Sálvese quen poida

Artigo publicado en Nós Diario o 30 de xullo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

As vacacións escolares de verán é necesario tempo de descanso para alumnado e profesorado. Con todo, tamén é ese preámbulo imprescindíbel para soñar co que nos agarda nun novo curso: reencontro nas redes de compañeirismo, vertixe ante o descoñecido ou retos persoais e profesionais. Máis do que nunca teriamos imaxinado, precisamos comezar o curso 2020-2021 coa sensación dun curso equilibrado, organizado e seguro. Porque o verán, para profesorado e equipos directivos, son meses de planificación pedagóxica das diversas variábeis que modelan un curso. Asemade, para as familias que deben prever como se moveren na inestábel liña vital da conciliación.

O novo curso oficial anuncia outro capítulo na serie negra vivida na última década co goberno do PP de Feijóo: supresión de prazas de profesorado, redución de aulas e negativa a reducir o número de alumnado por aula. Confirmación do protocolo de actuación dun goberno centrado en baleirar de fortalezas o ensino público galego.

Unha situación moi complexa que agora se agrava coa falta de seguridade sanitaria na escola á que encamiña un protocolo unilateral da consellería que se autolimita a ser un sálvese quen poida, conducente ao desamparo da comunidade escolar, importante núcleo de redes socializadoras dentro e fóra de cada centro.

Ao tempo, a propia Xunta de Galiza emenda a Consellería de Educación ao limitar as reunións a 25 persoas. Este curso eu non tiña ningún grupo de ESO nin de Bacharelato con menos de 25 alumnas e alumnos. Entre eles persoas con factores de risco, igual que entre o profesorado. E, como non, persoas que precisan ler os labios.

Día a día, unha nova alerta sanitaria reconfirma que non vivimos con normalidade, por iso a volta á escola dentro dun mes precisa dun protocolo responsábel en cada decisión e tamén en recursos materiais e humanos. Non se trata de alarmismo innecesario senón de prevención imprescindíbel.

Advertisement

#12dexullo

Artigo publicado en Nós Diario o 25 de xuño de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Hai catro anos unha preadolescente díxome, sorprendida, que cando escoitaba falar a Ana Pontón comprendía o que dicía e ademais tiña razón.

Aínda reafirmaba. Ana era unha muller que falaba dos problemas da xente recoñecíbel na vida común e sempre propuña alternativas. Non falaba por falar. E se niso consistía a política, entón gustáballe a política e mais Ana.

Disimulei a miña sorpresa de madurez e asentín con ilusión adolescente compartida. Naquela altura souben que o bo estaba por vir para este Nós colectivo que leva tanto tempo a sementar na construción do Pobo.

A Terra precisa mans novas e agora é a mocidade, motor dos cambios no presente para trazar un novo futuro, quen maioritariamente quere ser voz e apoio social do BNG que representa Ana Pontón como candidata á presidencia da Xunta de Galiza o 12 de xullo.

Rosalía de Castro xa alentaba a boa ventura:

¡Arriba
todas, rapaciñas do lugar,
que o sol
i a aurora xa vos vén a dispertar!
¡Arriba!
¡Arriba, toleirona mocidad,
que atruxaremos—cantaremos o ala… lá…!!!

Canda a mocidade, tamén as mulleres camiñamos á fronte para arroupar un soño cada vez máis real, conscientes da necesidade de avanzarmos nesa igualdade que beneficia o plural desde a responsabilidade da acción política.

As mulleres que en conciencia lle dixemos a Feijóo Nunca Máis ao peche do paritorio de Verín. As mulleres que non toleramos a impertinencia bandoleira daquel ex abrupto machista no Parlamento: “A señora Pontón está moi necesitada”. Nin tampouco esquecemos a campaña de cousificación das mulleres como xigantes entre monumentos patrimoniais.

