#LibreOMeuPensamento_rdc_19

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza, o 14 de febreiro de 2019.

Ás portas dun novo Día de Rosalía comezan a se anunciaren as primeiras accións que convidan o pobo galego a revivir a autoestima de seu na vixencia poética do pensamento rosaliano.

Desde a Fundación Rosalía, para alén da programación institucional, xunto coa Asociación de Gaiteiros Galegos, anuncian para o vindeiro 24 de febreiro unha popular e expansiva Alborada para Rosalía de Castro.

Mentres que, desde a AELG, en consonancia coa programación que vén medrando socialmente en impulso e aceptación desde o ano 2010, xa están en andamento as propostas destinadas ao público escolar, á promoción de lecturas públicas en colaboración cos concellos e co movemento asociativo, ademais do relanzamento da idea de celebrarmos a data do nacemento da poeta agasallándonos un libro en galego e unha flor e da celebración do acto central no Panteón de Galegos Ilustres no mediodía do Día de Rosalía.

O manifesto redactado pola poeta e xornalista Ana Romaní, xa dispoñíbel desde o web da AELG, retrata a vixencia do abano de inxustizas sociais denunciadas pola nosa poeta maior do século XIX ao XXI: o espolio, as violacións, os desafiuzamentos, o abuso laboral, os éxodos.

Mais tamén a lingua, a que decote murchan e ciscan a subxectividade das actuacións prexuizosas e a obxectividade das análises, estudos e inquéritos.

E ben, ¿para qué escribo? Pregúntase retoricamente o pensamento existencialista rosaliano a finais do século XIX nun verso de Follas Novas.

i escribo…, escribo…, ¿para qué? Sentenza noutro verso.

Traspasamos séculos, mais o noso pensamento permanece inalterado na man que escribe hoxe sen perder a referencialidade do próximo porque menos pode o poeta prescindir do medio en que vive, e da natureza que o rodea; ser alleo a seu tempo e deixar de reproducir, hastra sin pensalo, a eterna e laiada queixa que hoxe eisalan tódolos labios.

Para que escribimos e para quen escribimos? Preguntámonos neste contexto cada vez máis xordo e mudo na nosa lingua propia.

Rosalía sabía que, como adiantada ao seu tempo, escribía para un público case inexistente, analfabeto por imperativo legal na lengua que eu falo e sen posibilidade de intercomunicación, malia ser o protagonista central da súa obra e pensamento libre.

As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estos versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo pra eles.

Con todo, a convicción imperativa do compromiso xustifica o alento da súa escrita como un grande atrevemento irrenunciábel sin gramática nin regras de ningunha clas:

¡Que a man tembrosa no papel só escriba

palabras, e palabras, e palabras!

Para que escribimos e para quen escribimos?

Volvemos preguntarnos hoxe co coñecemento filolóxico, gramatical, literario, que tece cos vimbios das nosas referentes.

Con certeza haberá tantas respostas como mans que escriben, mais probabelmente manteñamos un elo nuclear, un eixo común denominador que, como cordón umbilical, nos aproxima ao pensamento rosaliano: o compromiso con cada unha de nós e o compromiso coa palabra.

Mais, para quen escribimos?

Para unha sociedade maioritariamente alfabetizada en galego en que apenas 4 de cada 100 persoas escolle a lectura dun título en galego, como vén de confirmar o Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros 2018.

Este estudo avanza, por unha banda, a boa nova do incremento do índice de lectura en Galiza até o 7,1%, situándonos no posto 11 na merca de libros entre as comunidades autónomas. Mais, pola outra, á hora de mercar unha obra apenas o 4, 8% opta por un título en galego fronte ao 4,9% que o facía en 2012 e o 7,3% de 2007. En paralelo, os datos confirman a fidelidade -consolidación ou medre- da preferencia do lectorado catalán e éuscaro polas súas linguas propias como idiomas de lectura no tempo persoal e de ocio.

