Entrevista en Eirado sobre Cantares Gallegos nos centros de ensino

Esta foi a entrevista que, con motivo do Día de Rosalía 2013, se emitiu no programa Eirado, da Televisión de Galicia, o domingo 24 de febreiro. Grazas a Pemón Bouzas pola súa amabilidade e ao alumnado, sempre, por axudarme tanto nesta profesión complexa en tempos aínda máis complexos.

http://www.crtvg.es/flowplayer3/flowplayer.commercial-3.2.7.swf

Advertisement

Rosalía, trending topic

Artigo publicado en Sermos Galiza o venres 22 de febreiro de 2013. O orixinal pódese consultar aquí.

Hai uns días un xornalista preguntábame, na miña condición de docente, se a obra de Rosalía de Castro era comprendida pola mocidade de hoxe.

A miña resposta foi unha afirmación rotunda e convencida, claro que, insisto máis unha vez aquí e agora, sempre desde a miña persoal experiencia como docente.

Deseguido cumpría argumentar a miña aseveración para resultar convincente porque a pantalla asexaba fixamente. E non achei mellor resposta que unha pregunta, malia correr o risco de esta acción xustificar que alguén me poida acusar de topicamente galega…

Se Rosalía de Castro chegou ás xeracións precedentes á actual, por que o seu coñecemento e mesmo estima se ía interromper agora?

Abofé que aínda habemos lembrar bisavoas, avós e nais a recitar ou cantaruxar versos rosalianos, conscientes da súa orixe ou ignorantes da súa autoría porque o proceso de aprendizaxe oral interxeracional transmitía os saberes do común e os literarios tamén, ora se tratar de literatura ágrafa en orixe, anónima, oral e popular ou desoutra literatura alcumada culta por estar impresa e ser de recoñecida autoría.

Un coñecemento da figura humana e da obra poética rosaliana que non precisou da transmisión escolar, académica e programática, senón da vontade das persoas desde o respecto polo valor dos versos e a querencia por si propias e polos seus.

Porque xa sabemos que a escola non foi, nin moito menos nos tempos de hoxe,é, a única casa do saber, nin tan sequera a preferente. Tamén sabemos que a función propositadamente castelanizadora da escola durante varias centurias, a partir do século XV, impediu que a cidadanía galega alcanzase o coñecemento necesario en clave galega. É por iso que, na actualidade, as xeracións que superan os corenta anos apenas tiveron acceso á formación de materias como lingua e literatura galegas en toda a súa escolaridade obrigatoria. No entanto, o nome e algúns versos de Rosalía chegaron a elas e aprenderon a apreixalos como propios.

Non esquezo, non, os argumentos máis arriba anunciados que, como aqueles dez mandamentos tamén tarareados memoristicamente, poden reunirse en dous:

En primeiro lugar, Rosalía era consciente, mediado o século XIX, do que quería facer, que quería escribir, por que escribir, en que lingua escribir e para quen; por iso, desde o coñecemento profundo da realidade social do seu tempo e desde a perspectiva dunha muller culta, a obra rosaliana converteuse, desde unha rexa vontade solidaria, na expresión colectiva do pobo galego.

En segundo lugar, e como consecuencia, as temáticas nucleadoras da súa obra son aquelas polas que respira, transita, malvive e denuncia ese eu colectivo: a voz reflexiva da muller, o problema da emigración, as inxustizas sociais devastadoras coa clase traballadora, labregos e mariñeiros; o desprezo e o sometemento político programado desde Castela, a insolidariedade humana, a crítica á Igrexa alienada e insolidaria…

Circunstancias todas elas nunca superadas e que, por desgraza, ciclicamente volven ocupar os principais titulares xornalísticos evitando que a poesía rosaliana fique demodé.

E nestes momentos desafortunados andamos en que os poemas de Cantares gallegos, do que este ano se cumpre o 150 aniversario da súa publicación, ou Follas Novas resultan de imprescindíbel lectura para asírmonos á súa forza transgresora e ousadía cómplice humanitaria para non calarmos perante tanta inxustiza social coa que novamente nos queren azoutar os de sempre. Adoecerán, acaso, de crónica de actualidade inintelixíbel para o noso alumnado estes versos?

