Literatura cargada de dignidade

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza, o 30 de maio de 2013. O orixinal pódese consultar aquí.

DIGNIDADE: Seriedade, decoro e nobreza na maneira de ser e de comportarse.

A contundencia declarativa desta definición do dicionario da RAG para a entrada DIGNIDADE non deixa marxe de dúbida para identificar quen na actualidade acredita, exerce, practica e actúa desde / para / por / con DIGNIDADE.

A procura da dignidade, individual e sobre todo colectiva, é un dos piares en que se asenta a función social da literatura. A escritora, o escritor observa o contorno, escoita as voces quebradas, palpa fríos, arrefríos e suores vitais e toma a palabra que vén de abaixo, socorre palabras-SOS en perigo de ficaren mudas para sempre entre as tebras da deslealdade, da indiferenza, da INDIGNIDADE.

Nacen páxinas de abaixo a arriba, de dentro a fóra dunha parte da sociedade sempre en risco severo de ficar marxinalmente invisíbel, aquela que é historicamente maioritaria e clase traballadora á que unha minoría pretende converter en diana dos seus dardos de poder cobizoso.

 “A dor é a dignidade da desgraza”, deixounos escrito a ferrolá Concepción Arenal.

Dóenos a sucesión de desgrazas provocadas no tempo pola mesma man, antinatural e nada azarosa polo tanto, promovida por quen quere convencernos de que esta é unha nación pobre, dependente e subsidiaria, sen saída, eternamente en crise e incapaz de se rexer autonomamente.

Mais iso non nos pode converter en cidadanía estática, pasiva, morta, porque somos conscientes de que a carencia de dignidade dos gobernantes de hoxe, a nivel estatal e autonómico, con sesgo tamén connivente moitas veces a nivel local, precisa de accións sociais vivas como é esta convocatoria multicolectiva de Radio Buguina, que nos brinda a oportunidade de confluírmos nunha unión de forzas irrenunciábeis fronte aqueles que procuran un país empobrecido, anulando as súas forzas humanas e naturais.

A historia da literatura galega recolle as voces do traballo en proclamas protagonistas. Así, as condicións míseras e infrahumanas da clase traballadora maioritaria no noso país, baseadas nunha (sen)razón de desigualdade socio-económica, son denunciadas nos versos de Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Valentín Lamas Carvajal en pleno século XIX; debuxadas e caricaturizadas polo mestre Castelao na primeira metade do XX; reflectidas en voz alta polo “Monólogo do vello traballador” de Celso Emilio Ferreiro, no irónico “Breve manual para deprender para señorito” ou naqueloutro poema seu intitulado “Obreiros” cuxos versos finais aseveran “Vós facedes camiñar por diante/ao mundo, facédelo avantar”.

A lembranza poética ferriniana sitúanos perante “das dúas rosas no ferrol de / ferro” alusivas ao asasinato dos obreiros Daniel Niebla e Amador Rey durante as folgas de 1972 a falaren por si propias como testemuños imperecedoiros dun tempo; máis unha vez este dramático pasado convértese en atemporalidade no poema-foto fixa de Novoneyra tamén dedicado a eles:

ERGUÉSTESVOS cedo aquel día
/o costume do traballo/
mañá cediño para facernos ca vosa morte.

A renovación narrativa galega da segunda metade do XX tamén non permaneceu allea aos conflitos sociais obreiros. Amor de tango, de Mª Xosé Queizán, convértese na novela das mulleres que durante os esperanzados anos 20 e 30 foron rapazas activas, ilusionadas e decididas a descubrir o mundo; a novela das traballadoras que espertaron á vida naquela urbe pioneira, atlántica e liberal que era o Vigo de preguerra; a novela das obreiras das fábricas de sardiñas que están estreitamente ligadas ao desenvolvemento industrial da cidade e da ría veciña.

Autores e autoras de Ferrolterra non viraron as costas ao territorio vivencial e a súa problemática. Xoana Torres reconstruía en Adiós María a historia dunha moza filla dun traballador botado ao paro e empurrado á emigración; a crise individual e familiar como metonimia da crise social, colectiva.

