Reseña de Xulio Valcárcel sobre Vivir, unha aventura irrepetíbel

Deixo aquí a reseña que Xulio Valcárcel publicara sobre a obra Vivir, unha aventura irrepetíbel na súa Páxina Literaria de El Ideal Gallego o 28 de agosto de 2011

Advertisement

Entrevista de Valentina Formoso para a Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización da Lingua

Deixo aquí esta entrevista de Valentina Formoso para a Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización da Lingua publicada orixinalmente o 11 de outubro de 2008, e que pode verse no seu espazo orixinal aquí.

Mercedes Queixas Zas é, desde marzo de 2007, coordinadora territorial dos equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL) dos centros de ensino non universitario para a provincia da Coruña. Nesta entrevista feita por Valentina Formoso para o web da CTNL fálanos do seu traballo e da situación da normalización do galego neste eido.

Poderías concretarnos cal é o traballo que desenvolvedes os coordinadores territoriais dos ENDL?

O noso traballo do día a día pretende responder a dous obxectivos básicos: asesorar e dinamizar os equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros educativos, tanto públicos como concertados. Tratamos de dar resposta ás súas dúbidas a respecto de como planificar lingüisticamente o seu centro, coordinar o seu traballo con outros centros educativos, próximos ou non, poñelos en contacto cos servizos de normalización lingüística existentes en moitos concellos para vehicular o traballo do centro educativo no contorno e viceversa, asesoralos na elaboración de proxectos de innovación en normalización lingüística ou proxectos de fomento do uso do galego no ensino, etc.

Sodes suficientes os catros coordinadores provinciais para abarcar todos os centros de ensino ou cumpriría unha rede con máis persoal ou quizais con outras “sub-coordinacións” comarcais ou por zonas?

Non é doado atender, co detalle que se necesita e merece, o inmenso labor que realizan a maioría dos ENDL, moitos deles cunha interesantísima perspectiva diacrónica que os converten en motores de iniciativas ben positivas para asegurar a competencia e o uso sen complexos da lingua galega. Ademais, desde o primeiro día, os catro coordinadores territoriais, xunto á nosa coordinadora central, propuxémonos dar un paso adiante que entendiamos moi necesario por cubrir unha eiva histórica: pornos ao pé dos compañeiros e compañeiras docentes que traballan nos seus equipos e conseguir a maior proximidade comunicativa, mesmo física, desprazándonos aos propios centros, cando fósemos requiridos. No meu caso, conseguir isto, que me parece unha aposta pola valoración do traballo de dinamización lingüística no ensino, non resulta doado dadas as características da provincia da Coruña, cun elevadísimo número de centros educativos que atender espallados entre 94 concellos e cunha concentración social en espazos xeográficos que presentan uns índices de castelanización elevadísimos: Ferrol, Vigo e A Coruña, xunto a áreas comarcais ou periurbanas que actúan neste momento tamén como espazos fortemente desgaleguizadoras. Outro tanto acontece coa provincia de Pontevedra, máis aínda en Lugo e Ourense, provincias con menor índice poboacional e menor número de centros, tamén se presentan problemas dada a forte dispersión xeográfica. Aínda así, temos que dicir que sempre que somos requiridos intentamos dar unha resposta positiva e á altura do que sabemos que se espera de nós.

Despois de dous cursos funcionando, cales son os cambios máis significativos que conseguistes tantos nos equipos coma nos centros?

