#12dexullo

Artigo publicado en Nós Diario o 25 de xuño de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Hai catro anos unha preadolescente díxome, sorprendida, que cando escoitaba falar a Ana Pontón comprendía o que dicía e ademais tiña razón.

Aínda reafirmaba. Ana era unha muller que falaba dos problemas da xente recoñecíbel na vida común e sempre propuña alternativas. Non falaba por falar. E se niso consistía a política, entón gustáballe a política e mais Ana.

Disimulei a miña sorpresa de madurez e asentín con ilusión adolescente compartida. Naquela altura souben que o bo estaba por vir para este Nós colectivo que leva tanto tempo a sementar na construción do Pobo.

A Terra precisa mans novas e agora é a mocidade, motor dos cambios no presente para trazar un novo futuro, quen maioritariamente quere ser voz e apoio social do BNG que representa Ana Pontón como candidata á presidencia da Xunta de Galiza o 12 de xullo.

Rosalía de Castro xa alentaba a boa ventura:

¡Arriba
todas, rapaciñas do lugar,
que o sol
i a aurora xa vos vén a dispertar!
¡Arriba!
¡Arriba, toleirona mocidad,
que atruxaremos—cantaremos o ala… lá…!!!

Canda a mocidade, tamén as mulleres camiñamos á fronte para arroupar un soño cada vez máis real, conscientes da necesidade de avanzarmos nesa igualdade que beneficia o plural desde a responsabilidade da acción política.

As mulleres que en conciencia lle dixemos a Feijóo Nunca Máis ao peche do paritorio de Verín. As mulleres que non toleramos a impertinencia bandoleira daquel ex abrupto machista no Parlamento: “A señora Pontón está moi necesitada”. Nin tampouco esquecemos a campaña de cousificación das mulleres como xigantes entre monumentos patrimoniais.

Porque as mulleres non esquecemos que, se for preciso, o PP de Feijóo e mais o Feijóo do PP (non hai campaña posíbel que os confunda), pactaría cun partido fascista e misóxino, apelo a nos sumar a facer historia acompañando o paso firme, valente e comprometido de Ana Pontón cun voto de ilusión e esperanza, de reto e confianza cara a un #EuTaménConAnaNavegar!

Advertisement

Virus selectivo

Artigo publicado en Nós Diario o 18 de xuño de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

O 15 de xuño lembramos a aprobación hai 37 anos dun marco legal fundamental para a reparación da lingua galega: a Lei de normalización lingüística.

Unha lei que de acordo co establecido no artigo 3 da Constitución e no 5 do Estatuto de Autonomía […] asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo e que no artigo 22 determina que o Goberno Galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega.

Parécenos inverosímil que exista outro marco regulador dun proceso vivo e social coma este inmutábel tantas décadas despois, como se aquela sociedade e a actual fosen as mesmas. Mais se cadra iso ten moito a ver coa falta de dirección técnica e política á que obriga a lei.

Agora que estamos a piques de ratificar nas urnas a necesidade dun cambio político en clave galega que xa é perceptíbel na sociedade, non esquecemos a nula atención ao proceso de normalización do goberno galego do PP na última década.

Non foi posíbel esquecer a presenza dalgúns dos seus membros en manifestacións explicitamente antigalegas e defensoras da separación das crianzas por razón de lingua na escola, asegurando Feijóo en plena campaña de 2009 que estas teses estaban dentro do seu partido.

Mais o ramo chegou agora cando, a piques de rematar un curso inédito, se anula a convocatoria de axudas a proxectos escolares de fomento do uso do galego por causa dun virus (ben selectivo) que, no entanto, nas mesmas circunstancias, semella non ter atacado outros proxectos educativos.

O futuro que cada vez máis queremos converter en pasado concretou unha estratexia desgaleguizadora, nomeadamente na escola, que fixo caso omiso da Lei de normalización lingüística e mais do Plan xeral de normalización lingüística de 2004, esnaquizando os pactos e consensos políticos e sociais conseguidos como mostra da cohesión e acordo que sempre é quen de acompañar a lingua dun pobo.