Dedicatoria premonitoria de Xavier Alcalá lemos en Fumes de papel “Á Ferrolterra da miña infancia, onde puido ter acontecido -e aínda pode acontecer- o que a seguir se relata” neste espazo de noso onde o pobo se ve imposibilitado para explotar os recursos do país e xerar a riqueza que lle asegure a súa autonomía baixo “a sombra do capital foráneo sustentado en vontades colonizadoras dun pobo de almas rendidas”.

As obras literarias son radiografías dunha época, documento social do seu tempo. A historia dos pobos non se entende totalmente sen ter lido as producións literarias dos seus autores. “Non existe un pobo con alma sen poetas que o canten; os dramaturgos son algúns deses poetas” díxonos Roberto Vidal Bolaño.

E hoxe seguen a fotografar a nosa realidade próxima poetas como Alfredo Ferreiro ao nos lembrar que “Somos do metal central do mundo”

“O meu brazo obreiro naceu aquí,
no interior dunha luva ignífuga,
a carón do lume e o vapor de auga,
decidido a resistir os embates do ferro
que do meu sangue ascendía
aos meus ollos sorprendidos e virxes.

“En canto alguén comprende que obedecer leis inxustas é contrario á súa dignidade de ser humano, ningunha tiranía pode dominalo”, sentenciou Gandhi.

Os escritores e as escritoras somos xente de paz e diálogo. Coa palabra defendémonos da intolerancia e a desigualdade, da mentira, da opresión encadeada ao medo e o non respecto aos dereitos da cidadanía. Coa palabra e co acompañamento presencial reivindicamos traballo e saúde de futuro con DIGNIDADE para o Ferrol do Naval e o Desemprego, matria natural do Socio de Honra da AELG, Ricardo Carvalho Calero.

É por iso que, perante este contexto de emerxencia social, onde a crise é convertida intereseiramente na gadaña amezadora para a clase traballadora, consideramos necesario difundir un chamado aos escritores e escritoras en lingua galega de hoxe e mais ao conxunto da sociedade para participaren na Carga de dignidade que o plural Colectivo Radio Buguina ten convocada para o domingo 2 de xuño, na Porta do Estaleiro, no ferrolán barrio de Esteiro. Unha acción artística popular que aspira a ser un convite para seguirmos o exemplo daqueles traballadores e traballadoras do sector naval que nun arrouto de dignidade penduraron os seus buzos de traballo na reixa da factoría de Navantia. Este próximo domingo, cadaquén coa súa peza de roupa para pendurar, colaborará para dar continuidade a ese monumento colectivo á dignidade.

Advertisement

Estilística da lingua galega

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza o 22 de maio de 2013. O orixinal pódese consultar aquí.

Estilística da lingua galega é o recente título editado que compendia, máis unha vez, o ímprobo esforzo de estudo e análise investigadora que o profesor da Facultade de Filoloxía da UDC, Xosé Ramón Freixeiro Mato, dedica á lingua galega.

Desde comezos dos noventa, a recoñecida bibliografía persoal do profesor Freixeiro Mato vén desvelándonos en profundidade o ronsel de escritores referenciais para a historia da literatura galega como Noriega Varela, Crecente Vega, Rafael Dieste, Sebastián Martínez-Risco ou Manuel María. Con todo, este esforzo centrado na vertente máis literaria non oculta aqueloutra produción ensaística de obrigada consulta ao redor da lingua como poden ser os títulos Os diminutivos en galego, Lingua galega: normalidade e conflito, Manual de gramática galega, Lingua, nación e identidade, Os marcadores discursivos: conectores contraargumentativos no galego escrito, Lingua de calidade ou os catro volumes da Gramática da Lingua Galega.

Á vista deste perfil profesional especializado, ben poderían estar vostedes a concluír que estamos perante un académico da lingua, queremos dicir ante un membro da RAG, mais isto último aínda non admite resposta positiva. Acreditemos en que o tempo inmediato sexa o encargado de falar por si propio para nos dar resposta.

