No abrente

Artigo publicado en Nós Diario o 23 de xullo de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Un novo Día da Patria convoca para o encontro. Distancias fixadas e protocolos sanitarios mediante, percorreremos máis unha vez un camiño conxunto, colectivo e atemporal, como unha metonimia expansiva dos nosos persoais camiños vitais.

O camiño é memoria do pasado, sabedoría do presente, vontade de futuro, mais tamén é unha nostalxia, en definición do poeta Manuel María.

Os camiños do pobo galego sempre abriron fronteiras, derrubaron cancelas e valados, promoveron o encontro intercultural retroalimentador, mais tamén expulsaron e aínda expulsan emigrantes e exiliados en baleiro colectivo oficialmente programado.

E chegamos á volta do noso camiño como círculo de seixo, ara solar, adro de conversa dun relato recorrentemente preciso: o abrente da Alba de Groria.

Nas vésperas dun novo Día da Patria, os nosos pasos e os nosos ecos recuperan o discurso lido por Castelao aquel 25 de xullo de 1948 no exilio bonaerense, a Alba de Groria que segue a ser o noso camiño.

Unhas derradeiras palabras do escritor que amplificamos en cada lectura persoal e nesta cita puntual colectiva, como elos que somos dunha cadea de afectos inmorredoiros que representa a Santa Compaña da Alba de Groria.

Como unha medrada “moitedume de luciñas e vagalumes alentaremos este próximo 25 de xullo a memoria das que crearon o idioma que en que eu vos estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes, i en fín, o feito diferencial de Galiza”.

Porque neste presente de autoafirmación nacional acreditamos, con Castelao, en que

“Afortunadamente, Galiza conta, para a súa eternidade, con algo máis que unha Hestoria fanada, conta c-unha Tradición de valor imponderábel, que eso é o que importa para gañar o futuro”.

E aquí continuamos, Castelao, no camiño, traballando de palabra e obra, nunca de omisión, para gañar o futuro.

Advertisement

Unha historia única

Artigo publicado no Sermos Galiza en papel o 26 de xullo de 2018.

Medio cento de anos, moito máis de media vida despois, é tempo persoal de revis(it)ar o longo relato dos días para o puntuar con vírgulas, reticencias, dous puntos, puntos e seguido e puntos e á parte.

Tamén son horas de anotar lustros de pensamentos e actuacións entre parénteses, aspas, trazos, admiracións e sempre interrogacións.

Andamos o camiño biográfico entre turbias lendas vellas que non queren nin lembrar e brillantes activistas da vida cotiá. Mais sabemos que, como unha illa no medio do mar, cómpre repensármonos para fixar unha aprendizaxe moito máis completa de quen somos, como antídoto fronte á desmemoria.

Entre palabras e silencios. Entre fendas e físgoas. Entre conviccións e dúbidas. Entre brancos e negros. Entre derrotas e confortos. Entre perdas e (re)encontros. Entre desafíos e desafectos. Entre risos e choros. Entre centro e marxes. Entre incertezas e superacións. Entre decepcións e emocións. Entre saudades e esperanzas. Entre renuncias e acordos. Entre utopías e compromisos…

A vida en tránsito. Mentres, o pulso continúa a someter o punto e final da esfera.

Mais este aniversario biográfico persoal cadra este ano cunha outra data referente colectiva para quen estimamos Galiza con ollada nacional: os 50 anos da celebración do Día da Patria Galega este pasado 25 de xullo. Feliz fortuna azarosa coincidente para quen somos de xullo do 68!

O Día da Patria Galega semella ser esoutra data de fin de ano, emocional cando menos, de peche de ciclo para nos renovarmos en pasos novos que continúen a asentar o camiño da historia (incompleta) que herdamos.

O camiño é tránsito consciente desde o coñecemento do pasado, sabedoría do presente, planificación de futuro, mais tamén é unha nostalxia, en definición poética de Manuel María nos seus Camiños de luz e sombra.

Os nosos camiños sempre abriron fronteiras, derrubaron valados e cancelas, promoveron o encontro intercultural retroalimentador, mais tamén expulsaron e aínda expulsan emigrantes e exiliadas en baleiro colectivo oficialmente programado.

E así sempre retorna en presente continuo a eterna ladaíña rosaliana: Este vaise i aquel vaise, todos, todos se van

Todos os camiños son de ida e volta, son tránsitos para facermos pé contra as areas movedizas da amnesia. Por iso os nosos pasos e ecos conxuntos recuperaron nas vésperas de celebración colectiva do Día da Patria Galega o discurso Alba de Groria, lido por Castelao o 25 de xullo de 1948 no exilio bonaerense, no festival do Centro Galego realizado no Teatro Argentino.

Unha Alba de Groria que tamén é o abrente do noso camiño en común.

Este libro maior dos camiños da nación de todos os tempos diríxenos, cada ano, ao Pico Sacro, espazo epicéntrico, altar da terra-nai, círculo de seixo, que convoca a xénese de moitos dos elementos do noso imaxinario ancestral, mitolóxico, para daren conta da nosa pegada nos tempos e contratempos da historia que fica perenne a través da nosa conciencia retrovisora colectiva, tamén cerna da xénese xacobea e da ocupación da nosa tradicional identidade pagá pola cristiá.

Percorremos un camiño colectivo atemporal, unha metonimia dos nosos persoais camiños vitais cara á irmandade do Día da Patria Galega, a construírmos da man a cultura galega como unha voz propia no mundo, galaica historia interminábel, irrepetíbel, que percorre os versos de Luz Pozo Garza no seu Códice Calixtino:

Os vieiros que me levan
persisten na acordanza dunha historia
única.

Puntual e simbolicamente no Pico Sacro, nas rúas compostelás e na Quintana, así como no (con)vivir diario, as nosas voces en coro, como lances xubilosos, serán os ollos da noite para acordar a alborada de gloria precisa para a nación, porque, con Castelao, acreditamos en que

“Afortunadamente, Galiza conta, para a súa eternidade, con algo máis que unha Hestoria fanada, conta c-unha Tradición de valor imponderábel, que eso é o que importa para gañar o futuro”.

E aquí continuamos, Castelao, traballando de palabra e obra, nunca de omisión, para gañar o futuro.

Que o noso camiño siga a ser ben longo!