Coidar de Nós

Artigo publicado en Nós Diario o 6 de agosto de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Neste 2020 celebramos de forma obrigadamente disimulada o centenario da Revista Nós que o tempo demostrou ser unha enciclopedia do pensamento e das aspiracións dunha época: análise e creación dunha Galiza con dimensión europea desde o uso normalizado dunha lingua plena.

Obxectivos irrenunciábeis que sostiveron outros proxectos editoriais da historia contemporánea que tamén celebran efemérides. A editorial Galaxia cumpre setenta anos, mentres que Laiovento estrea os seus primeiros trinta.

Dúas casas editoras que acollen nos seus catálogos o legado da escrita de ficción e de investigación da cultura galega. Ambas as dúas, en plenos procesos vivos de madurez, seguen a abrir camiños propios como pontes entre a creación das autoras e autores galegos e o lector destinatario, porque con cada novo libro chega ese pequeno milagre humano.

Milagre literario e cultural que vivimos nesta pospandemia con consecuencias analizadas no Barómetro da cultura galega I, recentemente dado a coñecer polo Consello da Cultura Galega.

A vulnerabilidade previa do sector cultural galego, do que o libro galego fai parte ben representativa, redobrou nela o grave impacto do coronavirus.

Entre as cifras desta radiografía imprescindíbel para trazar a liña continua do futuro estarían o feito de que só o 43,9% das empresas culturais mantiveron a actividade durante o confinamento; o 38,6% solicitaron un ERTE, sobre todo nas artes escénicas e no sector do libro; o 60,7% sufriu a raíz da Covid-19 unha redución de máis do 50% da facturación.

Os indicadores de despedimentos de traballadores, xunto ás dificultades para pagar impostos e seguros sociais e a queda na facturación de máis dun 50% son indicadores da grave situación que cómpre afrontarmos con afouteza desde as administracións públicas.

Coidar da cultura é coidar da calidade democrática da vida das persoas, xa que, en palabras da filósofa María Zambrano, “La cultura es el despertar del hombre”.

Advertisement

(Man)teñamos o plan

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza, o 8 de agosto de 2019.

Recentemente o goberno da Xunta de Galiza, a través da SXPL, deu a coñecer ao público un Plan de dinamización da lingua galega 2019-2022, entendemos que lexítimo herdeiro doutro anterior, presentado e difundido nas súas redes co mesmo nome, mais con mudanza na cronoloxía de actuación (2018-2022). Ano arriba, ano abaixo, o caso é ter un plan ou, cando menos, falar del!

A razón de ser deste plan xustifícase na necesidade de deter o proceso de desgaleguización nesta altura en que, como ben sabemos, está a se conducir o noso idioma propio á irrelevancia social no presente e á quebra definitiva da transmisión xeracional no futuro.

Recóllese a necesidade de coordinación interna e implicación de todo o goberno galego para coa execución deste plan, así (en plan…) como de participación de organismos referentes como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e outras (innomeadas) organizacións especificas da mocidade, a cultura e o voluntariado.

Como antecedentes este novo (?) Plan (e veña plan…) enumera o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, o Plan Estratéxico 2010-2013, ou o Plan Estratéxico de Xuventude 2014-2016, nos que resulta facilmente comprobábel a data de caducidade próxima ou xa superada –non só de consumo preferente-, mais de cuxas avaliacións nada soubemos para faceren pé e achantar os piares seguintes. Mais xa sabemos que o importante é colocarmos no foco mediático un plan, ou dous ou tres…

Ben é certo que tamén nesta proposta se apela de xeito recorrente ao Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, mais certificada a súa defunción en 2009 coa chegada ao goberno (e ao poder do desgoberno) do señor Feijoo e o seu equipo ideolóxico desgaleguizador.

Neste sentido, sorprende que a operación de maquillaxe habitual practicada no último decenio para as cuestións de política lingüística se convirta, nesta reviravolta mediática, noutra intervención de cirurxía estética ao pretender asentar os principios deste novo (por reiterado intento) plan no diagnóstico de puntos fortes e febles detallado no PXNLG para a situación do galego na mocidade daquela altura, isto é, hai exactamente tres lustros.

Precisamente nestes tempos en que todo é tan volátil, corre e muda de xeito imparábel, o punto de partida sociolingüístico resulta reseso ou mesmo xa anacrónico (se cadra como a propia vontade lexisladora). Acreditar en que o diagnóstico do coñecemento lingüístico, usos e actitudes que representaba a mocidade en 2004 é un retrato sociolingüístico actual, resulta cando menos cuestionábel.

A xustificación do plan nace “pola necesidade de fomentar e propiciar o seu uso entre a xente nova que xa ten competencias lingüísticas en galego” e a estratexia estará focada a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos.

