Arquivo por meses: Marzo 2016
Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María
Toda fin de etapa xera expectativas, mais tamén medos e incertezas. Cando ese punto e final o traza a superación da nosa licenciatura en Filoloxía, ao tempo que se abre un espazo de expectativa profesional, o plano persoal séntese realizado e coa forza intensa que pulsa o futuro próximo que desexas converter nun novo punto de inicio.
Aquel monllo de inseguridades viuse sorprendido a comezos dos anos 90 cando Francisco Pillado, director dos Cadernos de Teatro, mantivo un encontro cun grupo de compañeiras e compañeiros de promoción, no que asumimos a encomenda de realizar unha edición de La Galiciana de Xoán da Cova, Anxo Gómez e eu.
A ilusión era inmensa, facilmente imaxinábel, mais tamén a acrecentaba o feito de ternos recomendado que falásemos con Manuel María, pois era un gran coñecedor do famoso idioma trampitán que inventara aquel curioso autor ourensán.
Unha vez organizado o noso primeiro plan de traballo como filólogos, decidimos viaxar a Monforte, á libraría Xistral, previa cita telefónica con Manuel María.
Moi pouco sabiamos naquela altura do autor, remataramos Filoloxía Hispánica -Subsección Galego-Portugués sen ter lido un só verso seu, polo que a nosa documentación se limitaba a algunhas fontes orais amigas partilladas que evitaron o noso ridículo maiúsculo.
Cara a Monforte nos diriximos con toda a expectación como compañeira de viaxe. Localizamos a libraría, entramos timidamente, presentámonos a Saleta e ela nos encamiñou cun sorriso afábel cara á mesa camilla de traballo e conversa onde nos agardaba Manuel María.
A súa espontaneidade, a riqueza da conversa e a prolixa información con algún que outro documento gráfico que nos subministrou converteu aquela xornada de traballo nun día inesquecíbel na nosa memoria, tanto que no retorno á casa en coche sentiamos ter sido partícipes dun momento irrepetíbel e mesmo aínda máis convencidos de que aquela nosa escolla académica non fora nada errada.
O encontro humano levou á descuberta do escritor, nomeadamente do poeta, e o contacto persoal retomouse grazas a nos converter co tempo en veciñanza coruñesa, o que facilitou o encontro periódico en todo tipo de actos e eventos culturais, literarios, cívicos ou políticos.
O interese pola súa extensa obra poética medrou até chegar a se converter no título do que debería chegar a ser unha tese de doutoramento que finalmente Boloña obrigou a ficar en cadernos con páxinas de anotacións e múltiples horas de lectura ben investidas para o regusto da lectora.
E chegou este 2016 coas roupas centenarias das Irmandades da Fala e cun 17 de maio que nos propón achegarnos, superadas sombras previas, a unha luz resucitada, tomando prestado un dos case cincuenta títulos poéticos de Manuel María.
A proposta de escrita dunha biografía divulgativa por parte de Vítor Freixanes, para a Editorial Galaxia, permitiu trasladarmos á escrita algunhas daquelas anotacións para procurar construír un discurso abreviado dun autor referencial na literatura galega e intelectual comprometido durante a segunda metade do S. XX.
Autor e obra habitan en intercomunicación permanente, por iso os seus versos trouxeron consigo o alento poético para o título final da biografía de Manuel María: Labrego con algo de poeta.
O conxunto dunha obra literaria que se aproxima aos cen títulos en perfecta e harmónica simbiose cunha actitude vital coherente, consecuente e firme nos seus principios nacionalistas galegos fican retratados neste libro que quere ser, de principio a fin, homenaxe agradecida a quen practicou sen descanso nin renuncia tanto amor aos próximos, á casa, á tribo, ao país, ao pobo, á cultura, á literatura e á lingua galega.
Lugo: presentación de Labrego con algo de poeta, xunto á Antoloxía poética de Manuel María, en edición de Darío Xohán Cabana
Imaxe
Ramón Nicolás: De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal (Breve historia da literatura galega), por Mercedes Queixas
Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás, recensión sobre “De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal (Breve historia da literatura galega)”, publicada o 26 de marzo de 2016. A versión dixital pode verse aquí.
Historiografar e sintetizar as principais liñas de sentido da totalidade do noso corpus textual en pouco máis de duascentas páxinas é un esforzo meritorio que supón mergullarse, con vagar, nun enorme océano que vai da Idade Media ata hoxe cunha ollada sempre crítica e valorativa. Facelo ponderadamente e con rigor, salientando con equidade o máis relevante, é outro dos seus acertos. E cómpre non esquecer a súa indubidable utilidade, o seu propósito divulgador, o estilo conciso e ameno que o domina e ese pouso de orgullo que queda tras a súa lectura: estamos e existimos, tamén, grazas a ese ser vivo que é a nosa literatura.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 25 de marzo de 2016, baixo o título de “Unha monografía, viva e portátil, da literatura galega”.
