Virus selectivo

Artigo publicado en Nós Diario o 18 de xuño de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

O 15 de xuño lembramos a aprobación hai 37 anos dun marco legal fundamental para a reparación da lingua galega: a Lei de normalización lingüística.

Unha lei que de acordo co establecido no artigo 3 da Constitución e no 5 do Estatuto de Autonomía […] asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo e que no artigo 22 determina que o Goberno Galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega.

Parécenos inverosímil que exista outro marco regulador dun proceso vivo e social coma este inmutábel tantas décadas despois, como se aquela sociedade e a actual fosen as mesmas. Mais se cadra iso ten moito a ver coa falta de dirección técnica e política á que obriga a lei.

Agora que estamos a piques de ratificar nas urnas a necesidade dun cambio político en clave galega que xa é perceptíbel na sociedade, non esquecemos a nula atención ao proceso de normalización do goberno galego do PP na última década.

Non foi posíbel esquecer a presenza dalgúns dos seus membros en manifestacións explicitamente antigalegas e defensoras da separación das crianzas por razón de lingua na escola, asegurando Feijóo en plena campaña de 2009 que estas teses estaban dentro do seu partido.

Mais o ramo chegou agora cando, a piques de rematar un curso inédito, se anula a convocatoria de axudas a proxectos escolares de fomento do uso do galego por causa dun virus (ben selectivo) que, no entanto, nas mesmas circunstancias, semella non ter atacado outros proxectos educativos.

O futuro que cada vez máis queremos converter en pasado concretou unha estratexia desgaleguizadora, nomeadamente na escola, que fixo caso omiso da Lei de normalización lingüística e mais do Plan xeral de normalización lingüística de 2004, esnaquizando os pactos e consensos políticos e sociais conseguidos como mostra da cohesión e acordo que sempre é quen de acompañar a lingua dun pobo.

Advertisement

(Man)teñamos o plan

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza, o 8 de agosto de 2019.

Recentemente o goberno da Xunta de Galiza, a través da SXPL, deu a coñecer ao público un Plan de dinamización da lingua galega 2019-2022, entendemos que lexítimo herdeiro doutro anterior, presentado e difundido nas súas redes co mesmo nome, mais con mudanza na cronoloxía de actuación (2018-2022). Ano arriba, ano abaixo, o caso é ter un plan ou, cando menos, falar del!

A razón de ser deste plan xustifícase na necesidade de deter o proceso de desgaleguización nesta altura en que, como ben sabemos, está a se conducir o noso idioma propio á irrelevancia social no presente e á quebra definitiva da transmisión xeracional no futuro.

Recóllese a necesidade de coordinación interna e implicación de todo o goberno galego para coa execución deste plan, así (en plan…) como de participación de organismos referentes como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e outras (innomeadas) organizacións especificas da mocidade, a cultura e o voluntariado.

Como antecedentes este novo (?) Plan (e veña plan…) enumera o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, o Plan Estratéxico 2010-2013, ou o Plan Estratéxico de Xuventude 2014-2016, nos que resulta facilmente comprobábel a data de caducidade próxima ou xa superada –non só de consumo preferente-, mais de cuxas avaliacións nada soubemos para faceren pé e achantar os piares seguintes. Mais xa sabemos que o importante é colocarmos no foco mediático un plan, ou dous ou tres…

Ben é certo que tamén nesta proposta se apela de xeito recorrente ao Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, mais certificada a súa defunción en 2009 coa chegada ao goberno (e ao poder do desgoberno) do señor Feijoo e o seu equipo ideolóxico desgaleguizador.

Neste sentido, sorprende que a operación de maquillaxe habitual practicada no último decenio para as cuestións de política lingüística se convirta, nesta reviravolta mediática, noutra intervención de cirurxía estética ao pretender asentar os principios deste novo (por reiterado intento) plan no diagnóstico de puntos fortes e febles detallado no PXNLG para a situación do galego na mocidade daquela altura, isto é, hai exactamente tres lustros.

Precisamente nestes tempos en que todo é tan volátil, corre e muda de xeito imparábel, o punto de partida sociolingüístico resulta reseso ou mesmo xa anacrónico (se cadra como a propia vontade lexisladora). Acreditar en que o diagnóstico do coñecemento lingüístico, usos e actitudes que representaba a mocidade en 2004 é un retrato sociolingüístico actual, resulta cando menos cuestionábel.

