Por unha lingua sen límite II

Por unha lingua sen límite 1991-2011 semella ser certeiramente o título máis acaído para o novo capítulo que a política lingüística galega proxectou entre o 2006-2009.

O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, a estrela debutante logo de máis de dous anos de preparación do papel, fixera a súa entrada nos fogares galegos, iso si, moi modestamente e sen apenas ruído.

Velaquí a posíbel solución ilusionante de onte convertida hoxe polo actual goberno da Xunta no problema ou, mellor dito, no documento fantasma que se presinte, sábese que está, que foi concibido polo partido de siglas comúns, mais o esforzo por arremedalo no túnel das tebras ignorantes medra canto maior é a teimosía por negar a súa célula nai, o galego.

Será, no entanto, ese Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega a cerna que xustificará o plano de accións desenvolvidas desde a Administración educativa no período 2006-2009. Un punto de inflexión marcado pola publicación dun novo marco legal educativo e mais por unha batería de medidas destinadas a favorecer tanto a implantación como a reorientación dos equipos, así como a dignificación do labor que viñan desenvolvendo.

O punto de partida para virar o rumbo co obxectivo explícito de reforzar o uso da lingua galega no ensino concretouse no Decreto 124/2007, literatura legal que supuxo un incremento cuantitativo e cualitativo das materias que se habían impartir en galego. Sen dúbida, estabamos a abrir a porta e saudar a esperanza cun regulamento ben distante daqueles fados intoxicadores que desde o principio pretenderon agoiralo con mentiras e falacias que unha sociedade ben formada e reforzada en autoestima nunca debeu ter atendido nin moito menos acreditado.

Este mesmo decreto incorporaba raios de luz osixenadora para aquelas persoas comprometidas ao longo de tantos anos na responsabilidade de coordinar o equipo do centro educativo. A mellora do status dos agora denominados Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, o recoñecemento para @ coordinador/a con dereitos administrativos e económicos, a elaboración de plans de formación que garantisen un coñecemento dos aspectos sociolingüísticos do idioma e unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e para desenvolver a súa actividade profesional en galego; o recoñecemento da competencia lingüística en galego como elemento determinante para a mobilidade laboral; a implicación dos equipos directivos como responsábeis últimos dos plans de normalización dos centros educativos, así como a necesidade de elaborar un Proxecto Lingüístico de Centro axeitado ao contorno sociolingüístico, focalizaron o compromiso normalizador no ensino desde unha outra miraxe, repudiada, iso si, por pequenos sectores sociais con intereseira amplificación mediática, que só puido ter existido debido á escasa capacidade ou vontade (?) comunicadora transparente das persoas con responsabilidade política naquela altura que impediron un presente máis alentador.

Con todo, desde unha perspectiva consciente, argumentada pedagoxicamente e atenta ao PXNLG como páxina índice de traballo, o curso alto do río fluía vizoso. Podería sintetizarse o percurso na confluencia de sete afluentes vertebradores que hoxe aínda bolen emocionados na nosa memoria, coa intención de contribuírmos á reorientación do labor dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, que axudase na superación das inercias estabelecidas e paliase a ausencia de tradición planificadora:

1. A formación específica para o profesorado, inspección educativa, equipos directivos e funcionari@s en prácticas.

2. A elaboración de materiais de planificación lingüística e de didáctica específica para a detección e abordaxe dos prexuízos lingüísticos.

3. A creación dunha rede técnica de apoio á normalización no sector educativo con incidencia no contorno sociolingüístico.

4. A reorientación e exposición pública dos criterios da convocatoria de axudas a proxectos de normalización nos centros escolares.

5. A aposta por elaborar unha convocatoria de accións para potenciar o ensino da lingua galega no segundo ciclo da educación infantil en contextos castelanfalantes.

6. A promoción dunha convocatoria de premios a proxectos de innovación en normalización lingüística.

7. A visualización e posta en valor de boas prácticas dinamizadoras que ao longo das dúas décadas ficaran arrombadas no almacén da memoria non sempre valoradora do centro.

