A Diagonal dos Tolos, de Santiago Lopo

Recensión de A Diagonal dos Tolos, de Santiago Lopo, publicada na web da Editorial Galaxia. A versión orixinal pode consultarse aquí.

Toda Santiago Lopo A Diagonal dos Tolosviaxe encerra un camiño en permanente tránsito de experiencias, unha inquieta descuberta na procura do que a fotografía oficial non sempre retrata, unha volta á orixe para sempre que ten que ser reconstruída por nós, sen intermediacións, máis alá de álbumes familiares ou catálogos de intereseiro obxectivo turístico.

É por iso que toda viaxe como desprazamento físico é, asemade, interior, onde o eu pulsa o seu tempo e o precedente dos seus para facelos falar e, definitivamente, malia mancaren, facer parte deles.

O camiño, símbolo oteriano, e a viaxe á procura de si mesmo de Adrián Solovio ímolo deslocar agora n’A Diagonal dos Tolos a unha pobre carreira contra reloxo que atravesa a Illa da Reunión.

No entanto, n’A Diagonal dos Tolos a viaxe non pode ser recreativa, nin apenas contemplativa dunha natureza sensitiva exuberante, senón que se converterá en máquina reprodutora, en toda a súa tensión ameazadora, do desafío humano fronte ao inmiscíbel cronómetro, ás trampas da orografía extrema, á ingobernábel climatoloxía no devalo das horas que se esgotan, ao descoñecido, en fin, dunha carreira lendaria, obxecto de mediática atención internacional, cuxo final é sempre incerto, pois non só nace do reto en gañala, senón de ser quen de chegar á fin con vida.

Porque a carreira que anualmente se celebra na Illa da Reunión, antiga colonia francesa en pleno Océano Índico, cuxo percorrido de 160 quilómetros cruzando a illa en liña oblicua debe realizarse nun prazo límite de sesenta e seis horas, é unha verdadeira proba de resistencia humana contra os mandatos da Terra e da Historia, coprotagonista principal, en que o tempo é vida nun territorio insular illado que ten moito que calar dun pasado colonial enriquecido ao pé do sistema escravista.

Con todo, sen o saber Pierre, a súa extrema experiencia física e mental convive en paralelo, baixo a sombra da diacronía, coa carreira do innominábel P., negro, escravo e fuxitivo corredor na procura da vida en liberdade.

Pierre e P. transitan un territorio de vinganza dobre, de onte a hoxe.

Pierre, obrigado a sobrevivir a esa diagonal en menos de cincuenta horas para poder gañar, por mandato testamentario, o dereito á propiedade da residencia familiar que o aferra aos tempos da infancia e da adolescencia de descubertas felices. P., escravo mutilado por diferentes intentos de fuga, foxe dunha cacería humana que imprime o certificado de pertenza de Pierre a unha xinea familiar de colonos franceses, expropiadores de recursos materiais e humanos na illa.

Dúas carreiras en tensión na procura da liberdade, dous mundos vivenciais antagónicos que xunguirá a crioula Corinne, luz e sombra dun pasado tan silenciado como cruel no contorno de Paradis Dodo, a mansión familiar cuxa herdanza será o castigo póstumo, a última vinganza dun pai burgués, clasista e racista que se sente traizoado por un fillo quedesde mozo se negou a acatar as normas e o destino deseñado para el.

Pierre quere o botín económico que en xustiza cre pertencerlle, por iso acepta o reto da carreira, para se superar a si mesmo e demostrarllo, coma sempre, á alma dun pai despótico.

Pierre debe reconstruírse para superar o peso da mochila das lembranzas e dos medos dunha realidade familiar hostil que lle impide recuperar para si os afectos persoais de quen ousou rachar coas normas sociais preestabelecidas.

P. foxe, asemade, de si mesmo e dos outros, dos colonos e da tribo sometedora. El é o botín económico e o trofeo humano. Pésalle na fuxida o aro de ferro que leva no pescozo, mais é a Terra sabia a mellor aliada para a supervivencia incerta.