Despois de tantos anos de sinerxias plenamente instaladas nos centros educativos, por suposto estimuladas e mesmo implantadas pola Administración, non é doado, se cadra, constatar un número elevado de cambios após dous cursos académicos. Coido que a inmensa maioría das persoas que traballamos no ámbito da dinamización lingüística no ensino concordabamos en que era preciso mudar dinámicas e renovar azos para non caermos no camiño da sempre ameazante regresión. Aínda así, a nivel xeral, rematado xa o proceso de lectura e comprobación das memorias remitidas polos ENDL, en relación co traballo realizado no curso 2007-2008, podemos dicir que se percibe nun número de centros superior ao curso anterior que xa se produciu o momento de corte, isto é, a necesidade de pararse e reflexionar sobre o que se viña facendo e o que se quere facer nos próximos anos. A necesidade de planificar o noso traballo de dinamización lingüística a partir duns obxectivos que veñen determinados polo punto de partida que o meu centro presenta a partir da sempre necesaria análise sociolingüística de catro sectores fundamentais: a ambientalidade lingüística do centro, o contexto sociolingüístico do centro, a realidade lingüística do profesorado e mais a do alumnado. Isto é, deberiamos concienciaciarnos de que necesitamos planificar este traballo, como parte integrante do proxecto educativo, adecuado a unha realidade humana que habita o centro, mais que, ao tempo, habita un contorno lingüístico tamén moi determinado e que non podemos obviar no noso traballo docente.
Esta parte de elaboración dunha Planificación Sociolingüística propia é a máis laboriosa, a que leva máis tempo nun primeiro momento, mais é determinante para trazar estratexias que me axuden a conseguir resultados de mellora da competencia lingüística para o meu alumnado ao cabo dun prazo curto de tempo que podería ser de catro anos, por exemplo.

Cales son as principais demandas que vos fan chegar os ENDL?

No inicio, as mesmas demandas que nós, os coordinadores e coordinadoras territoriais, proclamabamos cando exerciamos como docentes e membros de ENDL: falta de formación específica, falta de recoñecemento do traballo, falta de asesoramento e orientación por parte da Administración, necesidade de redución horaria para todos os membros do equipo para poder reunirse e organizar o traballo como un verdadeiro equipo, falta de materiais didácticos interdisciplinares en lingua galega no mercado e necesidade de adecuar a convocatoria de axudas aos proxectos de fomento de uso do galego ao curso académico e non ao ano natural, pois só permitía xustificar economicamente o segundo e o terceiro trimestre escolar.

Que medidas se tomaron, ou se van tomar, para atallar esas demandas?

A creación de catro prazas de coordinación territorial de ENDL entendo que foi a primeira resposta que transmitía, desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística a vontade de apostar polo inicio dun tempo novo na coordinación do traballo de dinamización lingüística no ensino.
Logo de dous cursos de traballo pola nosa parte, confirmamos como algunha das demandas mencionadas xa se conseguiron. Por exemplo, o Decreto 124/07 outorga, por fin, o recoñecemento administrativo e económico á figura do coordinador ou coordinadora.
Canto á formación en planificación, desde a SXPL, a comezos do curso pasado remitimos aos centros dous manuais de Planificación Sociolingüística para apoiar o profesorado na tarefa de se enfrontar á elaboración dun proxecto lingüístico de centro que se demanda desde a implantación do Decreto 124/07 por parte da Consellaría de Educación. Asemade, tamén no ámbito formativo, cómpre mencionarmos a organización dos Seminarios de Dinamización Lingüística, cuxa terceira edición se desenvolverá entre o mes de outubro- en Ferrol, Ourense e Pontevedra- e o de novembro –A Coruña, Lugo, Santiago e Vigo.
Tamén desde o curso pasado, e por primeira vez, se organizaron os cursos formativos para os novos funcionarios e funcionarias que se incorporan ao sistema público de ensino e que inclúen, por primeira vez, contidos de sociolingüística e de didáctica da aprendizaxe de segundas linguas.
O ano pasado iniciouse, asemade, a formación en planificación lingüística para colectivos tamén habitualmente desatendidos, mais que resultan fundamentais para avanzar, xunto ao colectivo docente, como é o caso de persoal técnico da administración, da inspección educativa e asesoras e asesores dos diferentes CFR. Para pechar este apartado, cómpre mencionar a celebración dun novo curso de planificación lingüística para equipos directivos de centros de ensino, o pasado mes de xullo, que, á vista da avaliación altamente positiva que realizaron os asistentes, está previsto darlle un carácter de continuidade.
Finalmente, para este curso 2008-09 conseguimos dar resposta a unha desas reclamacións históricas: adiantar a publicación da convocatoria de axudas aos proxectos dos ENDL ao mes de setembro para resolver e comunicar aos centros a cantidade asignada a finais de novembro; ademais, por primeira vez, recibirán os centros un anticipo a conta correspondente ao 20% da cantidade concedida, realizando unha única xustificación global antes do 1 de xullo.
É tanto o camiño que falta por andar que, por suposto, tamén hai tarefas pendentes que están en proceso de visualización como é dar unha maior divulgación pública ás experiencias dos equipos de normalización e dinamización lingüística a través da web e dunha revista, convertendo estes dous espazos en foros de comunicación e visualización do labor dos ENDL, e continuar a aposta xa iniciada pola promoción das convocatorias dos premios de innovación en normalización lingüística, un ámbito necesario de impulso, pois desde a aplicación na escola de metodoloxías innovadoras e acordes co tempo vivencial do noso alumnado será máis doado conseguirmos os nosos obxectivos como docentes.