Booktrailer de De pergameos, follas voandeiras, libros ao punto gal. Breve historia da literatura galega
Velaquí está o fermosísimo booktrailer para presentar De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal. Breve historia da literatura galega, publicado por Edicións Xerais.
Grazas sempre ao bo amigo e brillante profesional Alberte Sánchez Regueiro de Distrito Xermar, por ilustrar con tanta elegancia as palabras da miña escrita que procuran partillar o orgullo de posuírmos unha tradición literaria, escrita e oral, desde finais do século XII.
Entrevista a Mercedes Queixas, autora de Labrego con algo de poeta, na Editorial Galaxia
Desde a Editorial Galaxia, entrevista sobre “Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María”, publicada o 7 de marzo de 2016. A versión dixital pode verse aquí.
Falamos con Mercedes Queixas, autora da biografía de Manuel María, homenaxeado co Día das Letras este 2016.
– Galaxia: Por que este título para este libro?
– Resposta: Procurei un título que achegase ao público lector unha definición totalizadora do autor e pareceume que eses versos seus tirados do poema titulado “Carné de identidade” o eran. A íntima conexión coa Terra e a necesidade de pulsar incansabelmente o convivio coa Poesía foron a cerna do ser e do sentir vital de Manuel María.
– Galaxia: Cal foi a principal dificultade coa que te atopaches á hora de encetar este traballo?
– Resposta: Manuel María aínda é sentido en presente, non o vemos, mais a súa obra, tan popularizada en vida, segue nas lecturas e relecturas de moita xente, así como a emoción das lembranza de vida compartida.
A Manuel María nada lle era alleo no seu tempo, as claves da súa vida e da súa escrita, camiños paralelos, están marcadas pola acción, pola implicación, o que explica a súa presenza e acompañamento en multitude de actos ora de xénese literaria ora formativa, divulgativa ou reivindicativa, xunto á súa necesidade de percorrer o País para o coñecer e, ao tempo, se coñecer a si mesmo e a súa tribo, o que o levou a manter contacto con multitude de persoas, colectivos, asociacións, etc. que o seguen a lembrar como memoria viva.
Manuel María era un gran conversador e un brillante orador, é difícil non sentirmos aínda en nós a súa voz penetrante e segura, o discurso do intelectual comunicador próximo ao auditorio.
É unha figura tan viva, tan apreciada, que quixen que nesta biografía tivesen voz propia algunhas persoas que testemuñasen a relevancia do noso autor como poeta e como cidadán amante do seu pobo, comprometido co seu presente e futuro.
Non poder dar cabida a moitas máis voces nese coro para min tan necesario, xunto á necesidade de sintetizar unha vida tan intensa no plano individual e colectivo do autor do maior corpus literario desde 1950, foi sen dúbida a maior dificultade.
Saleta Goi, a compañeira e confidente do poeta, quen me transmitiu toda a confianza necesaria para este traballo e a quen debo a maior das gratitudes.
– Galaxia: Poucos autores hai máis unidos á Terra que Manuel María…
– Resposta: Efectivamente, a necesidade da Terra en Manuel María fica patente no conxunto da súa poliédrica obra literaria ben sexa esta poética, narrativa, teatral, ensaística ou xornalística a través das columnas semanais en prensa do seu espazo “Andando a Terra”.
O autor reconstruíu poeticamente a xeografía galega: Valdeorras, o Orcellón, o Val de Quiroga, Pantón, Compostela…
Na biografía recollemos unha anécdota ben significativa que nos contou Saleta Goi. Cando chegaban a Outeiro, á súa querida e tan poetizada Casa de Hortas, antes de entrar na casa e saudar a familia, daba unha volta polo arredor da casa, pola horta, admiraba como estaba todo. Era unha necesidade case panteística.
Na obra de Manuel María a Terra é a grande protagonista, destaca como a cerna arquitectónica do seu pensamento creativo, desde o contorno máis próximo, a casa familiar outeirense, até os círculos vivenciais na tribo chairega, primeiro, monfortinos despois e todos os espazos que visitou, maiormente debido a compromisos profesionais como escritor e intelectual de prestixio incomparábel, no Estado español –nomeadamente en Euskadi e Catalunya-, Portugal –terra adorada- e América do Sur.
O coñecemento e comprensión do próximo levouno a espertar a curiosidade polo alleo, nunha vocación de se achegar ao universal desde o local, o que explica as continuas referencias culturais, históricas e literarias alonxadas a nós no tempo e no espazo, así como a necesidade de viaxar con maior vontade de lecer, especialmente nos últimos anos após a súa xubilación como procurador dos tribunais, a outros países que serían poetizados en O camiño é unha nostalxia.
