As familias do Presidente, ulas?

Artigo publicado na web de ProLingua o 29 de decembro de 2014. A versión orixinal pode consultarse aquí.

O Sr. Feijoo, en calidade de Presidente da Xunta de Galiza, resolveu, como corresponde á grave responsabilidade do seu cargo, a causa principal do abandono do uso do galego por parte do 75% das crianzas entre 5 e 14 anos.

O seu dedo índice acusador disparou directamente contra as familias, así, en xenérico, sen posibilidade de redención ou acto de contrición e penitencia, independentemente de cales foren os elementos que as constitúen porque, como é ben sabido, a familia debe ser, como aquela patria que aínda se anhela e promove, unha, grande e libre.

Razóns presidenciais deberían facerme calar como simple membro de pobo ben mandado e ordenado. Mais a memoria que teima alimentar o esquecemento nalgúns, mesmo participando activamente nela, ao redor da planificación lingüística desenvolvida entre 2006 e 2010, permanece viva en quen vivimos este tempo como aquela luz resucitada que de novo iluminaba con ilusión e esperanza a centralidade do idioma propio.

O Plan xeral de normalización da lingua galega (2004), que o actual goberno impopular ningunea coma se for un mal fillo apegado, por ter sido promovido no seu día polo PP de Galicia, en sendo vicepresidente o Sr. Núñez Feijoo,  e aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, recolle no seu Sector 2. Educación, Familia e Mocidade trinta e sete páxinas destinadas a diagnosticar o estado deste sector de aprendizaxe e uso para a lingua tan primario, así como a trazar obxectivos e medidas de actuación para as áreas de ensino, formación de adultos, transmisión familiar e mocidade.

Infelizmente, nada do referido a este sector está na base práctica e real da actuación promovida en materia de política lingüística por quen goberna desde hai algo máis de cinco anos. Mágoa que a súa páxina política non fique sequera encadrada ad futurum nun branco impoluto, senón luxada pola negritude máis despreciativa.

Con todo, alguén podería pensar que se algo en positivo para o futuro do noso idioma propio non fixo o goberno, será porque non foi posíbel. Mais, do mesmo xeito que a única resposta que aquí cabe é a negativa, reafirmamos a positiva para constatar a eliminación de raíz daqueles procesos en marcha encamiñados precisamente para a recuperación de usos para o idioma entre a escola e a familia e a súa interacción co contorno próximo.

Para recuperar o espírito e a letra dalgunha destas medidas postas en marcha na lexislaura anterior – e con meritoria acollida e aplicación- debemos traer para aquí aquela que o PXNLG identifica como Medida 2.1.22 destinada a “Establecer unha oferta educativa en galego en preescolar (0-3 anos) e na educación infantil para todos os nenos e nenas galegofalantes” e mais a Medida 2.1.24 que ten como obxectivo “Desenvolver programas experimentais en galego para castelanfalantes, asegurando o seu rigor pedagóxico, así como o seu seguimento e avaliación”.

Consonte estas medidas, o 22 de xuño de 2007 a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa publicaba a primeira convocatoria de acción para potenciar o ensino da lingua galega no segundo ciclo de educación infantil en contextos castelanfalantes e á que seguiu, no mes de outubro, unha nova convocatoria para centros privados concertados.

Coa Lei de normalización lingüística e mais a Declaración universal dos dereitos lingüísticos no horizonte, nace este proxecto pioneiro no sistema educativo galego co que se pretende actuar sobre o que o PXNLG detectara como un punto débil: “As carencias no uso escolar do galego afectan, de xeito especialmente grave, ás primeiras etapas educativas e á aprendizaxe da lectura e da escritura”.

Unha diagnose que o propio Consello Escolar de Galicia no seu estudo intitulado Evolución e estado actual do sistema educativo en Galicia (Cursos 2002-2005) confirmou ao ratificar que “a situación máis deficitaria para a lingua galega atópase na educación infantil e na educación primaria, especialmente no primeiro ciclo” onde “é significativa a desproporción no uso das linguas na aprendizaxe da lectura e da escritura, claramente favorable ao castelán” o que cualifica de “especialmente grave porque pode representar en moitos casos unha desgaleguización no tránsito da familia á escola e, indirectamente, unha incentivación da falta de transmisión interxeracional deste idioma. Cómpre, xa que logo, unha actuación urxente e decidida para avanzar na galeguización destes niveis educativos”.