Unha outra política lingüística era necesaria, agardada e tamén posíbel.

E chegamos á última parada da viaxe -parada no sentido máis literal- en que o prometido golpe de temón visceral, como moeda de cambio en campaña electoral, concretado desde marzo de 2009 polo actual goberno do PP mediante a implantación, sen diálogo nin consenso e contra a clamorosa maioría social, dunha agónica cadea de medidas despropositadamente lesivas e regresivas, marxinadoras para aquelas persoas que acreditamos, de verdade e a corazón aberto, sen mentiras, no desexo dun futuro vivido con plena garantía en galego.

O obxectivo de acción positiva morreu para alentar e facer medrar o desacreditamento e a anulación non só do traballo realizado nun tempo récord, con medios limitados e partindo de cero, senón tamén das persoas que o pensaron, soñaron e levaron a termo.

Nunca antes na nosa historia da democracia recente se tiña vivido semellante carga agresiva contra o idioma propio, asinada con carimbo de alto rango oficial, por parte de quen ten a obriga legal de o defender, protexer e promover como lingua minorizada que é no seu territorio. Porque nela habita a razón primera que xustifica a existencia dun goberno (cada vez menos) autónomo. O seu quefacer político débese á existencia dun idioma propio que glosa con capitulares a existencia desta nación diferenciada.

Lembrándoo, alto e claro, permanentemente, aí estaremos nós!

Advertisement

Por unha lingua sen límite I

Por unha lingua sen límite 1991-2011 é o recente título que recolle as palabras pronunciadas na xornada de celebración dos vinte anos dos equipos de normalización lingüística que, organizada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, tivo lugar en Compostela o 5 de xuño de 2011.

Un volume que ve a luz grazas á colaboración económica de máis dun cento de persoas que acreditan na necesidade de deixar testemuño impreso dun tempo histórico no decorrer da normalización lingüística no ensino galego e no que un bo cesto de soños e utopías doutrora foron modelándose, con esforzo anónimo case sempre e desde o vértice común do compromiso coa normalización lingüística, até se proxectaren como experiencias tanxíbeis que cómpre non deixarmos engaiolar polas coplas do esquecemento.
Que veinte años no es nada clamaba o coñecido tango de Carlos Gardel. Efectivamente, non son nada para a permeabilidade da desmemoria actual, para a anestesia inoculada mediante un continuum de perdas e derrotas ao vermos esfarelarse, con vontade e aposta ideolóxica política -porque a estas alturas ninguén pode deixarse enganar con aquela vainica das resolucións estritamente técnicas…- as conquistas de dereitos sociais básicos que viñeron convertendo cada xeración nun bocado máis libre ca anterior e cada momento histórico nun intre máis coherente cos principios de xustiza social.

Mais nesas longas dúas décadas das que moit@s profesionais do ensino somos ben conscientes, unha cantidade inmensa de traballo viu a luz por medio dunha multitude de propostas conducentes á recuperación social da lingua galega desde o elo inicial natural, a infancia, interrompido xa en moitas familias, e no lugar onde habita e respira a artesa das palabras, a escola.
Como exercicio de memoria que foxe da nostalxia ou como acto de celebración ceibe de ladaíñas morriñentas ou de agoiros funestos, segundo anuncia o limiar, este volume é crónica ilustrativa, testemuñada en anexos con documentación histórica, aínda que tamén incompleta, porque é imposíbel rexistrar nun espazo limitado coma este todo o inxente repertorio de propostas e mais de persoas, quer individual quer colectiva e organizadamente, que empeñaron na tarefa de dotar o galego de maior vitalidade interminábeis doses de tempo persoal, compromiso, traballo e ilusión, desde os diferentes sectores converxentes no marco educativo.
Mais tamén son, asemade, estes dous centos de páxinas unha radiografía de momentos importantes que foron concretando e visibilizando, aos poucos, o carácter progresivo que a Lei de Normalización Lingüística determinou xa en 1983 e que aínda está ben lonxe de ser desenvolvida – e mesmo cumprida- na súa totalidade malia o tempo transcorrido.