– Galaxia: No teu anterior traballo na nosa editorial achegácheste á figura de María do Carmo Kruckenberg. Agora, a Manuel María. Como se fai para achegarse á vida e obra de poetas tan grandes coma eles dous?
– Resposta: Teño a sensación de que foi como viaxar pola mesma estrada, mais facendo o camiño á inversa, en direccións contrarias.
Achegueime a María do Carme Kruckenberg como poeta, como lectora da súa poesía da que fiquei prendada e a que me levou a espertar curiosidades sobre a súa vida, após ter coincidido con ela e escoitado recitar coa súa voz firme e contundente. Felizmente, para reconstruír esa biografía e poñela por escrito ela foi a protagonista principal e a súa voz é quen enfía as palabras dos días intensamente vividos.
A Manuel María coñecino a comezos dos anos 90, recén licenciada en filoloxía, cando me recibiu na libraría Xistral, que atendía con Saleta en Monforte, xunto a un compañeiro de promoción, Anxo Gómez. Aceptara manter un encontro connosco para nos informar sobre Xan da Cova, un autor que estabamos a investigar para editar unha obra súa. Aquela visita marcoume para sempre, a súa naturalidade, a conversa lúcida e sabia, envolvente, a súa xenerosidade fíxonos conscientes de que acababamos de vivir unha experiencia única e irrepetíbel.
Coincidir con el na vida sociocultural da Coruña, acudir a algunha presentación súa, partillar algunha tertulia na cafetaría Kirss da cidade, guioume para a lectura continuada da súa obra tan fértil, tan plural nas formas métricas, no discurso, no obxectivo e ao tempo tan innovadora. Lembro a impresión que levei cando tiven nas mans os dous volumes da súa obra poética. Algo así só é quen de facelo un ser único que viviu cun profundo amor á súa terra, ao seu país, á súa tribo, á poesía e á vida.”
“Manuel María é un océano”, entrevista en La Voz de Galicia
Desde La Voz de Galicia, edición de Carballo, entrevista feita por Patricia Blanco sobre “Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María”, publicada o 4 de marzo de 2016. A versión dixital pode verse aquí.
Hai xa uns días que Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María (Galaxia) anda polas librarías. A nova obra (coral, como ten dito ela) de Mercedes Queixas Zas fai un convite dende os andeis. Durante uns dous meses, logo da invitación da editorial, o libro estivo buscando forma na cabeza da autora. Despois chegou a escrita mesma. De cara ao 17 de maio, a idea é que «a xente xa vaia facendo os deberes», ri. Este ano, as Letras Galegas son para el, para Manuel María (1929-2004), o home e escritor de Outeiro de Rei.
– La Voz de Galicia: Todo un reto, parece, este traballo sobre Manuel María, no ano no que se lle dedican as Letras.
– Mercedes Queixas: Unha ilusión e unha satisfacción. A Manuel María adóroo como poeta e admíroo como persoa. Vida e obra camiñan xuntas. O reto era grande, porque foi un autor prolífico, completo. A súa vida foi vivida intensamente. Con Manuel María resultaba posible un volume enciclopédico, pero un libro de divulgación, con páxinas limitadas, non me foi doado.
– La Voz de Galicia: Logo tería que seleccionar.
– Mercedes Queixas: Intentei facer unha liña no tempo onde sobranceasen aspectos determinantes para unha primeira achega a el. Tiña unha pequena vantaxe: a súa obra xa a tiña traballado con anterioridade. Nunca chegara a poñelo por escrito, pero si a tiña lida, e volvo a ela periodicamente. Iso axuda a escolmar: tiña como varias antoloxías persoais, miñas, cos libros moi marcados. É un autor que tiven a sorte de tratar en persoa, sobre todo na última parte da súa vida, cando veu vivir á Coruña: para nós era un veciño máis, tiña unha participación social e un estar na cidade moi importante. Manuel é un autor moi grande, todo un océano.
– La Voz de Galicia: ¿Cre que somos conscientes do papel que xogou Manuel María?
– Mercedes Queixas: Creo que lle acontece como aos grandes autores, aos que logo chamamos clásicos. Medran e empezamos a velos dunha maneira totalizadora unha vez que non están e hai ese distanciamento físico e temporal. As grandes obras son aquelas que se sosteñen no tempo, que volves a elas e seguen tendo peso e incluso gañan presenza, comunicación. Á obra de Manuel pásalle iso e sabiamos que lle ía pasar iso: é moi completa, moi de raíz, que nace dende o máis local, o máis próximo, e que se vai ensanchando a todos os círculos da vida. É universal, unha obra dun tempo, dun país, pero tamén unha obra que vai máis alá dun tempo do propio país.
