Esta é a recensión que Antonio García Teijeiro publicou no seu blog, Versos e Aloumiños, de Xandra, a landra que quería voar. Moi agradecida!
“Álbums ilustrados coma Xandra, a landra que quería voar, de Mercedes Queixas Zas e ilustrado por Paula Pereira Carreiro, son os que me enchen de felicidade cando ven a luz. Un álbum, este, que cumpre os requisitos que eu lles esixo aos libros dirixidos ás primeiras idades: claridade expositiva, linguaxe coidada, historias sinxelas ben artelladas, posibilidade de dobre lectura, facultade de facer pensar e que as imaxes estean ben coidadas.
De todo isto hai neste álbum editado por Urco Editora. Mercedes Queixas, con sensibilidade e intelixencia, artella unha narración orixinal: unha landra, que agarda o momento de descender polas pólas das árbores, resístese a caer e desexa con todas as súas forzas poder voar. As demais landras esfórzanse en que desista da súa idea, pero Xandra non se dá por vencida.
A protagonista soña, non quere ser coma as demais e loita por ser dona do seu destino. Voa coa ollada e imaxinación cara ao inmenso ceo da devesa. E, pasada a primavera e mais o verán, Xandra nunca esqueceu un segredo que coñecera a través da súa amiga, unha sabia andoriña e que só ela coñecía.
Este é un relato que se desenvolve, como podemos ler, no Courel. Todo el está contido nun medio natural que serve de escenario para que a historia teña cor e teña identidade. A paisaxe, coas árbores e toda sorte de paxaros xoga un papel imprescindible para entender moito mellor esas arelas de liberdade da protagonista e consegue un ambiente natural que se agradece. Todo isto nun marco cromático fermoso. Con cores vivas, figuras de trazos planos ben expresivos, limpeza de formas e espírito alegre, Paula Pereiro consegue un discurso aberto que permite dialogar co texto da autora. As súas ilustracións teñen moita vida e son moi nidias.
E se falamos do Courel, non pode faltar unha referencia ao extraordinario Uxío Novoneyra. E fica patente, xaora, nesas liñas que din que Xandra ollaba sen descanso o ceo, na procura da amiga andoriña, que chegara no comezo da primavera, canda o canto do cuco, para aniñar disimuladamente no balcón da Casa do Poeta.
En definitiva, que estamos diante dun álbum magnífico para compartir lectura cos rapaces e rapazas das primeiras idades (e adultos), establecer con eles un diálogo interesante, do mesmo xeito que Mercedes e Paula o fan a través das palabras e as imaxes.
Libros coma este son os que fan que a literatura prenda nos lectores e lectoras teñan a idade que teñan. Son imprescindibles para que a nosa LIX sexa valorada xa dende o principio. Fornecen o cada vez máis amplo catálogo de obras que convidan a saborealas dende os primeiros intres das nosas vidas.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO“