Alba de Gloria

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza, o 17 de xaneiro de 2019.

Cada páxina de xaneiro nace escribindo o ano enteiro. As sortes dos doce primeiros días do ano novo prognostican o tempo que fará nos doce meses seguintes. E, xa agora, en tempo de resortes –entre os días 13 e 24– ratificaranse ou rectificaranse esas primeiras previsións.

A tradición refraneira galega fálanos do mes da lúa morta (Coa lúa de xaneiro, vese a formiga no carreiro), dun mes friento (Xaneiro, xeadeiro; cada suco, seu regueiro), de días crecentes en horas de luz (O vinte e un de xaneiro, unha hora por enteiro) e compañeiro de labores da terra (Poda en xaneiro, vindima no sombreiro; En xaneiro, planta o teu alleiro).

Tamén conta a tradición oral que O sol de xaneiro non ten compañeiro. Mais cada ano en estrea nos ofrece o acompañamento dun nome propio de luz, calor, traballo e palabras de vida: Castelao.

Xaneiro é mes de semente castelaniana para traballar os sucos novos polos que transitar o ano, pois o 7 de xaneiro é data da rememoración do seu pasamento hai xa 69 anos, mentres que o 29 é a do seu nacemento en 1886.

E, nesta altura, Castelao volve ser presente tanxíbel e radicalmente real.

A editorial Galaxia anunciou o pasado decembro a edición facsimilar dunha parte substancial da obra de Castelao, os álbums de guerra: Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos, tríada de denuncia gráfica da barbarie fascista da guerra e da consecuente represión que sufriu a Galiza compañeira da liberdade na autoestima identitaria.

“Estas estampas, arrincadas da miña propria door, van dirixidas a vós que sempre amáchedes a liberdade e sodes a única reserva que nos queda para reconstruír o fogar desfeito”.

Velaquí a razón de ser do primeiro dos tres álbums, Galicia mártir, editado en 1937 e cuxa estampa número seis leva como pé a sentenza “A derradeira lección do mestre”.

Unha iconografía de simboloxía maior para o nacionalismo galego que, por primeira vez, podemos visitar no propio país que a obrigou a nacer no pensamento e na man de Castelao. Unha visita que debemos converter en reencontro masivo popular, á altura do respecto que merece, como contrapunto do oportunismo polémico e aproveitamento político indigno de quen, a golpe de frío talonario público, actúa de costas a este marco dramático, física e emocionalmente, cunha estratexia discursiva hipocritamente negadora do pensamento de Castelao e de Alexandre Bóveda, das razóns do exilio do primeiro e do fusilamento do segundo, dos porqués de os mestres e mestras –e, por extensión, a escola, o coñecemento, a intelixencia– ter sido na guerra e na máis cruenta posguerra galega a principal diana devastadora da ditadura.

“Castelao maxistral” é “Castelao, maxistral”, mestre de tantos maxisterios!

Boa proba disto é esoutra exposición simultánea no tempo que está a se desenvolver en San Domingos de Bonaval, artellada coa brillante oratoria que sostén o discurso “Alba de Gloria” que Castelao pronunciou en Buenos Aires o 25 de xullo de 1947.

Unha exposición que, impulsada polo Consello da Cultura Galega e comisariada por Manuel Gago, recolle dun xeito gráfico e audiovisual esclarecedor os fíos –e fitos– da historia galega precisos para reconstruír a memoria da “Santa Compaña de inmortaes galegos”.

Desde a reprodución da correspondencia do exiliado Castelao con Eduardo Blanco Amor, Rodolfo Prada, Emilio Pita ou Lois Tobío; a escoita da voz de Castelao no fonospostal enviada para difundir en Montevideo na estrea d´Os vellos non deben de namorarse; os audios discursivos de Ramón Otero Pedrayo ou Ramón Suárez Picallo; a recreación dos persoeiros históricos ilustres que deu Galiza para o noso imaxinario histórico colectivo, desde Prisciliano ao chorado amigo e compañeiro Alexandre Bóveda; até a recreación virtual que nos achega á emocionalidade intensa do que ía ser o derradeiro discurso público do autor para nos interpelar e brindar, co propio Castelao, porque “afortunadamente, Galiza conta, para a súa eternidade, con algo máis que unha Hestoria fanada, conta c-unha Tradición de valor imponderabel, que eso é o que importa para gañar o futuro”.

