Acordar

Artigo publicado en Nós Diario o 27 de febreiro de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

É determinante a decisión de ser nai. Por iso debemos ser nós as últimas en ter a palabra. Termar da palabra definitiva. A derradeira.

A partir da nosa afirmación encadéanse outras moitas decisións complexas. Todas elas sen manual contra as vertixes. Sen vacinas que inmunicen os erros.

A escolla da lingua determina xa a nosa relación primeira, intrauterina. As palabras flúen líquidas, amnióticas.

Nove meses, coma nove ondas, despois, os nosos sons tomarán corpo en cada intre de vida compartido. E naceremos unha á outra, en diálogo intransferíbel.

Dun tempo a esta parte dei en pensar naquela primeira palabra coa que naciamos xuntas ao día, aquela voz que chegaba cada alba acompañada dun olor corporal especialmente abrigado nos pregues miúdos da caluga.

Acordei, mami! Esa era a clave do primeiro sorriso do día compartido.

A escolla da palabra acordar non era gratuíta, non respondía ao azar, senón á vontade de lle aprender á filla léxico e semántica propiamente galegos. Fixar en xogo atemporal aquel tempo en que así me falaba a avoa Preciosa: acordei! ou recordei! Se cadra a inesperada lembranza acorda porque o presente convida a recibila.

Precisamos acordar, individual e colec-tivamente, como galegas e galegos, en toda a riqueza da semántica da palabra para convir, harmonizar as disonancias, recordar, espertar, lembrar(se)… Deste xeito, anularemos calquera propósito antónimo intencionado para que esquezamos, desacordemos, abandonemos, desentendamos ou desasistamos.

Estes días celebramos, máis un ano, e con forza popular renovada, un novo Día de Rosalía, unha data que xa trascende o propio nacemento da nosa poeta nacional para representar o noso acordar a un tempo novo, a unha outra alborada que merecemos para mirar por nós neste futuro que tecemos coas mans dos nosos soños en herdo.

Escorrentamos a noite, espantamos a sombra para acordarmos á branca aurora do alalá rosaliano, como A man que soña / e aínda terma do ceu de Pilar Pallarés.

Advertisement

Benquerida Elvira

Artigo publicado en Nós Diario o 20 de febreiro de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Estes días falamos de ti. Falamos a viva voz, nese corpo asociativo que é a Asociación de Veciñanza de Labañou, no teu barrio. Presentámoste aos descoñecidos e tamén a quen xa lles viñas soando desde que o teu nome renova a identidade da primeira residencia universitaria da Coruña, tamén no teu barrio, como ten que ser.

Porque as cidades non poden ser corpos desmembrados nin mentes amnésicas, senón mans que abrazan e bocas que contan todo o que os ollos miran lonxe.

Falamos moito, porque precisamos contar e ser contadas. Acompañaron na conversa a túa neta Loreta e o teu neto Arturo, sorrintes a unha memoria familiar da que seguen a descubrir orgullo. Falou in absentia Elvira, a túa Elvirita, a filla que sostivo como un eco e segue a termar, desde a consciencia dos case 94 anos, nas cuncas das mans a memoria da nai e do pai, de Elvira Bao Maceiras e Bernardino Varela Do Campo –así, como asinaba el, en galego!

E falaron Pepe O Molinero e Tonecho, dous alumnos da escoliña particular que ti puxeches na casa –cesada como mestra pola ditadura-, naquela casiña de San Roque de Fóra –de novo, sentíndote perto, no teu barrio-, na que te recluíches cerca de dez anos, resistíndote a saír, cansa de medo, persecución, represión, interrogatorios e lembranzas daqueles días incertos detida e dos posteriores meses presa no Cárcere da Torre.

E en falando de ti, falamos de tantas mulleres activas, que pensaron e sentiron como galegas, que participaron da reflexión, do debate, da intervención e das responsabilidades políticas. O teu tempo como membro das Irmandades da Fala da Coruña, da Agrupación Republicana Feminina da Coruña, da Escolas de Insiño Galego… Mulleres que te acompañaron no labor construtor dun mundo mellor, da man da xustiza, da igualdade, da fraternidade.

