A oportunidade do presente continuo

Artigo publicado na versión dixital do Sermos Galiza o 22 de maio de 2014. A versión orixinal pode ser consultada aquí.

Afirmar que a maioría social galega é fiel ao uso do galego, lingua propia deste país das mil primaveras resistentes, é dato contrastado, malia prexuízos intereseiros e xogos de palabras confusionistas de prestidixitadores de provincias.

Afirmar que a maioría social galega é analfabeta na súa lingua resulta, superada a sorpresa inicial, dato fácil de concluír á vista da envellecida pirámide demográfica.

Aclaremos este aparente contrasentido.

O dereito á alfabetización en galego remóntase aos anos 80. Alén da teoría lingüística, a práctica de observación é procedemento empírico que anula as dúbidas. Preguntarmos no marco relacional próximo a maiores de 40 anos se tiveron acceso á alfabetización en galego na escola dará resposta afirmativa.

O estado da cuestión permite obxectivar dúas conclusións:

1. Galegas e galegos que maioritariamente fan parte saudábel do galego no uso diario son analfabetos na súa lingua, de aprendizaxe espontánea, ambiental, transmisión oral, centrada nos rexistros informais e sen dominio das destrezas curriculares.

2. O sector minoritario, representado nas franxas etarias máis novas, escolarizado en galego, presenta un uso social moito menor ou incluso nulo, que confirma a regresión no número de falantes de galego, a diferenza das outras linguas peninsulares, pois a vinculación da normal expresión en galego á idade d@s falantes e mais ao contorno -rural/urbano- é directamente proporcional á súa (in)visibilidade.

Con todo, o proceso de normalización en andamento desde 1983 acabou por recoñecer o noso idioma no Marco europeo común de referencia para as linguas e certificar o nivel de coñecemento mediante a superación das probas CELGA, mais de forma homoxénea para a cidadanía galega e a estranxeira.

A recente decisión da Xunta de prescindir do profesorado especializado para impartir e avaliar esta formación -docentes desempregados membros dunha listaxe regulada pola propia Administración-, como consecuencia da resolución da inspección de traballo que obriga a Xunta a lle recoñecer dereitos laborais contractuais básicos, devolveu á primeira liña o fondo e a forma dos CELGA.

A experiencia deste modelo implantado en 2007 obriga á necesaria avaliación dun sistema que ten levado á curiosa situación de os tribunais avaliadores non poderen certificar administrativamente a competencia lingüística real en galego dos propios galegofalantes, castigando a falta de dominio dalgunhas destrezas que dificilmente superarían tamén en castelán, lingua de obrigado coñecemento, o que obriga a unha terceira conclusión:

3. A lingua útil para estruturar o pensamento d@s galegofalantes, relacionarse, expresar emocións e sentimentos, amar a vida e despedir os mortos, non ten valía suficiente para superar as probas dos CELGA. A persoa galegofalante percibe, pois, a inutilidade da súa expresión íntima desde un complexo infravalorizador e a súa lingua convértese en estranxeira na súa patria.

O recoñecemento presente que asegure a vitalidade futura da lingua galega das e dos falantes precisa compromiso individual, social e institucional para superar as probas reparadoras da anormalidade lingüística en que vivimos.

Convidémonos a liderar colectivamente o compromiso proactivo que arrecende nos versos de María Reimóndez:

O presente continuo
é o único tempo verbal
do compromiso.

Advertisement

O pequeno é proporcionalmente moito máis forte

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza, publicado o 9 de maio de 2014. A versión orixinal pode ser consultado aquí.

Aínda resoan próximas as emocións da Gala das Letras organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, pórtico do encontro co afecto das palabras que voan libres, ignorando marcos, fronteiras ou valos, como xanelas abertas á luz da ría pontevedresa que no serán do 3 de maio nos acompañou.

Maio saúdanos, desde hai dezaseis anos, con unha das actividades nucleares e cohesionadoras da programación anual da AELG: a celebración da Gala das Letras coa que damos os parabéns a todas as persoas que nos escribiron o camiño ao longo do ano anterior. Entre os diferentes premios concedidos aos nosos prestidixitadores da palabra, quer sexa esta impresa ou oral, nomea, asemade, o Escritor/a Galego/a Universal.

Desde o ano 2007, en que nace este recoñecemento específico a un compañeiro/compañeira de oficio de calquera parte do mundo, representante dunha literatura foránea, mais onde a distancia quilométrica non é argumento para deixármola de sentir próxima, permanece no noso imaxinario vivencial o encontro de irmandade con Pepetela, Nancy Morejón, Mahmoud Darwish, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro e Lídia Jorge.