Mentres a normalidade da pluralidade procure o seu camiño, cómpre detérmonos no presente e parabenizármonos por asistirmos á presentación dunha obra volumosa que cobre un espazo eivado fundamental nas diferentes análises que da lingua galega nos teñen achegado as persoas especialistas na materia: a estilística.

Parte, pois, o profesor Freixeiro Mato, do ermo, do baleiro, da ausencia de modelos orientativos globais, o que vén amplificar o éxito do resultado desta enciclopédica construción dunha estilística galega, unha obra que gañará en valor e recoñecemento a medida que avance o tempo, pois será de consulta obrigada para as persoas estudosas do noso idioma e mais para as de caquera outra lingua, nomeadamente románica.

As máis de cincocentas páxinas da Estilística da lingua galega presentan unha estrutura ben clarificadora e rigorosa para o lectorado combinada cun estilo propio do autor en que a claridade expositiva, sumada á exemplificación práctica continuada, atrápanos nunha lectura pulcra que excede os parámetros dos estritamente especialistas na materia para achegalo a todo o público interesado en coñecer o estilo da nosa lingua.

O primeiro nivel contextualiza o estudo da estilística nun marco global, xeral, diacrónico e internacional cunha completa apoiatura de citas e referencias bibliográficas a xeito de estilística de estilísticas de linguas próximas que, no entanto, en absoluto contan con traballos tan exhaustivos, globais e extensos como o do profesor Freixeiro Mato. Asemade, o autor colócanos na escolla dos alicerces que sosterán o seu estudo teórico e mais a argumentación práctica: os textos literarios. A lingua e a literatura a interseccionaren para entraren en acción, como testemuños fidedignos, para daren o seu visto e prace validante, desde unha mostraxe de aproximadamente duascentas obras literarias representativas de todos os xéneros literarios, de todos os tempos (desde os Cancioneiros medievais até as editadas en 2011, malia teren máximo protagonismo as propias da literatura contemporánea), procedentes do corpus oral tradicional e mais do impreso, sen esquecer aquela literatura pensada para o público infantoxuvenil ao pé daqueloutra dirixida especificamente para o adulto.

Un conxunto de citas literarias, de autoría ben diferente, que ecoan como unha coral polifónica a pluriformidade de estilos (de autor/a, de xéneros, de cronos, de destinatarios…), como unha suma de recursos estilísticos plurais que o autor consegue sistematizar nesta obra.

O segundo nivel concreta o peculiar marco sociolingüístico no que se asenta a lingua galega, de aí que o binomio Estilística/Sociolingüística actúe como marcador precedente e punto de partida determinante para o obxecto a estudar, porque é difícil argumentar que nun contexto de máis de cincocentos anos de conflito lingüístico, sometida a cidadanía a un uso social diglósico das linguas en conflito, non ten influído no desenvolvemento dunha estilística propiamente galega.

Un texto literario galego está interferido nun contexto diglósico por toda unha serie de variábeis condicionadoras tanto para quen emite o que escribe como para quen o recibe que non achan correlación no ámbito dunha lingua normalizada.

Imposíbel ignorar variábeis que os escritores e escritoras a partir do XIX deberon atender, afrontar e superar na súa expresión literaria persoal: a inicial ausencia de normas nin regras de ningunha cras, que lembraba Rosalía de Castro no prólogo de Cantares gallegos; a atención ao tándem lingua expresiva/función estética – lingua minorizada/función normalizadora; a receptividade do propio lectorado; a progresiva fixación dun código lingüístico e literario exento de castelanismos, hiperenxebrismos e dialectalismos ou o longo conflito lingüístico que non contribuíu para a seguridade da persoa vocacionalmente escritora.

O terceiro nivel de concreción ofrécenos unha estilística aplicada aos diferentes planos: grafoestilística; fonoestilística ou estilística do son; estilística da palabra; estilística do enunciado e, finalmente, estilística do texto.

