Torre de Hércules. Patrimonio de ninguén?

Admirámonos perante as caprichosas creacións artísticas que a natureza, dona de si, é quen de moldear ao seu antollo e sen mancar. Sorprendémonos perante a forza dun mar que bate embravecido e ouleador, maré tras maré, contra a costa da Praia das Catedrais. Marabillámonos no equilibrio granítico das Penas de Rodas, a deitar imperturbábel ollada panorámica sobre a Terra Chá. Bautizamos civilmente, nun exercicio de personificación que testemuñe a natural comuñón convivenvial humana e paisaxística, como “O gardián do val” ou “O ceñudo”, xigantes facianas en que a erosión ten convertido as moles graníticas dos Penedos de Pasarela.

A intelixente intervención do ser humano nun espazo xeográfico, baseada no respecto polo medio natural, na sustentabilidade e na non expoliación avarenta de recursos, agasallounos con auténticas obras de arte que, só desde uns valores éticos e morais coherentes e conscientes co alto valor do patrimonio legado, as xeracións anteriores á nosa teñen protexido e posto en valor.

Ese mimo de tantos galegos e galegas garantiu que hoxe poidamos comprobar como, na longa galería dos monumentos Patrimonio da Humanidade, o Camiño de Santiago (1993), o núcleo histórico de Santiago de Compostela (1985), a Muralla de Lugo (2000) e a coruñesa Torre de Hércules (2009) son olladas no escaparate das marabillas do mundo, de mans dadas, co Parque Nacional de Iguazú (Arxentina), a Gran Muralla (China), o monumento neolítico Stonehenge (Inglaterra), a Cidade vella d´A Habana, o Mosteiro dos Xerónimos e a Torre de Belém (Portugal) ou a Catedral de Nôtre Dame (Francia).

Este título, concedido pola UNESCO, pretende catalogar e preservar lugares de excepcional importancia cultural ou natural e para acceder a ese recoñecemento de honra o lugar debe ter un “sobresaínte valor universal”. E disto na Galiza sabemos moito.

Mais é ben sabido que a conservación do patrimonio precisa de atención respectuosa continuada, de planificación cómplice dese labor de coidado e de investimento que garantan a vitalidade do lugar para o goce do presente e mais para a súa herdanza posterior nas mellores condicións posíbeis. Quere iso dicir que, en caso de non se cumpriren os obxectivos de coidado e conservación por parte das autoridades públicas responsábeis, o monumento pode ser retirado desta listaxe de recoñecemento mundial e, consecuentemente, perder un referencial valor económico e de prestixio o seu contorno social inmediato.

A cidadanía coruñesa está a observar con especial preocupación a escasa sensibilidade da actual corporación municipal, presidida polo alcalde do PP, don Carlos Negreira, responsábel de que a Torre de Hércules leve desde o mes de xaneiro pechada e inaccesíbel á cidadanía coruñesa e mais ao sector turístico que albisca, neste monumental faro marítimo romano, único no mundo aínda en funcionamento, o seu principal núcleo de interese na nosa cidade.

Desde hai xa catro meses, privados da visita interior á Torre de Hércules e da panorámica costeira única que desde o seu alto se admira, este monumento Patrimonio da Humanidade semella querer ser convertido desde o concello en Patrimonio de Ninguén, pois os seus trece traballadores e traballadoras foron despedidos, as importantes obras anunciadas que obrigaban o peche hermético non se coñecen nin teñen sido aínda obxecto de concurso público, segundo a información que ofrece periodicamente o grupo municipal do BNG ou o grupo creado polos expulsos traballadores da Torre de Hércules nas redes sociais e, o que é aínda máis peocupante, non se coñece data para a súa reapertura a piques de entrarmos na temporada de lecer estival.

Pechar incomprensíbel e inxustificadamente a Torre de Hércules -porque non foron dadas razón convincentes desde o concello, como o tempo se está a encargar de demostrar- e negar o acceso público ao seu interior, significa denigrar unha parte do patrimonio galego da humanidade, invisibilizar a natural divulgación da historia de noso así como do marco lendario que o explica, ignorar a necesaria divulgación da riquísima microtoponimia que o contorna, onde cada pedra, illote, con ou furna responde polo seu nome propio que adormece na memoria dos seus mariñeiros e percebeiros coruñeses. No entanto, o que semella falta de planificación e xestión (in)consciente (?) por parte da concellaría correspondente, xa ten constatado un efecto inmediato: contribuír a minguar a capacidade económica de desenvolvemento do sector comercial turístico da cidade, que continúa o seu progresivo declive, ao permitir desactivarse este reclamo-alicerce como vertebrador foco de atracción para o turismo interior e exterior, tal e como se puido comprobar xa nos datos do período vacacional da Semana Santa e nas diferentes pontes de lecer, como a recente do Día das Letras Galegas.