Dúas carreiras para o sufrimento en contornos temporais diferentes, a través de protagonistas individuais masculinos representantes do binomio colonizador-colonizado que, no entanto, poden ser lidos como almas da historia colectiva.

Dúas carreiras na procura da identidade sometida, roubada, escravizada.

Advertisement

Espellos e espellismos ante o Día da Patria

Artigo publicado no formato dixital de Sermos Galiza o 25 de xullo de 2015. A versión orixinal pode consultarse aquí. Unha versión reducida deste artigo saiu publicada no semanario en papel co número 155, á venda na loxa de Sermos Galiza.

Habito un fogar que ben puidera ser definido como zona de conforto ao pé de máis de 35.000 fogares veciños galegos que malviven sen ingreso ningún, sometidos a un agresivo proceso de desigualdade e onde o cumprimento do dereito ao traballo nin sequera é garantía que asegure os mínimos dereitos humanos para evitar a exclusión e a fenda social.

Traballo na profesión que foi de libre escolla vocacional aprendendo a mirar os ollos defraudados de máis dun 20% de profesionais, representantes da poboación activa e produtiva do noso país, desterrados ao desemprego e dos que máis dun 30% destes non teñen xa ningún tipo de cobertura económica de protección.

Convivo entre xeracións de avós emigrantes retornados que despiden nas portas de embarque netas e netos -100.000 desde 2010- hipercualificados profesionalmente que se ven obrigadas a baleiraren, nas maletas portadas, o futuro do país.

Viaxo o país a través de costuras de estradas e camiños de ferro onde habitan as néboas propias desta nosa nación dos mil ríos que só resultan alleas e inexplicábeis para quen permite trazar autovías ou curvas cara á morte.

Contemplo desde a calor abafante do asfalto urbano a paisaxe rural labrega que obriga a acubillar o verde manto herbáceo nunha nova saraiba láctea, nun proceso reiterado de nova humillación a un dos principais sectores produtivos galegos. Leite derramado que metaforiza o presente sanguíneo galego, gume afiado do futuro que me retrotrae ao país do millón de vacas singularizado nos meus ollos da infancia nas sempre pacientes Careta, Marela, Pinta, Roxa, Moura…

Ollo cara ao mar calmo da baía na miña cidade península e rememoro os mariñeiros do xeito a defenderen en Bruxelas, co principal argumento do saber e da razón, esta arte galega de pesca artesanal, sostíbel e regulada, perante eurodeputad@s perplexas polo profundo descoñecemento por parte de quen a pretendía prohibir desde o executivo comunitario, así como polo silencio connivente do goberno galego e español ao non informaren a tempo as autoridades comunitarias das condicións desta arte de pesca tradicional e da grave afectación económica para máis dun milleiro de familias galegas.

Penso e existo desde a miña condición de muller nun país onde o vil asasinato das mulleres a mans dos seus compañeiros de vida limítase a ser anunciado mediaticamente en breves liñas de informe necrolóxico ou tramitado nunha fría e reiterada nota de prensa por parte do goberno galego onde só muda o nome da vítima, semellando ficar a redacción pronta para a seguinte rea da violencia doméstica, como se se tratar dun arrebato dos móbeis da casa, cando sabemos que son mortes calculadas que se están a producir, con crueldade extrema, incluso na cama dun hospital público.

Mais, de súpeto, cando semella que nos roubaron todas as estrelas, comprobo a tan agardada nova que procura a declaración de unidade de todas as forzas políticas na defensa da normalización da lingua galega, desde o principio primeiro de esta ser a grande obra colectiva do pobo galego e, polo tanto, patrimonio común irrenunciábel.

Ben sabemos que esta foto, impresa xa nos arquivos das nosas retinas e no documentario xornalístico, foi promovida e coordinada até a fin pola Mesa pola Normalización Lingüística, mais non podemos esquecer o pulso e vontade firme con que a cidadanía o reclamou reiteradamente, desde rexistros e actuacións diferentes, ao longo dos últimos seis anos. Tamén non é posíbel esquecermos, neste tempo de grave involución para a saúde do galego, forzada a mantenta pola praxe gobernativa, o desigual compromiso dos partidos políticos da oposición, onde as voces de defensa, reivindicación e denuncia conviviron con silencios de difícil explicación.