A lingua exprimida como máxima potencialidade expresiva podería ser a síntese totalizadora destas máis de cincocentas páxinas de lectura-espello para a descuberta e constatación dunha lingua con estilo.

Velaquí unha obra pioneira que nos lega ao suxeito colectivo galego o profesor Freixeiro Mato desde a aposta pola lingua como cordón umbilical nutricial da literatura e a múltiple capacidade estilística retroalimentadora desta para a actualizar, reinventar e se adaptar con plenas capacidades aos discursos contemporáneos. O estilo como roupa de gala, como marca de identidade na que tamén recoñecérmonos, pois o estilo da lingua fala de nós, por nós e para nós.

Unha obra que nace coa vontade de pór en valor a lingua que espella e reflecte, como un calidoscopio multicor, toda a fértil potencialidade expresiva que posúe á procura dun irrenunciábel modelo de lingua de calidade.

Unha obra que quere ser unha homenaxe aos escritores e escritoras, modeladores incansábeis de grafías, sons e palabras que, con grande esforzo e escasa recompensa, loitaron e loitan por converteren a lingua escrita nun produto artístico. 

Infelizmente, aínda non seremos no presente conscientes do alto valor que esta publicación encerra, mais non caben dúbidas para afirmarmos que estamos a ser testemuñas vivas dun antes e un despois na investigación lingüística académica. É por iso que aplaudimos a afronta valente da súa publicación por parte de Edicións Xerais, cuxo catálogo gaña unha verdadeira xoia histórica.

Lembrándomos as derradeiras palabras do bardo bergantiñán, Eduardo Pondal –Déstesme unha lingua de ferro, devólvovos unha lingua de ouro-, concluída a lectura desta Estilística da lingua galega, ben poderiamos escoitar a Xosé Ramón Freixeiro Mato sentenciar: Déstesme unha lingua de ouro, devólvovos unha lingua con excelso estilo propio.

Plurilingüísmo vs Normalización

Artigo publicado en ProLingua o 22 de maio de 2013. O orixinal pódese consultar aquí.