Porque as mulleres non esquecemos que, se for preciso, o PP de Feijóo e mais o Feijóo do PP (non hai campaña posíbel que os confunda), pactaría cun partido fascista e misóxino, apelo a nos sumar a facer historia acompañando o paso firme, valente e comprometido de Ana Pontón cun voto de ilusión e esperanza, de reto e confianza cara a un #EuTaménConAnaNavegar!

Virus selectivo

Artigo publicado en Nós Diario o 18 de xuño de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

O 15 de xuño lembramos a aprobación hai 37 anos dun marco legal fundamental para a reparación da lingua galega: a Lei de normalización lingüística.

Unha lei que de acordo co establecido no artigo 3 da Constitución e no 5 do Estatuto de Autonomía […] asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo e que no artigo 22 determina que o Goberno Galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega.

Parécenos inverosímil que exista outro marco regulador dun proceso vivo e social coma este inmutábel tantas décadas despois, como se aquela sociedade e a actual fosen as mesmas. Mais se cadra iso ten moito a ver coa falta de dirección técnica e política á que obriga a lei.

Agora que estamos a piques de ratificar nas urnas a necesidade dun cambio político en clave galega que xa é perceptíbel na sociedade, non esquecemos a nula atención ao proceso de normalización do goberno galego do PP na última década.

Non foi posíbel esquecer a presenza dalgúns dos seus membros en manifestacións explicitamente antigalegas e defensoras da separación das crianzas por razón de lingua na escola, asegurando Feijóo en plena campaña de 2009 que estas teses estaban dentro do seu partido.

Mais o ramo chegou agora cando, a piques de rematar un curso inédito, se anula a convocatoria de axudas a proxectos escolares de fomento do uso do galego por causa dun virus (ben selectivo) que, no entanto, nas mesmas circunstancias, semella non ter atacado outros proxectos educativos.

O futuro que cada vez máis queremos converter en pasado concretou unha estratexia desgaleguizadora, nomeadamente na escola, que fixo caso omiso da Lei de normalización lingüística e mais do Plan xeral de normalización lingüística de 2004, esnaquizando os pactos e consensos políticos e sociais conseguidos como mostra da cohesión e acordo que sempre é quen de acompañar a lingua dun pobo.

Fóra de cobertura

Artigo publicado na versión en papel do Sermos Galiza do 31 de outubro.

Cúmprense agora 10 anos da primeira gran mobilización convocada pola plataforma Queremos Galego. A primeira dunha xeira de accións continuadas no tempo e reforzadas no pulso comprometido da sociedade galega que non se resigna a acatar a asunción por imperativo legal do descoñecemento académico do seu idioma nin do seu afastamento emocional promovido pola corte oficial de renegados.

As consecuencias da política lingüística desactivadora e restritiva practicada polo goberno do PP de Galicia, baixo a batuta consciente de quen desertou dos principios básicos da sociolingüística, viñémolas coñecendo a través de diferentes canles, desde as que verificamos no noso día a día até as que certifican a realidade cun carimbo de oficialidade. Unha política lingüística que camiña cara a unha situación de fóra de cobertura para o galego, cualificada como éxito por parte dos seus promotores políticos.

Con todo, na defensa da nosa lingua o pobo non cansou, do mesmo xeito que, malia todo, tampouco o goberno mudou en ningún momento a súa estratexia negacionista, o que acrecenta a gravidade da súa inacción tan irresponsábel e contraria á vontade do pobo.

Os datos do IGE certifican o agardado fracaso da política lingüística: a presenza do galego entre a xente moza segue caendo por debaixo do 40% e case un 25% da rapazada entre 5 e 14 anos non sabe expresarse no idioma, o que invalida a tan reiterada afirmación dos políticos a respecto de que “nunca tanto e tan ben se falou”.

Da irresponsabilidade á mentira en política lingüística o camiño é curto e non hai máis que se aproximar á vida das aulas para que a certeza da verdade se impoña.

