No abrente

Artigo publicado en Nós Diario o 23 de xullo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Un novo Día da Patria convoca para o encontro. Distancias fixadas e protocolos sanitarios mediante, percorreremos máis unha vez un camiño conxunto, colectivo e atemporal, como unha metonimia expansiva dos nosos persoais camiños vitais.

O camiño é memoria do pasado, sabedoría do presente, vontade de futuro, mais tamén é unha nostalxia, en definición do poeta Manuel María.

Os camiños do pobo galego sempre abriron fronteiras, derrubaron cancelas e valados, promoveron o encontro intercultural retroalimentador, mais tamén expulsaron e aínda expulsan emigrantes e exiliados en baleiro colectivo oficialmente programado.

E chegamos á volta do noso camiño como círculo de seixo, ara solar, adro de conversa dun relato recorrentemente preciso: o abrente da Alba de Groria.

Nas vésperas dun novo Día da Patria, os nosos pasos e os nosos ecos recuperan o discurso lido por Castelao aquel 25 de xullo de 1948 no exilio bonaerense, a Alba de Groria que segue a ser o noso camiño.

Unhas derradeiras palabras do escritor que amplificamos en cada lectura persoal e nesta cita puntual colectiva, como elos que somos dunha cadea de afectos inmorredoiros que representa a Santa Compaña da Alba de Groria.

Como unha medrada “moitedume de luciñas e vagalumes alentaremos este próximo 25 de xullo a memoria das que crearon o idioma que en que eu vos estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes, i en fín, o feito diferencial de Galiza”.

Porque neste presente de autoafirmación nacional acreditamos, con Castelao, en que

“Afortunadamente, Galiza conta, para a súa eternidade, con algo máis que unha Hestoria fanada, conta c-unha Tradición de valor imponderábel, que eso é o que importa para gañar o futuro”.

E aquí continuamos, Castelao, no camiño, traballando de palabra e obra, nunca de omisión, para gañar o futuro.

Advertisement

Unha opinión sobre “No abrente

  1. saúde Mercedes e parabén polo atinxido, no artigo falas do exilio BONAERENSE, mágoa corrixir a quen me aprendeu a descuberta das propias orixes dende aquel arrouto ti quen ves sendo no lonxincuo curso “Os libros arden mal”,
    só para poñer de relevo que os nados ou residentes na vella Capital Federal de Arxentina, hoxe Ciudad Autónoma de Buenos Aires, son Porteños ou Rioplantenses,
    o ultimo non é o máis axeitado malia o partillan cos Urugaianos de Montevideo, mailos bonaerenses que moran nos eidos da ribeira do Río da Prata na provincia de Buenos Aires,

    fraternais apertas

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s