Lembraba Elena Poniatowska que ela era unha mexicana que recollía esta prenda nosa despois dun palestino, unha negra cubana e un angolano con responsabilidade activa na independencia de Angola.

Efectivamente, non estaba a se referir aos sotaques linguísticos de cada Escritor/a Galego/a Universal precedente, nin á súa orixe, cor ou relixión.

A súa diversidade conflúe no protagonismo principal de estarmos perante unha escritora e dous escritores caracterizados polo alto contido ético e estético da súa obra e personalidade, que os converten nun referente na defensa da dignidade nacional e humana.

Nomes propios no paradigma literario internacional e actitudes vitais que xunguen en irrenunciábel comuñón a excelencia literaria co compromiso ético, a través dunha escrita que quere ser voz pública dos silencios obrigados a viviren sempre ao ventimperio do desprezo.

Voces de recoñecemento internacional convertidas en sementeira común fraterna para os pobos que as ven nacer e para os que as acollen desde a máxica transformación das súas palabras-nai traducidas noutros sons-fillos, para afortalaren sempre a herdanza comprensíbel, fronte ás vontades destrutivas que, nestes tempos bretemosos, teiman en non querer comprender que a creación e a difusión cultural é motor económico de futuro e raíz de valores éticos e cívicos aos que ningunha sociedade que se precie de moderna pode nin debe renunciar nunca.

Castelao dicía dos nosos trobadores medievais na súa Alba de Groria: camiñan todos con lume no peito. 

Para, coas palabras, aguilloar conciencias, despexar os indignos dos seus estrados de poder e rescatar do medo a verdade proscrita, engadiriamos nós.

Riscar palabras-petróglifo, gravalas na tona da árbore, desenterralas da condena do cemiterio da desmemoria da nosa lingua estraña para alleos, e infelizmente tamén ás veces para propios, e responder contra iso, é obxectivo partillado co noso máis recente Escritor Galego Universal, Bernardo Atxaga.

Escribimos, como Bernardo Atxaga, para amplificar esta vella lingua que nos vén de lonxe, escribimos na nosa lingua íntima, esta que tamén nos fala deses lugares que xa deixaron de existir, mais que, con todo, aínda nos explican.

Escribimos nas nosas linguas, éuscaro e galego, para non quebrarmos a herdanza das palabras na distancia espazo-temporal que o onte fixo nosas. Hoxe bailámolas no noso pensamento e tarareámolas na nosa boca para esculpilas con grafía e personalidade propia nun mañá de relevo xeracional que aínda estamos a construír.

A experiencia demóstranos que esta opción lingüística provoca a inmediata pregunta da sospeita, mais a resposta é convincente. Parafraseando o propio Bernardo Atxaga, tamén respondemos canda el que o castelán é a nosa primeira segunda lingua.

Lembrounos Bernardo Atxaga aquela fábula de Galileo Galilei sustentada no principio que di: O pequeno é proporcionalmente moito máis forte. Alcúmannos de pequeno país, pequena lingua, pequena literatura sen saberen da nosa forza histórica.

Lembrounos, asemade, a importancia da lingua propia na medida en que nos outorga a imprescindíbel centralidade para sernos e estarmos. Cando perdemos a lingua, perdemos a centralidade vital e entramos nunha posición subordinada.

Lembrounos Bernardo Atxaga a importancia da compañía nesta andaina nosa de longo percorrido non exenta de pedras, curvas e cavorcos, que só a vontade común asentada en principios de firme convición é quen de superar.

Cómpre acompañármonos para tomar alento e Bernardo Atxaga fixo memoria da compañía da literatura galega ao longo da súa vida, desde o estremecemento adolescente nunha audición da “Negra sombra” rosaliana nas voces do Coro de Pamplona, a lectura de Con pólvora e magnolias e a entrevista noctámbula a Xosé Luís Méndez Ferrín para o seu primeiro estudo sobre literatura galega contemporánea –orientado desde a viguesa Libraría Castelao-, o encontro co recitado poético de Uxío Novoneyra e Manuel María no Centro Galego de Barakaldo ou coa obra de Celso Emilio Ferreiro a través do seu mestre, Aresti.

A compañía literaria é sempre alianza de forzas, berce de oportunidades.

Escribimos en éuscaro e galego porque só así podemos chegar a todo o mundo sendo nós. Só así seremos verdadeiramente máis!

As raíces prenderon e resístense a deixar de medrar.

E Nós, con Elas, tamén!