Viaxo en tren á casa camiño desa Compostela para min sempre de ida e volta. Unha xornada completa a escoitar palabras, testemuños, experiencias colectivas que falan de vida escolar e linguas, porque pouco antes concluían os XIV Encontros para a normalización lingüística, un foro referencial de análise, reflexión e debate ao redor da evolución sociolingüística do país, que dirixiron este ano a súa focaxe cara as luces e sombras deitadas, transcorridos xa trinta anos da aprobación por unanimidade da Lei de normalización lingüística.
Esta segunda xornada centrárase na planificación lingüística promovida polo goberno galego do PP e visualizada no Decreto para o plurilingüismo, aprobado unilateralmente e sen consenso parlamentar nin moito menos social e educativo, en 2010.
Ao longo dos dous últimos cursos puidemos comprobar como algúns centros educativos (en maior medida privados concertados, mais tamén públicos de primaria e secundaria) lucían na fachada unha nova placa que os rebautizaba como “Centro Plurilingüe”.
Probabelmente, xa teña aparecido a primeira interrogación: que centro non é de seu plurilingüe tendo en conta as tres linguas en primaria e catro en secundaria que se imparten no ensino, ás que hai que sumar as que nos achega o alumnado inmigrante?
Se cadra sentimos xa buligando no noso maxín o seguinte interrogante: que é un centro plurilingüe?
E no salto, case sempre vertixinoso, do aséptico papel normativo á realidade humana da aula, esta é quen nos achega a resposta ao irmos coñecendo experiencias vividas en primeira persoa, a falta de coñecermos o imprescindíbel seguimento oficial da aplicación dun proxecto experimental como este -do que non temos constancia-, onde está en xogo cumprir o mandato da Lei de normalización lingüística, isto é, acadar plenas competencias no dominio das dúas linguas oficiais no fin do ensino obrigatorio e mais as correspondentes competencias das linguas estranxeiras. Onde está en xogo, en definitiva, se o noso alumnado sabe agora máis linguas desde unha concepción do plurilingüismo inclusivo e equilibrado ou, pola contra, excluínte para con algunha das linguas oficiais ou mesmo segregador para coa nosa lingua propia e oficial.
Na mesa intitulada O galego no ensino: experiencias da comunidade educativa, tomou a palabra unha nai, Ana Castro, para nos falar da experiencia vivida o curso pasado e mais este pola súa filla, Iria, de sete anos, a piques de rematar o primeiro ciclo de educación primaria.
Iria tívose que incorporar prescritivamente no seu centro público plurilingüe (non hai posibilidade dunha outra opción alternativa nin consulta autorizadora ás familias) a unha materia que unicamente recoñece como science, sen se decatar en ningún momento de que se trata daquela que o currículum oficial identifica como Coñecemento do Medio. Unha materia que se imparte obrigatoriamente, porque así o centro o demandou á Consellería de Educación e esta autorizou, en inglés. Cómpre lembrarmos que aínda estamos nunha fase fundamental para a adquisición do proceso lectoescritor do alumnado e que é aínda habitual a confusión e mestura léxica interlinguas próximas.
Por suposto, en caso de dúbidas extremas para a comprensión da materia, durante o curso pasado, 1º de primaria, a profesora empregaba como lingua de apoio o castelán (por ser centro urbano onde a maioría é castelanfalante, o que o xustifica todo!). Este ano, no entanto, 2º de primaria, a docencia xa é unicamente en inglés, o que leva á desmotivación absoluta da nena ante a materia e a se queixar na casa dicindo “este ano a clase de science é máis longa que o ano pasado; abúrrome”. O galego, pois, fica excluído definitivamente da única materia de obrigada impartición en galego na educación primaria segundo a lexislación vixente, supostamente equilibradora.
A nai manifesta, asemade, a súa sorpresa ante a peculiar metodoloxía empregada na aula, consistente na aprendizaxe memorística de listaxes de vocabulario en inglés das partes do corpo, ósos ou plantas, ao que hai que lle engadir a falta de asociación ás palabras das linguas de referencia. Mentres, Iria segue sen recoñecer o seu medio na escola. A maiores, o material didáctico manexado, non elaborado por editoras galegas nin desde unha perspectiva galega, non facilita os obxectivos básicos desta materia que debe axudar a se recoñecer o individuo no seu medio contornador, a ubicalo no espazo en que vive e aprenderlle a nomealo. A conclusión é dolorosa sentenza en boca da nai: Iria nin está a aprender inglés nin coñecemento do medio.
Cara onde camiñamos, agora si, na teoría e na práctica político-lingüístico-educativa? Antes de dar unha resposta, convido a escoitar os audios da mesa aludida ou, aínda mellor, das diferentes sesións destes Encontros para a normalización lingüística.

Que Academia precisamos?

Artigo publicado na edición en papel de Sermos Galiza, o 26 de abril de 2013.

Quen agora lles escribe podería presentarse como CTV, isto é, pensando neses ninguén que o lema urbano turístico identifica como forasteiros, Coruñesa de Toda a Vida. Aclaremos, iso si, coruñesa de barrio, dun deses barrios circulares que alimentaron e engrandeceron a cidade co traballo obreiro procedente do despoboamento rural.

Malia residir de sempre na Coruña, apenas descubrín a existencia da Real Academia Galega nos libros de texto nalgún daqueles cursos dun BUP ou COU que habita nas lagoas da memoria e, sobre todo, nas aulas da Facultade de Filoloxía da UDC.

De inmediato bateu en min o contraste entre a realidade da existencia histórica e a irrealidade da existencia contemporánea, pois esa institución cargada de valor identitario e simbólico, que nos axudaba a entender os aconteceres e as claves do presente, era allea ao devir dos días da cidadanía coruñesa e, ben seguro tamén, galega.