Desde as Coordinacións Provinciais, como valorades a aplicación do Decreto 124/2007?

Logo dun ano de aplicación entendo que aínda non é posíbel facermos unha valoración definitiva. En calquera caso, sen ser un decreto radicalmente diferente do anterior, pois mesmo son coincidentes parágrafos íntegros, si presenta novidades importantes que apostan por un avance na mellora e consecución da competencia lingüística en lingua galega e castelá, obxectivo trazado desde a Lei de normalización lingüística de 1983 e aínda non cumprido, como ben intuímos os profesionais do ensino, desde a nosa experiencia, aínda que é certo que nunca dispuxemos de resultados oficiais que o confirmasen.
Este Decreto 124/07 ten como obxectivo acadar a competencia nas dúas linguas, independentemente da lingua inicial do alumnado, a partir da presenza das dúas linguas como vehiculares en igualdade de horario docente e asociando a lingua minorizada a materias de aparente prestixio social, como é o caso das matemáticas.
Ademais, como decreto de mínimos que é, e sen ter un carácter plenamente intervencionista nos centros, recolle a necesidade de que estes completen o seu itinerario de planificación lingüística para conseguir o obxectivo competencial pleno; velaquí a importancia de que cada centro elabore a súa planificación lingüística propia en función do contorno lingüístico en que está inserido.
O que si percibimos ultimamente é que moitas das (pseudo)interpretacións e valoracións que se teñen feito sobre este decreto descoñecen os presupostos didáctico-lingüísticos que os sustentan e obvian outros exitosos programas educativos baseados no plurilingüismo estendidos nos estados máis avanzados do mundo, ou con economías emerxentes, mesmo naqueles que conseguiron os mellores resultados no último informe PISA. Ás veces parece que a mensaxe destas persoas interesadas en que a escola galega continúe a ser uniforme e monolingüe, como o foi aínda en décadas ben recentes, cala na sociedade con tintes de veracidade auténtica e única. E penso que isto pode ser así porque non debemos supor, en ningún momento, que a sociedade galega está (in)formada en cuestións de planificación lingüística ou de procesos de aprendizaxe en contextos coma o noso. A maioría da poboación galega madura actual non foi alfabetizada na nosa lingua e, ademais, foi escolarizada nun sistema educativo monolingüe, onde a lingua propia estaba totalmente erradicada da escola e posuía todas as connotacións pexorativas e prexuizosas que son ben coñecidas. Polo tanto, sen pedagoxía social nese tema, por que van entender que agora un sistema educativo diferente vai ser bo ou mesmo mellor? Axudaría a gañar esta confianza se pecibísemos un profesorado tamén plenamente competente e convencido, mais, quen formou o conxunto do profesorado galego en materia de planificación e dinamización lingüística? En que plano de estudos dun licenciado ou licenciada en matemáticas, en física, en lingua castelá, en xeografía, en economía figurou este tema? Non lle podemos esixir ao profesorado actuacións pedagóxicas para as que non foron formados. Temos que explicarlle o que se pretende conseguir coa política lingüística actual en materia educativa: individuos que dominen varias linguas sen prexuízos cara ao uso normal da súa propia e a mellor medida para este último obxectivo é asegurarlles unha óptima competencia lingüística. Un profesorado competente e ben (in)formado traballará, desde a súa profesionalidade, a prol dun alumnado igualmente competente.
Neste sentido, o curso pasado abrimos unha nova liña de traballo en colaboración coa Escola de Pais e Nais da ANPA do CEIP Sada e contornos, que nos expuxera a necesidade que sentían algúns pais e nais, galegos e non galegos, de ter un maior dominio en lingua galega para poder axudar os seus fillos e fillas na súa actividade académica diaria. Unha oportunidade única de achegar ás familias o coñecemento directo do sistema educativo galego actual, e da lingua galega, que foi valorada moi positivamente e que confiamos en renovar e ampliar este novo curso.