– La Voz de Galicia: ¿Iniciará agora unha xira? ¿Ten previsto visitar a Costa da Morte?
– Mercedes Queixas: Polo momento, para esa zona, non teño nada previsto, mais agardo que si. Estamos preparando a axenda da editorial e recibo moitos convites. A veces penso que vou repetir o ronsel de Manuel. É raro o lugar do país, concello ou colectivo que non teña unha lembranza del. Un dos seus lemas era andar a terra toda, para coñecela, explicarse e explicala. El non está, pero segue presente. O del era un camiñar incesante, era profundamente querido, o cal explica a popularidade da súa obra, como o pobo a asimilou e a fixo súa, para recitala de memoria, cantala, musicala. Iso converteuno nun autor popular, como foi primeiro Rosalía, Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro. Moita xente canta e non sabe que está cantando un poema de Manuel María.
– La Voz de Galicia: ¿Fai falta máis divulgación?
– Mercedes Queixas: Sempre. A Manuel María hai que lelo. Calquera que se achegue á súa obra vai ficar prendido. É unha tentación. Convido a todos a caer nela.
– La Voz de Galicia: ¿Podería quedar cunha obra?
– Mercedes Queixas: Gusto de todo, especialmente da poesía, mais non podemos esquecer o corpus narrativo, o dramático, o ensaístico. Atendeu a todo. Gústame poñer en valor como soubo dar resposta a unha necesidade: crear poesía para o público infantil e xuvenil. É iniciadora esa edición, no 68, de Os soños na gaiola. Ou As rúas do vento ceibe. Para min, ademais, é o dono da máis fermosa poesía amorosa, grande descoñecida e belísima, sempre con Saleta Goi no fondo. Gústame o poeta da terra, reivindicativo e social, que chama á realidade polo nome e lle dá voz a quen máis se lle nega. Poeta satírico e humorístico, de fina ironía, sarcástico.
– La Voz de Galicia: O primeiro exemplar, para Saleta.
– Mercedes Queixas: Foi para ela, si, tiña que selo. Axudoume moito na construción da obra. Cónstame que lle fai ilusión, como todo o que se lle dedica a Manuel. É xenerosa, coma el, sempre a disposición dos que queremos estudalo, difundilo e popularizalo máis.”
“Manuel María tíñase por labrego con algo de poeta”, entrevista en El Progreso
Ramón Nicolás: “Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María”, por Mercedes Queixas
Desde “Caderno da crítica“, de Ramón Nicolás, publicado o 2 de marzo de 2016.
“Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María
Editorial Galaxia, Vigo, 188 páxinas, 10 €
Mergullarse nun autor tan poliédrico e mesmo oceánico como Manuel María, e facelo co obxectivo de elaborar unha proposta ensaística que conxugue conceptos como síntese, espírito divulgativo e, ademais, fluidez expositiva, é un reto que non sitúa ao alcance de todas as persoas. Ao meu xuízo a profesora Mercedes Queixas consegue realizar unha biografía que esculca, con rigor, as dimensións máis salientables da personalidade de Manuel María e, abofé, a súa máis que extensa monumental obra con garantías e, aínda diría máis, cun afán totalizador e exhaustivo que resulta todo un mérito esencializalo en apenas duascentas páxinas.
Esta cartografía, que chega para moverse con seguridade no “territorio Manuel María”, dialoga con análises previas como é de regra, manexa unha abondosa documentación textual xa existente sobre o autor de Terra Chá, ordenándoa e tirando o máis esencial dela con avances da propia colleita do autora, mais tamén establece un fío comunicativo coa obra do biografado que supón, claro é, un camiño polo que é obrigado transitar pois nela explícase o propio Manuel María e con ela explícase Manuel María; mais cómpre saber facelo e aí acerta Queixas ao ofrecernos un discurso, organizado cronoloxicamente, que avanza tanto polos socalcos de filiación máis persoal como por aqueles que deixou, como herdo e como necesidade para entenderse a si mesmo, a través dos seus poemas, dos seus artigos, da súa narrativa, mais tamén doutras “presenzas”, “proxectos” e “compromisos” de índole colectiva, xa sexan literarios, sociais, editoriais ou políticos que aquí se rescatan, contextualizan e subliñan, segundo eu entendo, na súa precisa dimensión.
Tras a lectura deste libro compréndese, máis e mellor, o espazo que ocupou e ocupa Manuel María na nosa literatura; proxéctase -agora que é tan necesario- a súa figura e a súa obra con equidade sen converter esta biografía -que chega para quedar como referencia e que será unha ferramenta de inestimable utilidade- nunha haxiografía, algo que non era en absoluto preciso. Os méritos son da súa autora, non teño dúbida. Os meus parabéns.”