Esta base empírica é o substrato que dá luz ás convocatorias de potenciación da lingua galega en contornos castelanófonos, máis coñecidas popularmente como liñas de galego e que debían responder aos seguintes criterios: contar o centro educativo con máis dunha liña en cada curso de infantil, manifestaren o seu consentimento as familias por escrito, dispor do compromiso do claustro e da aprobación do consello escolar, ademais de contar co profesorado que asumise voluntariamente este proxecto.

Coa chegada do actual goberno á Xunta de Galiza non só se lles retirou de inmediato a asignación económica a estes centros para compra de material educativo preciso, senón que se remitiu a comezos do curso 2010-2011 unha instrución por escrito prohibindo a organización das liñas de galego, mesmo cando xa moitas familias preinscribiran as súas crianzas nelas.

Inaugurouse, pois, a suposta liberdade de escolla da lingua de escolarización do discurso oficial suprimindo as liñas de potenciación do galego en contornos castelanfalantes e atacando, polo tanto, o dereito a recibiren o primeiro ensino en galego aqueles rapaces e rapazas que habitan un medio urbano onde os espazos de aprendizaxe e interacción nese idioma son moito menores ou practicamente nulos.

Ignorouse, intencionadamente, os bos resultados que este modelo estaba a demostrar unha vez rematado a etapa de educación infantil, tal e como ficaron recollidos nas Actas das II Xornadas “Educación e Linguas en Galicia” por parte de diferentes membros das comunidades educativas do CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña), do CEIP A Ponte (Ourense) e da EEI da Pastora (Cambados).

E por se houber calquera marxe de actuación desde a praxe docente responsábel e o sentido común das profesionais do ensino, conscientes da necesidade de aseguraren a dobre competencia lingüística, nomeadamente naqueles ámbitos sociolingüísticos que máis o dificultan ou impiden, este goberno blindou calquera posibilidade cun decreto que impide a aprendizaxe do galego ao obrigar a utilizar nas aulas a lingua maioritaria ficando a nosa, propia e oficial, mais tamén minorizada socialmente, sen a presenza e promoción necesaria para o seu contacto e aprendizaxe nunha etapa tan crítica para a fixación do primeiro coñecemento.

A política lingüístico-educativa do Sr. Feijoo deixou, por principio ideolóxico, fóra da escola o galego, tanto para aquelas familias que si o tiñan na casa como lingua inicial e apostaban pola súa continuidade na escola, como para as que non o era xa, mais acreditaban que era este o mellor lugar para ese primeiro acto de amor que é aprenderlle a unha crianza unha lingua para pensar, nomear e imaxinar un outro mundo mellor, respectuoso, xusto e en liberdade.

Advertisement

De que vas disfrazada?

Artigo publicado o 30 de decembro na versión dixital de Sermos Galiza. A versión orixinal pode ser consultada aquí.

Estes que van ler son apenas breves apuntamentos para unha realidade non inventada.

– Oye, niña, de que vas disfrazada?

Probabelmente a resposta que todas estarán a prever nestas datas será a dalgún personaxe propio do imaxinario colectivo apalpador tradicional deste tempo –opción menos probábel– ou importado con gurgullas de regosto a doce de cola.

Claro que en se tratando da Coruña, a cidade en que esta realidade non inventada sucedeu neste sábado 27 de decembro de 2014, ás 16:30 horas do aínda día, no vestíbulo do Centro Ágora, tamén poderían chegar a unha outra conclusión diferente –se por aquí nos visitan e agasallan coa súa dedicación- as veciñas e vecinos coruñeses.

Podería valorarse a posibilidade de a destinataria da pregunta se tratar dalgún pintoresco disfrace escapado do poboado de nadal que o concello ten instalado na Praza de María Pita, popularmente coñecido xa como Laponia, cun custe para as arcas públicas superior aos 90.000 euros e a cuxas instalacións,  por certo, só poden acceder niños, aínda que non sabemos de que tipo de paxaros en concreto.

Son horas de deitar lonxe dúbidas, cábalas e conxecturas varias para non abusar do seu estimado tempo de lectura.

– Non vou disfrazada. Vou bailar no festival solidario de Xacarandaina.

Eis a resposta clara conforme dúas oracións simples. Aquela que unha pequena de doce anos é capaz de dar á súa interlocutora de idade próxima, que a ollaba con cara de sorpresa absoluta mirando para aquelas roupas interespaciais. Como naquela ocasión en que nun parque público infantil da mesma cidade outra nena a sinalou ao berro de: Mamá, mira esta niña que raro habla con su papá!

Como empezar a explicarlle a unha nena –galega, sen dúbida- o valor de palabras como mantelo, dengue, refaixo, pololos, xubón, corpiño, cofia, parlamenta ou enagua? Como aprenderlle a diferenciar entre panxoliñas, cantos de Nadal, de Reis ou alalás? Ou entre unha muiñeira, unha ribeirana, un maneo, un pateado ou unha jota? Como lle facer sentir o punteado, o picado, o arrimo ou un aturuxo? Como convidala a unha romaría ou a unha foliada?