Agardamos que aquela nova recoñecedora do noso, que tanta alegría provocou na cidadanía coruñesa o 27 de xuño de 2009, non fique adormecida para sempre, pola insidia irresponsábel dos gobernantes, na tamén existente e deshonrosa Listaxe de Patrimonio da Humanidade en Perigo. É o noso desexo que o Faro da Humanidade nos ilumine!

Advertisement

Eu son (III)

Eu son dunha xeración que aprendeu a ler nas voces e pensamentos impresos dos nosos escritores e escritoras, que recuperaron para nós a literatura oral popular e colocaron no escaparate da denominada literatura culta un abano creativo rico e comprometido, onde a lingua de noso é irrenunciábel e, polo tanto, visíbel na diversidade lingüística e literaria do mundo. Porque non nos sentimos nin queremos que se nos vexa coma aquel Balbino-ninguén que acordou hai 50 anos neste país empobrecido, que non pobre!

Eu acompaño hoxe unha sociedade que maioritariamente acredita nos valores que nos identifican como pobo sen complexos e que rexeita, desde a razón argumentada, as agresións que o goberno galego actual está a amparar e promover contra a lingua galega, anulando até a extenuación a súa presenza na Administración, reducíndoo vertixinosamente no ensino e alentando decadentes prexuízos lingüísticos desestruturadores da sociedade galega, capaz historicamente de convivir desde a harmonía respectuosa verdadeira, nas súas propias diferenzas.

Antonte e onte foron outras persoas as que reaxiron contra os que Castelao cualificou como imperialistas fracasados ou Manuel María retratou como desertores repelentes desde a vocación de señoritos; hoxe somos nós os que tomamos o necesario relevo; existirá un mañá e un pasadomañá que falará de nós como usuarios activos en defensa da lingua galega e garante da súa normalización ad futurum. Somos o que outras persoas defenderon antes por nós. Sen regalías gratuítas. Gozamos dos dereitos humanos e profesionais que alguén vindicou para nós. Velaí o exemplo e a forza. Porque non hai volta atrás para un pobo que se nega a tecer e destecer somnolento o fío de Penélope!

Permitídeme, pois, que recupere estes versos do poeta noiés, Antón Avilés de Taramancos, que pechan o poema Fusquenlla:

Terra querida, que sempre chegas tarde

ou chegas antes ou despois da Historia

e andamos foscos no correr do tempo.

Hai que romper, romper agora!

Eu son (II)

Eu son dunha xeración que naceu e medrou en paralelo á lingua galega, viaxando en habitáculos diferentes do mesmo comboio. Cadaquén ía subindo nunha estación diferente, con cadanseu billete, con compañeiras e compañeiros de viaxe diferentes que ían alimentando as nosas gorxas inéditas para nos reconstruírmos como individuos con biografías lingüísticas individuais, mais non isoladas, pois a estación termo daquela viaxe era a casa común do pobo, como colectivo cunha identidade truncada, deformada, ignorada ou disfrazada con roupaxes alleas.

Eu subía ao comboio da lingua galega no meu espazo de liberdade vacacional, recreo e ocio incontrolábel, bicos furtivos e conversas adolescentes. Eu habitaba a lingua na aldea, da man dos meus catro avós e cinco bisavós. E deles a aprendín, oralmente, nun boca a boca con salto mortal interxeracional, de ouvidas, como un século antes fixera a propia Rosalía de Castro. Quen mo ía dicir!

Eu son dunha xeración que precisou entender e concretar a coherencia do sentido común desde a honestidade cos antergos e a miraxe responsábel ao futuro que nos había corresponder enfiar. Nacía unha xeración de neofalantes que non aprendemos a lingua galega como primeira lingua, mais que a tiñamos como referente próximo na aldea, surtidora de puntuais citas dominicais coas patacas e os ovos e os grelos que a cidade non entregaba nunca como galano, mais si ofrecía puntual e estacionalmente o labor das mans traballadoras dos avós.

