Unha palabra para don Ricardo

Por convite da Real Academia Galega, recollo neste vídeo a impresión que me causou a descuberta da Historia da literatura galega contemporánea de Ricardo Carvalho Calero. Por iso, esta achega á serie ‘Unha palabra para don Ricardo’ é a voz sorpresa. Pode verse o orixinal aquí.

Advertisement

Co Libro Galego de Gala

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza, o 16 de maio de 2019 (número 346).

Espindo días e noites chegamos ao 17 de maio que, desde 1963, é data sinalada no calendario como Día das Letras Galegas e no almanaque emocional galego como o día da nosa representación cultural identitaria a través da lingua de noso, propia e oficial: o galego.

Somos o que lemos, somos o que falamos, somos tamén o que escribimos.

Mais a pregunta xorde en todo proceso creativo: para quen escribimos? Quen nos le?

Non recorran a unha xustificación pensada desde o culto ao egotismo nin desde unha pose de escaparate existencialista, senón como interrogantes necesarios para quen pensa, sente e escribe desde unha lingua minorizada.

Porque lingua e literatura son as dúas caras da moeda do proceso creativo, o punto de orixe e o de chegada.

E no tránsito está a vontade e a necesidade de contar, de transmitir, de emocionar, porque, en palabras do escritor Xabier P. DoCampo, “o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia”.

A historia do último ano, desde a perda do amigo escritor, volveu facerse presente na Gala do Libro Galego, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e mais a Federación de Librarías de Galicia e celebrada hai escasos días no Teatro Principal de Compostela, ao se recuperaren as derradeiras palabras pronunciadas en público polo mestre DoCampo na pasada edición ao recoller o premio de narrativa polo súa magnífica novela A nena do abrigo de astracán.

Maldicira naquela altura, con voz vehementemente doída, todos aqueles que non coidan do libro, que deixan o sector do libro desamparado. Celebrara, no entanto, a necesidade de seguirmos vivindo no libro galego, no traballo e na festa do libro galego.

Festa e reivindicación do libro galego retornaron ao escenario colectivo dunha gala que recoñece o traballo editorial de todo un ano, mais tamén segue a reclamar tempos en que se produza algunha mudanza en positivo ao redor da aposta do goberno galego nos procesos creativos autoriais, na promoción e dinamización do libro e da lectura, no desenvolvemento sempre adiado da Lei do libro, na aprobación do plan de lectura ou na proxección internacional da nosa literatura.

E mentres agardamos, nada agardamos. Traballamos, coa optimización dos recursos dispoñíbeis e procurando avanzar na experimentación e retroalimentación dun proceso creativo que non admite freos nin desprezos. Traballamos para que os libros e as lecturas alimenten vidas na credibilidade da xustiza, da equidade, da igualdade, como vimbios contra a censura. Que bo exemplo recibimos do alumnado do IES Punta Candieira defendendo a non usurpación e silenciamento da súa exposición de poemas!

A liberdade está en perigo e nós estamos en perigo na súa ausencia. E prívannos de liberdade quen precisamente a invoca falazmente para reducir até a extenuación a posibilidadade de aprender a nosa lingua.

Segundo o estudo elaborado pola Mesa pola Normalización Lingüística, o ensino en galego en educación infantil nas cidades apenas chega ao 8% do alumnado e máis do 70% dos centros urbanos realizan o primeiro ensino maioritaria ou exclusivamente en castelán.

Á quebra da transmisión xeracional cómpre engadir a falta de reforzo positivo en tempo lectivo para a aprendizaxe da competencia lingüística suficiente que permita a seguridade necesaria do seu uso.

Para quen escribimos? Unha sociedade moza incapaz de recoñecer o significante galego para percibir o seu significado, a semántica propia das nosas palabras, e mais as emocións que permiten compartir, que lectorado en galego constrúe?

A globalización, intolerante coa biodiversidade cultural, está a impor a perda dos valores identitarios comas os nosos, diluídos en modas foráneas que actúan desde unha vontade aparentemente neutralizadora, non invasiva.

A precarización do sistema literario e cultural, programado desde o consentimento inactivo por certas estruturas políticas, impide alicerzar a vocación creadora nun proxecto de vida persoal e profesional.