Perder a lingua é moito máis que perder un código de signos. Perder unha lingua trascende a abstracción acústica de sons para ignorar toda unha proxección cultural con vida orgánica propia, pel sensíbel, músculo fibroso e respiración autónoma que cómpre sementar.

Por iso o meu subconsciente correu a procurar responsábeis e as dianas chegaron de inmediato avaladas pola forza das maiores autoridades públicas en materia de protección lingüística.

Falaron os máximos encargados de educación e política lingüística da res publica, mais como o tema non é de menor importancia, tamén o presidente do goberno galego sinalou directamente os culpábeis.

Segundo estes dirixentes, de quen agardamos cando menos a intención de identificar e axudar a resolver os problemas que afectan á cidadanía, a culpa do grave retroceso do uso galego nas crianzas de entre 5 e 14 anos é, por unha banda, das desequilibradas familias, por non o transmitiren interxeracionalmente e mais, pola outra, da desequilibrada rapazada que malia o empregar sempre, sempre, na escola, esquéceno radicalmente ao cruzaren eses marcos das portas escolares que actúan letalmente contra a neurona galegófona ao se  achegaren ao seu hábitat que ao redor do 60% se asenta xa no contorno da autoestrada –e xa se sabe que o galego non é para andar as présas!

E moi lonxe de entoar algún tipo de mea culpa –nada mellor nestes tempos que a práctica cristiá da resignación- ou sosegar a quen, aínda moi maioritariamente, demanda publicamente a necesidade de compromiso para eliminar actitudes belixerantes e lexislacións lesivas contra o idioma, tiralo da confrontación permanente provocada pola quebra unilateral do PP do consenso parlamentario, gañado en 2004 coa aprobación do Plan xeral de normalización da lingua galega, aínda renovan o seu argumentario exculpatorio recoñecendo que nunca tanto a rapazada o estudou –o mesmiño que o inglés, mais xa se sabe que este aínda figura nos boletíns de cualificacións como lingua (única) estranxeira.

Claro que sempre queda marxe ampla para o optimismo e tamén se poden cuestionar os datos oficiais do propio Instituto Galego de Estatística –organismo dependente do goberno galego, insisto, e antecipo as miñas desculpas ao lectorado sabedor, galego!– respondendo as preguntas obvias das xornalistas perante tal desfeita, afirmando que os datos os descolocaron (sic) e que non lles dan ben as contas porque lles faltan galegofalantes (sic). Ollo á nova modalidade da tradicional Santa Compaña que só algúns son quen de querer ver!

E mentres tanto, desde a presidencia da RAG dísenos que non corresponde a esta institución pronunciarse sobre estes datos que indican que, en 2013, só un pequeno de cada catro fala sempre ou case sempre en galego, pois a súa función é ser responsábel da saúde da gramática do idioma. De que idioma deica 30 ou 40 anos?

De verdade aínda non é chegada a hora de dar o primeiro paso da responsabilidade política gobernativa e/ou institucional para retomar o consenso?

De que van disfrazados?

O noso voto conta

Artigo publicado na versión dixital do Sermos Galiza, o xoves 4 de decembro. O orixinal pódese ver aquí.

O profesorado do ensino público non universitario galego está chamado hoxe venres á celebración dunha nova convocatoria de eleccións sindicais enmarcada, máis unha vez, no período de implantación dunha nova reforma, que tal vez sexa máis acaído denominala reestruturación, do sistema educativo.

De reestruturación tamén falan os datos, ou se quixermos, por aplicar a nomenclatura do currículo, as matematicas aplicadas. As cifras son tamén agora ben obxectivas e, polo tanto, moi ilustradoras da evolución cuantitativa do número de docentes nestes catro anos após o último proceso electoral. Está chamado a votar un censo de 30.336 docentes. Son 2.044 profesores e profesoras do ensino público menos a respecto da convocatoria de 2010, cifra tamén cualitativamente minguante do debido atendemento do ensino como servizo público, resultado do adelgazamento programado e dirixido desde a Administración responsábel da política educativa galega.

Este recorte explica que nesta ocasión vaian ser electos un total de 140 delegadas e delegados, como representantes do profesorado perante a Consellaría de Cultura e Educación, seis menos que no anterior proceso electoral de hai catro anos, distribuídos por provincias do seguinte xeito: A Coruña (45), Lugo (27), Ourense (27) e Pontevedra (41).

