En 2011 nacía a primeira campaña de normalización e dinamización lingüística organizada desde o Concello da Coruña: O galego medra contigo. O fío condutor dun marabilloso conxunto de actividades interdisciplinares dirixidas a nenas e nenos de entre 5 e 10 anos eran os personaxes deste meu relato que titulei “A Fada Mariña”. Moitos ventos e soles despois, xa ben despreguizado, este pequeno relato volta á luz para todo o público lector da miña cidade faro.
Arquivo por meses: Febreiro 2016
Non lemos a outros: lémonos neles
Artigo publicado na versión en papel do Sermos Galiza, en xaneiro de 2016.
Facemos pé nesta cita do escritor José Emilio Pacheco para colocar en escena algúns nomes que debemos converter en protagonistas no negativo que se revele cando o ano 2016 chegue á fin.
Acúsasenos, ás veces, de enfocar con insistencia o retrovisor cara ao pasado, de recoñecer persoas, colectivos e acontecementos que apenas poden aspirar a ser un simple pretérito perfecto, de nos ancorarmos na parálise idólatra dos símbolos mortos, de cultivarmos a memoria como resistencia inmobilista que impide enfocar o futuro que, per se, ten que ser estrañamente moderno.
Este bisesto 2016 –un día máis para celebrar!- achegaranos fortalezas e oportunidades para ler unha sabia e sabedora artesa de palabras amasadas noutrora que o tempo axudou a levedar consistentemente. E tamén para nos preguntar, con José Ángel Valente, E non se acaba nunca esta viaxe / polas palabras?
Desde o ideario político-cultural, concretado tamén en aposta renovadora literaria, das Irmandades da Fala até Castelao e Manuel María, leremos e lerémonos coa perspectiva de múltiples retratos de noso e tamén alleos a través dun demorado e complexo século XX, coas súas luces e sombras, soños e frustracións, vitorias e fracasos.
Quen contabilizou / as bibliotecas dos barcos afundidos? Pregunta Gioconda Belli.
Ignorar o que pensaron e escribiron, antes do noso presente de vida, contribúe a prolongar as noites sen alba, perder a conta de nós e afundir para sempre, ao renunciar ao emprego do retrovisor como medio indispensábel para, na nosa viaxe como pobo culto, iniciarmos unha manobra segura de adiantamento.