Virus selectivo

Artigo publicado en Nós Diario o 18 de xuño de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

O 15 de xuño lembramos a aprobación hai 37 anos dun marco legal fundamental para a reparación da lingua galega: a Lei de normalización lingüística.

Unha lei que de acordo co establecido no artigo 3 da Constitución e no 5 do Estatuto de Autonomía […] asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo e que no artigo 22 determina que o Goberno Galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega.

Parécenos inverosímil que exista outro marco regulador dun proceso vivo e social coma este inmutábel tantas décadas despois, como se aquela sociedade e a actual fosen as mesmas. Mais se cadra iso ten moito a ver coa falta de dirección técnica e política á que obriga a lei.

Agora que estamos a piques de ratificar nas urnas a necesidade dun cambio político en clave galega que xa é perceptíbel na sociedade, non esquecemos a nula atención ao proceso de normalización do goberno galego do PP na última década.

Non foi posíbel esquecer a presenza dalgúns dos seus membros en manifestacións explicitamente antigalegas e defensoras da separación das crianzas por razón de lingua na escola, asegurando Feijóo en plena campaña de 2009 que estas teses estaban dentro do seu partido.

Mais o ramo chegou agora cando, a piques de rematar un curso inédito, se anula a convocatoria de axudas a proxectos escolares de fomento do uso do galego por causa dun virus (ben selectivo) que, no entanto, nas mesmas circunstancias, semella non ter atacado outros proxectos educativos.

O futuro que cada vez máis queremos converter en pasado concretou unha estratexia desgaleguizadora, nomeadamente na escola, que fixo caso omiso da Lei de normalización lingüística e mais do Plan xeral de normalización lingüística de 2004, esnaquizando os pactos e consensos políticos e sociais conseguidos como mostra da cohesión e acordo que sempre é quen de acompañar a lingua dun pobo.

Advertisement

325 anos luz

Artigo publicado en Nós Diario o 12 de marzo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Non consigo imaxinar como sería o día a día galego hai 325 anos. Apenas consigo aproximar, e sei que nunca coa suficiente pel, grazas ás lecturas que despexan o camiño bretemoso con cadansúa raiola.

Hanse preguntar o porqué desa cifra aparentemente redonda: 325 anos. E, sobre todo, que ten a ver con este 2020 que camiña entre turbulencias extemporáneas e esperanzas solleiras.

Non hai razón en ningún tipo de nostalxia melancólica nin na vontade de cuestionar aquilo de que calquera tempo pasado foi mellor, non.

Apenas se trata de rememorar a data de nacemento de Frei Martín Sarmiento, erudito galego, autor dunha obra ensaística que amosa, no tránsito dos séculos escuros cara á Ilustración galega, unha fonda implicación co seu tempo. Un lúcido ilustrado que adicou boa parte da súa vida de retiro como monxe beneditino a reflexionar e anotar en varios miles de pregos algún dos piares en que nos sustentar aínda 325 anos despois.

A defensa do predominio da razón, a práctica dun coñecemento epistemolóxico da realidade, a defensa dos sectores produtivos tradicionais, xunto coa transformación industrial e comercial sen monopolios; a crítica a aqueles factores que desde tempos pretéritos conducen o noso país á súa submisión; a asunción dun papel concienciador para co idioma propio do país, como fonte primaria de coñecemento, e a crítica á política educativa españolizadora e desterradora da identidade galega, concédenlle ao seu pensamento e actuación discursiva un valor iniciador fundamental que preparará o camiño cara ao renacemento literario e cultural que se xestará a partir do século XIX.

Recentemente, o concello de Ribeira acatou o mandado da Lei de normalización lingüística de 1983 a respecto da transcrición do seu topónimo oficial. Benvido ao cumprimento da lei 37 anos despois, malia teren transcorridos xa a toda velocidade 325 anos luz.

Herdanzas en vida

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza, o 13 de xuño de 2019 (número 350).

Tradicionalmente, conxugar o verbo herdar en primeira persoa levaba implícita a dolorosa perda do ser querido a cambio da posesión dun ben legado como prezada prenda da xenealoxía familiar.