A xustificación do plan nace “pola necesidade de fomentar e propiciar o seu uso entre a xente nova que xa ten competencias lingüísticas en galego” e a estratexia estará focada a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos.

Descoñecemos de onde proceden os datos empíricos do goberno galego que permitan confiar, como punto forte de partida, nesa categórica competencia lingüística consolidada en galego, que non obsevamos na realidade das aulas nin na realidade social que nos acompaña, pois este goberno leva incumprindo desde o 2010 o propio mandato do seu Decreto 79/2010, que se autoobrigaba a, “con periodicidade anual, despois de finalizar o curso escolar”, avaliar os resultados derivados da aplicación deste decreto.

Unha avaliación dun “decreto de plurilingüismo” da que nunca soubemos, curso tras curso, cando por primeira vez en democracia se prohibiu o galego como lingua de aprendizaxe e coñecemento en materias do ámbito científico, tecnolóxico e matemático, ademais de facilitar que as poucas que eran de impartición obrigada en galego, no ámbito humanístico e social, puidesen ser impartidas en lingua estranxeira (inglés). Este si que foi un medido e certeiro plan contra o galego!

Ese foi o plan en que se escolarizou desde a educación infantil quen agora suma os 14 anos. E agora o plan é elaborar un plan de galeguización para a mocidade que se comezou a desgaleguizar cun plan escolar hai 10 anos. Vaia plan!

En plan

Artigo publicado no formato dixital de Sermos Galiza, o 29 de xaneiro de 2017. A versión orixinal pode ser vista aquí.

O hiperreducionismo lingüístico –en cantidade e calidade- que nos envolve lévanos á escoita permanente dunha expresión moi á moda, tan habitual e descontextualizada como baleira de contido específico, un significante sen alma de significado ou con múltiples significados de caixón de xastre adornados de todos os depende posíbeis.

En plan… Xa saben… Así, en plan… E xa veremos en que queda a conversa ou monólogo despistante…

Mais eu hoxe estoulles a escribir así, en plan… o non artigo, en plan… digamos… o artigo que non quixera escribir, mais aínda é preciso.

O meu plan hoxe é falarlles do Plan, do Plan con maiúsculas, do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que este 24 de xaneiro celebrou –ou celebraría- o duodécimo aniversario da súa posta en marcha oficial, o que descubro pola entrada do perfil de Suso Díaz, bo amigo das redes sociais, mais que foi invisíbel en ningún outro foro virtual ou espazo informativo.

E dicimos celebraría porque non é doado saber se a súa vitalidade, que non vixencia, está pronta para recibir o noso enfático e eufórico cantar de parabéns ou resistir a ventada social ao apagarmos as súas candeas de aniversario, no caso de aínda estaren en condicións de prenderen.

Por acaso acontece que unha, ás veces, xa non sabe se o pasado próximo é pretérito perfecto ou aínda imperfecto e, polo tanto, susceptíbel da actualización propia do presente continuo porque coas vontades topamos.

En setembro de 2004, o Parlamento galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, logo de máis de dous anos de traballo marcado pola natureza social e participativa do mesmo, como foro de encontro das voces máis representativas vinculadas á lingua galega. Finalmente, froito dun importante labor de debate e consenso viron a luz catrocentas corenta e cinco medidas de apoio concreto á lingua galega, para a súa restauración nos diferentes sectores sociais, tendo en conta como teito legal a Lei de Normalización Lingüística, orientadas a uns fins concretos, recollidos no prólogo asinado por quen naquela altura detentaba a responsabilidade da presidencia da Xunta de Galiza, don Manuel Fraga Iribarne:

· Informar e poñer en práctica unha serie de medidas que permitan a recuperación de falantes.

· Procurar unha maior dignificación da lingua.

· Asumir a lingua galega con naturalidade, sen ningún tipo de imposicións.

A estrutura deste Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega permite, para cada sector individualizado, visualizar unha diagnose do mesmo a partir da detección de puntos fortes e débiles para, consecuentemente, ofrecer diferentes grupos de medidas que permitan alcanzar os obxectivos predeterminados e que, con certeza, doce anos despois cumpriría estarmos revisando e actualizando.

