Sálvese quen poida

Artigo publicado en Nós Diario o 30 de xullo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

As vacacións escolares de verán é necesario tempo de descanso para alumnado e profesorado. Con todo, tamén é ese preámbulo imprescindíbel para soñar co que nos agarda nun novo curso: reencontro nas redes de compañeirismo, vertixe ante o descoñecido ou retos persoais e profesionais. Máis do que nunca teriamos imaxinado, precisamos comezar o curso 2020-2021 coa sensación dun curso equilibrado, organizado e seguro. Porque o verán, para profesorado e equipos directivos, son meses de planificación pedagóxica das diversas variábeis que modelan un curso. Asemade, para as familias que deben prever como se moveren na inestábel liña vital da conciliación.

O novo curso oficial anuncia outro capítulo na serie negra vivida na última década co goberno do PP de Feijóo: supresión de prazas de profesorado, redución de aulas e negativa a reducir o número de alumnado por aula. Confirmación do protocolo de actuación dun goberno centrado en baleirar de fortalezas o ensino público galego.

Unha situación moi complexa que agora se agrava coa falta de seguridade sanitaria na escola á que encamiña un protocolo unilateral da consellería que se autolimita a ser un sálvese quen poida, conducente ao desamparo da comunidade escolar, importante núcleo de redes socializadoras dentro e fóra de cada centro.

Ao tempo, a propia Xunta de Galiza emenda a Consellería de Educación ao limitar as reunións a 25 persoas. Este curso eu non tiña ningún grupo de ESO nin de Bacharelato con menos de 25 alumnas e alumnos. Entre eles persoas con factores de risco, igual que entre o profesorado. E, como non, persoas que precisan ler os labios.

Día a día, unha nova alerta sanitaria reconfirma que non vivimos con normalidade, por iso a volta á escola dentro dun mes precisa dun protocolo responsábel en cada decisión e tamén en recursos materiais e humanos. Non se trata de alarmismo innecesario senón de prevención imprescindíbel.

Advertisement

Unha nova Galiza

Artigo publicado en Nós Diario o 2 de xullo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

A principal sensación que nos deixou o debate é o nada afeitas que estamos a recibir nas nosas pantallas un encontro dialéctico de contraste entre aquelas que queren asumir a alta responsabilidade de guiar o presente e o futuro do pobo galego.

Se este diálogo é pedra basilar en democracia, vólvese determinante nese intre en que a cidadanía debe comprometerse co seu voto.

E neste proceso de reaprender a desconfinar o pensamento, comprobamos quen domina a capacidade de dialogar e quen só sabe pontificar en monólogos ben adobiados por equipos de asesoramento e comunicación.

Fronte a un Feijóo nervioso, ancorado na defensa dun pasado de once anos onde as palabras non ditan feitos e sen propostas ilusionantes de futuro, a audiencia comprobou como a candidata do BNG, Ana Pontón, con empatía e convicción, compartía un proxecto integral, inclusivo e solvente de país, nado da raíz do pobo, coa expectativa de facer renacer unha nova Galiza.

As mentiras de Feijóo teñen as patas moi curtas e o nariz moi longo. Comprobámolo reiteradamente nese mal hábito seu de enumerar cifras que nunca teñen correlación na realidade. Un discurso ficticio que volve o seu lema “Galicia, Galicia, Galicia” nun “Fume, Fume, Fume” ou “Leria, Leria, Leria”.

Mais, para alén das súas cifras que xa ninguén cre, esquecéronlle algunhas ben realistas para as que si cumpría explicación.

Refírome, por exemplo, ás que acaba de ofrecer Intermón Oxfam que falan de que máis de 530.000 persoas no noso país, o 19% da sociedade galega, está no limiar da pobreza.

Ou tamén ás do recente inquérito electoral do CIS que fixan a posición da Galiza actual nun estado peor que hai catro anos para o 30,8% da poboación galega e igual para o 44,7%. Velaquí o relato dunha Galiza parada e dun Presidente da Xunta que dimitiu da defensa dos intereses galegos.

Porque sen presente non hai futuro, este 12 de xullo reiniciamos a marcha cara a unha nova Galiza.

É o momento

Artigo publicado en Nós Diario o 11 de xuño de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Neste tempo posCOVID-19 seica non é o momento

De cuestionar despidos de empresas que presentan ano tras anos enormes beneficios.