A documentación gráfica teimou en me levar á imaxe dunha RAG onde se pechaba unha nutrida representación de escritores galegos, ao ter coincidido a presidencia de Domingo García Sabell na Academia galega coa responsabilidade como Delegado do Goberno español nun momento delicado en que este impugnara varios artigos da Lei de normalización lingüística (1983) perante o Tribunal Constitucional, nomeadamente o que referenciaba o deber de coñecer o galego, ademais do dereito ao seu uso, o mesmo rango que para o español garantía a Constitución.

No entanto, no tránsito dos últimos anos, desde a presidencia de Francisco Fernández del Riego, Xosé Ramón Barreiro e, especialmente, Xosé Luís Méndez Ferrín, a Academia comezou a se visibilizar no contorno intelectual, mais tamén popular, de onde nunca debeu permanecer alonxada. As portas abertas á cidadanía no seu salón de actos, incluso de atendemento a grupos escolares; a comunicación con diferentes entidades e colectivos asociativos e profesionais imbricados ao redor da creación, difusión e xestión cultural; a exposición de fondos históricos e ferramentas de consulta lingüística a través da web; a súa presenza a pé de rúa en actos populares de recoñecemento da figura de escritores, como aquel pereiriano Vento Lois ou a celebración do medio século de vida do Día das Letras Galegas, prenderon o facho dunha existencia plena e en comuñón coa sociedade que cómpre escoitar e atender desde o acompañamento solidario.

Mais aqueles amargos titulares doutrora voltaron á escena pública recentemente anunciando unha quebra que semellaba inaugurar unha sima para fender en dous o corpo da casa das palabras, o manto protector da lingua.

A desacougante fractura orixinada espellouse na elección da nova presidencia o pasado 20 de abril, onde resultou elixida a candidatura encabezada por Xesús Alonso Montero. Unha fractura que ultrapasa as paredes da Academia, que trascende as propias personalidades académicas, que vai moito máis aló de discrepancias internas para alcanzar o desasosego do mundo das letras, da cultura e mesmo daquela sociedade que até o de agora o descoñecía todo ou case todo da RAG. Mágoa infinita tela descuberto entre os sempre empobrecedores e inestabilizadores disques e seicas empeñados en rascuñaren o desprestixio para o papel histórico que ten a Academia, nesta altura tan dramática para o futuro da lingua galega como lingua viva, e que irrenunciabelmente debe seguir a desenvolver.

Mais agora o camiño debe continuar. As palabras cederán o paso á concreción das accións, as actitudes transformaranse en feitos e o tempo sumará e restará razóns.

Precisamos unha Academia que afortale a lingua galega, de palabra e obra, sen renunciar nin caer na deixadez de funcións que faciliten a blindaxe do seu futuro na cámara escura da protección pasiva e litúrxica, sen omisións de espazos sociais, cívicos e educativos que cooperen na superación de estigmas e preconceptos para os galegofalantes se manteren con orgullo no idioma de seu e os castelanfalantes superaren tópicos prexuizosos que lles impiden a incorporación normalizada ao uso do galego.

Precisamos unha Academia galega que manteña alicerzados os seus principios estatutarios na defensa inequívoca da lingua e que os reproduza para a sociedade como unha voz única, o que non debería significar mingua para a diversidade interpretativa interna nin obriga para unha seguidista única voz.

Precisamos unha Academia real na medida en que reproduza no seu plenario a realidade plural da sociedade galega actual, en canto á posta en valor de autores referenciais da historiografía literaria, como Ricardo Carvalho Calero, á representación no plenario das tres Facultades de Filoloxía galegas e mais á maior presenza participativa das mulleres.

Resulta difícil acreditar nunha Academia como espazo de confluencia, símbolo público do prestixio social e cultural que precisamos, se non se nos traslada a necesaria vontade de superación do conflito interno que axude a superar unha imaxe pública baixo a sombra do descrédito.

Cuestionar a coñecida como normativa lingüística da concordia de 2002 non semella o mellor comezo para esta andaina.