A sociedade galega mudou nos dez últimos galegos. O goberno galego do PP non. Moitas preguntas seguen sen resposta oficial para este fracaso sociocultural. O libro que se está a escribir continuará a ser un novo capítulo consentido da saga de ciencia ficción “El castellano está amenazado en Galicia”?

Este #24F #DíaDeRosalía #LibreOMeuPensamento_rdc_19

Celebrémonos! Un libro en galego e unha flor!

Advertisement

Entrevista para Ideas.gal: “Na forza popular reside, máis unha vez, a esperanza da sementeira futura”

Entrevista publicada na sección Pensar Galiza de Ideas.gal, o 15 de febreiro de 2019. A versión orixinal pode verse aquí.

Que é para ti Galiza, hoxe?

Unha ponte no camiño coas raíces da historia en clave de presente vivo e coparticipativo e unha ilusión de futuro dun fogar en construción colectiva.

Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

Traballo para que sexa un país en esperanzadora reconstrución, após o deterioro provocado e incentivado desde a inacción ou involución do propio goberno galego nos últimos 10 anos, traballando desde a base fortalecida dos seus sectores produtivos, poñendo en valor a súa personalidade identitaria dentro da diversidade lingüística e cultural universal e retroalimentándose coas novas potencialidades que ofrece o presente con perspectiva de futuro renovado.

Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

Partindo dun ideal como meta, isto é, absolutamente real, e non dunha idealización, polo tanto, abstracta e etérea, insubstancial, imaxínoa, desde as diferentes vertentes e camiños en que traballo e aprendo, orgullosa de si desde o (re)coñecemento e a aprendizaxe, soberana nas súas decisións colectivas, defensora da xustiza social, feminista, coeducadora, inclusiva, respectuosa coas outras e, en fin, herdeira da nosa referencial célula de universalidade desde unha lingua propia individualmente viva e socialmente útil.

O traxecto cara ao punto de chegada –ou de retorno, logo do necesario Arredor de si que ás veces precisamos facer nos contextos sociolingüísticos e culturais non normalizados coma o noso– reside en cada unha, en cada un de nós. Por iso son sempre actuais os versos do noso poeta nacional, Manuel María: Galicia somos nós / a xente e máis a fala / se buscas a Galicia / en ti tes que atopala!

De nós depende o camiño de presente e futuro.

Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

A mellora da sociedade non é un logro inmediato e ademais está condicionada por múltiples factores interdependentes. Este obxectivo vai requirir dun proxecto de intervención múltiple e dunha planificación a curto, medio e longo prazo. É imposíbel atinguilo desde unha mentalidade curtopracista e unidireccional. Por iso son tan necesarios compromisos colectivos de mínimos que garantan os pasos principais dese proxecto, para min sempre asentados no ensino e na cultura como columna vertebral da formación e da cohesión social.

Hai moitos xeitos de entender o que é mellor para unha sociedade; todo depende do horizonte ideolóxico que enmarque esa idea. Hai quen entende que a mellora da sociedade se alcanza minguando até a extenuación os servizos públicos para convertelos en negocio particular do sector privado; mais tamén hai quen pensamos que os alicerces dunha sociedade de futuro residen, entre outros factores, nunha boa calidade de vida desde o atendemento a eses servizos públicos, nos que sempre se inviste e nunca se gasta, porque as persoas son o primeiro e habitan o centro.

Para min o ultraneoliberalismo contemporáneo non é a fórmula que blinde o benestar da sociedade desde unha perspectiva igualitaria e equitativa, porque prescinde da cohesión social como garantía de xustiza social. Iso si, é un experto para inocular complicidades sociais desde unha linguaxe enganosa, equívoca e manipuladora, deformando ou prostituíndo o verdadeiro significado de palabras estandarte para unha auténtica democracia como “liberdade”. Por iso cómpre estarmos sempre espertas e atentas ás neolinguaxes, agora denominadas posverdades, que non son máis que mentiras gastas.