Para o sector que tanto nos (pre)ocupa, Educación, familia e mocidade, este Plan Xeral detectou no seu día, entre outros, os seguintes puntos débiles:

· Na actualidade, o sistema educativo non consegue dotar o alumnado dunha boa competencia oral en galego.

· Maioritariamente, o nivel de aprendizaxe do galego por parte do alumnado é claramente inferior ao acadado no castelán, de maneira que o sistema educativo non está a responder ao mandado legal de formar cidadáns cunha competencia semellante nos dous idiomas oficiais.

· Obsérvase a existencia de prexuízos e de actitudes negativas en relación coa lingua galega que dificultan o emprego habitual do galego no contexto escolar.

· Non está garantida a competencia lingüístico-comunicativa de todo o persoal escolar (docente e non docente) para poder exercer o seu labor en galego.

· É insatisfactoria a formación do profesorado para comprender a situación sociolingüística de Galicia e para participar en actividades de planificación e dinamización lingüística.

· Na maioría dos centros non existe unha auténtica planificación lingüística e nalgúns mesmo se incumpren os mínimos obrigatorios de docencia en galego.

· Aprovéitanse pouco as sinerxias entre o ámbito escolar e o extraescolar para pular pola normalización da lingua galega.

· As carencias no uso escolar do galego afectan, de xeito especialmente grave, as primeiras etapas educativas e a aprendizaxe da lectura e da escritura.

· O uso do galego na docencia e na investigación que se realiza nas universidades galegas é cativo e esta escaseza maniféstase especialmente en certas titulacións e áreas de coñecemento.

Tomando como referencia a LNL e mais o PXNLG é como naceu o Decreto 124/2007 que, por considerar prexuizosamente impositivo o goberno do PP ao promover unha oferta positiva para o galego como corresponde a unha lingua minorizada, renegando do seu voto favorábel aos dous documentos citados, derrogou unilateralmente, obviando o necesario e democrático consenso e ignorando a opinión de todos os sectores educativos, para o substituír polo vixente Decreto 79/2010 que, en ningún momento, cumpriu a súa propia letra, como é o caso do seu mandato avaliador que di textualmente:

Con periodicidade anual, despois de finalizar o curso escolar, a consellería competente en materia de educación avaliará os resultados derivados da aplicación deste decreto e desenvolverá cantas disposicións fosen precisas para o mellor cumprimento e adaptación dos seus obxectivos co fin de que poida achegarse gradualmente ao marco dun ensino plurilingüe e á plena aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.

Infelizmente, analizando aqueles puntos débiles de hai máis dunha década, desde calquera das arestas e axentes que conforman o corpo vivo da escola galega, non é posíbel concluír o seu avance ou resolución positiva para a educación e aprendizaxe da sociedade galega na súa propia lingua. No entanto, si é obxectivo constrastar a involución no seu uso, como lingua inicial ou habitual, entre outros factores, pola falta de exposición á súa aprendizaxe e mais ao seu uso social e a inacción dunha política lingüística consonte coas necesidades reais.

Nesta altura en que o inmobilismo político oficial a respecto do presente e futuro do noso idioma –como o da demografía ou o do desenvolvemento produtivo galego- é notorio, cómpre que a sociedade que sente afecto polo galego recupere e contaxie o pulso, o músculo e o corazón por cada latexo inconformista do idioma, como sempre soubemos facer, convidando e promovendo complicidades afectivas desde propostas proactivas, empáticas e en positivo.

Porque sabemos por experiencia que as leis e os regulamentos son tan precisos como insuficientes, mais é imprescindíbel un sólido corpo social capaz de nos soñar e imaxinar en futuro.

Non renunciamos a remudar a pel da nosa lingua para que acompañe os pasos das novas xeracións nun proceso de natural adhesión social. Mais tampouco nos conformamos con agardar pasivamente a que o curso da historia nos devolva, canda unha puntual seca, as palabras de noso, únicas, inmóbiles, como foto fixa dun obxecto perdido semellante a tantas aldeas, vilas e castros asolagados ou petróglifos devastados.

O futuro non nolo perdoaría! Velaquí o noso plan!

Aínda que non o pareza… temos un plan!

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza o 22 de setembro. O orixinal pódese consultar aquí.