Os artigos, de autoría representativa das diferentes etapas deste particular maratón lingüístico noso, sucédense nunha travesía de abordaxe cronolóxica en que paseniñamente -ou demasiado amodo- os elos da cadea que artella o avance normalizador van tomando corpo e vertebrando estrutura.

A primeira estación resitúanos na década dos setenta e oitenta, tempo de contestación, ilusión e esperanza, vizoso en iniciativas organizativas á procura da restitución para a sociedade do ser identitario galego -o idioma e todas as manifestacións culturais que nel, como substrato, se conciben e alimentan- e a cuxo agromar non permaneceu allea a escola.
Urxía daquela elaborar materiais pedagóxicos e o voluntarismo cívico foi quen de o conseguir desde a necesaria perspectiva da renovación pedagóxica. No entanto, o respaldo oficial e lexislativo era fundamental para alicerzar solidamente o proxecto de restauración do idioma negado e este chegou, por fin, logo da aprobación do Estatuto da Autonomía, articulado na Lei de normalización lingüística e nas disposicións legais que emanaron dela.

Sendo imprescindíbel comprendermos desde unha perspectiva transversal, como un totum global e retroalimentador, a cuestión da normalización lingüística, isto é, a capacidade de vivirmos neste país plenamente en galego, no sector educativo a Administración delegou desde o curso 1991-1992 parte da responsabilidade, ás veces incluso a propia e polo tanto irresponsabelmente, nos chamados inicialmente Equipos de Normalización Lingüística.

Unha andaina de experiencias moi diferentes en cada centro, corolada por acertos e desacertos, debido a razóns endóxenas -a formación escasa dunha parte moi importante do profesorado no ámbito da normalización e dinamización lingüística- mais tamén, ou sobre todo, esóxenas -ausencia dunha auténtica planificación lingüística por parte da Consellaría de Educación que impedía os avances no obxectivo normalizador escolar e social. Moitos destes equipos souberon resolver, desde a vontade e o compromiso, e procurar estratexias de actuación conxunta que facilitasen o traballo de base, a optimización de recursos e a incidencia do esforzo. Superar o illamento e a soidade a partir da construción de proxectos colaborativos e dinámicos foron o cordón umbilical que alimentou as diferentes coordinadoras locais e comarcais que se foron espallando pola xeografía de noso: Pontevedra, Ferrolterra, A Coruña, Costa da Morte, O Salnés, O Morrazo, Melide, etc. até chegarmos á constitución en 1996 da Coordenadora Nacional de Equipos de Normalización Lingüística.

Liamos, por aquel entón, nunha folla de rota oficial navegante de mares inertes, viciados nunha política erraticamente instalada en Galiza polo Partido Popular de don Manuel Fraga, que non acababa de apostar por un futuro vital e desacomplexado para a lingua galega que a tornase da devalo infinito, senón que se sostiña no escaso avance da competencia lingüística en galego e no manifesto incumprimento -e consentimento por un sector maioritario da Inspección educativa- da lexislación, constatado finalmente nos resultados daquel desolador Inquérito sobre o uso do galego.

Semellaba tocar fondo para retomar rumbo novo o 22 de setembro de 2004 coa aprobación no Parlamento de Galiza, por unanimidade, do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Un documento nuclear, transcendental, consensuado e elaborado por un amplísimo abano de expertos e axentes sociais que ofrecía unha radiografía da saúde da lingua galega na sociedade e presentaba centos de propostas acaídas a cada sector analizado.

No sector referido a Ensino, familia e mocidade recóllese que os ENL son un importante potencial para a normalización da lingua nos centros educativos, mais tamén repasa os puntos febles no seu funcionamento, que chegará a reforzar o informe do Consello Escolar de Galicia, Evolución e estado actual do sistema educativo en Galicia (curso 2002-2005) ao cualificar de “fracaso insólito” a política lingüística educativa posta en práctica até esa altura e reclama da Administración a formación e reforzo do status dos Equipos de Normalización Lingüística.