É certo que o custe económico nunha sociedade coidada é alto, mais tamén o é calquera outra aposta política que só atinxe medios materiais: pagamentos inxentes para promocionar o abandono da flota pesqueira ou da terra produtiva; para blindar intereses partidistas en medios de comunicación; para afogar o monte autóctono; subvencións á compra de coches; campañas publicitarias baleiras de contido profundo e sen contraste avaliador posterior etc.

Os servizos públicos garántense desde a implicación colectiva e corresponsábel, co compromiso honesto de toda a cidadanía contribuíndo cos seus impostos, de xeito progresivo e conforme ao seu nivel de ingresos, e coa supervisión e xusto reparto por parte da Administración.

A ética será a liña continua ou discontinua que marcará unha ou outra alternativa.

Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

Cando estou fóra do país teño presentido certa contradición nas mensaxes que recibo sobre nós e o noso papel no mundo, que tamén me lembran as nosas propias contradicións.

Por unha banda, recibo un nivel de aceptación e empatía moi importante e, pola outra, comprobo a asunción de prexuízos e/ou tópicos illados que coidabas xa superados: a gastronomía, a paisaxe, a morriña, a aldea, a gaita… mais non hai, en xeral, unha idea de conxunto como pobo con historia propia nin un achegamento ás nosas potencialidades económicas. Consciente ou inconscientemente segue a funcionar a dicotomía estrutural metrópole/colonia.

No fondo, sempre conclúo que hai un profundo descoñecemento do que somos hoxe con perspectiva histórica. E como non o vai haber se nin sequera se pode coñecer o noso idioma e cultura propias por exemplo nas Escolas Oficiais de Idiomas do Estado español?

Unha aposta irrenunciábel, á vista de tantos puntos comúns compartidos, debe ser afrontar unha relación de proximidade no conxunto da área lusófona reforzando a chamada galeguía.

Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

A soberanía permite tomar decisións e iso implica un exercicio de (re)coñecemento, de madurez e tamén de responsabilidade. Aspiramos individualmente a ter criterios propios, a actuar con autonomía partindo da nosa realidade, que ninguén coñecerá mellor ca nós propios. Entendo que colectivamente tamén debe ser así. Debemos decidir cara onde queremos ir e a través de que camiños facer a viaxe. Resolver se queremos ser sempre dependentes das decisións que outras tomen para nós e por nós.

Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

Como docente de secundaria adoito reparar moito e decote no meu alumnado de quen sempre aprendo a pór os pés na realidade. A constatación, malia ser parcial, é que os seus referentes sempre están a centos ou milleiros de quilómetros de nós e da nosa realidade. E, asemade, representan mundos de escaparate e ficción enganosa que coido que pouco lles poden achegar como membros dunha sociedade que valore o saber, o coñecemento, o rigor, o esforzo persoal, a orde e a ética.

Isto preocúpame porque están a se educaren con formas de ser que non son propias de nós nin da nosa tradición e que, consecuentemente, tampouco poden deseñar os camiños do futuro facendo pé no piso da nosa casa común.

As razóns son múltiples, e a (ausencia de) corresponsabilidade social é evidente, mais nesta altura a deixadez de funcións por parte do goberno á hora de reproducir o campo de visión de referentes galegos de prestixio en todos os ámbitos paréceme notoriamente grave.

No presente, as xeracións máis maduras temos referentes porque existiron e porque os canalizaron e amplificaron outros deica nós desde soportes mediadores diferentes. As miñas preguntas son: estamos a adecuar a transmisión de referentes galegos históricos aos novos soportes de comunicación, información e ocio? Estamos a crear novos referentes propiamente galegos? Temos interese en que a infancia e a mocidade se críe e eduque con referentes propios?

Como ves a situación da cultura galega (desde unha perspectiva ampla)?

Do punto de vista da creación véxoa resistente e proactiva, desde a convicción e o compromiso, fortalezas imprescindíbeis que a axudan a non abandonar un proceso creativo persoal que avanza en continua renovación e ensanchamento de discursos.

