Artigo publicado en Nós Diario o 23 de xullo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.
Un novo Día da Patria convoca para o encontro. Distancias fixadas e protocolos sanitarios mediante, percorreremos máis unha vez un camiño conxunto, colectivo e atemporal, como unha metonimia expansiva dos nosos persoais camiños vitais.
O camiño é memoria do pasado, sabedoría do presente, vontade de futuro, mais tamén é unha nostalxia, en definición do poeta Manuel María.
Os camiños do pobo galego sempre abriron fronteiras, derrubaron cancelas e valados, promoveron o encontro intercultural retroalimentador, mais tamén expulsaron e aínda expulsan emigrantes e exiliados en baleiro colectivo oficialmente programado.
E chegamos á volta do noso camiño como círculo de seixo, ara solar, adro de conversa dun relato recorrentemente preciso: o abrente da Alba de Groria.
Nas vésperas dun novo Día da Patria, os nosos pasos e os nosos ecos recuperan o discurso lido por Castelao aquel 25 de xullo de 1948 no exilio bonaerense, a Alba de Groria que segue a ser o noso camiño.
Unhas derradeiras palabras do escritor que amplificamos en cada lectura persoal e nesta cita puntual colectiva, como elos que somos dunha cadea de afectos inmorredoiros que representa a Santa Compaña da Alba de Groria.
Como unha medrada “moitedume de luciñas e vagalumes alentaremos este próximo 25 de xullo a memoria das que crearon o idioma que en que eu vos estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes, i en fín, o feito diferencial de Galiza”.
Porque neste presente de autoafirmación nacional acreditamos, con Castelao, en que
“Afortunadamente, Galiza conta, para a súa eternidade, con algo máis que unha Hestoria fanada, conta c-unha Tradición de valor imponderábel, que eso é o que importa para gañar o futuro”.
E aquí continuamos, Castelao, no camiño, traballando de palabra e obra, nunca de omisión, para gañar o futuro.