Cal che parece que é a principal batalla que queda por librar no plano
político? E no técnico?

No plano político, o que a sociedade necesita é que as persoas con responsabilidade política non convertan a lingua galega nun proxectil de ataque masivo. A lingua galega, como ningunha outra, non fai mal a ninguén. Existe, e polo tanto é e ten razón de ser para permitir a comunicación entre as persoas pertencentes a unha determinada comunidade. Non é cuestión de amolar a ninguén, nin de substituír o coñecemento nin o uso do castelán para quen así o decida.
Atacar que se aprenda na escola é de todo punto irracional. Non podo crer de ningunha maneira que ningún pai e nai poida querer intencionadamente pechar as vías de aprendizaxe do seu fillo ou filla, limitar a súa capacidade de saber máis (incluso que os propios pais, por que non?); négome a crer que, intencionadamente, desde a responsabilidade educadora que toda familia ten, se poida educar un fillo desde a súa instalación en barreiras humanas e en fronteiras mentais por entender que hai linguas (persoas) superiores, grandes e fortes que poden, desde o exercicio dunha liberdade falaz, asegundar a outras (persoas) consideradas inferiores, de menor prestixio, ruralizantes ou propias dunha determinada ideoloxía. As linguas non se miden nin se pesan porque a súa función básica non é mercadear, senón comunicar, isto é, ampliar as posibilidades de relación humana e axudaren á cohesión social.
Se as persoas con responsabilidade política trasladan, na teoría e na práctica, unha mensaxe de convicción e de aposta polo enriquecemento lingüístico da nosa mocidade, mesmo desde a aprendizaxe da e na lingua propia de Galicia, os restantes sectores –técnicos e docentes– e axentes sociais tamén actuarán en consecuencia. Mentres tanto, non esquezamos aquel famoso verso do gran poeta chairego Manuel María: “A lingua é a chave que abre o mundo”.

A xente dos ENDL dos centros de ensino bota en falta unha “delegación” da Secretaría Xeral de Política Lingüística na Consellaría de Educación. Cres que isto axudaría a solucionar algúns dos actuais problemas?

Canta maior coordinación exista entre as dúas partes implicadas, desde o propio vértice da pirámide, moito mellor. Igual que acontece nun centro educativo: canta maior implicación e colaboración nun proxecto educativo de centro, maior posibilidade de éxito para o proceso formativo do alumnado. As coordinacións territoriais dependemos organicamente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, mais para intervirmos nos centros educativos debemos contar sempre co visto e prace da Consellaría de Educación. Se todas as partes compartimos, desde a responsabilidade individual, un traballo común, o nivel de éxito será moi superior e cando falo de éxito, obviamente, estoume a referir ao éxito competencial do noso alumnado, que é o que está en xogo: mellorar a competencia lingüística da nosa mocidade e, conseguido isto, tamén estaremos cumprindo o mandato legal recollido na Lei de normalización lingüística de 1983, na actual Lei orgánica da educación e mais no Decreto 124/07.

Como interpretas que 190 coordinadores de ENDL de toda Galicia asinaran no pasado mes de maio un documento no que afirman que presentarían a súa dimisión se non se atendían unhas demandas mínimas (cumprimento do Decreto, liberación horaria para os membros dos equipos,…)?