Neste primeiro curso como docente de lingua e literatura galega nun instituto urbano coruñés puiden adiantarme aos resultados do IGE.

O alumnado de 1º ESO, isto é, a xeración á que se lle aplicou o actual Decreto de plurilingüismo, presenta carencias maiúsculas na competencia lingüística en galego, tanta que apenas eran capaces de se presentaren oralmente o primeiro día a partir da construción dun enunciado que achegase o seu nome propio, o seu centro de orixe e a nota conseguida na materia de lingua na avaliación final de 6º de primaria.

A sorpresa inicial ficou adulterada pola tristeza e a impotencia perante aquelas crianzas ás que a escola, desde os 9 cursos anteriores, non foi quen de dotalas de ferramentas comunicativas no idioma propio e oficial do país, xa convertido en lingua estranxeira.

Retumbaba de novo a memoria da dobre función desgaleguizadora da escola doutrora: por unha banda, extirpadora do galego aprendido na estirpe da casa e, pola outra, barreira para o acceso á cultura lingüística galega no ensino naqueles casos en que a quebra interxeracional impide a transmisión do idioma na familia.

E perante esta fotografía, metonimia dun todo de negativa afectación colectiva, quen asume responsabilidades?

Todas as medidas tomadas nestes últimos 10 anos polo goberno de Núñez Feixoo tiveron como diana a erradicación da función normalizadora, isto é, reequilibradora do uso do galego como lingua minorizada desde o reforzo positivo.

A xustificación dos exiguos capítulos orzamentarios dirixidos á política lingüística convértense en gastos puntuais, eventistas, descoordinados entre si e sen avaliación coñecida publicamente que confirmen a vontade eficaz do investimento.

É por iso que cobran importancia proxectos, a priori modestos, mais de vocación comprometida coa normalización, nados do esforzo persoal ou e exentos das necesarias fontes de financiamento.

Traemos para aquí a consolidada e expansiva experiencia dos 21 días co galego, o proxecto Youtubeir@s ou o programa Apego, o recente Desafío 48 horas, o Modelo Burela, as escolas Semente, o portal GCiencia ou o proxecto de divulgación científica Moléculas en galego, como exemplos de forte impacto social.

A nosa indignación medrou nestes anos, mais lonxe de se esgotar nun anceio resistente, fomos quen de nos reactivar en positivo, porque, en palabras de Agustín Fernández Paz: “somos da estirpe dos indignados (…) que amamos e defendemos a pluralidade lingüística, pero nunca a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado”.

Eu tamén apoio a marcha atrás

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza o 3 de maio de 2018.

Transcorridos doce anos desde a aprobación unánime no Parlamento galego da Lei do libro e da lectura, o Consello da Cultura Galega organizou a Xornada “A Lei do libro 2006 a debate”.

No preámbulo da lei compílanse obxectivos e medidas centradas nos capítulos reguladores dos axentes do libro, da súa promoción, do fomento da lectura ou do consello asesor do libro.

Un plan de actuación integral encamiñado a traballar para un obxectivo vertebrador: “incrementar os índices de lectura en lingua galega, por entender que o libro galego é tanto un vehículo como un instrumento para o fortalecemento do sistema literario e cultural galegos, a difusión da cultura galega no exterior e o proceso de normalización lingüística”.

Na xornada coñecéronse os resultados do Informe sobre datos da edición en Galicia 2006-2016, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, recollidos en titulares impropios dunha sociedade que aspire a medrar solidamente asentada en claves de avance sociocultural.

Confirmouse oficialmente o que viña sendo anunciado polos axentes implicados no libro e na lectura: alarmante descenso na edición de libros en galego, peche de editoras, librarías e bibliotecas coa conseguinte perda xeradora de emprego, forte redución do gasto en libros por parte dos fogares galegos e significativa redución do gasto público articulada en dúas vías: por unha banda, a partida dedicada á promoción da lectura e do libro descendeu un 82% e, pola outra, a da promoción a edición do libro en galego caeu un 54%.