Da herdanza xenética á herdanza material no fío do cordón umbilical da emotividade cosanguínea contida na memoria íntima.

No entanto, a mudanza da enxeñaría fiscal tributaria, sempre de costas ao valor emocional, trocou a forma e o fondo do concepto herdado.

Fálase agora con normalidade das herdanzas en vida ou pactos sucesorios inter vivos, que priman o adianto ao acceso á herdanza das testadoras vivas por parte das beneficiarias.

Nun primeiro acordo posibelmente esteamos a pensar en herdos materiais, tanxíbeis, privados, individuais. Unha casa, unha leira, un negocio familiar, unha chousa, un monte, unha empresa…

Mais tamén pode tratarse de herdanzas simbólicas, emocionais, de alto valor cualitativo para nos definir como somos e, sobre todo, de quen vimos sendo: un álbum de fotos coa cartografía familiar, un xogo de lenzos bordado coas iniciais da casa, uns brincos de acibeche e prata negra, un pano de man, un reloxo de peto, unha colección de vinilos…

E aínda tamén pode suceder que a transmisión benquerida sexa un ben inmaterial e colectivo como o patrimonio cultural e o idioma galego.

Sexa cal for a realidade obxecto de transmisión, tanxíbel, física, cuantificábel ou emocional, inmaterial, a concreción dun pacto sucesorio precisa vontade emisora testadora e receptora herdeira, para alén de documentos notariais, sen máis fe de vida que o propio apego e compromiso por respectar e quererlle ben ao que vén canda nós como un galano senlleiro, histórico e colectivo.

E nese (ausente) pacto, ou en ausencia de vontade, estamos a respecto do idioma galego.

A quebra da transmisión interxeracional anula a continuidade natural do galego como lingua inicial dos afectos coa que aprender a nomear o mundo. A interrupción do reforzo comunicativo do contorno de socialización infantil impide a consolidación do galego como lingua habitual, mesmo naqueles cada vez máis minguados fogares que educan con vontade consciente de ser o galego a lingua de relación coas crianzas.

A perda da condición de lingua vehicular plena do galego na educación infantil e obrigatoria, xunto á consolidación dun estatus de presenza ínfima e marxinal da nosa lingua propia en favor da máxima ocupación do espazo do coñecemento por un pseudobilingüismo español-inglés, anulan a facultade de operar a escola como garante dunha boa adquisición lingüística verdadeiramente plurilingüe desde a raíz propiamente galega.

E até aquí chegamos, coas consecuencias do desprezo, aló polo ano 2007, dun pacto político previo por parte do Partido Popular de Galicia (Galego é outro contar…) e concretado, unilateralmente e coa sociedade en contra, ao máis puro estilo recolonizador, en sucesivas accións legais a partir do seu retorno ao goberno da Xunta de Galiza en 2009.

Porque, logo de 10 anos de retroceso contrastado no coñecemento, uso social e transmisión interxeracional do noso idioma propio e oficial, así como de quebra de consenso e perda de ética política a respecto do desenvolvemento da Lei de normalización lingüística e do Plan xeral de normalización lingüística, ambos os dous aprobados por unanimidade en 1983 e 2004 respectivamente, son moito horas de emprendermos un outro camiño para a recuperación da lingua galega.

Certo é que non existe un camiño único nin tampouco un único responsábel.

Certo é que, como feito social, é preciso activarmos a corresposabilidade para asumirmos a planificación dun proxecto de normalización consonte a realidade actual.

Certo é que non podemos renunciar a reclamar vontade política e apego emocional á nosa lingua da man para seguirmos a ser e existir como galeg*s no mundo da biodiversidade e do ecolingüismo.

Agora que sabemos que Marcos goza de ensinar as vinte e cinco especies de orquídeas que agocha O Courel, algunha delas única no planeta, para preservar esta riqueza natural, procurarmos un posíbel punto de partida para o retorno ao compromiso colectivo co futuro da lingua galega é a nosa obriga para preservármonos tamén dentro da riqueza cultural e lingüística global.