Entendemos que é, sobre todo, un logro eticamente orgulloso desa amplísima maioría social, organizada ou non, consciente de que a lingua da nación só pode unir para nos reforzar no amor ao que somos como pobo, que se negou a ratificar a progresiva expulsión ou diminución da presenza do galego en diferentes ámbitos de coñecemento e uso, desde a administración até a educación, desde o teatro ou a dobraxe até a edición de libros, negándolle todo o valor engadido que a lingua posúe como soporte creativo, expresivo e económico dunha cultura propia milenaria.

A unidade ao redor do noso maior símbolo nacional de identificación foi posíbel, polo que agora cómpre visualizarmos novos capítulos nunha folla de ruta que, necesaria e irrenunciabelmente, tenda a concretar actuacións que de novo sexan fieis aos acordos unánimes que converteron en realidade a Lei de normalización lingüística e o Plan xeral de normalización da lingua galega.

A ninguén escapa que a responsabilidade inmediata é ben diferente para o arco político que asinou esta declaración o 15 de xullo de 2015, en Compostela, ao pé do monumento a Rosalía de Castro, coincidindo co seu 130 cabodano, por iso o tempo será o espello no que uns e outros se mirarán na construción do relato da historia recente na cara ou na cruz dos versos do poeta Manuel María: Se perdemos a fala / non seremos ninguén.

E porque gustamos de nos reencontrarmos en espellos que non nos distorsionen en espellismos foráneos nin nos exclúan dos marcos desta nación en que gustamos de nos recoñecermos e amamos, mesmo desde posicións ideolóxicas e siglas políticas non estritamente coincidentes sempre, acreditamos na importancia de camiñarmos xuntas o vindeiro 25 de xullo, Día da Patria, todas as persoas que sintamos a nación galega como unha fortaleza en si propia, merecente de ter unha voz propia e un futuro libre e próspero.

Somos protagonistas principais deste capítulo da historia de noso e sería irresponsábel ficarmos impasíbeis ou indiferentes ante unha realidade recentralizadora que nos empobrece como pobo, abrindo fendas desde a desigualdade e a inxustiza social de quen entende o goberno como ente submiso do poder económico do mercado depredador que procura saciarse a partir da conculcación de dereitos individuais e colectivos.

Vivimos tempos de rebeldía, de ilusión e esperanza ante os retos que se aveciñan e que determinarán o noso futuro inmediato. A forza do colectivo, o pobo galego, a nación galega ten que ser a protagonista activa dunha xornada que, para alén de simbólica, deberá ser histórica o vindeiro 25 de xullo porque non é tempo de apandar nin tampouco de agardar por ninguén que veña de fóra resolvernos os problemas creados ou promovidos polo goberno galego, español ou europeo.

Farémolo como sabemos e como temos demostrado noutros momentos críticos da nosa historia recente, desde a celebración dun día de festa común, perante a oportunidade de abrirmos un tempo novo de luz para as nosas fillas e netos, e a fortaleza dun encontro amplo e plural onde fale a cidadanía, organizada política e socialmente ou non, nun eco colectivo amplificado en irmandade xenerosa e con horizonte aberto.

Sabemos que a confluencia da diferenza e a diversidade é sinónimo de riqueza. Ninguén mellor para nolo lembrar que o propio capital ecolóxico da nosa paisaxe natural, representado na alfaia dunha fraga, ese bosque mixto, símbolo dun ecosistema alimentado na alta biodiversidade, principal medidor da boa saúde da Terra, onde cada especie xera nova semente retroalimentadora. No entanto, somos conscientes do que acontece cando o ser humano intervén de xeito intereseiro neste fértil espazo natural para o converter en simple artificio económico persoal desde a explotación con especies foráneas invasoras.