De cuestionar onde está a Igrexa solidaria coas necesidades sociais como institución exenta de contribuír ao erario público co pagamento do IBI.

De cuestionar por que na televisión e na radio públicas se escoita unha única voz cando son varios os proxectos de país.

De cuestionar o baleiramento de recursos humanos e materiais cos que afrontan a realidade pandémica os profesionais da sanidade pública.

De cuestionar o abafo que producen discursos políticos inzados de intolerancia e promotores de odio.

De cuestionar quen confunde solidariedade e xustiza social con caridade ou esmola.

De cuestionar o desleixo na protección sanitaria dos nosos maiores nas residencias dos NON coidados.

De cuestionar que Feijóo afirme ignorar o informe do Consello de Contas crítico coa xestión das residencias privadas de atención aos maiores.

De cuestionar que nos permitisen ir ao supermercado mais non á horta.

De cuestionar que o presidente galego non se dirixa ao pobo galego en galego.

De cuestionar a importancia das librarías como espazos de acougo saudábel.

De cuestionar a cultura galega como fonte de (trans)formación e transmisión do coñecemento da identidade propia.

De cuestionar a educación como vínculo formativo e emocional e a escola como ágora de encontros en igualdade.

De cuestionar a ineptitude dun presidente da Xunta de Galiza que ignorou as súas funcións, competencias e responsabilidades na protección do seu pobo.

É chegado o momento de sermos o punto e á parte que coloque o punto e final á inercia do rumbo político dun PP esgotado, para mirarmos aos ollos da nosa xente e dicirlles coa voz renovada dos versos da “Letanía de Galicia” do poeta Uxío Novoneyra:

“sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa”

Outro plan

Artigo publicado en Nós Diario o 28 de maio de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

A valoración do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, presentado pola Consellaría de Cultura e Turismo, provocou unha forte reacción crítica no sector cultural.

Un rico, plural e dinámico sector que, tal e como recolle este plan, representa o 2,5 no PIB, con 34.000 empregadas, un 5,4% de crecemento nos últimos anos e no que Galiza é a quinta comunidade autónoma con maior nivel de emprego.

Fronte á enumeración de cifras millonarias que recolle a literatura do plan -10,2 millóns de euros en cultura, 11 millóns en turismo e 5,6 no Xacobeo 2021- para a literatura galega o impacto do presumíbel investimento é ben cativo, pois o coidado do libro é exiguo e nada representativo do peso específico que ocupa na cultura galega.

Malia algunhas medidas inconcretas para o sector do libro, dirixidas a editoras, librarías, feiras do libro, traducións e bibliotecas públicas, observamos que a grande ausente na cadea vital do libro é precisamente quen a inicia: a autoría.

Demandámoslle ao buscador que nos indique cando, en 74 páxinas, se mencionan no plan as palabras escritora/escritor e respóndenos que apenas nunha ocasión, na páxina 44, para se referir ao apoio á dramaturxia contemporánea galega a través do “Impulso dos premios de dramaturxia, fundamentais para o mantemento do emprego de escritores e dramaturgos”.

Verificamos a ausencia explícita de propostas para autoras e autores, o primeiro paso imprescindíbel para o nacemento do libro, en soporte impreso ou dixital, deixar de ser materia branca.

Procuramos respostas incomprensíbeis nas declaración do Conselleiro de (menos) Cultura e (máis) Turismo: “A cultura é a alma do país e o turismo a súa face”.

A pandemia do coronavirus obriga a nos tapar as faces e o goberno galego invisibiliza de vez a face literaria da alma do noso país expresada a través do noso idioma.

Incertezas

Artigo publicado en Nós Diario o 30 de abril de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Entre as certezas desconfinadas, mesmo antes de tempo, están as melenas e barbas necesitadas de cortar as puntas, as canas libérrimas ao ar, as aprendizaxes culinarias a levedecer, as analíticas imperfectas, certa atrofia muscular e todo un catálogo persoal e intransferíbel de estrañamentos.

Mais o estrañamento tamén nos leva a incertezas cando prememos a frecuencia de onda longa ou poñemos os lentes progresivos en materia de política e xestión cultural.

Era preciso un goberno español de esquerdas e progresista (ás veces non semellan principios indisociábeis) que verificase na corte a ausencia dun plan de axuda económica e fiscal para a Cultura.