Estamos, como vemos, perante un modelo que afasta o ensino público da norma que rexe para a elección de representantes sindicais no resto do mundo laboral, e especialmente con relación ao ensino privado e concertado.

Un modelo que establece marcos de participación máis propios de eleccións políticas do que sindicais, onde o habitual é elixir representantes por centro de traballo.

Un modelo que semella pouco democrático e participativo se temos en conta que participa nestas eleccións os dous terzos dos profesionais do ensino galego, fronte á representación do terzo restante, traballador no ensino concertado e privado que, pola contra, elixe a figura de delegado por cada centro de traballo co que se achegan a unha cifra representativa directa de aproximadamente 500 delegad@s.

Ao longo das dúas últimas semanas de campaña recibimos nos nosos centros de traballo o que cada organización sindical entende que foi o seu balance de traballo e acción no último cuatrienio, ben desigual a todas luces tanto no que se refire a capacidade informativa a pé de centro como de resposta e negociación coa Administración.

É responsabilidade nosa analizar estas follas de ruta e os programas de traballo presentados por cada organización para pór en marcha a concreción do necesario compromiso a nivel sindical, neste novo tempo caracterizado pola involución nos principios pedagóxicos e a anulación da excelencia da calidade do noso traballo, así como o seu recoñecemento e valoración social por parte de quen detenta a máxima autoridade de goberno ora a nivel estatal ora autonómico. Mais non é preciso fixarse moito para comprobar quen, neste período, só vén ao centro cada catro anos e quen está permanente en contacto co profesorado, informando, trasladando propostas e reivindicando, por todas as vías, os nosos dereitos.

O cuestionamento inmoral do noso labor e responsabilidade como docentes por parte do goberno do PP perante a sociedade, o ninguneo como profesionais á hora de tomar en conta a nosa opinión, viuse acompañada do ataque sistemático ás organización sindicais (mesmo desde a web da Consellaría e especialmente contra aquelas organizacións que máis cuestionan as políticas de derrube do ensino público do goberno actual), colectivos que nos representan, cando individualmente sería imposíbel, nos espazos de intercomunicación, debate e diálogo con unha Administración que optou por lexislar en solitario, promover o disenso permanente e actuar en contra da inmensa maioría do sector do ensino público e da sociedade no seu conxunto.

Quen pretende lexitimar accións unilateriais amparándose nunha maioría absoluta parlamentaria precisa desestruturar o noso corpo organizado para anular a nosa capacidade grupal de contestación e mobilización, impedir a nosa fortaleza para contribuír a resolver conflitos e bloquear o reforzo, o amparo e a calor do colectivo docente representado sindicalmente na figura dos seus delegados e delegadas.

Nesta altura, en que, malia todo, non debemos renunciar á loita contra a implantación progresiva da LOMCE nin á restitución dos nosos dereitos laborais, retributivos e profesionais nin moito menos tolerar co noso silencio impotente o progresivo deterioro do ensino público a favor do privado e concertado e mais daquel que segrega o alumnado por razón de xénero, é preciso afrontarmos esta cita electoral desde o convencemento de estármonos a dotar dunha ferramenta útil e imprescindíbel para facermos fronte a un plan político ben programado, asentado nuns piares profundamente antidemocráticos, autoritarios e alleos aos principios basilares da igualdade e laicidade nun contexto propiamente galego.

O noso voto conta, si, e todos contan igual, mais non todos expresan o mesmo.

Rosalía de Castro, da libraría á rúa

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza o 1 de decembro de 2014. O artigo orixinal pode ser consultado aquí.

O 28 de novembro celébrase o Día das Librarías, eses espazos ágora que nos axudan a aprender a ler en liberdade entre liñas ou versos encabalgados, desde as marxes, en branco e negro ou con iconografía ilustradora multicor.

Seguramente haberá quen por estas liñas pasee hoxe que, coma min, non percibiu ningunha alerta ante tal ocasión no seu arredor nin nos medios de comunicación, especialmente neses que nos informan de todo menos do que verdadeiramente acontece ao pé de nós. Nin tan sequera soubemos dun comunicado oficial que aproveitase os titulares que a efemérede ofrecía para presentar, como é a moda, paquetes de medidas de impulso para estas pequenas empresas familiares, na súa maioría, que están a sofrer a crise económica e, sobre todo, a crise de valores éticos e culturais.

