É o momento

Artigo publicado en Nós Diario o 11 de xuño de 2020. A versión orixinal pode lerse aquí.

Neste tempo posCOVID-19 seica non é o momento

De cuestionar despidos de empresas que presentan ano tras anos enormes beneficios.

De cuestionar onde está a Igrexa solidaria coas necesidades sociais como institución exenta de contribuír ao erario público co pagamento do IBI.

De cuestionar por que na televisión e na radio públicas se escoita unha única voz cando son varios os proxectos de país.

De cuestionar o baleiramento de recursos humanos e materiais cos que afrontan a realidade pandémica os profesionais da sanidade pública.

De cuestionar o abafo que producen discursos políticos inzados de intolerancia e promotores de odio.

De cuestionar quen confunde solidariedade e xustiza social con caridade ou esmola.

De cuestionar o desleixo na protección sanitaria dos nosos maiores nas residencias dos NON coidados.

De cuestionar que Feijóo afirme ignorar o informe do Consello de Contas crítico coa xestión das residencias privadas de atención aos maiores.

De cuestionar que nos permitisen ir ao supermercado mais non á horta.

De cuestionar que o presidente galego non se dirixa ao pobo galego en galego.

De cuestionar a importancia das librarías como espazos de acougo saudábel.

De cuestionar a cultura galega como fonte de (trans)formación e transmisión do coñecemento da identidade propia.

De cuestionar a educación como vínculo formativo e emocional e a escola como ágora de encontros en igualdade.

De cuestionar a ineptitude dun presidente da Xunta de Galiza que ignorou as súas funcións, competencias e responsabilidades na protección do seu pobo.

É chegado o momento de sermos o punto e á parte que coloque o punto e final á inercia do rumbo político dun PP esgotado, para mirarmos aos ollos da nosa xente e dicirlles coa voz renovada dos versos da “Letanía de Galicia” do poeta Uxío Novoneyra:

“sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa”

Advertisement

Recensión de Xandra, a landra que quería voar, por Antonio García Teijeiro

Esta é a recensión que Antonio García Teijeiro publicou no seu blog, Versos e Aloumiños, de Xandra, a landra que quería voar. Moi agradecida!

“Álbums ilustrados coma Xandra, a landra que quería voar, de Mercedes Queixas Zas e ilustrado por Paula Pereira Carreiro, son os que me enchen de felicidade cando ven a luz. Un álbum, este, que cumpre os requisitos que eu lles esixo aos libros dirixidos ás primeiras idades: claridade expositiva, linguaxe coidada, historias sinxelas ben artelladas, posibilidade de dobre lectura, facultade de facer pensar e que as imaxes estean ben coidadas.

De todo isto hai neste álbum editado por Urco Editora. Mercedes Queixas, con sensibilidade e intelixencia, artella unha narración orixinal: unha landra, que agarda o momento de descender polas pólas das árbores, resístese a caer e desexa con todas as súas forzas poder voar. As demais landras esfórzanse en que desista da súa idea, pero Xandra non se dá por vencida.

A protagonista soña, non quere ser coma as demais e loita por ser dona do seu destino. Voa coa ollada e imaxinación cara ao inmenso ceo da devesa. E, pasada a primavera e mais o verán, Xandra nunca esqueceu un segredo que coñecera a través da súa amiga, unha sabia andoriña e que só ela coñecía.

Este é un relato que se desenvolve, como podemos ler, no Courel. Todo el está contido nun medio natural que serve de escenario para que a historia  teña cor e teña identidade. A paisaxe, coas árbores e toda sorte de paxaros xoga un papel imprescindible para entender moito mellor esas arelas de liberdade da protagonista e consegue un ambiente natural que se agradece. Todo isto nun marco cromático fermoso. Con cores vivas, figuras de trazos planos ben expresivos, limpeza de formas e espírito alegre, Paula Pereiro consegue un discurso aberto que permite dialogar co texto da autora. As súas ilustracións teñen moita vida e son moi nidias.

E se falamos do Courel, non pode faltar unha referencia ao extraordinario Uxío Novoneyra. E fica patente, xaora, nesas liñas que din que Xandra ollaba sen descanso o ceo, na procura da amiga andoriña, que chegara no comezo da primavera, canda o canto do cuco, para aniñar disimuladamente no balcón da Casa do Poeta.

En definitiva, que estamos diante dun álbum magnífico para compartir lectura cos rapaces e rapazas das primeiras idades (e adultos), establecer con eles un diálogo interesante, do mesmo xeito que Mercedes e Paula o fan a través das palabras e as imaxes.

Libros coma este son os que fan que a literatura prenda nos lectores e lectoras teñan a idade que teñan. Son imprescindibles para que a nosa LIX sexa valorada xa dende o principio.  Fornecen o cada vez máis amplo catálogo de obras que convidan a saborealas dende os primeiros intres das nosas vidas.

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO