Rosalía viva! Viva Rosalía!

Artigo publicado na versión dixital do Sermos Galiza, o 24 de febreiro de 2014. A versión orixinal pódese consultar aquí.

Amigas e amigos,

Sede benvidos a este lugar que é símbolo fundacional de noso.

Hoxe, arredor do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, continuamos a celebrala, como a poeta fundadora da literatura galega contemporánea e a sentírmonos reflectidos, logo de máis de cento cincuenta anos, na voz colectiva da nación, expresada coralmente nos Cantares gallegos, onde o compromiso co seu pobo, posto en valor na lingua de seu, translocen o compromiso cunha realidade maior, para lle dar luz desde a dignificación cultural e social, abrindo en nós, neste presente bretemoso, a espiral da conciencia de xustiza para co pobo de noso e o seu futuro.

Rosalía de Castro é unha fenda.

Unha ferida aberta nas conciencias.

A voz que sempre nos asombra.

Os seus versos falan de nós, desde o antonte e o onte aprendidos até o hoxe en permanente construción; as súas palabras son fíos que cosen a memoria das costuras, son agullas que tecen o abrigo de quen teima en destecer, son dedais escudo que protexen da mentira e da infamia.

Penélopes tecedoras queremos ser con ela, da súa man guieira, para frear o paso atrás do boi canso e alancar sempre adiante, con pé chantado firme na terra que coñece e en que se recoñece, cara á dignidade que confere a capacidade de decidirmos que queremos ser na luz dos que, coma ela, foron.

Querémola viva. Sabémola ceiba no preámbulo do Día de Rosalía, data oficial e referencial xa no noso imaxinario colectivo nestes últimos anos, inexplicabelmente eliminada do Calendario do Libro e da Lectura pola Consellería de Cultura e Educación a comezos deste 2014.

Querémola viva. Sabémola ceiba no adro dunha nova xornada de mañá, 24 de febreiro, Día de Rosalía, que vestirá con galas de festa grande, entre flores e libros en galego para partillar, pronta para espallar, de man en man, de boca en boca, como semente de primavera, os seus versos e a súa iconografía viva en multitude de actos por toda a nación, desde A Coruña a Vigo, desde Lugo a Pontevedra, de Compostela a Moaña, da Estrada á Rúa de Valdeorras e Camariñas, de Valencia a Ferrol e Bruxelas…

A palabra e o pensamento rosaliano, como auga limpa en fresca fonte, ecoarán evocados nas voces e músicas de hoxe, graffiteados para nos muros, porque non a queremos cativa nos libros, como tampouco a queremos rea destes muros invisibilizadores, opacos, cómplices da súa desmemoria.

Querémola pola rúa,
nos barrios e nos arrabaldes,
nas aldeas e nas prazas,
nas fachadas brancas dos edificios.

Querémola libre como ela demandaba: Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino.

Convocamos hoxe a nación toda en San Domingos de Bonaval para lembrarmos non só unha personalidade altísima das nosas letras, senón a muller que nos abriu as portas, consciente do grande atrevemento, para entrar ao campo inmenso da literatura e da cultura galegas e, con ela, ás aspiracións a un outro papel histórico para a súa lingua e a súa patria.

Celebramos con vós o seu valor humano galego universal, que é símbolo de identidade como galegos e galegas dunha cultura milenaria e unha lingua orgullosa de seu, que ten un lugar imborrábel na historia popular e culta dos pobos que construíron a Europa.

Neste día tan simbólico, é de xustiza demandarmos para ela, a que leva na fronte unha estrela e no bico un cantar, un Panteón laico, aberto, de acceso público, para lle podermos levar flores, sen autorizacións previas, non só ao símbolo colectivo da nación, senón, e tamén, ao ser humano que é agasallado co cariño e respecto dos seus seres queridos, que somos todo o pobo galego que nela nos identificamos.

Saudámosvos fraternalmente, agradecidos, e dámosvos a benvida en nome do Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Texto lido no acto central do Día de Rosalía organizado pola AELG o 23 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres.

Advertisement

Falará a poesía

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza o 17 de febreiro de 2014. A versión orixinal pódese consultar aquí.

Debruzarse na lectura diaria -literal e figurada- da información e procesala con espírito crítico está a se converter en amoado para o desasosego, adubo para a impotencia e lévedo para a rebeldía.

Cómpre tomar alento, mudar escenarios de lectura e procurar futuro na luz das palabras retratistas que con pulsos de ritmo interno ousan quebrar a fin da liña predeterminada.

A poesía é unha arma cargada de futuro, escribiu Gabriel Celaya.

A poesía é unha árbore sen follas que dá sombra, definiu Juan Gelman.

A poesía venta a morte como voitre, ratificou Mª Xosé Queizán.

Mais non sempre é posíbel esquecermos os dividendos da miseria e a multiplicadora mediocridade enxordecedora na retórica poética do rocho do Lethes nin mergullarse entre as liñas dos versos á procura dunha rima (m)a(l)soante nin tan sequera respirar átonas esperanzas fisterrás. Porque a poesía fala de nós, cara a cara connosco.

Por que? Preguntaron…

Porque o poeta ten
a palabra
a vida
o poder.

Respondeu de novo Mª Xosé Queizán.

Boa ocasión nos brinda este 2014 para continuarmos, guiad@s polo ronsel d@s poetas, a descubrir as claves da poesía e da vida, co gallo da celebración da homenaxe que realizará a RAG o Día das Letras Galegas na honra do poeta de Guitiriz, Xosé Mª Díaz Castro, así como do centenario do seu nacemento, o día 19 de febreiro, en que será rememorado cunha ofrenda poético-floral no camposanto de San Xoán de Lagostelle, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio e colaboración do Centro Pen Galicia e a Asociación Cultural Xermolos.