Con todo, a cultura galega sabe que as competencias nesta materia (aínda) están transferidas á Xunta de Galiza e dela deben emanar as propostas que acrediten na protección dun sector que representa o 2% do PIB da economía galega, así como unha importante relación de postos de traballo, moitas veces invisíbeis.

Para que un coche chegue útil ás nosas mans son precisas outras invisíbeis, mais tamén o son para que chegue a nós un libro, unha peza de teatro, un disco, un espectáculo de danza, un filme, un videoxogo. No entanto, a industria da automoción é indiscutíbel ante calquera plan protector, mentres que a cultura debe agardar para quen a entende como simple ocio gratuíto.

Hai máis dun mes que a Xunta recibiu un documento, asinado por unha ampla representación cultural, con propostas concretas para afrontar, desde o servizo público, a delicada crise á que a nosa cultura fica exposta como consecuencia do coronavirus.

O silencio é até o de agora a única resposta como testemuña do corolario perfecto dun goberno que, na última década, manifestou unha absoluta indiferenza, falta de empatía e capacidade de escoita e diálogo propositivo para cos axentes culturais galegos.

E xa o di o refraneiro galego: o mal crece con calar.

Distanciamento social

Artigo publicado en Nós Diario o 19 de marzo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Certo sentimento de orfandade produce esa unión de palabras que renegan da nosa principal condición como persoas e dos valores centrais para o convivio desde o humanismo: a socialización e a empatía.

Orfandade ante unha situación de risco severo na saúde pública que foi medrando no desconcerto, día a día, acompañando cifras medradas de persoas infectadas polo coronavirus, ingresadas na UCI e, finalmente, mortas.

Orfandade ante unha corentena que simula no Estado español unha deliberada intervención suprasanitaria, ao pretender atender a pandemia cos gobernos autonómicos detrás do central e non ao seu carón para unha mellor coordinación segundo a alerta de cada realidade territorial.

Orfandade ante a presenza nas rúas dun despregue policial e militar que amedrenta o pobo e non as grandes empresas que impiden ou dificultan a seguridade sanitaria do seu persoal.

Orfandade ante as rúas desertas e improdutivas dos nosos barrios, consciente das graves consecuencias económicas que se aveciñan para un sector tan importante como son as pemes e o comercio local.

Orfandade ao verificar a treboada de cancelacións e adiamentos de eventos culturais, unha creación, produción e distribución que, tantas veces, semella invisíbel na sociedade e nos medios de comunicación e que alimenta e sostén como zume elaborado a sociedade. Vivimos nunha emerxencia tamén cultural.

Orfandade ante un presidente da Xunta de Galiza que gardou un vertixinoso distanciamento de seguridade co pobo galego ao renunciar a se comunicar con el en galego, nun momento de extrema gravidade e en intervencións oficiais, arrombando a sonoridade da lingua propia e oficial da nación a un irrelevante segundo plano dun país subtitulado en emerxencia.

Non sabemos a quen se dirixe, que quere demostrar nin a quen o Sr. Presidente da Xunta. Mais o que si sentimos é o seu desprezo pola nosa lingua e a irrelevancia á que a somete en cada oportunidade.

O Centro de Documentación da AELG: un espazo literario en construción colectiva

Artigo publicado na versión en papel do Nós Diario o 13 de marzo de 2020.

A finais do ano 2005, a AELG presentaba publicamente o primeiro gran proxecto ambicioso, por unha banda, e vertebrador, pola outra, do que pretendía ser unha nova xanela que colocase a creación literaria galega na sociedade.

A mellora dun modesto e iniciático portal web activo naquela altura era unha demanda precisa para acompañar os tempos da comunicación dixital que o consello directivo da AELG, encabezado polo seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, asumiu como un reto esixente, xa que a historia da literatura galega contemporánea carecía dun relato visíbel e audíbel próximo ao lectorado consolidado e en formación.

Após intensos meses de traballo técnico e de coordinación documental interna, e grazas ao apoio económico daquela Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, cúmprense agora quince anos da posta en andamento do Centro de Documentación dos Escritores e Escritoras en Lingua Galega, eixo nuclear da web que naceu co obxectivo de conservar e pór a disposición dos investigadores e investigadoras e de todas as persoas interesadas desde todas as culturas do mundo, aqueles materiais xerados polos escritores e escritoras en lingua galega, así como a súa actividade social: obra de creación e de investigación, obra crítica e calquera outro tipo de documentación que puidese enriquecer o coñecemento do feito literario en galego.