E así transitamos do para quen escribimos ao para que escribimos. E, ao tempo, seguimos a escribir…

Po(l)em(iz)as

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza, o 11 de abril de 2019 (número 342).

Se algo ficou esclarecido nas últimas semanas desta inaugural primavera é que a poesía e a lingua de noso, nomeadamente aquela que agroma nas bocas novas en idades e emocións, son tan imprescindíbeis colectivamente que mesmo chegan a ocupar algunha portada mediática.

Quen o diría! O idioma minorizado e o xénero literario de minorías a daren que falar como mans irmás!

Xa o escribira a poeta Yolanda Castaño no volume A segunda lingua que incorpora o poema intitulado “A poesía é unha lingua minorizada”: “Camiña igual ca unha muller: /entre o masacre do invisible /e o campo de concentración da visibilidade”.

Unha das marcas de identidade da literatura galega ten que ser metalingüística, necesariamente sociolingüística, pois a ferramenta básica, o osíxeno que alenta a vida polas arterias da creación, non é outro máis do que a lingua. E os niveis de osíxeno non sempre contan coas mellores condicións vitais.

Existe literatura galega porque existe unha lingua matriz que a surte de expresión sentitiva e concepción gramatical. E a expresión literaria hase converter no espello da renovación do discurso lingüístico, conforme os pasos desa lingua que transita literariamente firme nos gumes das incertezas sociais e políticas.

O repertorio poético que nace da autorreflexión da nosa imposta realidade colonial, subalterna e diglósica ten estado presente en diferentes tempos literarios. “aprendemos a lingua do colonizador /como se fose a nosa lingua propia /adestrándonos na súa áspera pronuncia /memorizando todas as palabras alleas /que couberon na cunca do leite con galletas” ratifica Marta Dacosta.

De querermos xerarquizar este corpus nunha escolma etiquetada, obteriamos un volume antolóxico ben representativo en cantidade e cualidade.

Do verso pondaliano “Meniñas da Cruña, falade gallego” ao de Avilés de Taramancos dirixido á Patria “A túa lingua é a miña espada”; dos contundentes versos chairegos de Manuel María “Renunciar ao idioma /é ser mudo e morrer” aos determinantes do celanovés Celso Emilio Ferreiro “eu fáloa porque sí, porque me gosta,/porque me peta e quero e dame a gaña”.

Do “Falo coa miña lingua irada, /coa rabia da brétema nos ollos” que fixa Pilar Cibreiro ao retrato colectivo e contemporáneo de Carlos Negro: “Aquí, /na cidade, /practicar galego: /un estilo de vida/ no que partes a boca /contra todos os obstáculos”.

Implicarse coa palabra é implicarse coa lingua que outros negan. “Vin como mataban a terra miña, /vin como esgazaban / a súa carne,/ como queimaban a súa lingua” verifica Daniel Asorey. Tamén implicarse entre linguas mudas “nós non nos entendemos /meu /a túa lingua en min /e a miña lingua en ti /si” versifica no encabalgamento erótico Estíbaliz Espinosa, ou entre as maternas “apertas lingüísticas” de Lupe Gómez.

Vivimos con Emma Pedreira no desexo de “que falar pola boca sexa o mesmo que parir o pan e a auga /e non precise axuda” e na eterna cadea de preguntas que convida á rolda de respostas culpábeis na escrita de Eli Ríos: “A poesía é unha manifestación? / A poesía é beleza?

A poesía é pasado, é presente e é futuro.

E, volvendo aos versos iniciais de Yolanda Castaño, semella que nestes días a expresiva creación poética da mocidade do IES Punta Candieira de Cedeira foi arrombada a ese visíbel e ostentoso campo de concentración da ignorancia por parte da Administración educativa, obviando o pensamento de Vicente Aleixandre: “La poesía tiene que ser humana. Si no es humana, no es poesía”.

E o odio, como o amor ou a inseguridade ou o medo ou a alegría ou a tristeza, é sentimento humano, por iso “La poesía no quiere adeptos, quiere amantes”, aseverou Federico García Lorca.

Porque de amor se trata. Á poesía, á lingua galega, á escola galega.

E hai quen non entende de amores. E aínda hai quen nos os permite nin tolera.