O horizonte ampliábase, a ollada enxergaba novos compromisos, a linguaxe tornábase ambiciosamente sandadora e a ilusión remanecía expectante.

E entón a lectura deste libro prende en min desde a páxina 55 dun xeito diferente, porque de todo o que aquí se dá proba e testemuña participei con entrega e emoción; porque aínda son quen de visualizar escenarios, encontros, conversas, contaquilómetros, debates, apertas, correos electrónicos, reclamos e, sobre todo, proxectos.

Porque aínda presinto olladas e palabras de alento que foron verdade. Si, verdade ignorada e negada hoxe.

Outro día sen sol

Acordei cedo hoxe porque a planificación programada desde varias pólas esixía rigorosa e sincronizada temporalización.

Derrotoume descubrir, outra mañá, o caprichoso sol acubillado, morriñento e sen vontade de querer cumprir cos deberes que lle corresponden na cronoloxía sucesiva de follas penduladoras que puntualmente nos ofrece na terraza a “Panadería Alpa”.

Reencontreime con X. e cumprín a promesa de lle entregar a reprodución daqueles cartaces que lle correspondían, como agradecemento pola súa estimábel colaboración realizada gratis et amore, a este pensionista ou representante de clases pasivas (aí queda iso! que se note quen traballa e quen non neste país que xa se sabe que hai moito vicio!!).

Continuei o meu GPS particular, ben secuenciadiño para aproveitar o camiño urbano a pé e prescindir do coche, sempre alborotador do ánimo, propio e alleo. Cheguei onda C. para me asegurar de que o proceso de recuperación posoperatoria continúa á perfección. Non percibo acopio desmadrado de medicación, como aqueles responsábeis do goberno galego acusaban. Está contenta porque se confirma a redución do consumo de Nolotil (desculpen a publicidade, xa sei que o politicamente correcto sería falar de xénero xenérico, -redundancia intencionada, advirto!- mais ben sabemos que non todo é sempre o mesmo nin tanto ten!), mais, con todo, asegúrolles que non ma imaxino tampouco manexando as pílulas sobrantes na revenda da dopaxe calquera día destes! Está preocupada, si, porque non sabe que vai acontecer cando dentro duns días volte á farmacia. Por que? Porque, ademais de paciente (moi paciente abofé!), é pensionista e seica agora as relacións comerciais deben ser menos xenerosas cos representantes destas clases pasivas que, mira ti por onde que caprichosas che son as palabras!, traballaron a ferro toda a súa vida.

Prosigo o itinerario e por fin, despois de varios intentos nas últimas semanas, véxome con F. Que casualidade! F. é a inicial do seu nome propio e identifícaa tamén profesionalmente como Funcionaria da Consellaría de Educación. Unha profesional en activo, como tantas!, que aprobou con inxente esforzo hai uns anos as oposicións ao sistema público de ensino, como tantas!; sen destino definitivo, como tantas!; e que descoñece por completo o seu futuro laboral para o curso que comezará o vindeiro setembro. Substituta de zona podería ser das mellores opcións…

No camiño de retorno, preguntando cara ao ceo onde está o sol?, quen prendeu o sol?, abotoo un chisco máis a chaqueta porque a brisa vén fresca.

Aínda me acompaña nos últimos metros encostados a voz telefónica de V. Que facer coas dúas familiares, nai e avoa, día a día máis dependentes, que ten que atender? Confirmado: RIP para calquera propósito de axuda oficial. Porque como na casiña e cos da casiña estas cousas non se fan en ningures… Si, muller, como sempre foi! Para que mudar as cousas? Para que avanzar se calquera tempo pasado foi mellor? Ademais, a que vén esta teima de querer durar tanto?