Descoñecemos de onde proceden os datos empíricos do goberno galego que permitan confiar, como punto forte de partida, nesa categórica competencia lingüística consolidada en galego, que non obsevamos na realidade das aulas nin na realidade social que nos acompaña, pois este goberno leva incumprindo desde o 2010 o propio mandato do seu Decreto 79/2010, que se autoobrigaba a, “con periodicidade anual, despois de finalizar o curso escolar”, avaliar os resultados derivados da aplicación deste decreto.

Unha avaliación dun “decreto de plurilingüismo” da que nunca soubemos, curso tras curso, cando por primeira vez en democracia se prohibiu o galego como lingua de aprendizaxe e coñecemento en materias do ámbito científico, tecnolóxico e matemático, ademais de facilitar que as poucas que eran de impartición obrigada en galego, no ámbito humanístico e social, puidesen ser impartidas en lingua estranxeira (inglés). Este si que foi un medido e certeiro plan contra o galego!

Ese foi o plan en que se escolarizou desde a educación infantil quen agora suma os 14 anos. E agora o plan é elaborar un plan de galeguización para a mocidade que se comezou a desgaleguizar cun plan escolar hai 10 anos. Vaia plan!

Eu tamén apoio a marcha atrás

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza o 3 de maio de 2018.

Transcorridos doce anos desde a aprobación unánime no Parlamento galego da Lei do libro e da lectura, o Consello da Cultura Galega organizou a Xornada “A Lei do libro 2006 a debate”.

No preámbulo da lei compílanse obxectivos e medidas centradas nos capítulos reguladores dos axentes do libro, da súa promoción, do fomento da lectura ou do consello asesor do libro.

Un plan de actuación integral encamiñado a traballar para un obxectivo vertebrador: “incrementar os índices de lectura en lingua galega, por entender que o libro galego é tanto un vehículo como un instrumento para o fortalecemento do sistema literario e cultural galegos, a difusión da cultura galega no exterior e o proceso de normalización lingüística”.

Na xornada coñecéronse os resultados do Informe sobre datos da edición en Galicia 2006-2016, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, recollidos en titulares impropios dunha sociedade que aspire a medrar solidamente asentada en claves de avance sociocultural.

Confirmouse oficialmente o que viña sendo anunciado polos axentes implicados no libro e na lectura: alarmante descenso na edición de libros en galego, peche de editoras, librarías e bibliotecas coa conseguinte perda xeradora de emprego, forte redución do gasto en libros por parte dos fogares galegos e significativa redución do gasto público articulada en dúas vías: por unha banda, a partida dedicada á promoción da lectura e do libro descendeu un 82% e, pola outra, a da promoción a edición do libro en galego caeu un 54%.

Evidenciouse, asemade, o salto diferenciador entre os períodos 2006-2009 e 2010-2016 que, non por acaso, coinciden con períodos de goberno político ben opostos.

A sociedade galega testemuñou unha década desamparada con menos títulos, menos tiraxes, menos editoriais, menos capacidade adquisitiva privada, menos oferta lectora democratizadora a través do préstamo bibliotecario e menos axudas públicas para o libro galego.

Un cúmulo de circunstancias alimentadas desde o abandono das responsabilidades, como xestores do público, da Administración galega que sempre percibiu o sector do libro como crítico e, polo tanto, hostil.

O incumprimento da Lei do libro e da lectura, por parte do goberno do PP, a respecto da non consideración da industria do libro como un sector estratéxico e prioritario para a formación e a economía do país, da incomunicación cos axentes do libro a efectos da necesaria colaboración en programas de dinamización lectora ou da non avaliación progresiva do impacto das escasas actuacións realizadas, explica a renuncia á consecución da estratexia nuclear desta lei: promover o medre do lectorado.

Mais non podemos deixar de ver neste grave proceso de deterioro certas coincidencias co arrombado Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou o derrogado Decreto 124/2007 polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, coincidentes os tres en responderen a un proceso de elaboración demorado, aberto, plural, participativo, de debate e consenso para a súa aprobación unánime.

Con todo, o esforzo privado, individual e colectivo, impediu que o estado actual fose aínda peor. A resistencia proactiva quebrou a desidia conformista, a falta de empatía e confianza no sistema literario galego.

Eis a convicción convertida en aval que nos leva a demandar do (des)goberno galego un cambio de actitude e vontade política que proxecte esta lei en actuacións concretas, planificadas e debidamente orzadas.

Sería esta a única marcha atrás defendíbel e practicábel. O noso apoio xa o ten.

Plurilingüísmo vs Normalización

Artigo publicado en ProLingua o 22 de maio de 2013. O orixinal pódese consultar aquí.