Evidenciouse, asemade, o salto diferenciador entre os períodos 2006-2009 e 2010-2016 que, non por acaso, coinciden con períodos de goberno político ben opostos.

A sociedade galega testemuñou unha década desamparada con menos títulos, menos tiraxes, menos editoriais, menos capacidade adquisitiva privada, menos oferta lectora democratizadora a través do préstamo bibliotecario e menos axudas públicas para o libro galego.

Un cúmulo de circunstancias alimentadas desde o abandono das responsabilidades, como xestores do público, da Administración galega que sempre percibiu o sector do libro como crítico e, polo tanto, hostil.

O incumprimento da Lei do libro e da lectura, por parte do goberno do PP, a respecto da non consideración da industria do libro como un sector estratéxico e prioritario para a formación e a economía do país, da incomunicación cos axentes do libro a efectos da necesaria colaboración en programas de dinamización lectora ou da non avaliación progresiva do impacto das escasas actuacións realizadas, explica a renuncia á consecución da estratexia nuclear desta lei: promover o medre do lectorado.

Mais non podemos deixar de ver neste grave proceso de deterioro certas coincidencias co arrombado Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou o derrogado Decreto 124/2007 polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, coincidentes os tres en responderen a un proceso de elaboración demorado, aberto, plural, participativo, de debate e consenso para a súa aprobación unánime.

Con todo, o esforzo privado, individual e colectivo, impediu que o estado actual fose aínda peor. A resistencia proactiva quebrou a desidia conformista, a falta de empatía e confianza no sistema literario galego.

Eis a convicción convertida en aval que nos leva a demandar do (des)goberno galego un cambio de actitude e vontade política que proxecte esta lei en actuacións concretas, planificadas e debidamente orzadas.

Sería esta a única marcha atrás defendíbel e practicábel. O noso apoio xa o ten.

Razóns polas que (non) parar a roda das mulleres

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza o 7 de marzo de 2018. A versión orixinal pode consultarse aquí.

Están a ser moitas as tentativas mediáticas para o despiste ao redor da convocatoria da folga de mulleres convocada para este próximo 8 de marzo, unha data que, con certeza, xa ten marcado un punto de inflexión a respecto de certo mimetismo festivo de anos precedentes que tan urxente era revisar.

É por iso máis preciso do que nunca focar o tema de por que chegamos até aquí. Unha convocatoria de folga nunca é unha medida lixeira, simple, casual, anecdótica nin gratuíta, senón unha opción límite, excepcional e que obedece a poderosas razóns. É por iso de afectación colectiva, malia estar promovida ou centrada nun sector social concreto.

A folga de mulleres convocada para este próximo 8 de marzo ten carácter internacional, mais o presidente Feijoo non comprende, desde o seu outeiro gulliveriano, que pode levar as liliputianas locais a tomar a palabra e tirar o mandil sumándose a un paro laboral, de coidados e de consumo. Sen consulta nin cita previa, por conta propia e alterando a orde correcta.

Esta folga está a se converter no espello dunha realidade discriminadora e inxusta onde é preciso mirarnos para mudar a imaxe conformista e distorsionada, politicamente correcta, ortodoxa coas rutinas preestabelecidas de minutos de silencio e titulares ermos, convertidos en sinais inmobilizadores no canto de direccións prohibidas que acaben por cederen o paso á igualdade real das mulleres traballadoras.

O conxunto da sociedade moderna debería sentirse copartícipe e os responsábeis políticos son imprescindíbeis como modelos, mais difícil comezo no camiño da igualdade e da xustiza prognostican as actuacións e acusacións irresponsábeis de colectivos políticos como PP e Ciudadanos ao nos identificaren como insolidarias, elitistas, provocadoras de confrontacións cos homes, machistas, anticapitalistas, ideoloxizadas…

Ben é certo que non nos é léxico alleo nin tampouco estraña un vocabulario que precisamente é a base e xustificación dun modelo patriarcal opresivo herdado, social, económica e educativamente, por moitos homes mais tamén aínda por moitas mulleres.