Para gañarmos o futuro, este sol de xaneiro si ten compañeiro!

Ánimo, valentes!

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza, o 13 de decembro de 2018.

Na Coruña xa se sabe que lles somos moito de pasear mirando os escaparates. Unha tradición doada de explicar se temos en conta a dimensión dunha cidade que medrou abeirada á forza do comercio local.

Medrou, iso é, conxugado en tempo pretérito perfecto, porque agora é notorio o deteriorado estado dun sector socioeconómico moi dinámico que sobrevive en presente, ora no centro urbano ora nos barrios onde a cidade se alimentou e pulsou o futuro local e comarcal, á voraz moda depredadora dos centros comerciais, promovidos en concilio político-empresarial, e que, para sobreviviren, á súa vez acaban por se fagocitaren entre si até a extrema unción.

Mais iamos de escaparates e aí continuamos o camiño. Recentemente, unha vidreira ostentosa chamou pola miña atención. Desde un cristal amplo e pulcro, nun xogo de tipografías brancas, negras e vermellas que caracteriza esa entidade bancaria foránea que, como aqueles centros comerciais, asentou no noso país para acrecentar o seu propio medre a custa de chuchar o cativo capital de aforro que ficaba en entidades de orixe galega, un potente lema chamaba por min: “Gracias, valientes, por crear cultura”.

Nun primeiro momento interpretei que o agradecemento derivaba do coñecemento do último informe do Instituto Galego de Estatística denominado Análise do Sector Cultural 2016, que verifica que a cultura galega representa un 2% do PIB e un 3% do emprego. Con todo, o non emprego publicitario do idioma galego como valor fundamental para crear e presumir da cultura galega no país galego ao que A Coruña segue a pertencer (dispénsenme a redundancia galega, por favor!), despistoume da miña inicial lóxica.

Deseguido, o subtitular fíxome albiscar outra posibilidade: “Autónomos, hacéis volar nuestra imaginación”. Apostei, xa que logo, na idea de que esta entidade, máximo referente do poder económico privado e privatizador, tería seguido con atención (ou mesmo apoiado!) o desenvolvemento do último Culturgal, celebrado na primeira fin de semana de decembro en Pontevedra, ocasión única para non perder na actualización de proxectos culturais, novidades múltiples, diversidade de propostas, etc.

Foi preciso focar ben de perto as lentes progresivas para alcanzar a letra máis miúda e dar co propósito propagandístico, reducido, nin máis nin menos, á vontade de nos ofertar ás traballadoras valentes, incluso ás autónomas, da cultura a Conta 1/2/3 Profesional (e non responda vostede outra vez!) con todo o apoio financiero e atención personal 24 horas. Nada máis que pedir!

Foi entón cando dei en xuntar as palabras clave da mensaxe publicitaria: valentes, crear, cultura e profesional. E cando a realidade vivida e coñecida de perto avolveu as claves ocultas no interlineado do anuncio nun presente en que, para alén da maioría das (ir)responsábeis institucións públicas oficiais, o sector privado empresarial e bancario, unha vez chuchadas, absorbidas e dixeridas as caixas de aforro galego, virou as costas á creación, promoción e difusión do patrimonio cultural galego, convertendo en inviábeis importantes proxectos autónomos de profesionalización.

E xuntando palabras e ordenando ideas continuei a pensar no paseo, agora orballento, que iniciaramos no comezo deste noso encontro lector de hoxe.

Creamos cultura por necesidade, por convicción, por capacidade, por complicidade, por autoestima, por inconformismo, por implicación, por resistencia… Por valentía continuamos malia os paus nas rodas que non facilitan crearmos como profesionais autónomas.

Se esa valentía fose auténtica desde as múltiples vontades do sistema, se se convertese en respecto polo traballo creativo cultural, a potencia da nosa cultura multiplicaríase exponencialmente dentro e fóra do país.

Mentres tanto, apenas nos queren como modelos-trampa de cínico anuncio bancario.

Mentres tanto, quen precisamos da cultura como creadoras e consumidoras, agardamos que os amos do sistema capitalista volvan os ollos da ética e o peto ao investimento directo en capital humanístico,social e cultural.

Nós, con todo e a pesar de todo, mais tamén entre todas e todos, valentes, continuamos a crear Cultura porque nela acreditamos. E o antónimo da valentía xa coñecemos cal é.