-¡Escoita! Os algoasiles
andan correndo a aldea;
mais, ¿como pagar, como, se un non pode
inda paga-la renda?
Embargarannos todo, que non teñen
esas xentes concencia, nin ten alma.
¡Quedaremos por portas,
meus fillos das entrañas!

Non hai razóns, pois, para que Rosalía non entre, tamén en pleno século XXI, pola porta grande das nosas aulas. Ora ben, para entrar precisa ser invocada e é por iso que, lonxe de promover sesións de espiritismo mediático, non me resisto a escapar dunha certa (auto)crítica aos compañeiros e compañeiras de profesión: perdámoslles o medo aos clásicos e non permitamos que o noso alumnado remate a ESO, engulido por recorrentes programacións teóricas e gramaticalistas, sen se achegar a Rosalía de Castro ou a tantos autores galegos que recompuxeron ou inauguraron co seu talento literario o que hoxe constitúen orgullosos milleiros de páxinas de calquera historia da literatura galega. Descartemos esa pseudoconvición de que a modernidade en que se move o noso alumnado de secundaria non alcanza a ler, e moito menos comprender e aínda valorar, obras decimonónicas galegas propias dun mundo en branco e negro, alleo á hipercoloración tinxida, os megabytes, os formatos jpg, as unidades de píxel e as mensaxes wasap.

Mudemos, xa que logo, os procedementos e a metodoloxía didáctica, aproveitemos a oportunidade das teconoloxías da comunicación, do audiovisual e da música que a propia rede nos proporciona, para dar o gran salto a unha didáctica interactiva, comunicativa e interdisciplinar, onde a literatura dunha das máis grandes sexa a anfitriona que nos guíe pola encrucillada do noso particular temario-viacrucis particular.

E, con orgullo, deica o vindeiro domingo 24 de febreiro, data oficial do calendario do libro e da lectura como Día de Rosalía de Castro, retwitteemos versos de Rosalía de Castro e convirtámola en trending topic.#DiaDeRosalia

Rosalía comprenderíao, abofé que si, que para iso sabía idiomas…

Vaite noite, vai fuxindo

Artigo publicado o 4 de febreiro de 2013 en Sermos Galiza. O orixinal pódese consultar aquí.

Cumpriría traer hoxe para aquí tantos temas para a reflexión e a opinión! A realidade semella túzara e non quere mudar de vez, malia os titulares adiantármonos esa decadente crónica dunha morte anunciada.

Aínda cos ollos arregalados ante novas que nos confirman a proposta de acceso restrinxido ao público convidado polos partidos políticos -representantes do pobo que os elixiu, para ben e para mal, errada ou atinadamente- ao Parlamento galego (se hai quen o quere converter en lugar menos público, tamén aquí haberá que ir pensando en convertérmolo de vez nun elitista couto privado ou nun club de privilexiados!). Todo por unha boa causa, iso si, segundo a súa presidenta: evitarse e evitarnos “espectáculos” procedentes da cidadanía insubordinada, queremos dicir, subornada.

Tamén podiamos disertar sobre a nova modalidade de castigos exemplares que veñen de se implantaren no seo familiar para a recondución de condutas erradas: se te portas mal non saes na foto e se te portas aínda peor, retírote da web e punto!

Entre sucesivas alertas de temporal de inverno, mellor dito cicloxéneses, pintadas nos sisudos informes meteorolóxicos case cun ar de arco da vella, aquel simpático Pokémon desacreditouse como videxoxogo infantil virtual para se converter no espectáculo de entretemento (ir)real. Con todo, a definición premonitoria da wikipedia dos Pokémon en cuestión hai tempo que nos viña alertando: os pokémon son unha clase de criaturas (monstros) baseadas en moitos casos en animais reais. Que pouquiña marxe fica entre a realidade e a ficción!