A ollada lévame ao encontro co sempre puntual inmigrante que está a vender panos de papel no cruzamento das avenidas máis transitadas, quero dicir endemoniadamente barulleiras (por certo anda algo máis demacrado do habitual, observo… menos mal que o centro de saúde está aquí moi próximo… ou se cadra non, é posíbel que sexa o destino máis inalcanzábel neste momento…).

Finalizo a tourné matutina, hiperreducida coma o IVE -hiperreducida a tourné ou eu? valoren por si propi@s…- reencontrándome con quen non é aceptado no mercado laboral desde hai máis de dous anos, como tantos tamén! Por certo, unha digresión máis: canto tempo hai que non coñecemos os datos oficiais do paro por parte dos chamados gobernantes?; con quen non é consultado se lle apetece traballar ou non porque hai tempo que non nace a máis mínima opción; se ten estímulo ou non, se é suficientemente incentivadora ou non para alentar na procura dun novo traballo a cativa axuda familiar pronta a extinguir…

Entón, caio na conta, estou rodeada dos máximos responsábeis deste sen vivir que obrigan ao goberno cada Venres de Dores a tomaren desmedidas medidas -non é burda redundancia, non!- xusticeiras contra toda a sociedade, porque até o de agora viviron moi requetebén e moi por riba das súas posibilidades: pensionistas, parad@s, inmigrantes e funcionariado. A f(r)actura social está en marcha, tod@s estontead@s cunha nova dose de prepotencia desoladora sempre un pouco superior á anterior para coutar calquera intento de reacción. Así que a conformárseme que a cousa aínda ha ser peor! Non hai como boas doses de resignación para superar esta teoría do shok social noqueador. E de paso contribuamos a quebrar a cohesión social interna, culpabilicémonos entre nós na panadería, no supermercado, na libraría, na farmacia, no bar do barrio, e levantemos os índices acusadores: a culpa é túa, funcionaria, enferm@ dependente, inmigrante, pensionista e parado. Demasiada maioría social a pulular por aí que atenta contra as históricas prebendas repartidas entre unha minoría privilexiada.

E claro, enfronteime máis unha vez á crúa realidade que agora toca tamén en Mércores de Paixón (?) e comprendino todo.

Comprendín por que aínda hoxe, andando o mes de xullo, tampouco podía saír o sol. Mais pensei: o sol ha saír! Abofé que ha saír!

Hai quen di que as palabras as leva o vento

O que algúns non saben é que as leva sempre dun corazón a outro a través dun bico sonoro, dunha aperta apertadiña, dun segredo que visita caladiñamente o oído, dunha chiscadela de ollo que só ti comprendes, dunha notiña emburullada que asoma por debaixo dun libro, dunha sobremesa celmosa, dun filme de animación, dun soño ridor, dun conto triste ou dunha canción falangueira.

E cando unha palabra nova nos acariña a pel pode facernos cóxegas e darnos gana de rir, de brincar, de bailar, de xogar á pilla-pilla, de berrar, de chorar, de durmir, de soprar, de cantar, de calar ou abrir a boca coa sorpresa.

Por iso, por cada palabra que alguén non nos aprende ou deixamos que a leve o frío vento do nordés cando zoa, perdemos a palabra e tamén perdemos un bico, un aloumiño, unha cantarela, unha bágoa, unha sorpresa, un arrecendo, unha idea ocorrente, un sorriso, un alento, unha pregunta, unha resposta, un soño, unha ilusión, unha viaxe ou unha amizade.

Mamá aprendeume a apreciar a calor do peito, a catar o sabor do leite, a descifrar as cores irrepetíbeis das bolboretas, a atravesar as rúas, sempre vixiante, nos pasos de peóns e a vestir a roupa polo dereito.

Papá axúdame a construír castelos de area na praia, a bailar o trompo, a programar o lavalouzas, a nomear as estrelas desde o telescopio nas noites de verán e a comer os espaguetes con garfo e culler.

Miña irmá garda a súa saia favorita para cando eu sexa maior, preséntame as cores do arco da vella, e enrédame para bailarmos xuntas os nove números co rato do computador.