Mais con certeza tamén a poesía, como para case todo, ofrece a solución na lírica de María Reimóndez: “galegofalante na cidade /Da indiferenza /á hostilidade /media só un cambio de goberno”.

Próximas citas electorais á vista ou como colocar a poesía no centro da nosa periferia.

Entrevista no programa Chamando á Terra

No programa Chamando á Terra da Radio Galega fixéronme esta entrevista o sábado 3 de marzo de 2018. Agradecida!!
“Mercedes Queixas conversa con María Solar sobre o seu traballo de edición dos relatos inéditos de María do Carme Kruckenberg, compilados en O morto asasinado e outros contos, e do seu último traballo como autora, Xandra, a landra que quería voar. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Retos e responsabilidades para o libro galego

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza o 10 de febreiro de 2018. Pode consultarse o orixinal aquí.

Moito nos presta acudir a citas de autores galegos –autoras poucas, non vaia ser!- canto máis clásicos mellor –para isto a vellice é un plus!- á hora de enfeitar cun rexistro culto ou mesmo amparar na solvencia os nosos pensamentos, opinión e discursos.

Nomeadamente gustamos de botar man dos mortos, por aquilo de que xa non falan –moito menos han protestar para pedir copyright– e aos que a maioría do lectorado ou auditorio non ten lido ou pode ter algo esquecido, de xeito que mesmo poidan apoiar un noso pensamento oposto a quen lle tomamos emprestada a cita autorial.

Con todo, hai clásicos revirados e clásicas aínda máis!

Agora que estamos a piques de volver celebrar popularmente a vida do Día de Rosalía o vindeiro 24 de febrero, para continuar a convertela nunha autora galega clásica de referencia porque continuamos a lela en presente atemporal, aínda avergoña que o galego Presidente do goberno galego non fose quen de nomear un dos seus títulos –de Rosalía de Castro, claro!– ou que o galego Presidente do goberno español non acepte que a rúa Rosalía de Castro pontevedresa substitúa desde 2010 o nome dun golpista franquista.

Cousas da (falta de) memoria histórica!

No entanto, malia todo, este empobrecemento cultural por desleixo de quen tamén reciben o nome de “autoridades” alónxase moito do coñecemento actual de Rosalía de Castro na sociedade galega que é quen de identificar títulos e mesmo recitar de memoria ou cantar poemas seus.

Tampouco é Rosalía de Castro autora allea ao mundo das letras internacionais, pois o interese polo estudo da súa obra migrou expansivamente a múltiples linguas diferentes grazas á poderosa ferramenta da tradución.

Mais este proceso internacionalizador, isto é, de difusión e coñecemento da literatura galega no exterior, é imparábel no presente grazas a autoras e autores contemporáneos que, por razón de alta calidade literaria, competitiva con calquera outro sistema, desde o galego alcanzan importantes cotas de prestixio do que moito nos orgullamos quen apreciamos a creación literaria galega.

Recollemos con fachenda os títulos que entran en listaxes internacionais como IBBY ou White Ravens, aqueles que son premios “nacionais” concedidos polo Ministerio de Cultura, a presenza de autoras e autores en eventos literarios de corte internacional, o ensanchamento da escrita a través da tradución…

Porque sabemos que iso significa que canda eles estamos todas, está a cultura galega, a nosa columna vertebral como pobo.

Mais non hai recoñecemento posíbel externo se non vén acompañado do interno, por iso as políticas verdadeiramente afortaladoras da formación cultural da sociedade apostan pola creación e difusión do libro como motor social e económico para o converter nun horizonte estratéxico dentro dun modelo económico produtivo.

E de novo aquí o goberno galego está a demostrar a que vén ser xa habitual e recorrente falta de apoio institucional e orzamentario, concretada agora na renuncia a participar nos importantes escaparates internacionais que son as feiras do libro, o que representa o definitivo abandono e renuncia dunha estatexia cultural e editorial institucional para a literatura galega.

O que tamén entendemos como a máis evidente deixadez de funcións e responsabilidades que como goberno galego lle corresponde ao derrogar de facto o Capítulo III de “Promoción do libro” da Lei do libro e da lectura de Galicia de 2006.

