Entrevista de Ana Valín para O Acontecer, publicada o 14 de setembro de 2007.
Aínda que se confesa primeiriza niso de dar pregóns, Mercedes Queixas Zas é unha muller desenvolta, cunha grande capacidade de comunicación e sobre todo coa sensibilidade necesaria para agarimar coas súas verbas galegas a todo aquel que guste do propio, do autóctono e do orixinario. De aí que a Concellaría de Cultura de Carballo a escollera, acertadamente, para abrir a súa programación de verán o pasado día 23 de agosto. Coordinadora provincial dos equipos de normalización lingüística, Mercedes concedeunos uns minutos para falar de identidade, literatura, lingua e sentimento galegos.
– Que se sente sendo o centro de atención por un dia?
– Supoño que te refires á miña participación na Praza dos Libros e no pregón. Pois a verdade é que é a primeira vez que me encomendan algo así. A miña idea era transmitir ao público a empatía que eu sinto co proxecto cultural que observo, e cando podo comparto, con este Concello. Estou moi compracida de acudir a actos coma este que non fan senón demostrar que un municipio pequeno tamén pode facer moito pola nosa cultura. Carballo é un exemplo excepcional de aposta polo ámbito cultural, cunha programación que incluso supera en moitos aspectos ás propostas da Coruña.
– Cal é a mensaxe fundamental a transmitir desde un organismo como a Xunta en materia lingüística e cultural?
– Como xa te darías conta, no meu pregón citei intencionadamente a Lei do Libro e a Lectura, na que xustamente a Xunta se autoobriga a fomentar a lectura e a literatura, así como o sector do libro como industria. Neste senso, penso que o papel das librarías é fundamental. Se unha libraría se ofrece como un entorno cómodo, acolledor; os visitantes que cheguen non só se centrarán en mercar un libro. No seu lugar observarán, tocarán, manexarán distintos exemplares, curiosearán, sentaranse, dialogarán… En fin que a libraría non sería unha simple tenda e os libreiros funcionarían de fontes emanadoras de cultura.
– E falando de educación, que se podería facer desde este ámbito para fomentar a lectura?
– Estamos nun momento excepcional. Desde o ano 95 non se revisara o marco lexislativo referente ao idioma aplicado ao ensino. Agora si hai un novo decreto, ou máis que novo, unha reforma do que xa había. Para min este é un momento de esperanza no que quizais por fin se aposte por unha educación galega e en galego. Debemos ter en conta que a escola ten sido durante moito tempo un foco desgaleguiador importantísimo, tanto no escaso uso da nosa lingua, coma no fomento da ignorancia dos galegos acerca do seu.
– Ata hai moi pouquiño, vostede estaba destinada ao CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. Como é a súa nova vida profesional agora?
– Estaba destinada en Coristanco e sigo estando. A miña praza segue aí. Agora estou en comisión de servizos porque concursei a unha praza que ofertaban a Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, pero en canto remate o meu tempo nisto volverei ás aulas. Do que se trata agora é de asesorar e coordinar os distintos equipos de normalización lingüística que por lei deben existir en todos os centros educativos.
– Como Secretaria Xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que reivindicarías do lector galego?
– En principio non falaría de lector galego, así como termo xenérico; máis ben dirixiríame ao conxunto da sociedade e diríalle que se achegase sen prexuízos á literatura en xeral e á lectura en galego en particular; tanto do libro galego coma das traducións doutros libros ao noso idioma. Isto é fundamental na tarefa de normalización dun individuo que pertence a unha comunidade lingüística. Logo tamén lle pediría que fose selectivo, pois ler é un acto individual e íntimo que debe dar pracer. Estou segura de que co panorama literario que temos hoxe, debe existir un libro axeitado para cada lector. Eu diría incluso que contamos cunha oferta á carta para todo tipo de lectores. Debemos darnos conta do valor do propio. Por exemplo, aquí en Carballo temos un premio da crítica española. Trátase de Xurxo Borrazás co seu libro Criminal, un auténtico revulsivo literario. Tamén contamos con premios nacionais en teatro, en literatura infantil… Incluso, desde hai varios anos, desde a AELG temos tramitada, e aceptada pola Academia Sueca, a proposta de Premio Nobel para Xosé Luís Méndez Ferrín e, desde este mesmo ano a da poeta Luz Pozo Garza.
– Pero pódese realmente falar de lector galego ou non?
– Non hai un perfil concreto nin en literatura galega nin noutra. A nosa produción ensaia constantemente novos códigos, rexistros, estruturas, dialécticas, polo que eu diría que o lector galego se vai construíndo día a día e evolucionando.
– Cara onde avanza o noso idioma?
– Será o tempo quen determine se se acada un equilibrio, e sempre será en función da vontade dos falantes. De todos os xeitos e sendo realista eu non gusto desas visións catastrofistas que falan da extinción do galego. En primeiro lugar, cómpre ter en conta que para escoller falar un idioma hai que estar en igualdade de condicións e o galego con respecto ao castelán non o está. Ademais, está o tema da herdanza. Un individuo non escolle o seu idioma inicial, senón que fala o que lle veu aprendido do fogar. Unha posíbel solución? Implicación dos pais e nais co seu papel de transmisores da lingua, compromiso da escola para a correcta aprendizaxe do idioma e no idioma do país, compromiso do conxunto da sociedade para co seu uso habitual sen prexuízos acomplexadores e compromiso da Administración para velar polo cumprimento dos dereitos lingüísticos.