É por iso que o Centro de Documentación da AELG se foi convertendo colectivamente, coa colaboración participativa da base asociativa da AELG, nestes tres lustros, na artesa en que se recolle toda a información e documentación depositada polos escritores e escritoras, que é procesada para poder dispor dunha ampla fonte documental á que ter acceso áxil desde a rede.

A creación deste Centro de Documentación partía da carencia dunha entidade aglutinadora da documentación sobre as escritoras e os escritores vivos, mais tamén da necesidade que a figura do escritor/a ten de contar cun centro que os axude na súa difusión e recepción social.

O Centro de Documentación é un milladoiro de pequenos espazos web dedicados a cada escritora ou escritor seguindo os seguintes centros de interese: unha autobiografía, unha fotografía recente, unha bibliografía completa, unha antoloxía representativa da obra escrita, unha mostra de obra traducida, se for o caso, e calquera outra documentación, en calquera idioma (críticas, reseñas en prensa, entrevistas, artigos, documentación gráfica, prólogos e presentacións de obras…) identificada como paratextos.

Asemade, cada espazo permite redirixir e ensanchar o espectro informativo autorial ao enlazar con toda a actividade cultural vinculada á súa obra e recompilada a través da axenda cultural da AELG.

Nos últimos anos, desde a AELG entendemos a urxencia de construír, para alén do contido textual literario, un corpus fotográfico e audiovisual dos socios e socias. Eis a razón de ser das sección internas do Centro de Documentación identificadas como “Fototeca” e “Videoteca”, que multiplican o seu radio de consulta a través das redes sociais da propia AELG.

A fototeca permite acceder á imaxe persoal dos autores e autoras, mais tamén ao arquivo fotográfico histórico que achega as claves necesarias para a análise da diacronía do sistema literario das últimas décadas (non esquezamos que neste 2020 a propia AELG cumpre 40 anos), mentres que a videoteca achega un inmenso centro de recursos audiovisual desde o que acceder a entrevistas con múltiples reflexións que permiten amplificar o campo propiamente creativo de cada autoría: cando comezou a escribir, calos son os referentes, que lecturas a marcaron, proxectos actuais, lectura da propia obra…

Nun momento en que a web da AELG supera os 30 millóns de visitas, entre as que o nivel de consulta deste espazo documental é dos máis demandados, cómpre continuarmos a renovar o impulso deste mapa da historia literaria galega contemporánea.

O traxe das noces

Artigo publicado en Nós Diario o 13 de febreiro de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

As noces este ano non valen nada. Son ruíns coma elas soas. Xa non lles daba caído o traxe cando as apañamos. A auga non as deixou lograr.

Escoitar as palabras de Jesusa contradicía a vista daquela fartura das nogueiras da casa a secar onda a calor que quenta a volta do día desde a cociña de ferro.

A aparencia do froito renovado convidaba a entrar nas noces como cada inverno. Mais houbo que lle dar a razón á sabedoría dos oitenta e oito anos de Jesusa, quen abrazou a vida sempre en comuñón co medio.

Coma o bisavó José, aquel mago que de nena me marabillaba fitando o monte Xalo ou escoitando os ventos do canal de Barrañán para precisar o intre en que recoller o gando, apañar as patacas ou sementar o millo para que nin auga nin xeada nin a seca derramasen a fartura da terra.

Jesusa levaba razón, diciamos. Foi comezar a quebrar a casca protectora do corpo seco desexado para verificar o frío baleiro do froito merado. A decepción ao atravesar a superficie aparente para descubrir a natureza morta dos cotiledóns que semellan na súa morfoloxía alento pulmonar.

Volvín ao presente, esta realidade que nos consome artificiosa e delata fronte a unha superficialidade estéril que opaca a verdade e onde a propaganda subordina a propiedade da mentira.

Volvín a esa imaxe perenne da última década do goberno da Xunta –cousa diferente é dicirlle galego- preocupado por crear, desde a prepotencia do seu presidente, a ficción dun escenario falso, representado en titulares espellismo faltos de ética informativa, ao tempo que chucha o froito interno do pobo creativo, innovador, cooperativo, solidario e traballador.