A avoa púxolles nome aos meus cinco dedos: o pequeniño, o medianiño, o pai de todos, o furabolos e o escachapiollos e o avó abaloume primeiro no berce e agora no bambán do parque.

Co padriño xogo aos birlos e á chave na fin de semana, cántolle ao caracol para que poña os cornos ao sol e inspiro o arrecendo natural do fiúncho. A madriña lévame ao mercado para non confundir a xarda e a xouba, a sardiña e o xurelo, o peixe sapo e o abadexo.

Coa curmá Xoana aprendo os nomes das vacas da súa casa da aldea (a Roxa, a Pinta e a Canela), das flores da fraga (as chorimas, os belitroques, as margaridas, as papoulas e os couselos) e descifro a lingua do moucho cando fala polas noites.

Todos me axudan a nomear e comprender o mundo en que vivo. Coas súas palabras, que eu fago miñas en canto me acariñan a pel, aprendo algo novo todos os días. Sei que sempre hai unha palabra que está a agardar agochadiña para que eu a descubra.

E cando os meus me entregan algunha palabra, eu correspondo lembrándolles aqueloutra que xa lles roubou o frío vento do nordés ou hai tempo que non usan porque a deitaron arrombada no celeiro dos esquecementos ou trocaron por outra allea pensando que campa máis. E preséntolles o mel doce, a estrada perigosa e a beirarrúa protectora, o luns que abre a semana, o amorote vermello, o reiseñor melodioso, o verme de seda, o lucecú noctámbulo, o golfiño brincador, o novo rato sen dentes do computador, a xoaniña voadora, o videoxogo bulidor, as dedas dos pés, as luvas para as mans e o vello atlas do mundo onde medran todas as palabras galegas ao carón doutros moitos milleiros de sons harmónicos.

A rede de palabras coa que a min me agasallan e alimentan na escola para quererme e mirarme no espello do mundo con voz e imaxe propia.

* O meu agradecemento a todas as persoas que ao longo da vida me foron enchendo de palabras e expresións galegas; o meu recoñecemento a todas as familias que seguen a legar aos seus fillos e fillas o noso maior patrimonio cultural; a miña admiración para con todas as familias galegas que, conscientes de non seren fontes de transmisión natural da nosa lingua, demándana na escola como principal espazo de aprendizaxe e comunicación integradora. Parabéns a tod@s @s docentes que reforzan no alumnado de educación infantil a descuberta e adquisición do noso idioma propio.

Grazas, Agustín!

A miña patria é a lingua, afirmou Pessoa, patriarca das letras portuguesas.

A patria do escritor é a súa lingua, recoñeceu novamente Francisco Ayala.

A lingua galega tense convertido tamén para o noso escritor Agustín Fernández Paz, no apoio óptimo para esvaír o fío imperceptíbel entre quen le e quen escribe e para, asemade, amplificar o convite social a xogar coas palabras que a lingua nos ofrece sempre, porque seguramente o noso veciño, profesor, parente, amigo e/ou compañeiro de viaxes, Agustín, participa e exemplifica a máxima de Cortázar, logo de ter viaxado a Galiza e se aproximar ao seu pobo: Os galegos respiran polo idioma.

Agustín Fernández Paz foi quen de arrombar conscientemente a diglosia errática herdada e aceptou, sen prexuízos, desde a raíz do coñecemento, a lingua propia, o galego, para guiarnos por multitude de viaxes reais e imaxinarias, itinerarios tecidos cos fíos da vida, trazados en tempo presente, pasado e futuro, da man de personaxes novos e adultos, mesmo daqueles invisibilizados. Porque na obra narrativa de Agustín, unha sensibilidade exquisita provocou que as mulleres, as nenas, tamén se teñan convertido en protagonistas activas e heroínas desenmascadoras que merecen o primeiro plano do relato, nunha evidente aposta metonímica pola agardada igualdade a todos os efectos no noso día a día.

