A didáctica do galego dende os medios de comunicación

(…) Que novo reto agarda por nós con esta renovada planificación lingüística? Catro son os obxectivos xerais que debemos marcarnos no noso traballo docente:
1. Conseguir unha competencia plurilingüe real.
2. Conseguir unha maior e mellor capacidade comunicativa.
3. Favorecer a creación de espazos de uso da lingua propia dende a escola.
4. Alentar actitudes positivas para a aprendizaxe e uso social da lingua propia.
Simplificando, podemos dicir que a gran meta que a escola galega moderna ten que conseguir é a competencia bilingüe para o noso alumnado, como paso previo para o introducir no plurilingüismo. Só asegurándomos dende a escola unha competencia lingüística sólida, o noso alumnado poderá decidir libremente a súa lingua de comunicación.

(…) Mais, como profesionais do ensino, convén preguntármonos: e como aseguramos a transferencia das aprendizaxes lingüísticas dun idioma a outro/s? Son necesarias as seguintes condicións:
– Adecuada exposición á lingua receptora a través de contextos de uso diversificados que permita ampliación de repertorios comunicativos e, consecuentemente, de competencia
lingüística, pois sabido é que unha lingua non se aprende só na clase de lingua. O dominio dunha lingua garda directa proporción co contacto que o individuo teña asegurado con esa lingua, pois é o que asegura a boa competencia.
– Adecuada motivación para aprendela, pois non podemos garantir aprendizaxe dunha lingua se esta é vista como un elemento agresivo, como unha ameza para a lingua inicial. A adquisición dunha segunda lingua, sexa cal for, galego e/ou inglés, especialmente motivada dende a infancia, non debe entenderse nin transmitirse nunca como un problema, senón como unha riqueza que, asemade, facilitará a asimilación doutras linguas.
– Aprendizaxe integrada das linguas do currículo dende un enfoque que fuxa do excesivo ou exclusivo gramaticalismo e que aproveite o rendemento da transferencia dos contidos interlinguas. Así pois, o ensino das distintas linguas que acolle a escola deberá coordinarse co fin de garantir a transferencia de aprendizaxes dunhas para outras, así como o reforzo mutuo (…)

Artigo de Mercedes Queixas Zas publicado na revista Saudiña número 15, decembro de 2008. Descargar artigo completo en PDF (167 KB).

Advertisement