Coherentes incoherencias

Artigo publicado na versión dixital do Sermos Galiza o 28 de xaneiro de 2014. O orixinal pódese consultar aquí.

Nin a alegría contaxiosa que convida a despedir o ano vello nin a superación da proba de resistencia uveira con que adoitamos recibir o aninovo eran garantía abondo para a estrea do traxe novo deste tempo de camiñar vello, nomeadamente para esa ampla clase media que unha minoría empodeirada teima en non considerar nin como media clase.

A volta á normalidade confírmanos entre o abalo e o devalo provocado por esas coherentes incoherencias coas que algúns conseguen que a nosa capacidade de sorpresa, abraio e indignación non alcance límites nin que a saudábel tendencia ao despiste da desconexión aniñe en nós.

Amence o día frío e treboento e mentres pensamos se os refachos e trebóns levarán canda si os malos agoiros, acordamos na realidade ao escoitarmos, nas noticias da radio pública galega das oito da mañá, o Presidente do Goberno galego enarborar a bandeira do consenso para a próxima reforma da lei do aborto, que, con fervor ultracristián e vontade retrógrada, quere aprobar o seu partido nas Cortes madrileñas, invocando a necesidade do consenso conseguido pola actual lei e a ausencia de recursos xudiciais. E entón cuestioneime se realmente acordara -eu, claro está, non o Presidente!- como era debido para continuar a conducir camiño do inicio da xornada laboral -ese luxo!

Predicar o consenso de fóra para practicar a disesión e o golpe de decreto unilateral permanente na casa coa educación, coa sanidade, co medio ambiente, coa lingua galega, co patrimonio arquitectónico e mesmo co número comenenciudo de deputad@s que deben representar a cidadanía no Parlamento.

E en mirando o espectáculo, o poeta Curros Enríquez escribiría:

Si dou coese mundo,
que o demo me leve.

Sumáronse os amenceres fillos da xaneira e trouxéronnos de primeira man os avances en diagnóstico e avance prenatal a partir dos avanzados estudos xenéticos que lideran referenciais equipos de científic@s en Galiza, mais os lóstregos nocturnos arrepiáronnos ao comprobar que o Goberno español do PP -entregado á corrente católica máis obtusa, dominante, intolerante, retrógrada e intransixente- decide negar á muller o dereito a abortar en caso de malformación fetal, pois as mulleres apenas somos para esa ideoloxía nostálxica de tempos idos un glorioso útero vivificador e unhas mamas alimentadoras.

A nosa coherencia procurou acubillo e preguntou: Velar polos dereitos dos non nacidos tamén implica blindar os contratos laborais das mulleres embarazadas?

A nosa coherencia advirte que o castigo divino á muller como causante de todos os males e pecados prescribiu. Sabémolo e sábeno. Non van conseguir que renunciemos á capacidade de pensar, opinar e decidir. Por respecto a nós mesmas e por respecto a elas, as que pisaron as primeiras silvas para enxergar o camiño de espiñas e as que foron condenadas ao silencio derradeiro e involuntario, no baleiro dunha casa sen cuarto propio, na friaxe das mans asasinas do home compañeiro de días e noites.

A lus do mundo é a que arde nunha bágoa, di o verso clásico de Xosé Mª Díaz Castro. As nosas bágoas de impotencia non nos afogarán en silencios para cantar e irradiar luz coa forza do himno colectivo do Pasodobre das Anduriñas, musicado nas Danzas Brancas da Orquestra Folk Son de Seu:

A vida dunha muller non vale nada
cando o medo asoma na súa mirada (…)
Cantas anduriñas máis deben caer-e
para sermos donas dos nosos menceres?

E en escoitando esta música, o poeta Curros Enríquez escribiría:

Si che esto é xusticia,
que o demo me leve.

As alertas continuaron a nos programaren as cativas horas de luz en que, malia o que afirma o refrán, aínda a noite baixou pouco para lle permitir medrar ao día, e reparamos nesa raiola que entra pola capital bergantiñá a nos mostrar un exemplo práctico integrador, promovido polo Concello de Carballo, para incorporar ao idioma galego aquelas persoas residentes no municipio, mais con orixes non galegas, desde un modelo lingüístico inclusivo carballés.

No entanto, a borraxeira chegou para invisibilizar o idioma de noso desde instancias gobernamentais autonómicas ao continuar o desmantelamento económico das políticas de protección e promoción no ámbito do ensino ou envicialo desde a teima identificadora e aínda non retractada, por parte do máximo responsábel de Educación, dos defensores da normalización lingüística e do nacionalismo como antidemócratas e apoloxéticos do terrorismo.