Oportunidade para nos apropiarmos, a golpe de nimbos de luz que o poeta nos entrega, de sombras e noites que abafallan dereitos e soños de dignidade.

POETA ou non, eu cantarei as cousas
que na soleira de min mesmo agardan.
Alumarei con fachas de palabras,
ancho herdo meu, o mundo que me deron.

Eí están, coma brasas contra noite,
As vellas cousas, cheas de destinos.
Ollos que piden, de famentos nenos.
Ollos que esperan, dunha adoescente.

Galiza en min, meu Deus, pan que me deron,
leite e centeo e soño e lus de aurora!
Longa rúa da mar, fogar da terra,
I esta crus que nos mide de alto a baixo.

Con este alento, eu lles darei ás cousas
o drama cheo que lles nega a vida:
dareilles rostos, para que se conozan,
palabras lles darei para que se entendan…

Emprender cara a ningures

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza. O artigo orixinal pódese consultar aquí.

O Goberno español vainos presentando a concreción da LOMCE a través do proxecto do Real decreto que estabelece os currículos básicos da educación primaria, secundaria, bacharelato e mais a formación profesional básica.

É comprensíbel que neste preciso momento abandonen vostedes a lectura deste artigo, xa que nin o fondo nin a forma da linguaxe administrativa, coa que parezo ameazar, resulta grata para o que se pretende nuns minutos roubados para a lectura como estes que xenerosamente nos brinda o lectorado.

É por iso que podemos aforrarlles toda a fargallada destes documentos ofrecendo un resumo breve que, como anunciaba a regra dos dez mandamentos, encóllense en dous: afianzar o espírito emprendedor e a iniciativa empresarial.

Velaí os conceptos reiterados até o infinito que na próxima lectura prometo contar!

Mais para conseguir estes obxectivos, cómpre iniciar o estudantado canto antes nas técnicas do mercado, porque o emprendemento será unha competencia transversal que deberemos traballar desde todas as materias en primaria e en educación secundaria obrigatoria, xa que estes currículos incoporarán objetivos, competencias, contenidos y criterios de evaluación de la formación orientados al desarrollo y afianzamiento del espíritu emprendedor, a la adquisición de competencias para la creación y desarrollo de los diversos modelos de empresas y al fomento de la igualdad de oportunidades y del respeto al emprendedor y al empresario, así como a la ética empresarial.

E a partir de aí os interrogantes comezan a invadir o noso borrador de traballo coas inconcrecións e/ou incoherencias internas ao propio documento, así como coa constatación de preocupantes retrocesos a respecto da LOE.

* Como entender que o alumnado de educación primaria (6-12 anos) poida escoller -ou as súas familias- non cursar nunca na súa formación inicial a materia de Educación Artística, que engloba Música e Plástica?
* Como entender que nesa mesma etapa o alumnado poida escoller unha segunda Lingua Estranxeira, desbotando Educación Artística ou Valores Sociais e Cívicos, cando xa conta con tres linguas obrigatorias no currículo: galego, castelán e inglés?
* Como entender a consolidación en ESO da opción do afastamento definitivo de materias como Música, Educación Plástica e Visual, Tecnoloxía, segunda Lingua estranxeira, Artes Escénicas e Danza, Cultura Clásica ou Filosofía?
* Como entender que o alumnado con necesidades educativas dirixido a un Programa de Mellora da Aprendizaxe e o Rendemento en 2º e 3º da ESO, unha vez superado grazas á adaptación do currículo, á atención individualizada, ao emprego dunha metodoloxía específica, redución de materias a favor dos ámbitos de coñecemento e proxectos interdisciplinares, debe incorporarse a un 4º ordinario desde o vertixinoso trampolín sen rede nin auga na piscina?
* Como entender que aquel alumnado que, con quince anos, é derivado a unha Formación Profesional Básica, conforme o criterio da atención á diversidade, non consiga unha titulación mínima homologada e equivalente ao graduado en ESO?
* Como entender que aquel alumnado que supere positivamente os catro cursos de ESO e non aprobe a reválida externa do Ministerio non conseguirá o Título de Graduad@ en ESO (requisito imprescindíbel hoxe para continuar estudos posobrigatorios ou incorporarse ao mercado laboral), senón que terá que se conformar cun simple certificado de estudos?
* Como entender que todo isto non é senón unha máscara distorsionadora da realidade do fracaso escolar?

Se callar a explicación reside na cerna conceptual e ideolóxica que esta literatura legal concreta: as competencias básicas que se cualificarán nas avaliacións individualizadas de 3º e 6º de Educación Primaria e mais 4º de Educación Secundaria Obrigatoria serán tres: competencia lingüística, matemática e ciencia e teconoloxía.

Mais con toda probabilidade o problema da educación no Estado español que o PP percibe no seu carácter plurinacional, plurilingüe e multicultural ficará resolto de vez ao se asegurar as competencias plenas á hora de determinar contidos comúns e horario mínimo -fixará o 55%-, determinar os estándares de aprendizaxe avaliábeis e os criterios de avaliación das probas externas.

Deste xeito asegurará a uniformidade comprensiva para toda a mocidade que habita no Estado español. Só así o alumnado galego deberá estudar, para superar eses alleos supraestándares de aprendizaxe, o valor literario decimonónico dos machadianos Campos de Castilla, mais poderá ignorar o significativo poema rosaliano ‘Castellanos de Castilla’.

Asemade, descubrirá a grandeza poética de Federico García Lorca, mais inocularemos nel o virus do descoñecemento inducido que lle impida recoñecer os seus Seis poemas galegos, algúns deles, como o poema ‘Chove en Santiago’ popularizados nos fermosísimos sons de Luar na Lubre.