E xa postos a recoñecer, con xustiza, porque se cadra a nosa vida é cativa e convértese nunha resolución de prioridades nas que acreditar, o esforzo da escrita foi máis aló. A Agustín Fernández Paz deberemos sempre a súa aposta pola visibilización da literatura infantil e xuvenil galega como un xénero literario maior, vestido de gala, fronte a quen se empeñar en lle apoñer sempre a etiqueta de “produto de segunda”, “xénero facilón, oportunista e escolar”, “literatura de instituto” ou “de público limitado”. Eis o reto persoal: converter, a contrafío, en realidade visíbel, tanxíbel e veraz unha literatura infantil e xuvenil propia, en galego, contada desde nós, mais con vocación de universalidade. O reto está conseguido. A obra narrativa en galego asinada polo noso escritor está sometida a reedicións constantes, porque o lectorado galego o demanda; é traducida a varias linguas, porque outros mercados editores e lectores así o requiren; é premiada reiteradamente porque os xurados, os compañeiros de profesión, a crítica literaria, os libreiros e o lectorado recoñecen a súa calidade. E finalmente, por se aínda houber algunha físgoa de incredulidade, varios dos títulos con que nos ten agasallado recolleron premios promovidos por organismos non galegos, como o Premio Lazarillo, o Premio Nacional de Literatura Infantil, concedidos polo Ministerio de Cultura español, ou o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil y Juvenil, isto é, para alén do Padornelo e do Cebreiro, fronteiras para nós unicamente xeográficas, demostrando que a literatura galega, como a cultura de noso en xeral, nin é limitada nin moito menos (nos) limita ou ailla.

Porque o escritor traballa incansábel desde o centro do mundo, creando un produto literario universal, dirixido a toda a humanidade que o quixer acoller, desde unha lingua á que aínda hoxe non se lle coñecen máis barreiras que as mentais ou ideolóxicas de quen non entende que só se pode ser universal desde as propias raíces.

As palabras son médicos dos azos enfermos, sentencio Esquilo, creador da traxedia grega. Neste tempo que partillamos, realmente tráxico a todos os niveis, con preocupación polo presente e futuro da lingua galega e da cultura que esta alimenta, agradecemos a túa palabra e acción coherente. Precisamos, Agustín, dese pensamento honesto que te conduciu á non aceptación daqueloutro premio institucional hipotecado pola agresión organizada á cultura que representas.

O pasado sábado 30 de xuño, na Homenaxe Nacional promovida na honra do escritor desde a plataforma cidadá ProLingua, varios centos de persoas tivemos a oportunidade de nos achegarmos un pouco máis a Agustín, ao traballo inxente, ininterrumpido e comprometido de varias décadas a prol de valores irrenunciábeis: a normalización lingüística, a literatura galega, a xustiza social e o ensino público en galego.

Un pracer grande e un orgullo, persoal e profesional, poder partillar esta xornada de recoñecemento a un home de palabra e da palabra. Unha nova paisaxe nun novo día para gardarmos na memoria deste longo camiño en que contigo, somos e construímos a nación, como sentenciou na súa breve intervención o escritor Xabier P. DoCampo.

Neste duro contexto regresivo para a maioría social en que as hemerotecas han testemuñar a responsabilidade dos actuais representantes políticos, galegos e españois, á hora de desactivaren, e mesmo pecharen, pola vía de afogamento económico a rede de bibliotecas públicas, de eliminaren axudas á tradución de libros entre linguas cooficiais, de non apostaren por plans de lectura ou de ignoraren o forte retraemento da edición en galego, máis unha vez fomos quen de demostrarmos a resistencia histórica do pobo sementador que agarda para apañar e entregar a colleita das palabras de afecto, do orgullo solidario, da emoción amical, do agradecemento por unha obra creada en clave de pensamento colectivo.

Grazas, Agustín, por tanta xenerosidade; grazas por tanta felicidade cómplice ao abrigo das letras galegas.