E en compoñendo a escenografía, o poeta Curros Enríquez escribiría:

Si che outra vin nunca,
que o demo me leve.

Finalmente, o Papa Francisco, semellando dar resposta inaudita a esta saudosa procura da coherencia nosa, defínese como home pecador e nunca de dereitas, apela á austeridade viaxeira desprazándose nun catro latas, camiña con modestos e usados zapatos negros, permite ser fotografado coa mocidade para as redes sociais, declara rexeitar os discursos e ideoloxías machistas que denegan o dereito a decidir da muller, chama a avergoñarse polos escándalos cometidos no seo da Igrexa, admite perante a ONU a existencia de sacerdotes pederastas e critica a persecución da Igrexa contra as persoas homosexuais.

Mais a idílica cadea quebrou ao coñecer as declaracións do cardeal español Fernando Sebastián, recentemente nomeado polo Papa Francisco, sobre a homosexualidade, que vén ser segundo el unha das moitas deficiencias que temos no noso corpo que se pode recuperar co tratamento axeitado. Se callar, o prospecto daquela medicina anunciada publicamente polo Papa Francisco, a finais do pasado ano durante o rezo do Ánxelus, denominado “Misericordina”, xa indicaba as pautas posolóxicas de semellante diagnóstico, ademais dun rosario coas instrucións en catro idiomas, entre eles o español.

E en rematando o esperpento, o poeta Curros Enríquez escribiría:

Si eu fixen tal mundo,
que o demo me leve.

Advertisement

Admítese pulpo como animal de compañía

Artigo publicado na web de ProLingua o 14 de xaneiro de 2014.

Contábame hai uns anos Isaac Díaz Pardo a memoria do dificultoso camiño transitado no seu día para introducir no galego estándar o vocábulo orzamento canda o sinónimo presuposto. As reticencias parecían proceder da coincidencia da primeira opción coa voz portuguesa, mentres que a proximidade da segunda ao castelán non ofrecía dúbida nin comentario, polo que a aceptación era irrefutábel.

Vénme á acordanza esta anécdota léxica, así como a expresión física miúda do noso interlocutor aseverando a convición de que aquela tamén tiña que ser palabra galega de pleno dereito, por causa de certas dúbidas xurdidas no intelecto do alcalde do Carballiño para co nomeamento do polbo, ese molusco mariño sen cuncha da clase dos cefalópodos (Octopus vulgaris), de corpo globoso e oito brazos ou tentáculos con ventosas, chamados raxos, segundo definición do dicionario da RAG.

Informan algúns medios de comunicación que as razóns desta solicitude que, desde o polbeiro concello ourensán, tramitaron á RAG para que inclúa no seu dicionario o popular pulpo, se basea nunha poderosa razón: ser unha palabra utilizada de xeito normal e habitual polos habitantes da vila.

Non sería de estrañar que a próxima petición poida ser a volta á castrapización do topónimo El Carballino, xa que seguro que usuarios non lle faltan; polo de pronto www.carballino.org é o acceso virtual oficial á información deste concello galego. Pasiño a pasiño, ben sabemos, ímola revirando…

Non semella partillaren esta profunda e transcendental preocupación municipal outros concellos galegos tamén recoñecidos polas súas celebracións gastronómicas con este produto culinario tan identificativo galego, como Mugardos, Bueu, Illa da Arousa, Mos, Foz ou Porto do Son, xa que a súa sinaléctica non arrubia acomplexada nin submisa co sempre colorista e atraente cartaz presentador da Festa do polbo.

Agardamos, pois, polo ditame que, segundo únicas declaracións do Presidente da RAG –colligit, expurgat et innovat– elaborarán os especialistas en lexicografía da institución para comprobar se ratifica e oficializa -ou non- na norma padrón o que responde ao uso espontáneo. Norma e uso, dualidade que cómpre non lle permitirmos esquecer nunca ao coñecemento para non continuarmos o regueiro de pasos atrás que removeu Díaz Castro nos seus versos.

Calquera de nós garda no seu acordo máis superficial do día a día múltiples exemplos de palabras e expresións de uso espontáneo, habitual e dialectal que non por presenza redundante teñen xustificada a súa adscrición á norma culta.

Non consigo imaxinar ningún alcalde andaluz requiríndolle á RAE que contemple a entrada arma como sinónimo de alma -e a consecuente expresión tan patrimonial, pura marca España, mi arma!– só porque a pronuncia habitual aló polo sur así o xustifique. Nin moito menos que pretendan igualar a entrada onomástica do expresivo e popular Jezú! ao oficial Jesús.

E mentres se focaliza a atención na tona, podemos esquecer que as que andan avoltas son as profundidades, pois toda a enxurrada arbitraria xustificativa do que en cada ocasión conveña en relación á lingua galega, mesmo avalada por eses tentáculos malos compañeiros que son a ignorancia e a ousadía, está amparada no peso maiúsculo da lousa interminábel e insuperada dos prexuízos lingüísticos.

E así foi como lembrei algúns daqueles versos do poema “Os nenos dos casinos” do poemario de Manuel María, Versos para cantar en feiras e romaxes:

Os nenos dos casinos
son tan finos,
tan civilizados,
que coidan que só os atrasados
son os defensores namorados
do idioma dos seus antepasados.

Versos pintados no pupitre

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza o 5 de xaneiro de 2014. O artigo orixinal pódese publicar aquí.

Versos pintados no pupitre era o suxestivo título con que as III Xornadas de Literatura e Ensino, organizadas pola AELG, convocaron o pasado 13 e 14 de decembro un auditorio amplo, maioritariamente docente, isto é, profesionais que ofrecen o seu tempo persoal e horario non laboral para a actualización formativa individual orientada á mellora da aprendizaxe colectiva do alumnado.

Entre os obxectivos enunciados no programa das xornadas sobranceariamos estes cinco:

1) Pór en valor a literatura galega como ferramenta necesaria, extensiva e útil para a adquisición da competencia lingüística, nomeadamente do inicial proceso lectoescritor e mais da progresiva capacidade comprensiva, así como para fuxir da racionalidade e abrir os cuartos das emocións e as portas da imaxinación á procura de respostas aos nosos porqués.

2) Reflexionar sobre a necesaria revisión das propostas metodolóxicas empregadas na aula para a transmisión da literatura e máis concretamente da poesía.

3) Ofrecer propostas metodolóxicas basedas na perspectiva innovadora que propoñan solucións prácticas, xa contrastadas exitosamente nos centros de ensino, ao promoveren plans (inter)activos, participativos, desde un enfoque comunicativo e adecuados ao tempo presente.

4) Partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento da linguaxe poética para a infancia e mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega e mais coas figuras mediadoras.

5) Concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na expresión escrita, o alumnado de hoxe que, necesariamente, han ser os escritores e escritoras de mañá.

Xosé Mª Alvarez Cáccamo presentou algunhas claves para definir a poesía infantil como suxeito de primeira categoría en que recoñecer un instrumento poderoso para as crianzas seren copartícipes da lectura, desde a conformación da emotividade como obxectivo nuclear.

Fran Alonso, Elvira Riveiro e Antonio García Teijeiro, desde a perspectiva autorial e a experiencia profesional, testemuñaron que o club d@s poetas viv@s vive e revive xeracionalmente.

Montse Pena Presas, Anxos Rial e Romina Val achegáronnos lecturas, tarefas, propostas e recursos cos que ensaiar a poesía na aula; multitude de versos enredados que non deixa de amplificar a súa expansividade na rede onde a adolescencia se sente tan cómoda.

Antonio Reigosa falou da E-Memoria ao presentar a conciliación da literatura popular de tradición oral coa internet e a tecnoloxía, un potencial recurso multidisciplinar que ofrece a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.

E como ningunha teoría pode ser avaliada sen unha boa práctica de contraste, os obradoiros de expresión escrita impartidos polas poetas Antía OteroDores Tembrás e Carlos Negro, debullaron técnicas para transformar as aulas en espazos abertos ao corazón, para devorar a vida tamén verso a verso.
Ningún mellor remate para estas dúas completas sesións de formación e convivio que escoitar os sempre actuais versos de Rosalía de Castro en voces e sons tan diferentes e alternativos como os de Aid, Najla Shami e Uxía.

E como todo proxecto precisa de reflexión e síntese, de valoración para pensar en abrir xa o camiño dunhas novas xornadas que provoquen o noso reencontro, as nosas persoais conclusións, nadas da suma de palabras e experiencias alí partilladas, non se fixeron agardar.

A poesía non morde, traba! Aprende as crianzas, avolve a rúa e pon educación a algún policía.
@s poetas están moi viv@s e dispost@s a nos enredaren con versos.
A poesía non cotiza en bolsa, mais si no mercado de valores.
A poesía está e encóntranos sempre, só cómpre abrirmos esa caixa de caramelos coa que alguén te ha agasallar.
A poesía é unha fonte de pracer e o seu consumo está altamente recomendado en tempos de crise.
A poesía serve para falar, para escoitar, cantar e sentir; a poesía fainos sentipensantes.
A poesía habita as redes para se visibilizar e ofrecerse como modelo compañeiro.
A poesía favorece a cohesión interna e externa.
A poesía é parella de baile…

é luz da memoria…
é compañeira do riso…
é provocadora de cóxegas…