Con todo a esperanza habita no camiño da primavera e o pobo galego, coma no cantar que di “non me perdas o cariño e non che perderei a lei”, ha demostrar que lle sobran razóns, como xente de lei, para desautorizar un goberno que lle perdeu o afecto e o coidado.

Son horas. Son dereitos

Artigo publicado na versión en papel do Sermos Galiza do 28 de novembro.

Son moitos os puntos febles do noso presente. Son moitas as costuras que se precisan para (p)reparar unha sociedade que semella resistirse a camiñar cara adiante, conformándose co inmobilismo anulador que respira entre cada toque índice de pantalla. Como se camiñar a vida fose posíbel cos pés quietos.

Fe na escola como desiderátum que centrifuga as conciencias e clarea os discursos. Detectado un problema na sociedade, o programa teledirixido cara á maquinaria escolar actívase en titulares reclamo xornalístico, na literatura legal, na cota de pantalla, na rexouba do café e, finalmente, na sala do profesorado.

A escola é ese pequeno espazo do que case ningúen sabe, mais do que cadaquén opina libremente. Calquera pode sentenciar que todo ten arranxo na escola. A educación viaria? O respecto co medio ambiente? O consumo responsábel? Na escola. A homofobia? A convivencia? A paz e a non violencia? Na escola. A ciencia en galego? O respecto pola propiedade intelectual? As TIC? Na escola. O acoso? O machismo asasino? Na escola.

Os deberes que se lle apoñen á escola como espazo de formación e construción crítica medran de forma directamente proporcional ao cuestionamento das profesionais que nela traballamos.

Mais, canda os deberes, cómpre falar tamén de dereitos profesionais roubados desde o 2009 por unha administración galega que acolleu o pretexto da crise económica para asinar unha estafa maiúscula socioeducativa.

A escola non é un iglú, senón un espazo habitado por unha microsociedade viva. Na última década, as docentes do ensino público asumimos múltiples retos profesionais, facendo fronte a un nivel de esixencia maior ante un proceso de ensino-aprendizaxe máis complexo.

Na escola pública galega convivimos entre a desigualdade e acompañamos deficiencias socioeconómicas severas, apertamos desamparos emocionais, cubrimos necesidades básicas de fogares en quebra, verificamos realidades humanas diversas provocadas pola complexidade dun tempo que nos sacrificou, mentres quen nos acusaba de vivir por enriba das nosas posibilidades ocupaba a súa irreponsabilidade en desbaldir recursos públicos en caixas B partidistas, en operacións de corruptela desalmada en paraísos fiscais ou en pagamento de favores (des)informativos na prensa.

Unha década en que o profesorado perdemos capacidade adquisitiva, ao tempo que empeoramos as nosas condicións laborais, por mor dun goberno galego que impuxo unilateralmente medidas restritivas que coutaron gravemente as nosas capacidades ao aumentar o horario lectivo do profesorado, desprezando o acordo colectivo de 2007 (18 períodos lectivos en secundaria e 21 en primaria).

As consecuencias desta ampliación horaria lectiva (que nunca pode identificarse como horario laboral, pois a docencia implica máis aló do tempo escolar e fóra do espazo aula) foron, entre outras, a imposibilidade de facer apoios, reforzos e desdobres; a dificultade de participación en proxectos de renovación pedagóxica; o aumento da impartición de afíns, das ratios de alumnado por aula e das itinerancias; a imposibilidade de garantir a coordinación pedagóxica intra e interdepartamental; a debida acción titorial e o atendemento a cuestións fundamentais como a coeducación, a normalización lingüística, a educación para a paz e a sensibilización ambiental…, isto é, todo aquilo que se nos demanda desde fóra da escola.

Un sobreesforzo acusado co que tentamos neutralizar a afectación negativa sobre a calidade do ensino público que de vez cómpre deter.

Na actualidade, xa son sete as comunidades autónomas que aprobaron a devolución do horario lectivo (Navarra, Euskadi, Cantabria, Canarias, Andalucía, Asturias e Estremadura), mais o goberno galego négase a negociar.

Non demandamos traballar menos, senón que esiximos poder traballar mellor recuperando acordos previamente asinados. É por iso que chegou o momento de reiniciar un tempo de mobilización que xa está a ser público a través de concentracións por todo o país e que terá o seu epicentro na convocatoria de folga para o vindeiro 12 de decembro convocada de xeito unitario por todas as organizacións sindicais.

Son dereitos. Son horas!