Respecto as súas decisións e destaco que é exemplar na actualidade, como o foi sempre desde hai máis dunha década, a forte implicación do profesorado e do alumnado dos equipos coa dinamización da lingua galega e a creación de novos espazos de uso para esta na escola. Valoro, asemade, o impulso que moitos equipos directivos deron a este traballo, entendendo que formaba parte do proxecto educativo de centro. Ora ben, non perdamos a perspectiva da complexidade que o tema encerra e reparemos en que cantos máis participemos neste proceso de reconstrución e de reposición da nosa lingua máis posibilidades teremos de o conseguir. Somos todos moi necesarios, mais tamén conscientes de que cadaquén deberá asumir as súas responsabilidades e se non conseguimos, desde a perspectiva educativa, os necesarios avances e logros para o noso alumando, o material humano que, en proceso de formación, temos connosco día a día nas nosas aulas, ninguén dirá que a responsabilidade última é doutros. O profesorado somos un axente educativo e lingüístico de excepción, somos un modelo, non só co noso discurso explícito, senón tamén co implícito. Non debemos esquecer nunca que é moito máis doado retroceder que avanzar e iso non parece que cadre cunha sociedade que acredita no progreso e no futuro.
Todas as leis son aprobadas para seren cumpridas; lembro aínda as palabras escoitadas hai anos ao maxistrado Daniel García Ramos: “o peor que lle pode acontecer a unha lei é que non se cumpra”. Mais pregúntome, e quen a ten que cumprir? Todas e todos, cadaquén desde a responsabilidade que lle toca. E aquí cómpre lembrar novamente a lectura do Decreto 124/07 canto á redacción dalgúns parágrafos, como cando di que nos centros se “constituirá un equipo de normalización e dinamización lingüística, que actuará baixo a supervisión da dirección do centro” ou mesmo cando especifica o procedemento de elaboración do PLC, que non é responsabilidade única da persoa que coordina o ENDL, nin deste equipo exclusivamente, senón que “será redactado por unha comisión do profesorado do centro, designada polo equipo directivo, oída a comisión de coordinación pedagóxica”. E finalmente, dado que os PLC son remitidos á inspección educativa, o Decreto 124/07 tamén regula que “Os servizos de inspección velarán para que en todos os centros educativos se cumpra a normativa vixente sobre normalización lingüística”.
Penso que este decreto era moi necesario, pois, como acontece con calquera outra lexislación de aplicación e impacto social coma este, o esperable é que teñamos que revisala e adaptala ás novas necesidades que a sociedade demanda. Non perdamos tempo e folgos en avaliar con carácter final unha aposta por un modelo educativo que acaba de nacer. Sumemos compromisos de aplicación, preparémomos para renovar as metodoloxías didácticas que o noso alumnado precisa e nos está a demandar, e ao cabo dun tempo volvamos avaliar e propoñamos as modificacións que consideremos cara á mellora do proceso educativo.

Plataformas coma Galicia bilingüe, nacidas trala aprobación do Decreto, fanse oír moito e están creando un discurso na sociedade. Habería que tomar medidas para contrarrestar isto?

