Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza, o 13 de decembro de 2018.
Na Coruña xa se sabe que lles somos moito de pasear mirando os escaparates. Unha tradición doada de explicar se temos en conta a dimensión dunha cidade que medrou abeirada á forza do comercio local.
Medrou, iso é, conxugado en tempo pretérito perfecto, porque agora é notorio o deteriorado estado dun sector socioeconómico moi dinámico que sobrevive en presente, ora no centro urbano ora nos barrios onde a cidade se alimentou e pulsou o futuro local e comarcal, á voraz moda depredadora dos centros comerciais, promovidos en concilio político-empresarial, e que, para sobreviviren, á súa vez acaban por se fagocitaren entre si até a extrema unción.
Mais iamos de escaparates e aí continuamos o camiño. Recentemente, unha vidreira ostentosa chamou pola miña atención. Desde un cristal amplo e pulcro, nun xogo de tipografías brancas, negras e vermellas que caracteriza esa entidade bancaria foránea que, como aqueles centros comerciais, asentou no noso país para acrecentar o seu propio medre a custa de chuchar o cativo capital de aforro que ficaba en entidades de orixe galega, un potente lema chamaba por min: “Gracias, valientes, por crear cultura”.
Nun primeiro momento interpretei que o agradecemento derivaba do coñecemento do último informe do Instituto Galego de Estatística denominado Análise do Sector Cultural 2016, que verifica que a cultura galega representa un 2% do PIB e un 3% do emprego. Con todo, o non emprego publicitario do idioma galego como valor fundamental para crear e presumir da cultura galega no país galego ao que A Coruña segue a pertencer (dispénsenme a redundancia galega, por favor!), despistoume da miña inicial lóxica.
Deseguido, o subtitular fíxome albiscar outra posibilidade: “Autónomos, hacéis volar nuestra imaginación”. Apostei, xa que logo, na idea de que esta entidade, máximo referente do poder económico privado e privatizador, tería seguido con atención (ou mesmo apoiado!) o desenvolvemento do último Culturgal, celebrado na primeira fin de semana de decembro en Pontevedra, ocasión única para non perder na actualización de proxectos culturais, novidades múltiples, diversidade de propostas, etc.
Foi preciso focar ben de perto as lentes progresivas para alcanzar a letra máis miúda e dar co propósito propagandístico, reducido, nin máis nin menos, á vontade de nos ofertar ás traballadoras valentes, incluso ás autónomas, da cultura a Conta 1/2/3 Profesional (e non responda vostede outra vez!) con todo o apoio financiero e atención personal 24 horas. Nada máis que pedir!
Foi entón cando dei en xuntar as palabras clave da mensaxe publicitaria: valentes, crear, cultura e profesional. E cando a realidade vivida e coñecida de perto avolveu as claves ocultas no interlineado do anuncio nun presente en que, para alén da maioría das (ir)responsábeis institucións públicas oficiais, o sector privado empresarial e bancario, unha vez chuchadas, absorbidas e dixeridas as caixas de aforro galego, virou as costas á creación, promoción e difusión do patrimonio cultural galego, convertendo en inviábeis importantes proxectos autónomos de profesionalización.
E xuntando palabras e ordenando ideas continuei a pensar no paseo, agora orballento, que iniciaramos no comezo deste noso encontro lector de hoxe.
Creamos cultura por necesidade, por convicción, por capacidade, por complicidade, por autoestima, por inconformismo, por implicación, por resistencia… Por valentía continuamos malia os paus nas rodas que non facilitan crearmos como profesionais autónomas.
Se esa valentía fose auténtica desde as múltiples vontades do sistema, se se convertese en respecto polo traballo creativo cultural, a potencia da nosa cultura multiplicaríase exponencialmente dentro e fóra do país.
Mentres tanto, apenas nos queren como modelos-trampa de cínico anuncio bancario.
Mentres tanto, quen precisamos da cultura como creadoras e consumidoras, agardamos que os amos do sistema capitalista volvan os ollos da ética e o peto ao investimento directo en capital humanístico,social e cultural.
Nós, con todo e a pesar de todo, mais tamén entre todas e todos, valentes, continuamos a crear Cultura porque nela acreditamos. E o antónimo da valentía xa coñecemos cal é.
a meu ver a publicidade do santo da banca e moito mentireira, dese xeito o “Gracias, valientes, por crear cultura” vai dirixido aos valorosos creadores de traballo, só homes claro, que na súa CULTURA pequeno burguesa é exclusividade do MACHO
canto de “Autónomos, hacéis volar nuestra imaginación” penso que amosa a verdadeira faciana á que fai diana coa mensaxe no eido máis deturpado do mundo laboral, o dos autónomos, coas inacabables xornadas e sobremaneira o dos falsos autónomos oco que logo das contratacións temporais é o que máis medra no Estado Español
polo exposto “imaxinación” ben pouca, “cultura” a única que lles inqueda, a que reflicte no seu beneficio económico, o máis salientable da noxenta publicidade “atención personal 24 horas” telefónica mais falla
saúdos
GústameGústame