Unha lei que identifica o sector editorial como “peza clave” e que compromete o goberno galego a “colaborar coas editoras galegas mediante accións específicas encamiñadas á promoción do libro galego tanto en Galicia como fóra dela”; apoiar “iniciativas que posibiliten novos mercados do libro editado na nosa comunidade con especial relevancia no que afecta á Unión Europea e á área iberoamericana” e fomentar “a asistencia das empresas galegas do sector do libro e dos creadores e creadoras a feiras ou exposicións que se desenvolvan fóra do seu ámbito territorial, incluídos os certames internacionais”.

Unha lei que, conforme as características propias do territorio en que nace e dialoga cos axentes plurais que nela participan, “recoñece o libro e a lectura como instrumentos indispensables para a transmisión da cultura e para o desenvolvemento da identidade de noso”.

Pretender avalar desde a Secretaría xeral de cultura esta renuncia propositada á visibilidade internacional da literatura galega coa contrapartida do apoio ás actividades de promoción da lectura que se desenvolven nas bibliotecas públicas e escolares resulta impropio dun goberno responsábel.

Mais dedúcese das súas palabras que esta é a única conta no seu pobre balance de resultados de apoio á creación dunha rede social lectora que ben sabemos, quen nela participamos, que se sustenta comprometidamente no traballo da asesoría de bibliotecas escolares, por unha banda, e na capacidade mobilizadora que neste sentido veu demostrando a comunidade educativa, pola outra.

A respecto desta última, é importante destacar a dedicación de tempo persoal á formación e desenvolvemento da acción profesional que proxecta unha parte do profesorado do ensino público galego para formar una sociedade lectora que estea á altura do deseño dun futuro inmediato superador.

Mais cómpre que nin a quen se lle presupón responsabilidade política nin ao conxunto da sociedade se lle esqueza que este traballo de dinamización lectora é sempre programado desde o compromiso sincero do profesorado para cos valores que a lectura achega á formación do ser humano, altruísta, pois ofrece xenerosamente o seu tempo non laboral nin lectivo sen ningún recoñecemento administrativo, e desinteresado, pois non percibe ningún tipo de complemento económico, ou o que vén ser o mesmo, un traballo a maiores do que lle corresponde realizado de balde mais non en balde. Baremos aplicábeis, asemade, ao alumnado, familias, persoal non docente, etc., participantes nos clubs de lectura escolares.

E a todo isto hai que lle engadir a empatía e complicidade xenerosa de escritoras e escritores que coa súa presenza, ademais de coa súa escrita, nos axudan na escola a achegar á nosa infancia e mocidade valores sólidos de respecto, ética e moral que non sempre canalizan os medios de comunicación e información aos que está sobradamente hiperexposta.

A lectura frecuenta as emocións, afortala redes de comunicación, coparticipación responsábel e empatía cara ao pensamento diferente, fomenta a tolerancia e contribúe para erradicar o gusto pola toma individual de decisións drásticas e unilaterais gravemente prexudiciais para a sociedade e a súa base cultural como a que acaba de comunicar a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

É por iso tan necesario que o libro galego e a cultura e identidade que transmite recupere o necesario e merecido peso político como alicerce sólido dun futuro propio escrito cos vimbios das nosas creadoras e creadores. Só así axudaremos a medrar os índices de lectura, considerados na propia lei mencionada “como indicadores de benestar, de calidade no desenvolvemento comunitario e de conciencia cívica”.

Eis o reto colectivo, mais tamén o noso compromiso persoal e profesional e a esixencia política.

Eu son desta terra e desta auga, intervención para a II Xornada do Día das Letras Galegas (maio de 2016)

“Eu son desta terra e desta auga” é o título da miña intervención gravada previamente para a II Xornada do Día das Letras Galegas, celebrada na Casa-Museo Manuel María o 7 de maio de 2016, pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Centro Autonómico de Formación e Innovación.

Pontevedra: conferencia Vida e obra de Manuel María, o martes 10 de maio

OManuel María Mercedes Queixas completo portada martes 10 de maio, ás 20:30 horas, no local social do Burgo (Rúa Manuel Murguía, 1), en Pontevedra, darei a conferencia Vida e obra de Manuel María, dentro do programa Maio, mes de lingua, organizado pola Concellaría de Normalización Lingüística e a Asociación Sociocultural O Burgo, coa colaboración da editorial Galaxia.