativo galego. E entón, a inmersión lingüística en galego é unha medida antipedagóxica, para alén de discriminatoria, que impediría a correcta aprendizaxe do castelán; a impartición de certas materias en galego non debe permitirse porque invalidaría o correcto e homoxéneo proceso formativo do alumnado, quen nunca debe ser privado da liberdade suprema de elección, especialmente se nos referirmos ao ámbito matemático-científico-tecnolóxico, que é o que conta de verdade nos currículos académicos, pois o ámbito humanístico é complementario, xa se sabe!; o ensino na lingua galega adoutrina un alumnado sectario, extremista e separatista porque é un «ente politizado per se»; o concepto de normalización lingüística é obsoleto, caduco porque «aquí ya somos todos normales»; aplicar un reforzo positivo para a recuperación do galego significa privar de liberdade a sociedade galega e impoñerlle unha vontade antinatural, exercer un método coercitivo contra a sociedade, etc.
Asemade, a comprensión lingüística adoita presentársenos estratificadora, isto é, o discurso da necesidade de aprender linguas estranxeiras acéptase con benevolencia se aplicamos a fórmula reducionista x= linguas estranxeiras= inglés. Mais, no entanto, muda perversamente se queremos ampliar o espectro do coñecemento a outras linguas estranxeiras, nomedamente o portugués –lingua oficial da UE de grande accesibilidade xeográfico-lingüística para o público galego– e mais as linguas propias dun Estado plurilingüe como o español, de xeito que en calquera escola de idiomas pública galega accedemos á oferta de aprendizaxe de árabe ou chinés sen problema, mais é totalmente inviábel aprendermos catalán e éuscaro. Canto máis e mellor nos coñeceriamos e respectariamos no Estado español de se facer efectiva esta oferta lingüística! (1)

(1) En 2008 facíase público un estudo da Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) que afirmaba que o 49,7% dos españois afirmaba non dominar ningunha lingua estranxeira; sobrancea no estudo que non se tivese en conta o domino das linguas autonómicas nin do portugués, pois como linguas estranxeiras só se consideraban o inglés e o francés. (…)

Advertisement

Estratexias para a planificación lingüística escolar, nas Actas das I Xornadas Educación e linguas en Galiza

Esta é a miña aportación ás Actas das I Xornadas Educación e linguas en Galiza, que tiveron o lema A planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios, e que foron publicadas no 2010. Pódense descargar completas aquí (das páxinas 29 á 40). Deixo a continuación o inicio desta colaboración, que pode ser vista na ligazón indicada.