Merecía traer para aquí, por exemplar, unha multa diferente á que a maioría estamos afeitos a pagar. Xa saben, a multa dos 300 euros que deberán aboar aqueles dous deputados do PP que se entretiñan, no exercicio das súas funcións como tales, xogando ao “Apalabrados” -cando menos, xentiña de palabra deben ser!- mentres na asemblea madrileña se aprobaba a privatización da sanidade pública; privatizar, ese verbo do que tan amigo ten demostrado ser o PP e do que casualmente tan ben se saben (re)aproveitar despois os seus altos cargos.

Tamén podería falar da pretendida explotación mineira contaminante en Corcoesto, onde cada vez vai ficando máis transparente quen é quen e que pretende neste entramado de interesese, onde non é ouro todo o que reloce, nin sequera trigo limpo. Ou dunha empresa chamada Eulén que, ao ritmo que se fai con todos os concursos públicos que o PP promove, para xestionamento de servizos públicos, sexan da índole que foren, acreditamos en que vai conseguir mudar a tendencia do paro galego moi positivamente.

Aínda podería determe a analizar a riqueza que a polisemia concede á lingua que a uns fará entender este titular segundo calquera das dúas acepcións máis estensidas, a sanitaria ou a relixiosa: “O Sergas gasta 50.000 euros ao mes en curas”. Vostedes con cal das dúas fican?

Ben importante sería lembrarmos a recente aparición do testamento de Pero Pardo de Cela, aquel mariscal galego medieval, decapitado diante da catedral de Mondoñedo por mandato do gobernador do reino nomeado polos Reis Católicos e a traizón, pois, segundo conta a lenda, xa a súa dona conseguira o perdón real para el. Para uns a novidade reside na descuberta dun fillo morto a curta idade e para outros a súa redacción en galego en pleno século XV. U-la sorpresa? Velaí os lindes dunha longa etapa de normalización lingüística para o galego desde o seu nacemento como lingua neolatina aló polo século IX.

Moito mudaron os tempos desde aquela e algunhas vontades antigaleguistas ou amigas do galego apenas de xeito conxuntural e anecdótico, simples parellas de comenencia, teiman en fomentaren a ignorancia a respecto da idade de ouro do noso idioma reinventando un novo miradoiro opaco para a historia política e sociolingüística.

É por iso que hoxe quero focar as miñas palabras nun feito que pode semellar intranscendente, mais coido que non o é. O ronsel de ocasos, ERES peches, despedidas e defuncións continúan na prensa galega. E con cada unha desas mortes, corremos o risco de morrermos un pouco tamén.

A recente desaparición do xornal diario impreso e gratuíto De Luns a Venres deixa a visibilidade do galego na prensa moito máis orfa. Cómpre preguntármonos, entón, polas razóns e neste contexto de crise endemoniadamente selectiva, á vista das informacións do último número do xornal, non semellan estas falaren en clave de cifras, pois, segundo se recolle no último número do diario, este pechou o ano 2012 como o xornal de maior crecemento da prensa de Galicia, segundo o Estudio General de Medios (EGM), cun 34,29% de suba, que lle permitiu acadar os 38.000 lectores. Mais de números si falarían no consello de administración de Galicia Proxectos de Comunicación, S.L, antes de decidiren trancar esta porta ao idioma, mais logo de lle outorgaren, no último día de 2012, desde a Xunta de Galicia, a nada desprezábel cantidade de 250.000 euros en concepto de axudas a medios de comunicación en galego. Velaí a mellor maneira de evitar unha próxima convocatoria oficial de apoio e reforzo da presenza real do noso idioma na prensa, quer por non existir suxeito activo que auxiliar quer por non llo conceder en exclusiva ao único xornal impreso ao que accedermos nos quiosques ou por subscrición, o semanario Sermos Galiza.

E mentres uns pintan sombras no horizonte, nós, estas, aqueles e aqueloutras teimamos na forza do grupo, do clan, da tribo, para gorecérmonos da chuvia e da saraiba, para voltarmos, máis unha vez, con alento, a transfundir vida na Quintana dos mortos ao ritmo da alborada rosaliana:

Vaite, noi-
te, -vai fuxin-
do. – Vente, auro-
ra, -vente abrin-
do, -co teu ros-
tro -que, sorrin-
do, – ¡¡a sombra espanta!!