Do punto de vista da mediación observo un comportamento máis desigual. Desde os colectivos de base, o movemento asociativo, o compromiso sociocultural segue activo, partindo do voluntariado e o altruísmo, aínda que sometido a dificultades propias dunha asfixia económica e de valores como a que estamos a vivir. Desde as administracións o pulso e o compromiso coa cultura galega é moi diferente e desigual, mesmo non podendo falar practicamente nin de mínimos nalgúns casos. Infelizmente, os orzamentos en investimento cultural público minguaron de forma temeraria desde hai unha década e nesta altura dependen, en moitas ocasións, de proxectos políticos e ideolóxicos que fan de menos a cultura galega. Con todo, hai excepcións que sobrancean por actuaren con outra sensibilidade moito máis respectuosa e cómplice na súa función de mediación e enlace entre a creación e a formación de públicos consumidores de cultura propia.

Que papel debería xogar a literatura (nas súas diferentes manifestacións) na sociedade galega, e que modelos estimas interesantes para seren implementados?

A literatura é, de todas as manifestacións culturais, probabelmente a que máis avanzou nas últimas décadas no camiño da normalización. Con todo, os últimos datos sobre hábitos de lectura son bastante preocupantes, pois apenas un 4% do lectorado escolle libremente para o seu tempo de lecer un libro en galego.

Mais como imos pedirlle á literatura o valor social que non se lle permite á súa principal ferramenta de traballo, o idioma?

Eis o grave problema que temos: unha sociedade cada vez máis muda e xorda ante a lingua propia e oficial, uns corpos familiares que renuncian prexuizosamente a transmitir interxeracionalmente o galego e un goberno que lexisla en contra da súa aprendizaxe e agocha a súa presenza nunha falsa etiqueta plurilingüe que só inviste na aprendizaxe do inglés e en inglés de coñecementos e materias que, ao tempo, prohibe en galego.

Neste terreo de xogo a literatura desenvolve todas as súas funcións: a estética, a simbólica, a evasiva, a afectiva, a cultural, a social e, como non, a de compromiso.

O compromiso coa palabra das escritoras e escritores en lingua galega é o compromiso con cada un, con cada unha e mais coa sociedade e a cultura que historicamente creou o pobo.

Que opinión tes sobre o sistema educativo galego, e para onde debería camiñar?

O ensino público galego é insuficientemente valorado pola Administración, cando non percibido como un sector hostil, ao igual que o cultural. O seu nivel de insensibilidade para cun dos alicerces fundamentais na construción do ser humano foi e segue a ser máximo. Desde a chegada do PP ao goberno galego –e español– vivimos a aplicación dunha política de escaparate, descarnada, regresiva estruturalmente, baldeira de contidos substanciais e con representación distorsionada da realidade, pois os titulares mediáticos non reflicten a realidade interna dos centros educativos.

A aplicación da LOMCE supuxo un retroceso en todos os niveis na procura dun sistema equitativo no acceso á formación e respectuoso coa diversidade.

Por outra banda, nestes anos o ensino galego está a ser novamente, como xa o foi en tempos, un importante axente desgaleguizador, pois non é quen de reforzar o alumnado galegofalante que accede á escola nin de incorporar ao seu dominio e uso social ao castelanfalante, co que se está a incumprir o mandato legal da consecución dun dominio bilingüe nos dous idiomas oficiais no remate da escolaridade obrigatoria.

A lexislación en materia lingüística foi moi prexudicial desde o 2010 para a normalización ou equiparación do galego, pois, para alén de limitar os seus contextos de aprendizaxe, prohibindo os propios do ámbito mátemático e científico-tecnolóxico, reforzou o discurso prexuizoso dunha minoría social que defende a ignorancia no idioma propio.

Con todo, fronte á grave involución planificada cara á recentralización de competencias, a uniformización do pensamento ou o elitismo xerarquizador, a sociedade ergueu persistentemente a voz e conseguiu deter en parte o proceso inicial, como por exemplo no pulso social que fixo fronte ás reválidas.

Na forza popular reside, máis unha vez, a esperanza da sementeira futura.”