Viaxo en tren á casa camiño desa Compostela para min sempre de ida e volta. Unha xornada completa a escoitar palabras, testemuños, experiencias colectivas que falan de vida escolar e linguas, porque pouco antes concluían os XIV Encontros para a normalización lingüística, un foro referencial de análise, reflexión e debate ao redor da evolución sociolingüística do país, que dirixiron este ano a súa focaxe cara as luces e sombras deitadas, transcorridos xa trinta anos da aprobación por unanimidade da Lei de normalización lingüística.
Esta segunda xornada centrárase na planificación lingüística promovida polo goberno galego do PP e visualizada no Decreto para o plurilingüismo, aprobado unilateralmente e sen consenso parlamentar nin moito menos social e educativo, en 2010.
Ao longo dos dous últimos cursos puidemos comprobar como algúns centros educativos (en maior medida privados concertados, mais tamén públicos de primaria e secundaria) lucían na fachada unha nova placa que os rebautizaba como “Centro Plurilingüe”.
Probabelmente, xa teña aparecido a primeira interrogación: que centro non é de seu plurilingüe tendo en conta as tres linguas en primaria e catro en secundaria que se imparten no ensino, ás que hai que sumar as que nos achega o alumnado inmigrante?
Se cadra sentimos xa buligando no noso maxín o seguinte interrogante: que é un centro plurilingüe?
E no salto, case sempre vertixinoso, do aséptico papel normativo á realidade humana da aula, esta é quen nos achega a resposta ao irmos coñecendo experiencias vividas en primeira persoa, a falta de coñecermos o imprescindíbel seguimento oficial da aplicación dun proxecto experimental como este -do que non temos constancia-, onde está en xogo cumprir o mandato da Lei de normalización lingüística, isto é, acadar plenas competencias no dominio das dúas linguas oficiais no fin do ensino obrigatorio e mais as correspondentes competencias das linguas estranxeiras. Onde está en xogo, en definitiva, se o noso alumnado sabe agora máis linguas desde unha concepción do plurilingüismo inclusivo e equilibrado ou, pola contra, excluínte para con algunha das linguas oficiais ou mesmo segregador para coa nosa lingua propia e oficial.
Na mesa intitulada O galego no ensino: experiencias da comunidade educativa, tomou a palabra unha nai, Ana Castro, para nos falar da experiencia vivida o curso pasado e mais este pola súa filla, Iria, de sete anos, a piques de rematar o primeiro ciclo de educación primaria.
Iria tívose que incorporar prescritivamente no seu centro público plurilingüe (non hai posibilidade dunha outra opción alternativa nin consulta autorizadora ás familias) a unha materia que unicamente recoñece como science, sen se decatar en ningún momento de que se trata daquela que o currículum oficial identifica como Coñecemento do Medio. Unha materia que se imparte obrigatoriamente, porque así o centro o demandou á Consellería de Educación e esta autorizou, en inglés. Cómpre lembrarmos que aínda estamos nunha fase fundamental para a adquisición do proceso lectoescritor do alumnado e que é aínda habitual a confusión e mestura léxica interlinguas próximas.
Por suposto, en caso de dúbidas extremas para a comprensión da materia, durante o curso pasado, 1º de primaria, a profesora empregaba como lingua de apoio o castelán (por ser centro urbano onde a maioría é castelanfalante, o que o xustifica todo!). Este ano, no entanto, 2º de primaria, a docencia xa é unicamente en inglés, o que leva á desmotivación absoluta da nena ante a materia e a se queixar na casa dicindo “este ano a clase de science é máis longa que o ano pasado; abúrrome”. O galego, pois, fica excluído definitivamente da única materia de obrigada impartición en galego na educación primaria segundo a lexislación vixente, supostamente equilibradora.
A nai manifesta, asemade, a súa sorpresa ante a peculiar metodoloxía empregada na aula, consistente na aprendizaxe memorística de listaxes de vocabulario en inglés das partes do corpo, ósos ou plantas, ao que hai que lle engadir a falta de asociación ás palabras das linguas de referencia. Mentres, Iria segue sen recoñecer o seu medio na escola. A maiores, o material didáctico manexado, non elaborado por editoras galegas nin desde unha perspectiva galega, non facilita os obxectivos básicos desta materia que debe axudar a se recoñecer o individuo no seu medio contornador, a ubicalo no espazo en que vive e aprenderlle a nomealo. A conclusión é dolorosa sentenza en boca da nai: Iria nin está a aprender inglés nin coñecemento do medio.
Cara onde camiñamos, agora si, na teoría e na práctica político-lingüístico-educativa? Antes de dar unha resposta, convido a escoitar os audios da mesa aludida ou, aínda mellor, das diferentes sesións destes Encontros para a normalización lingüística.

Debate: como mellorar o labor normalizador dos ENDL, no Consello da Cultura Galega

Este foi o debate sobre Como mellorar o labor normalizador dos ENDL, que tivo lugar no marco dos XIV Encontros para a Normalización Lingüística, celebrados o 8 e 9 de marzo de 2012 no Auditorio da Biblioteca de Galicia baixo a organización do Consello da Cultura Galega, o onde tiven o honor de participar xunto a Xavier Camba, Roberto Catoira e Carlos Negro.

Aquí está a ligazón onde se pode escoitar o debate completo.