Lingua e sociedade camiñan de mans dadas desde a interacción e a reciprocidade de ambos termos, que permite entendermos a primeira, a lingua, como ferramenta de construción do pensamento para a interpretación da realidade, indispensábel para construírmos o mundo propio, íntimo e relacional, para alén de instrumento de cohesión social e de identificación cun territorio e unha colectividade singularizada.

Consecuentemente, non se comprende a vitalidade desa lingua sen unha comunidade persoal competente e imbricada nela, que a utilice nos seus actos comunicativos desde a perspectiva da normalidade dos usos e da súa utilidade no desenvolvemento das accións comunicativas propias e interpersoais.

Con todo, acontece que mesmo as parellas máis ben avindas e estábeis acusan o desequilibrio de pseudopretendentes ou terceiros axentes desestabilizadores mediante procedementos espúreos e obxectivos veladamente arteiros. Prodúcese, entón, a quebra da natural normalidade na relación conducente a unha dobre vía: sucumbir ás faíscas escintilantes das prometedoras luminarias do recén chegado ou reflexionar sobre a fétida e intoxicadora escuridade afumada que fica no ar cando as muxicas de cores morren.

A reflexión sobre o decadente estado na Galiza da relación lingua-sociedade abriu a porta ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), aprobado o 22 de setembro de 2004, hai agora dez anos, no Parlamento galego por unanimidade, un documento que arrancaba dun Consello de Goberno da Xunta de Galiza en marzo de 2002 e remataba dous anos despois, dando cabo e poñendo o ramo a un longo proceso de elaboración desde a práctica dun exercicio intenso de diálogo e consenso entre todos os axentes relacionados coa lingua galega e a súa necesaria normalización.

O obxectivo do proxecto inicial vén explicitado nun dos seus prólogos: redactar un documento no que, a modo de marco referencial e partindo dun concepto globalizador, quedasen establecidos de forma previa e programada os obxectivos, medidas e procedementos, de aplicación nos anos inmediatos á súa aprobación, encamiñados á normalización da lingua galega.

A aprobación do PXNLG ratificaba a posibilidade de conciliar vontades moi diferentes a respecto do futuro que a lingua galega precisaba, á procura dun necesario consenso que permitise continuar a traballar ao redor da concepción da lingua galega como a maior creación do pobo galego, o noso máis importante sinal de identidade.

Este importante documento-marco de case 300 páxinas en que traballaron máis de 60 persoas repartidas en sete comisión sectoriais e aínda fixeron achegas a través de entrevistas cerca de case outras 1.000, gozou do apoio e ratificación unánime dos deputados e deputadas do Parlamento para elevalo ao goberno galego para a súa progresiva execución (independente da sigla, cor e ideoloxía que o definise) e foi definido no seu prólogo polo daquela Presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne, como unha iniciativa histórica da Administración autónoma, unha achega que foi amplamente consensuada e que se elaborou con rigor e obxectividade, convición que entendemos que tamén partillaba o seu vicepresidente Alberto Núñez Feijóo.

Un completo diagnóstico da saúde da lingua galega, acompañado de obxectivos e medidas de actuación para desenvolver nos diferentes sectores: administración; educación, familia e mocidade; medios de comunicación e industrias culturais; economía, sanidade; sociedade.

Renegando do seu voto positivo e favorábel a este documento, así como á antecedente Lei de normalización lingüística (1983), o actual goberno galego, herdeiro cando menos ideoloxicamente daquel e representado polas mesmas siglas PP (de Galicia?), aínda que asumindo un papel máis próximo ao dos fillos recastados, non só o obviou a mantenta até o seu completo silenciamento afastador da vida política, senón que anulou de raíz iniciativas sociais de avanzo normalizador e derrogou, sen o exemplar e democrático consenso precedente, toda aquela lexislación que o goberno de coalición PSdeG-BNG puxo en marcha, nomeadamente aquilo que articula vertebradoramente a aprendizaxe e instalación na lingua propia ou, o que é o mesmo, o seu futuro vital: a educación, a familia e a mocidade.

Nesta altura do proceso é ben sabido quen traballa para tecer pontes de día e quen derruba as pedras dos seus alicerces á noite.

Mais nós, seguiremos incansabelmente a tecer o vento*…

* Última fuxida a Harar, Antón Avilés de Taramancos.