Falamos de ti e continuamos a aprender as novas leccións das mestras.

O traxe das noces

Artigo publicado en Nós Diario o 13 de febreiro de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

As noces este ano non valen nada. Son ruíns coma elas soas. Xa non lles daba caído o traxe cando as apañamos. A auga non as deixou lograr.

Escoitar as palabras de Jesusa contradicía a vista daquela fartura das nogueiras da casa a secar onda a calor que quenta a volta do día desde a cociña de ferro.

A aparencia do froito renovado convidaba a entrar nas noces como cada inverno. Mais houbo que lle dar a razón á sabedoría dos oitenta e oito anos de Jesusa, quen abrazou a vida sempre en comuñón co medio.

Coma o bisavó José, aquel mago que de nena me marabillaba fitando o monte Xalo ou escoitando os ventos do canal de Barrañán para precisar o intre en que recoller o gando, apañar as patacas ou sementar o millo para que nin auga nin xeada nin a seca derramasen a fartura da terra.

Jesusa levaba razón, diciamos. Foi comezar a quebrar a casca protectora do corpo seco desexado para verificar o frío baleiro do froito merado. A decepción ao atravesar a superficie aparente para descubrir a natureza morta dos cotiledóns que semellan na súa morfoloxía alento pulmonar.

Volvín ao presente, esta realidade que nos consome artificiosa e delata fronte a unha superficialidade estéril que opaca a verdade e onde a propaganda subordina a propiedade da mentira.

Volvín a esa imaxe perenne da última década do goberno da Xunta –cousa diferente é dicirlle galego- preocupado por crear, desde a prepotencia do seu presidente, a ficción dun escenario falso, representado en titulares espellismo faltos de ética informativa, ao tempo que chucha o froito interno do pobo creativo, innovador, cooperativo, solidario e traballador.

Con todo a esperanza habita no camiño da primavera e o pobo galego, coma no cantar que di “non me perdas o cariño e non che perderei a lei”, ha demostrar que lle sobran razóns, como xente de lei, para desautorizar un goberno que lle perdeu o afecto e o coidado.

A propósito da(s) lingua(s)

Artigo publicado en Nós Diario o 6 de febreiro de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

A respecto das linguas, quen agora lles escribe observa un discurso insistente Na máxima consideración cara á diversidade lingüística mundial e a necesidade de adquisición da competencia plurilingüe, garante de éxito maior canto máis temperá sexa a exposición das crianzas á aprendizaxe de linguas diferentes da inicial.

Tamén cara á inmersión lingüística como principal procedemento garantista de aprendizaxe doutras linguas e mais cara á consideración de que un bo dominio dunha lingua allea precisa de contextos conversacionais próximos que favorezan o uso, moito máis aló dunhas contadiñas sesións lectivas.

Ora ben, este discurso politicamente correcto e vestido modernísimo íspese ao nos referirmos ao contexto sociolingüístico galego.

E entón, a inmersión lingüística en galego é unha medida antipedagóxica e discriminatoria, xa que impide a correcta aprendizaxe do castelán; a impartición de materias en galego non debe permitirse por invalidar o correcto e homoxéneo proceso formativo do alumnado nas áreas de prestixio social, que é o que conta nos currículos académicos, pois o ámbito humanístico é complementario e subsidiario, xa se sabe!

Consecuentemente, o ensino en galego adoutrina un alumnado sectario, extremista e separatista porque é un «ente politizado per se»; o concepto de normalización lingüística vólvese obsoleto porque «aquí ya somos todos normales» e aplicar un reforzo positivo para a recuperación do galego significa privar de liberdade a sociedade galega e impoñerlle coercitivamente unha vontade antinatural.

No entanto, ben sabemos que o mañá dos nosos fillos e das nosas netas, do noso alumnado, tamén será galego e en galego na medida en que nós o apreixemos nas nosas bocas e nos nosos corazóns, sen renuncias avergoñadas nin claudicacións cultivadas na ignorancia que outros procuran e fomentan.