E precisamente porque sabemos da súa responsabilidade na realidade actual das mulleres a nivel internacional, e por iso tamén galegas, cómpre quebrar de vez cos individualismos que ollan de esguello e que só alimentan a fame do machismo, revolvéndonos colectivamente as mulleres, solidarizándonos coas nosas mans que sosteñen a metade do ceo, como nos aprendeu a poeta Xohana Torres, para termarmos da roda do mundo.

Porque a desigualdade das outras toca a miña pel tamén.

E ben sabemos que o camiño é longo, demorado, mais é preciso andar a pé firme, paso a paso, a pegada dunha atrás das pegadas das outras.

Precisamos medidas políticas que impidan que o presidente Rajoy, ao ser entrevistado sobre a fenda salarial que impide ás mulleres cobrar o mesmo salario polo mesmo traballo, responda publicamente cun “no nos metamos en eso”.

Precisamos medidas xudiciais que impidan o peche do xulgado de violencia da muller na Coruña durante un mes por “falta de substituto”.

Precisamos medidas económicas e laborais que non obriguen a renunciar a unha parte de nós penalizando a maternidade ou o desenvolvemento profesional.

Precisamos medidas de control ético publicitario que impidan a reprodución de roles secundarios para as mulleres, empregadas como simples corpos obxecto hipersexualizados.

Precisamos medidas educativas que axuden a formar unha mocidade crítica coa realidade discriminatoria por razón de xénero.

Con todo, a pirámide da desigualdade feminina non sempre se manifesta á luz do día, con testemuñas directas nin nos afecta a todas por igual. É por iso que podemos sentir que nós estamos exentas, libres e que nada podemos facer para mudar a vidas das outras, vítimas alleas que terán que mirar por si e analizar as súas razón para aguantar, soportar, tolerar…

Eis as non razóns para non ollar de fronte ese espello que nos está a volver en tempo real unha imaxe insolidaria e mesmo tráxica que preferimos evitar mirando para outro lado.

Como docente do ensino público galego, non cobro menos que os meus compañeiros por facer o mesmo traballo e asístenme os mesmos dereitos laborais. No entanto, somos as mulleres as que solicitamos máis permisos e excedencias por coidado de fillas, fillos e maiores e autolimitamos as opcións de promoción porque continuamos a asumir outras xornadas laborais dentro e fóra da casa relativas aos coidados, o que implica asumir renuncias na progresión da nosa vida formativa e profesional.

Como pode entenderse, se non, a importante representación masculina na composición dos equipos directivos, nomeadamente nas direccións dos centros educativos, nun colectivo tan altamente feminizado?

Por outra banda, como escritora percibo a ben visíbel progresiva incorporación –e con que forza renovadora!- da escrita asinada con nome de muller, o que puidera facernos concluír que o equilibrio da balanza literaria xa chegou.

Mais o certo é que a análise dalgúns catálogos editoriais desmenten tal espellismo hipnotizador, así como as direccións editoriais ou o ronsel de nomes premiados en determinados certames como o senlleiro Premio Otero Pedrayo que estes días se entrega por primeira vez –en 40 anos!!!!- a unha muller de currículo dificilmente inigualábel: Margarita Ledo Andión.

E xa para lle pór o ramo a estas breves mencións persoais aínda cabería preguntarnos se responde ao tempo azaroso ou a algún andazo incompetente feminino que sexa tan maioritaria a representación masculina de cargos políticos dentro da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria?

Sigo procurando algunha razón para non me sumar á folga de mulleres este #8M e non consigo ningunha. Todas as razóns existen para irmos á folga. Todas as mulleres que podemos parar, debemos ser a alternativa ao medo das que aínda non poden.