Aínda que non o pareza… temos un plan!

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza o 22 de setembro. O orixinal pódese consultar aquí.

Lingua e sociedade camiñan de mans dadas desde a interacción e a reciprocidade de ambos termos, que permite entendermos a primeira, a lingua, como ferramenta de construción do pensamento para a interpretación da realidade, indispensábel para construírmos o mundo propio, íntimo e relacional, para alén de instrumento de cohesión social e de identificación cun territorio e unha colectividade singularizada.

Consecuentemente, non se comprende a vitalidade desa lingua sen unha comunidade persoal competente e imbricada nela, que a utilice nos seus actos comunicativos desde a perspectiva da normalidade dos usos e da súa utilidade no desenvolvemento das accións comunicativas propias e interpersoais.

Con todo, acontece que mesmo as parellas máis ben avindas e estábeis acusan o desequilibrio de pseudopretendentes ou terceiros axentes desestabilizadores mediante procedementos espúreos e obxectivos veladamente arteiros. Prodúcese, entón, a quebra da natural normalidade na relación conducente a unha dobre vía: sucumbir ás faíscas escintilantes das prometedoras luminarias do recén chegado ou reflexionar sobre a fétida e intoxicadora escuridade afumada que fica no ar cando as muxicas de cores morren.

A reflexión sobre o decadente estado na Galiza da relación lingua-sociedade abriu a porta ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), aprobado o 22 de setembro de 2004, hai agora dez anos, no Parlamento galego por unanimidade, un documento que arrancaba dun Consello de Goberno da Xunta de Galiza en marzo de 2002 e remataba dous anos despois, dando cabo e poñendo o ramo a un longo proceso de elaboración desde a práctica dun exercicio intenso de diálogo e consenso entre todos os axentes relacionados coa lingua galega e a súa necesaria normalización.

O obxectivo do proxecto inicial vén explicitado nun dos seus prólogos: redactar un documento no que, a modo de marco referencial e partindo dun concepto globalizador, quedasen establecidos de forma previa e programada os obxectivos, medidas e procedementos, de aplicación nos anos inmediatos á súa aprobación, encamiñados á normalización da lingua galega.

A aprobación do PXNLG ratificaba a posibilidade de conciliar vontades moi diferentes a respecto do futuro que a lingua galega precisaba, á procura dun necesario consenso que permitise continuar a traballar ao redor da concepción da lingua galega como a maior creación do pobo galego, o noso máis importante sinal de identidade.

Este importante documento-marco de case 300 páxinas en que traballaron máis de 60 persoas repartidas en sete comisión sectoriais e aínda fixeron achegas a través de entrevistas cerca de case outras 1.000, gozou do apoio e ratificación unánime dos deputados e deputadas do Parlamento para elevalo ao goberno galego para a súa progresiva execución (independente da sigla, cor e ideoloxía que o definise) e foi definido no seu prólogo polo daquela Presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne, como unha iniciativa histórica da Administración autónoma, unha achega que foi amplamente consensuada e que se elaborou con rigor e obxectividade, convición que entendemos que tamén partillaba o seu vicepresidente Alberto Núñez Feijóo.

Un completo diagnóstico da saúde da lingua galega, acompañado de obxectivos e medidas de actuación para desenvolver nos diferentes sectores: administración; educación, familia e mocidade; medios de comunicación e industrias culturais; economía, sanidade; sociedade.

Renegando do seu voto positivo e favorábel a este documento, así como á antecedente Lei de normalización lingüística (1983), o actual goberno galego, herdeiro cando menos ideoloxicamente daquel e representado polas mesmas siglas PP (de Galicia?), aínda que asumindo un papel máis próximo ao dos fillos recastados, non só o obviou a mantenta até o seu completo silenciamento afastador da vida política, senón que anulou de raíz iniciativas sociais de avanzo normalizador e derrogou, sen o exemplar e democrático consenso precedente, toda aquela lexislación que o goberno de coalición PSdeG-BNG puxo en marcha, nomeadamente aquilo que articula vertebradoramente a aprendizaxe e instalación na lingua propia ou, o que é o mesmo, o seu futuro vital: a educación, a familia e a mocidade.

Nesta altura do proceso é ben sabido quen traballa para tecer pontes de día e quen derruba as pedras dos seus alicerces á noite.

Mais nós, seguiremos incansabelmente a tecer o vento*…

* Última fuxida a Harar, Antón Avilés de Taramancos.

Advertisement

Re(volta) a escola

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza, o 10 de setembro de 2014. O orixinal pode ser consultado aquí.

Rematou agosto e con el van aló as prometedoras horas longas herdeiras do solsticio de verán da noite de San Xoan. Cadaquén ficará na memoria epidérmica con sensacións agardadas ou inesperadas. Cadaquén imprimirá na portada do seu cartafol capilar aromas e tactos procurados.

Difícil, no entanto, non lembrar xeografías humanas impedidas brutalmente para seren, exterminadas de unha en unha nunha intimidade necrófila de mans masculinas asasinas. Sete mulleres galegas mortas no que vai de ano, 41 en España, que semellan encadeadas ao silencio eterno de políticas impunes. Serían as mesmas políticas inertes se se trataren as desposuídas da vida de dirixentes políticos, banqueiros, futbolistas, actores, modelos de pasarela, presentadores televisivos ou empresarios?