Cos pés firmes nos desafíos do presente, c-o corazón ateigado de espranza e os ollos postos no porvir da nay Terra, en lembranza do espírito e da letra do manifesto das Irmandades da Fala, cuxo centenario celebraremos en 2016, camiñemos xuntas cara unha xornada histórica o vindeiro 25 de xullo, ás 12 horas, na Alameda compostelá, desde o común compromiso coa nación galega que quere camiñar por si propia.

De certo, a vida ía en serio, ditou a poeta Xela Arias. De certo, vainos a vida nesta oportunidade de convocatoria aberta que nos brinda a comisión cidadá pola unidade do 25X.

Porque Galiza é o que nos une.

Ferrados de corazón, fanegas de alma

Artigo publicado na versión en papel do semanario Sermos Galiza, o xoves 9 de xullo de 2015.

Sabía que o sábado 4 de xullo de 2015 ía ser con certeza un día para a celebración. Tamén sabía que sería unha data para continuarmos en alerta máxima, atentas a esoutros camiños que, desde a obriga moral e sen censuras, temos necesariamente que debuxar no plano real e frontal da nosa paisaxe histórica literaria máis próxima, para conseguirmos un relato do imaxinario literario realista, completo, equitativo e, por tanto, críbel.

Manteño as miñas dúbidas a respecto desta carreira de nominacións públicas para unha efeméride que debe ser vertebradora e cohesionadora desde a diversidade cultural. E, sobre todo, agardo que as outras dignísimas propostas, ben merecentes por méritos propios dun 17 de maio en primeira persoa, non fiquen nunca como perdedoras nin bloqueen durante un tempo a entrada doutros nomes propios que tamén precisamos pór en valor neste presente, onde prima a carestía de referentes dignificadores da nosa identidade nacional, construída historicamente desde o século XII tamén a través da literatura e a cultura propias en xeral.

No entanto, non vou disimular a emoción que me embargou ao ler que Manuel María, Cantor da terra chá que leva un / clavada nas entrañas, era amplamente recoñecido polos membros da RAG como o autor que, colectiva e popularmente, en séndomos fieis aos valores vitais do poeta, celebraremos desde xa mesmo, pois temos fame de festa ao redor do noso orgullo literario, mais tamén de honrar a quen nos abriu vieiros de coherencia e honestidade, mesmo en tempos recentes antidemocráticos onde a opción preferente ben podía ser sucumbir á traizón.

O contento medrou minuto a minuto ao lembrar a persoa que coñecín un día de xullo de moita calor, recén estreada a licenciatura en Filoloxía. Desprazárame a Monforte, xunto ao compañeiro Anxo Gómez, á libraría Xistral que Manuel e Saleta atendían, para informarnos sobre Xan da Cova, autor da zarzuela en galego La Galiciana, que andabamos a editar grazas á proposta de Francisco Pillado, director dos Cadernos de Teatro.

O noso inicial nerviosismo minguou coa cálida acollida de Saleta Goi, palabra e presenza sempre compañeira, o esteo preciso para esta loita / de sementar de flores o deserto, de xesto sempre afábel e conversa próxima enmarcada nun sorriso alentador. A nosa ansiedade por coñecer o poeta a quen apenas nos achegaramos desde a lectura dunha pequena parte da súa obra na facultade, calmou de súpeto cando a firme e rotunda voz de Manuel María nos saudou e convidou a sentar naquela mesa de traballo para nos contar sen fin e rir e palpar aquela man, desde xa amiga, que apertou con forza o momento da despedida.

A viaxe de retorno ratificou un Nós ben diferente.

E aínda o tempo nos había brindar moitas outras oportunidades de compartillar aquela vida sabia no meu centro de ensino –cuxa biblioteca leva o seu nome- ou en multitude de actos e eventos, especialmente desde que escolleron, Manuel e Saleta, A Coruña como lugar de residencia permanente, tamén para a amizade e a tertulia.

Inaugurei, así, aos poucos, a lectura reiterada dunha obra completa que o explicaba todo, o pasado e o presente, inauguradora da escrita en galego, e monolingüe, por parte dun mozo de vinte e un anos en 1950 co poemario Muiñeiro de brétemas.

