Coidar de Nós

Artigo publicado en Nós Diario o 6 de agosto de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Neste 2020 celebramos de forma obrigadamente disimulada o centenario da Revista Nós que o tempo demostrou ser unha enciclopedia do pensamento e das aspiracións dunha época: análise e creación dunha Galiza con dimensión europea desde o uso normalizado dunha lingua plena.

Obxectivos irrenunciábeis que sostiveron outros proxectos editoriais da historia contemporánea que tamén celebran efemérides. A editorial Galaxia cumpre setenta anos, mentres que Laiovento estrea os seus primeiros trinta.

Dúas casas editoras que acollen nos seus catálogos o legado da escrita de ficción e de investigación da cultura galega. Ambas as dúas, en plenos procesos vivos de madurez, seguen a abrir camiños propios como pontes entre a creación das autoras e autores galegos e o lector destinatario, porque con cada novo libro chega ese pequeno milagre humano.

Milagre literario e cultural que vivimos nesta pospandemia con consecuencias analizadas no Barómetro da cultura galega I, recentemente dado a coñecer polo Consello da Cultura Galega.

A vulnerabilidade previa do sector cultural galego, do que o libro galego fai parte ben representativa, redobrou nela o grave impacto do coronavirus.

Entre as cifras desta radiografía imprescindíbel para trazar a liña continua do futuro estarían o feito de que só o 43,9% das empresas culturais mantiveron a actividade durante o confinamento; o 38,6% solicitaron un ERTE, sobre todo nas artes escénicas e no sector do libro; o 60,7% sufriu a raíz da Covid-19 unha redución de máis do 50% da facturación.

Os indicadores de despedimentos de traballadores, xunto ás dificultades para pagar impostos e seguros sociais e a queda na facturación de máis dun 50% son indicadores da grave situación que cómpre afrontarmos con afouteza desde as administracións públicas.

Coidar da cultura é coidar da calidade democrática da vida das persoas, xa que, en palabras da filósofa María Zambrano, “La cultura es el despertar del hombre”.

Advertisement

Sálvese quen poida

Artigo publicado en Nós Diario o 30 de xullo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

As vacacións escolares de verán é necesario tempo de descanso para alumnado e profesorado. Con todo, tamén é ese preámbulo imprescindíbel para soñar co que nos agarda nun novo curso: reencontro nas redes de compañeirismo, vertixe ante o descoñecido ou retos persoais e profesionais. Máis do que nunca teriamos imaxinado, precisamos comezar o curso 2020-2021 coa sensación dun curso equilibrado, organizado e seguro. Porque o verán, para profesorado e equipos directivos, son meses de planificación pedagóxica das diversas variábeis que modelan un curso. Asemade, para as familias que deben prever como se moveren na inestábel liña vital da conciliación.

O novo curso oficial anuncia outro capítulo na serie negra vivida na última década co goberno do PP de Feijóo: supresión de prazas de profesorado, redución de aulas e negativa a reducir o número de alumnado por aula. Confirmación do protocolo de actuación dun goberno centrado en baleirar de fortalezas o ensino público galego.

Unha situación moi complexa que agora se agrava coa falta de seguridade sanitaria na escola á que encamiña un protocolo unilateral da consellería que se autolimita a ser un sálvese quen poida, conducente ao desamparo da comunidade escolar, importante núcleo de redes socializadoras dentro e fóra de cada centro.

Ao tempo, a propia Xunta de Galiza emenda a Consellería de Educación ao limitar as reunións a 25 persoas. Este curso eu non tiña ningún grupo de ESO nin de Bacharelato con menos de 25 alumnas e alumnos. Entre eles persoas con factores de risco, igual que entre o profesorado. E, como non, persoas que precisan ler os labios.

Día a día, unha nova alerta sanitaria reconfirma que non vivimos con normalidade, por iso a volta á escola dentro dun mes precisa dun protocolo responsábel en cada decisión e tamén en recursos materiais e humanos. Non se trata de alarmismo innecesario senón de prevención imprescindíbel.