Imposíbel será esquecer tamén o masacre intencionado de Gaza, coidadosamente selectivo para con crianzas chamadoras dun novo futuro. Amoral é ignorar unha terra onde cada area garda o segredo da indefensión, cada ruína é sartego dunha nova vítima inocente e cada alba é preludio de máis unha luzada violenta.

Persistentes horas mortas nunha fin de verán que tampouco chegou para ficar en compaña permanente.

Vale máis nubrado en agosto que sol de setembro, di o refraneiro popular galego. Velaquí a sabia explicación que xustifica a nosa incerteza diaria ao non recoñecermos tampouco o noso país nos partes meteorolóxicos diarios estatais televisados, onde os omnipresentes e unificadores soles abafadores e as altas temperaturas da pantalla son desmentidos de inmediato nas nosas soleiras.

Agosto converteu, agardamos que sen o querer, en protagonista do verán os elevadores, espazos até o de agora idóneos para medir a climatoloxía como arranque das nosas correctas conversas, mais agora, segundo declaracións dun representante público e con responsibilidade de goberno como alcalde de Valladolid, as mulleres ignoramos como nos comportar neles civilizadamente, acosamos co sostén e a saia -estarei exenta de acusación sen sostén e con pantalón?- como armas arreboladizas e acusamos ao primeiro que se nos apareza de intento de agresión. Xa se sabe que isto da condición xenética feminina sempre tivo moito de descerebramento… ben o explicou Rosalía de Castro.

Chega setembro coa súa volta ás rutinas –para quen alcanzou o luxo de poder quebralas- e a escola comeza a entrar nas conversas, incluso nos ascensores!

Enredada desde o día 1 cos exames da convocatoria de setembro e as avaliacións que convidan a abrir o novo curso educativo -ese que o presidente Rajoy non aproba tampouco desta volta neste seu patio de recreo galego ao ignorar o nomenclátor oficial toponímico da terra que pisa, Soutomaior, e substituílo polo impositivo ditatorial franquista de Sotomayor, confeso que, para min, no entanto, é o aroma a marmelo recén cocido e a marmelada de amoras o que realmente traza ese novo punto e á parte a partir do que a vida continúa. Así como a visita á carballesa Praza dos Libros que, máis un ano, despediu agosto para saudar setembro e dar leccións de literatura, lingua, iniciativa cultural activa, mercado, vendas, promoción económica, emprego, PIB, traballo en equipo e onde o 67% dos libros demandados polo público nas súas compras foron obras en galego. Vaiamos tirando conclusións…

(Re)Volta a escola, diciamos ao comezo.

A mercadotecnia ultraconsumista, cos seus ruxidores motores prendidos, semella rememorar unha hecatombe ou dioivo universal en xuño que obriga a mercar todo, todo, de novo, nada vale, non hai posibilidade de reutilización do propio nin moito menos reciclaxe do alleo próximo. Todo do trinque e á última para que non pareza o que somos e pareza o que non somos.

Reiniciamos un novo curso escolar marcado pola implantación dunha lei educativa (LOMCE) á medida única e exclusiva do goberno español, mais acatada sen rubor pola Administración galega, sen coñecermos o profesorado as mínimas directrices para a súa aplicación.

A vinte e catro horas de comezar as aulas en educación primaria, a Consellaría, aínda sen aprobar a necesaria regulamentación propia que desenvolva esa lei para a súa aplicación nesta comunidade galega que conta coas competencias en materia de educación transferidas, publica oficialmente no DOG o currículo definitivo de educación primaria, a ferramenta indispensábel para regular a ordenación desta etapa educativa, cuxos cursos 1º, 2º e 3º son iniciáticos para a implantación da lei. Esta carencia impide ao profesorado preparar as debidas programacións didácticas –obxectivos, contidos de cada materia, competencias, metodoloxías, criterios de avaliación, estándares de aprendizaxe- que planifiquen o correcto desenvolvemento progresivo da aprendizaxe en cada nivel.

Máis unha vez, sabémolo, o sentido común, a responsabilidade profesional e o bo facer consciente da alta sensibilidade e respecto que merece o alumnado e o colectivo familiar suplantará as eivas de quen contempla o ensino desde a fría burbulla dun despacho.

Con todo, e a risco de entrarmos no terreo do politicamente incorrecto, alármanos a posíbel permeabilidade deste aparente desinterese pola educación do futuro após vivirmos uns tempos onde a involución neste eido xa abandonou o estado de alerta premonitoria para se concretar na dura realidade circundante. Referímonos aos datos que nos últimos meses veu ofrecendo o CIS á pregunta: Cal é, ao seu xuízo, o principal problema que existe actualmente en España? E o segundo? E o terceiro?

O barómetro de abril coloca a educación como obxecto de preocupación en quinta posición nos meses de febreiro e marzo para se trasladar á sétima en abril e se manter nesa posición até a enquisa do mes de xuño.

Menos mal que virán inaugurar oficialmente o curso escolar os Reis de España. Se cadra podemos escribirlles as nosas cartas por adiantado coas propostas de necesidades individuais e colectivas en materia de acceso a unha educación pública de calidade e igualdade, respectuosa coa diversidade lingüística e cultural española. Ou mesmo podemos mudar o vindeiro Día de Reis porque si, sen consenso, arbitrariamente e sen consulta previa. Para iso nos están afacendo xa demasiado a esta moda de mudar as regras de xogo coa partida a piques de rematar e con posibilidades de perder.

Permitirémolo?