Un corpus literario que supera a corentena de libros publicados de poesía, a vintena de teatro ou a decena de narrativa e tamén ensaio, sen computar a colaboración permanente coa prensa en forma de artigos, así como a obra inédita que imos descubrindo grazas ao labor de implicación popular e colectiva, seguidora do exemplo vital do propio autor, que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos vén desenvolvendo desde 2013, concretado na recuperación da casa familiar como Casa-Museo do noso poeta nacional, á que convido para visitar como achega primeira ou reforzadora do carácter poliédrico deste magno autor das letras galegas.

Unha obra polifacética dirixida a un vós, que nace da vontade de procurar que as galegas e os galegos sexamos conscientes de pertencermos a unha nación, Galiza, que ten unha historia agachada, subalterna, e un idioma de seu, durante moito tempo marxinado e perseguido.

Cantor do íntimo e do colectivo, da historia común de noso e da emoción do obxecto mínimo persoal, das paisaxes da terra todas que andou poñendo en valor para as aproximar en contraste coas foráneas, desde a Casa de Hortas natal até Grecia, que ten demasiada claridade / para a brétema chairega / que levo pousada nos meus ollos; desde o regato do Cepelo e o Poderoso Pai Miño até o deserto do Sáhara.

Escritor sempre apegado á realidade do tempo e do país en que viviu, sen por iso pecharse ás novidades que se producían no resto do mundo, a súa poesía destaca tanto pola variedade temática como formal. Na súa obra son cuantiosas as referencias a escritoras e escritores da nosa literatura, mais tamén doutras, a imitación de formas e temas da poesía medieval, sen esquecer a alta estima na que tiña a literatura popular que tan ben soubo combinar co metro culto nin o máximo interese focalizado na escrita inaugural da poesía, da narrativa e do teatro infantil.

A súa voz poética perpetuou a voz do pobo, a voz dos que sofren a historia, a voz das clases populares: labregos, mariñeiros e obreiros. A súa escrita denunciou as inxustizas cometidas en nome do poder: os embargos de terra aos campesiños, a contaminación dos mares que acaba co medio de vida dos mariñeiros, as inxustas condicións laborais dos traballadores, a penuria económica que sofre o país e que aboca a xente a emigrar, etc. Identifícase Manuel María co pobo que conserva o idioma galego e critica duramente aqueles que queren converterse en señoritos.

A palabra constituíu sempre para o humanista Manuel María un valor en alza, o medio para conseguir o fin do reforzo do coñecemento do propio e da autoestima. E esta palabra honesta, coherente e comprometida, tamén na súa vertente política nacionalista, foi sempre celebrada polo pobo, acollida, lida, aprendida, musicada, representada e traducida.

Este muiñeiro esfolou brétemas ao longo de toda a súa vida por unha Galiza dona de seu, en convivio con aquelas Irmandades da Fala que tamén poetizou, reseñando o seu labor contra o feroz centralismo, nese segundo poemario infantoxuvenil As rúas do vento ceibe.

Felicísima coincidencia para este 2016 celebrarmos estas dúas fulcrais efemérides: o centenario das Irmandades da Fala e o Día das Letras Galegas para Manuel María.

Sabemos que a semántica do compromiso activo, do encontro, da unión, da cohesión e da xenerosidade desde unha perspectiva nacional está viva na obra de Manuel María, é presente continuo en que nos reconfortar nestes tempos en que tanto a precisamos e demandamos.

Sempre Manuel María coa palabra como arma principal e co argumentario de quen ama o seu país e as súas xentes con medidas que só poden aproximarse aos versos do poemario Terra Chá escollidos para o título deste artigo: ferrados de corazón, fanegas de alma.

Volvámoslle o noso cariño, gratitude e recoñecemento maior nunha progresiva e itinerante festa anual de redescuberta humana e literaria cuxos lindes sexan tamén medíbeis en ferrados de corazón, en fanegas de alma.