É o momento

Artigo publicado en Nós Diario o 11 de xuño de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Neste tempo posCOVID-19 seica non é o momento

De cuestionar despidos de empresas que presentan ano tras anos enormes beneficios.

De cuestionar onde está a Igrexa solidaria coas necesidades sociais como institución exenta de contribuír ao erario público co pagamento do IBI.

De cuestionar por que na televisión e na radio públicas se escoita unha única voz cando son varios os proxectos de país.

De cuestionar o baleiramento de recursos humanos e materiais cos que afrontan a realidade pandémica os profesionais da sanidade pública.

De cuestionar o abafo que producen discursos políticos inzados de intolerancia e promotores de odio.

De cuestionar quen confunde solidariedade e xustiza social con caridade ou esmola.

De cuestionar o desleixo na protección sanitaria dos nosos maiores nas residencias dos NON coidados.

De cuestionar que Feijóo afirme ignorar o informe do Consello de Contas crítico coa xestión das residencias privadas de atención aos maiores.

De cuestionar que nos permitisen ir ao supermercado mais non á horta.

De cuestionar que o presidente galego non se dirixa ao pobo galego en galego.

De cuestionar a importancia das librarías como espazos de acougo saudábel.

De cuestionar a cultura galega como fonte de (trans)formación e transmisión do coñecemento da identidade propia.

De cuestionar a educación como vínculo formativo e emocional e a escola como ágora de encontros en igualdade.

De cuestionar a ineptitude dun presidente da Xunta de Galiza que ignorou as súas funcións, competencias e responsabilidades na protección do seu pobo.

É chegado o momento de sermos o punto e á parte que coloque o punto e final á inercia do rumbo político dun PP esgotado, para mirarmos aos ollos da nosa xente e dicirlles coa voz renovada dos versos da “Letanía de Galicia” do poeta Uxío Novoneyra:

“sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa”

Para setembro

Artigo publicado en Nós Diario o 4 de xuño de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Voltei ao instituto por primeira vez desde o comezo do confinamento. Recoñezo que non había pés que me levasen. Sabía que non ía estar todo igual, porque xa nada pode ser igual despois de case tres meses de abrupto distanciamento educativo ademais de social.

Os corredores longos e fríos semellaban termar dun cadaleito de sombras en silencio, ocultando a cadencia de voces adolescentes embarulladas ao ritmo dun timbre marcial.

As aulas como arterias gardaban ermas as rexoubas das materias como interrogantes en espera.

Un corpo sen alma. Un continente sen contido. Unha construción oca e presa de toda comunicación.

O proxecto “Donas de si” apenas se sostiña en pé na entrada que recibe a comunidade educativa entre aséptico aroma desinfectante.

Avolveume a lembranza queda no piso daquelas alumnas curiosas que me pediran unha entrevista interesadas polo meu traballo e visión do mundo como muller.

Revivín aquel encontro apurado nos vinte escasos minutos dun recreo como unha confesión e reafirmeime na necesidade irrenunciábel de rehab(li)itar a escola de palabras, encontros e afectos.

Precisamente agora no momento en que máis desasistida estivo para familias, alumnado, profesorado, equipos directivos, departamentos de orientación, titoras…

Marcha o curso do desacougo, da incerteza, da improvisación, da caótica resolución profesional, do desamparo político oficial, mais sobre todo da descuberta da auténtica radiografía social, aquela que nunca rexistramos cando cruzamos a porta do instituto, a mesma que cada alba abre de par en par e en igualdade para todas.

Deberiamos estar a pensar e falar do vindeiro curso, mais isto non merece tempo nin titulares. O importante son os turistas deslocados irresponsabelmente a faceren caixa que o verán son dous días e a educación aínda pode agardar pola convocatoria extraordinaria de setembro!

Unha palabra para don Ricardo

Por convite da Real Academia Galega, recollo neste vídeo a impresión que me causou a descuberta da Historia da literatura galega contemporánea de Ricardo Carvalho Calero. Por iso, esta achega á serie ‘Unha palabra para don Ricardo’ é a voz sorpresa. Pode verse o orixinal aquí.