Cómenos a lingua o gato?

Artigo publicado na versión en papel do Sermos Galiza do 3 de outubro.

Nestes tempos líderes en protagonismos irracionais, aínda temos que argumentar o auténtico protagonismo das razóns do galego. Por que en galego? Para que en galego? Desde cando en galego? Até cando en galego?

As respostas son múltiples e diversas, como cada unha de nós. Mais, con certeza, todas conflúen nunha común que nos dá a valer: Sempre en galego! E por que? De novo alguén sentirá a necesidade de invocar as razóns da normalidade.

Porque no principio xa foi así. O galego era a lingua dos nosos reis e raíñas. Porque continuou a ser así, a través dos séculos, malia a forza opresora do imperialismo fracasado. Porque é aínda así, malia o manto frieiro e persistente dos prexuízos que teiman en non nos deixaren facer valer, cando nós somos xente de palabra!

Infelizmente, razón arriba, razón abaixo, non se pode concluír que a delicada saúde do galego se estabilice nin moito menos se recupere desa patoloxía múltiple que non acaba de ser atendida coa posoloxía precisa.

O declive reconfirmado, máis unha vez, na comparativa do IGE (organismo oficial dependente da Xunta de Galiza e que, en consecuencia, valida os proxectos e actuacións deste) dos últimos 10 anos, non permite autoenganos.

Presumir desta fraxilidade lingüística como está a facer o goberno galego é unha irresponsabilidade maior, ademais dunha nova mostra de incapacidade para a autocrítica, mala compañeira sempre.

Hai moitas responsabilidades compartidas, con certeza, mais o epicentro radical pertence a quen, no canto de ser referente do reforzo positivo para a lingua minorizada, promoveu unha política lingüística pasiva, eventista e censuradora, renunciando conscientemente ao obxectivo normalizador.

As decisións políticas do actual goberno galego (galego?) e as execucións da Secretaría Xeral de Política Lingüística, validaron o negacionismo dunha minoría, arredado da maioritaria cohesión social ao redor da nosa lingua propia, e burlaron medidas recuperadoras da esperanza de medre social, nomeadamente na infancia e mocidade, que chegaron a se implantaren entre 2007-2010.

A realidade non engana e as estatísticas reconfirman. E isto explica as raíces do auténtico Debate do Estado da Autonomía en que o goberno galego é quen de retorcer a imaxe do espello do aquí e agora até a deformación (manipulación) extrema.

Mais, ao longo desta década, vimos renacer discretamente o pulo e a conciencia social que afortalou unha poderosa blindaxe colectiva que evitou que as gráficas fosen hoxe verdadeiramente dramáticas por irrecuperábeis.

Porque a pregunta que nos facemos é outra: e por que non en galego? E a resposta autoafirmativa, nada da raíz da autoestima, é: sempre en galego, até que ache ese momento, ese motivo, esa sensación, ese pensamento, esa emoción que non sexa quen de expresar en galego.

E ese momento non chegará nunca! Porque non hai ningunha razón que a nosa lingua non atenda!

Porque temos unha lingua de ouro (en verso de Pondal). Porque cada palabra nova é un novo maio de flores cuberto (cantou Curros). Porque a lingua é a chave que abre o mundo (afirmou Manuel María). Porque si, porque me gusta, porque me peta, quero e dáme a gana (certificou Celso Emilio Ferreiro). Porque aínda han florecer mil primaveras máis (soñou Cunqueiro). Porque en galego son un pobo,/e ninguén me pode domear (sentenciou Avilés de Taramancos).

Porque na nosa lingua as palabras amplían o seu círculo de amizades (confirma Yolanda Castaño). Porque o presente continuo/é o único tempo verbal/do compromiso (declara María Reimóndez). Porque a lingua é o AMOR das avós que a ergueron como CASA (verifica Marta Dacosta).

Porque queremos seguir a construír círculos vitais en galego, dicimos Nós, fieis ao espírito colectivo do Grupo Nós, fixado en 1920.

Palabras vellas e novas que voen de corazón en corazón, de boca en boca, de bico en bico.

Por min. Por nós. Por Elas, que han de vir e nos imitarán. Porque sobran as razóns e precisamos máis do que nunca a afouteza cálida das nosas palabras para acompañaren o compromiso das nosas accións!

Porque o camiño da nosa lingua segue e nós camiñámolo cara á alborada!