Digamos que certos medios de comunicación están moi interesados en que se escoite o seu discurso, un discurso compartido que, por certo, é totalmente regresivo ao continuar a defender ideas que estaban positivamente superadas, mesmo con sentenzas do Tribunal Constitucional, como o libre dereito das familias a escolarizar os fillos na lingua que elixan ou a simple aprendizaxe na lingua propia como un elemento de discriminación. É unha formulación moi lesiva, ao meu ver, por enganosa de principio, manipuladora por xogar con datos falsos e hipócrita por obviar outros importantísimos que avalan os sistemas educativos con aprendizaxes plurilingües como o que aquí se quere comezar a aplicar –e non sen bastante retraso, por certo. A lingua galega úsana como un disfraz de camuflaxe para canalizar socialmente unha ideoloxía sectaria e retrógrada que xoga coa desinformación social. Por que se produce este pulso? Reitero o dito anteriormente: porque non preparamos previamente as familias, ninguén lles explicou o que a escola lles vai ofrecer aos seus fillos e fillas, que non é máis do que preparalos para un mundo diverso que acolle os prefixos pluri- e multi- porque o mono- debe ser desbotado se queremos sociedades baseadas no respecto polo outro, no canto de individuos que se sintan sempre no dereito de defenderen unicamente as liberdades individuais.
Lembro ter lido recentemente unha entrevista realizada ao ciclista galego Óscar Pereiro a raíz da súa sinatura do Manifiesto por la lengua común. Sentín grande mágoa ao ler as súas respostas porque demostraban que descoñecía o actual sistema educativo, eran totalmente contraditorias e reproducían tópicos e prexuízos postos en circulación interesadamente por quen di “respectar” o galego, mesmo “amalo” profundamente, iso si, sempre e cando a sociedade galega non o empregue na súa vida diaria nin moito menos aprecie que iso é un síntoma de normalidade e hixiene social. Estou certa de que se coñecese un pouco a fondo os obxectivos reais que procuramos para o ensino, indo á fonte limpa –como di a nosa rica expresividade tradicional– mudaría algunha das súas opinións.
Os límites da incoherencia das formulacións que tildan de “vítimas” os nenos e nenas que se ven “obrigados” por “imposición” a estudar en galego as matemáticas ou a educación plástica rozan o esperpento máis valleinclanesco cando nunca, en ningún momento, cuestionan a existencia no noso país de colexios “internacionais” que empregan como lingua vehicular do ensino unha lingua para nós –a inmensa maioría das galegas e dos galegos– estranxeira como é o inglés. E non se cuestiona porque efectivamente non hai nada que cuestionar a partir do momento en que sabemos que está garantida unha óptima aprendizaxe, que nos garanten os estudos ao redor da competencia subxacente común ou a interdependencia lingüística.
Como tampouco en ningún momento se ten cuestionado a “capacitación” previa nunha lingua estranxeira do alumnado que se integra nunha sección bilingüe, actualmente implantada en moitos centros educativos galegos. Nin moito menos se pode dicir que está condenado ao maior dos fracasos absolutos. Por que? Pois porque se trata de aprender e ben sabemos que as linguas se aprenden máis aló da propia clase de lingua.

Dun xeito global, como valoras o labor realizado desde os equipos de cara á normalización no ensino?

Todo o traballo realizado na escola co obxectivo de recuperar uso e presenza da lingua galega débese única e exclusivamente a moitos compañeiros e compañeiras que asumiron un traballo engadido ao que lles era propio, como docentes, sen apenas formación específica nin contrapartida económica; isto é, un traballo voluntarista, altruísta e, aínda así, non sempre ben comprendido polos propios claustros. A dinamización da prensa escolar, do teatro, a recuperación do ciclo de celebracións tradicionais, a organización de semanas culturais interdisciplinares, os encontros con escritores e escritoras recoñecidos da literatura galega a partir da dinamización da lectura, a reflexión sobre o estatus e o estado da lingua galega na sociedade, a recuperación do patrimonio oral e, máis recentemente, a edición de revistas dixitais, cadernos de bitácora, páxinas web, campañas de dinamización lingüística do contorno ou intercambios lingüísticos, non serían viábeis sen a intervención, case sempre desinteresada, de moitos profesionais do ensino que pasaron polos ENDL nos últimos quince anos. É por iso que este traballo debería continuar, aprender de todo aquilo que resultou exitoso, revisar aqueles obxectivos que aínda non foron conseguidos e avanzar, sempre avanzar coa ollada no tempo presente e no futuro. Agora tócanos a nós sermos os protagonistas deste capítulo da historia da lingua galega. Para iso deberiamos desbotar de vez ese tentador e atractivo intento que lanzan sobre nós de aceptarmos continuar a construír unha historia educativa baseada na promoción da ignorancia e apostar forte por unha nova educación que promova o igualitarismo.

Mercedes Queixas Zas (A Coruña, 1968) é coordinadora provincial dos equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL) da Coruña. Até marzo de 2007 exerceu de profesora de lingua e literatura galegas no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. É, ademais, secretaria xeral da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG).

Valentina Formoso é coordinadora do ENDL do IES Félix Muriel de Rianxo.