Permítaseme comezar pola propia terminoloxía de planificación lingüística escolar, concepto de actualidade no marco educativo galego, que podería facernos acreditar na modernidade da súa esencia e existencia, o que de certo sería errado, pois múltiples sistemas educativos, algúns ben próximos, como o éuscaro ou o catalán, chantan os seus alicerces nucleares nunha planificación (tamén) lingüística, a día de hoxe instalada, consolidada e avaliada.
Unha perspectiva diacrónica a respecto da planificación lingüística galega retrotráenos deica o Decreto 247/95 polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a súa aplicación ao ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis non universitarios.
Enténdese na introdución deste marco legal que o ensino é un lugar privilexiado para a aprendizaxe da lingua, polo que «cómpre arbitrar mandatos que garantan esa aprendizaxe e axuden a unha implantación de hábitos lingüísticos a prol do idioma galego, idioma que, co castelán, é oficial na Comunidade Autónoma, de acordo co Estatuto» (Art. 3 da Constitución).
Ao abeiro das disposicións legais de rango superior – Constitución española, Estatuto de Autonomía e Lei de normalización lingüística–, o Decreto 247/95 concreta como obxectivo para conseguir no ensino obrigatorio a respecto do dominio das destrezas lingüísticas o seguinte: «as autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantirán que ó remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán».
Consecuentemente con este obxectivo final, a Administración educativa planifica, con carácter prescritivo, como corresponde a todo marco legal, o galego como lingua oficial da Administración educativa en Galicia e o seu uso nas actuacións administrativas; a organización de cursos formativos en lingua galega «tanto para o persoal docente como non docente da Administración educativa, co fin de que acaden un grao de dominio da lingua galega que facilite o exercicio do dereito a usala, así como para facer un uso correcto dela dentro do ámbito académico e ademais para lles garantir satisfactoriamente ese dereito ás persoas que teñen relación coa Administración educativa»; o emprego como lingua de aprendizaxe da lingua materna maioritaria nas aulas de infantil e 1º ciclo de educación primaria coidando da inclusión da outra lingua oficial; a regulación no 2º e 3º ciclo de educación primaria da impartición en galego de dúas áreas, sendo unha delas Coñecemento do Medio; en educación secundaria obrigatoria regúlase a docencia en galego das áreas de Ciencias Sociais e Ciencias da Natureza e, dentro das optativas, Ciencias Medioambientais e mais a optativa ofertada polo centro; en 1º de bacharelato será a Filosofía impartida en galego, como materia común, e mais unha propia da modalidade de cada bacharelato; e, finalmente, en 2º de bacharelato, a Historia, como materia común, e unha ou dúas, máximo, específicas de cada modalidade; nos dous cursos, tamén entra unha optativa (de entre as tres que están marcadas no decreto).
A marxe de planificación lingüística que se deixa a criterio do centro educativo fai referencia á lingua oficial en que se impartirán as restantes materias; así pois, nelas «empregarase a lingua que se teña establecida no proxecto educativo de centro aprobado polo claustro e o consello escolar –malia non especificar que procedementos, de carácter obxectivo ou subxectivo, cualitativo ou cuantitativo, permitirán establecela– sen esquecer que, en calquera caso, «no proxecto educativo do centro coidarase e respectarase o equilibrio entre as dúas linguas oficiais e nel constarán as oportunas medidas de apoio e reforzo para un correcto uso lingüístico escolar e educativo co fin de acada-lo obxectivo xeral establecido na Lei de normalización lingüística» (Art. 14.3º).
En síntese, pódese afirmar que este modelo de bilingüismo educativo, implantado en Galicia durante doce anos, configurouse a partir dos seguintes principios (1):
a) A escolarización do alumnado debe realizarse na súa L1 nos primeiros chanzos do sistema educativo.
b) Integración escolar do alumnado con independencia da súa L1.
c) Repartimento curricular desigual entre as dúas linguas oficiais.
d) Implicación dos centros educativos na planificación lingüística, malia non figurar esta nos programas de formación continua do profesorado ou no acceso á función directiva.
O 22 de setembro de 2004 apróbase, por unanimidade, no Parlamento de Galicia, o Plan xeral de normalización da lingua galega, un documento que arranca dun Consello de Goberno da Xunta de Galicia en marzo de 2002 e remata dous anos despois, dando cabo a un longo proceso de elaboración desde a práctica dun exercicio intenso de diálogo e consenso entre todos os axentes relacionados coa lingua galega e a súa necesaria normalización. O obxectivo do proxecto inicial vén explicitado nun dos seus prólogos: «redactar un documento no que, a modo de marco referencial e partindo dun concepto globalizador, quedasen establecidos de forma previa e programada os obxectivos, medidas e procedementos, de aplicación nos anos inmediatos á súa aprobación, encamiñados á normalización da lingua galega». A aprobación do Plan xeral de normalización da lingua galega ratificaba a posibilidade de conciliar vontades moi diferentes a respecto do futuro que a lingua galega precisaba, á procura dun necesario consenso que permitise continuar a traballar ao redor da concepción da lingua galega «como a maior creación do pobo galego, o noso máis importante sinal de identidade», en palabras de Xesús Pablo González Moreiras, director xeral de Política Lingüística naquela altura.
Este documento-marco, diagnóstico da saúde da lingua galega, acompañado de obxectivos e medidas de actuación, cumpriría desenvolverse nos diferentes sectores: administración; educación, familia e mocidade; medios de comunicación e industrias culturais; economía; sanidade; sociedade.
Mais, antes de entrarmos no desenvolvemento da Lei de normalización lingüística para a súa aplicación ao ensino, concretada no Decreto 124/2007, vixente na actualidade, cómpre lembrarmos aquí un importante precedente avaliativo da situación da lingua galega no sistema educativo que en 2006 ofreceu o Consello Escolar de Galicia (2), pois parece propio mencionar que o desenvolvemento dunha nova lexislación que suplante a anterior vén provocada sempre polo esgotamento desta e, consecuentemente, pola necesidade dunha máis avanzada capaz de se axustar e dar resposta á realidade que lexislar.
Nas conclusións deste estudo pódense ler, entre outras, as seguintes:
1. Existe un grao de fracaso insólito na lexislación, pois nin sequera se cumpre a normativa naquelas materias na que o galego é obrigatorio, polo tanto a normalización que a lei preconiza está moi lonxe de acadarse.
2. A situación máis deficitaria para a lingua galega atópase na EI e na EP, especialmente no 1º ciclo. Isto é especialmente grave porque pode representar en moitos casos unha desgaleguización no tránsito da familia á escola e, indirectamente, unha incentivación da non transmisión interxeracional deste idioma. Cómpre, xa que logo, unha actuación urxente e decidida para avanzar na galeguización destes niveis educativos.
3. É significativa a desproporción no uso das linguas na aprendizaxe da lectura e da escritura, claramente favorable ao castelán. Para avanzar na normalización da lingua galega, é tamén fundamental conseguir unha maior presenza desta na incorporación dos nenos á lingua escrita, porque isto marcará de maneira decisiva a súa relación posterior co idioma.
4. Resulta insuficiente o apoio da Administración (…) faltan aínda materiais didácticos –especialmente, para infantil e primeiro ciclo de primaria– e fai falta tamén un plan de actuación que permita combater con éxito prexuízos lingüísticos aínda moi enraizados na comunidade escolar.
O 29 de xuño de 2007 publicábase no DOG o Decreto 124/07 polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, para entrar en vigor no curso 2007-2008, coa finalidade de «establecer unha nova regulamentación do galego que facilite o seu emprego de xeito progresivo e xeneralizado en todos os niveis e graos non universitarios. Neste sentido, cómpre reforzar a dimensión comunicativa do galego, en relación con contextos vivos, facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz».
Recoñece este decreto, asemade, que «a adquisición dunha competencia comunicativa en galego por parte do alumnado só se pode conseguir a través da utilización vehicular desta lingua nunha parte significativa do currículo», procedemento necesario para «propiciar a igualdade plena e efectiva entre as dúas linguas oficiais por parte do toda a poboación escolar garantindo a mesma competencia en ambas as dúas linguas». (…)