Pola contra, con certeza, si batemos en todas as direccións con outra recén inventada efemérede, ese hiperanunciado consumista Black Friday, un novo chanzo na estranguladora moda colonizadora ianqui que nos segue a invadir e agardemos que a non educar no caos e na barbarie hooligan que xa está a caracterizar o afán ultracomprador da xornada no mundo anglosaxón. Non quero imaxinar unha parte da opinión pública se a campaña de estimulación de compras se chamase Venres Negro

Mais contornemos este novo carimbo exterior Made in… para retomar o debate interior sobre a atención ao noso Día das Librarías.

Porque o teórico apoio indisociábel ao libro e á lectura ou o que é o mesmo, ao ensanchamento formativo cultural da sociedade galega, estase a medir na práctica diaria no progresivo reconto de librarías que pechan ou minguan significativamente a súa oferta ao público; no continuado descenso do número de publicacións que restrinxen a divulgación de obras diversas que enriquezan a construción do canon actual; na sinatura de certificados de defunción de premios literarios; na renuncia á aposta retroalimentadora entre sistemas literarios que, como unha oportunidade, ofrece a tradución; na redución de investimentos para a actualización dos catálogos de fondos das bibliotecas públicas ou no afogamento económico de asociacións, colectivos e institucións que desenvolven o seu traballo responsábel vinculado directamente co libro e a lectura.

Sen esquecer a teimosa invisibilidade social da palabra, imaxe e traballo de escrita de autoras e autores galegos na radio e na televisión pública en horarios populares, privados de merecidos planos e tempos que dean conta de quen recrea os nosos soños a través doutras vidas.

Este mapamundi carencial que preside hoxe o mundo do libro e da lectura contrasta co alto valor resistente das persoas creadoras, dinamizadoras, mediadoras e demandantes que seguen a procurar novos espazos e métodos alternativos para nos achegaren a palabra necesitada sempre de construír corpo e músculo colectivo.

E para quen custe de acreditar ou, á procura da fe humanista perdida, precise probas testemuñais, non terá máis que deter unha ollada atenta na ampla e diversa programación do vindeiro Culturgal en que se poderá achar máis de unha proposta cultural atraente para todo tipo de público entre un suculento menú servido en clave de debate, musical, literaria, audiovisual, formativa, gastronómica…

Con todo, comezabamos esta periódica relación articulista co paciente lectorado no recente Día das Librarías e por aí debemos continuar o fío argumental, para compartillar a nosa alegría e satisfacción ao comprobar que a Consellaría de Cultura e Educación, no acto de presentación do Calendario do Libro e da Lectura 2015, recupera a celebración do 24 de febreiro como o Día de Rosalía de Castro, inexplicábel e inxustificadamente eliminado deste calendario en 2014.

Benvida sexa sempre a xusta e necesaria rectificación, nomeadamente por parte de quen debe dar exemplo de respecto máximo polo patrimonio cultural dun pobo.

O obxectivo que di presidir a publicación e distribución deste Calendario do Libro e da Lectura é recoller “datas e efemérides vinculadas ao libro e á literatura galega co fin de poñelas en valor e animar os diferentes colectivos sociais a sumárense con actividades a estas celebracións”.

Para alén de ser Rosalía de Castro autora fundacional da literatura galega contemporánea, a sociedade tena convertido na máis representativa escritora de noso, pois o binomio Rosalía-pobo é firme desde o coñecemento e o entendemento mutuo.

Desde o ano 2011 a AELG vén celebrando o 24 de febreiro, data do nacemento da autora, como o Día de Rosalía, organizando actos propios, mais sobre todo promovendo aqueloutros en que a participación activa da cidadanía é o auténtico motor de reencontro e homenaxe coa nosa poeta nacional.

Emprender e apoiar lecturas públicas da obra rosaliana, convidar ao agasallo dun libro en galego e unha flor, colaborar con colectivos socioculturais e veciñais, librarías e bibliotecas, para a celebración de actividades que volvan ao presente o pensamento e a palabra da poeta; propór aos concellos e deputacións a aprobación dunha moción de apoio ao Día de Rosalía con compromiso de realización de actividades que contribúan a ensanchar o coñecemento da súa obra ou implicar os centros de ensino do país para construír unha didáctica rosaliana actual, a través do audiovisual, a música ou o graffiti, foron algúns dos obxectivos conseguidos que se converteron en azos ilusionantes para continuar a favorecer o reencontro cunha autora que, con plena conciencia, procurou o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de desprestixio, silencio e esquecemento.

A ampla receptividade e implicación institucional e colectiva que nos últimos anos a sociedade galega veu demostrando cara esta data, así como a constatación da ilusión coa que a cidadanía acolleu o Día de Rosalía con certeza ten sido unha petición clamorosa para a xusta e merecida restauración desta efemérede cultural que tanto nos abriga como pobo con orgullo e vontade de futuro.