Eu son dunha xeración de neofalantes que asumiu a vontade de dar un paso adiante e instalarse no galego, conscientemente, como única lingua de uso no país de noso, sen que esa decisión implique a menor mingua para o noso coñecemento e dominio doutras linguas, nomeadamente o castelán e o portugués que, por proximidade e interese funcional, temos a vantaxe de coñecer practicamente desde o berce. Sen que a nosa escolla, desde a liberdade que o coñecemento ampara, anulase o respecto pola outra lingua convivencial, malia imposicións históricas propias das relacións forzadas entre conquistadores e conquistados.

Eu son dunha xeración de neofalantes que recuperou o equilibrio, a normalidade lingüística para si; por iso apostamos pola transmisión xeracional aos nosos fillos e fillas, malia a escoita sistemática da sempre teimuda pregunta de quen incrédulo nos inquire na rúa, no parque infantil, na consulta médica e na panadaría: Y siempre le hablas así?, acompañada da mesma teimuda resposta: Pois si, sempre! Porque non podemos axustar contas co pasado, mais si podemos rexenerar un outro futuro lingüístico diferente na comunicación cos nosos fillos e fillas e, desde a lingua propia e oficial, a lingua de noso, nomearlles o mundo global. Nós a canda el, sempre!

Eu son (I)

Eu son da xeración nada nos finais dos anos 60, daquela que chegou in media res a todo, ao principio do fin dalgúns medos encarnados nos nosos superiores e ao inicio da apertura reticente a un mundo novo, ansiado e temido, ao tempo, por descoñecido. A luz da liberdade das palabras que prendía no misto do futuro inmediato apremiaba, mais, con todo, engulía rescoldos no branco e negro que necesariamente tiña que se mudar en gris. O SI afirmativo instalábase para desterrar o perenne e inmorrente NON prohibitivo e censurador.

E tocounos medrar apalpando cambios que non comprendiamos, mais que percibiamos nas olladas de esguello combativo e nos falares ás veces calados ou enmudecidos en clarificadores ombros que se erguían interrogantes entre dúbidas non verbais. Porque na nosa presenza había que albiscar demasiada roupa a clareo. Olladas adultas flotantes, suspensas nas imaxes do Parte informativo diario e na regalía das 625 líneas dominicais. Inocencia infantil pendente da sucesión de capítulos que, a por aquela única oferta televisiva (TVE), obrigaba a viaxar lonxe e acordar puntualmente cada semana nos idílicos Alpes, da man de Heidi primeiro, para despois continuar en desacougante peregrinaxe emigratoria grazas a Marco, desde os Apeninos até os Andes.

Foi grazas a moitas palabras comprometidas de quen nada sabiamos, que clamaron sen tregua, como puidemos criarnos paseniñamente na palabra libre e no pensamento diferente. Os sacrificios e renuncias doutros, invisíbeis, inexistentes para moitas e moitos de nós ou ocultos, convertéronse nas nosas opcións abertas e mais en vitorias herdadas de mans xenerosas, que nos abrían de verdade ao mundo do respecto e da tolerancia nun territorio aínda en reconstrución emocional e, por que non o dicirmos, tamén nacional.

Eu son desa xeración que puido crebar as fronteiras do acceso minoritario e elitista ao coñecemento, que continuou a acrecentar saberes, a reforzar a formación académica máis aló da estrita obrigatoriedade e acceder á Universidade con maior facilidade, grazas ao apoio económico dunha cobertura pública solidaria coas rendas máis baixas; a conxugar, en definitiva, a autosuperación en primeira persoa, individual e colectiva, para orgullo de nais e pais. Porque ás fillas e fillos da clase traballadora tamén se nos recoñecía o dereito a estudar!

Eu son desa xeración á que o servizo público, sustentado na cidadanía, avalou o seu progreso educativo para facer avanzar a xénese familiar, porque a ética da conciencia colectiva apremiaba para que cada xeración tivese unha calidade de vida maior á precedente. Eu son desa xeración que abriu portas e deitou barreiras psicolóxicas, minoritarias e minorizadoras, para exercer profesionalmente no noso propio país e axudar a mellorar o rumbo dunha historia que debiamos construír radicalmente xusta, igualitaria e equitativa.