NOTAS
(1) Para unha aproximación máis exhaustiva ás disposicións do Decreto 247/95 e mais do Decreto 124/07, véxase A planificación lingüística nos centros educativos, Fernández Paz, A. et alii (2008), Xunta de Galicia.
(2) Consello Escolar de Galicia (2006), Evolución e estado actual do sistema educativo en Galicia (cursos 2002-2005), Xunta de Galicia, pp. 630-632.

Os trobadores do Reino de Galiza

Non me digan que non xera certa expectativa o son dun teléfono que sempre xorde sen contar, sen o procurar ou mesmo no momento máis inoportuno. Apoñeranme o alcume de romántica ou decadente, pois agora nin a sorpresa permite agardar a ser descuberta polo timbre de voz humana que procede alén dos fíos. As micropantalliñas delatadoras sábeno todo e anúnciano antes de tempo para asulagar o interrogante e recoñecer o irrecoñecíbel.

Os trobadores do Reino de Galiza, o meu primeiro traballo editado en formato libro, xermolou, un día de 1997, após erguer o meu sobrio auricular sen micropantalla. Unha voz para min descoñecida, en nome dunha editorial para min referencial, propoñíame inaugurar unha nova colección, de extensión breve, afán divulgativo e coidada edición ilustrada que achegase á sociedade os tres trobadores homenaxeados no Día das Letras Galegas de 1998, Martín Códax, Mendiño e Xoan de Cangas.

Superada a sorpresa inicial, resoltas as miñas dúbidas de principiante, cumpría pórme mans á obra. Mais como empezar? Por onde? A quen escribir? Que parte dese ampla sociedade ía recibir as miñas palabras a falaren do berce da historia literaria galega?

Non foi difícil resolvelo. Tiña alguén moi perto de min, con meses de vida, a quen algún día lle habería contar aquela historia de noso que de tan lonxe proviña. Para que agardar, entón? Que mellor destinataria á que dirixir as miñas palabras escritas que habían falar de lingua, de sons, de trobadores, de músicas, de cultura, de mulleres, de referente centroeuropeo, de Reino propio?

Necesariamente, aquel meu primeiro libro, que naceu da sorpresa dunha conversa telefónica, tiña que comezar cunha dedicatoria agradecida pola miña parte.

Para Andrea