As voltas do vira

Manifesto do Día do Peón, lido o sábado 11 de novembro de 2017 no Museo Etnolúdico Galego (MELGA) de Ponteceso.

Grande atrevemento meu é aceptar este convite para acompañar con palabras a celebración dunha das datas grandes do calendario festivo galego nesa vertente profana, o noso hábitat cultural natural, da que sempre se gusta acompañar a relixiosa, como recolle o refraneiro galego.

Novembro, ese bendito mes que empeza con Santos e acaba con San Andrés, tránsito estacional cara ao inverno, é un mes vizoso, cheo de vida, como nos lembra a sabedoría popular, ao celebrar na casa tradicional a fartura do porco e as regalías da mantenza de pan, noces, castañas e viño.

Mais tamén novembro, ás portas do tempo con menos horas de luz do ano, é oportunidade para o reencontro ou descuberta do xogo e así o recolle o refrán: Polo San Martiño, trompos ao camiño; polo San Amaro, trompos ao faiado!

Falaba eu de atrevemento e non é só recurso de captatio benevolentiae, non, senón de laica e sincera confesión.

Gustaría de retratar aquí a miña experiencia biográfica como bailadora de trompos e buxainas, mais falsearía a realidade e faltaría á confianza desta institución do xogo popular e tradicional que representa o MELGA.

Porque o trompo, como a maioría dos nosos brinquedos tradicionais, non estiveron presentes na infancia dunha nena que acompañou unha familia deslocada, no comezo da década dos 70, do espazo rural ao urbano, o suposto lugar estratéxico para un mellor futuro que debía virar as costas e mesmo desprezar o modelo galego de vida tradicional, harmonizado en simbiose coa natureza e con hábitos de interacción social, de convivio colectivo e de labor cooperativo.

Cumpría naquela altura aniñar nas soidades individuais das gaiolas dos edificios da cidade, en escasos metros cadrados pechados, para virar as costas a unha identidade que cumpría modernizar a custa do abandono e da non transmisión dos valores propios. Virar as costas tamén, con ollada de superación, a todo un mundo artesán onde as mans e os corazóns facían realidade o que a imaxinación creativa soñaba.

Mais é responsabilidade nosa virar de novo a ollada a través do retrovisor temporal que nos ofrecen persoas, colectivos e institucións que, coma este, non aceptan a desmemoria cultural e xenerosamente traballan para compartila connosco de forma proactiva, moito máis aló de inertes mausuleos.

E a nena medrada, a quen na casa convenceron de que o trompo era xogo de nenos, non de nenas, volveu necesariamente a ollada á tradición para se reencontrar cun pensamento e un xeito de comprender o mundo, tamén a través das relacións lúdico-educativas, expresado nun idioma rico e enriquecedor.

A observación do trompo dirixiume, desde a súa descuberta e xa como nai e profesora, á metonimia ou metáfora do que somos como pobo: un corpo vivo a virar, en transformación continua, sen perder o eixo do seu centro de gravitación, que convoca a compañía do pobo para convivir en festivo horizonte colectivo.

Asemade, a semántica do peón reforzou a imaxe do camiñante traballador que non se detén inmobilista no taboleiro da vida, mentres a xénese do outro sinónimo, a buxaina, levoume a apreciar a fortaleza do buxo, arbusto de crecemento lento, follas perennes, que pode vivir varios séculos e que, coas súas variantes, se estende por diferentes territorios e continentes. A súa madeira compacta e flexible permite requintar as contornas vexetais das casas, modelar ferramentas diferentes e agromar gaitas. E xa sabemos que tocar, cantar, bailar e virar, no solto ou no agarrado, todo é un, mesmo coas súas dificultades, como di a copla bergantiñá na Xota de Folgoso:

E vira e vira
e volve a virar,
a volta da vira
é mala de dar.

As voltas da vida aprendéronnos que, como a cultura popular desatendida, o buxo pode verse afectado por andazos que o deformen, amortezan o seu vigor ou mesmo anulen a súa utilidade e existencia. No caso do buxo, o cobre será o seu remedio. Para a sobrevivencia da cultura tradicional galega, ningún remedio nin principio activo máis frutífero que o coidado e a transmisión interxeracional, inoculado en pequenas doses sostidas no sorriso amigo de cada tempo e co afecto copartícipe que se respira en centros como o MELGA.

Trompos, buxainas e peóns a virar a roda da vida!